Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Martes, 3 de decembro de 2013 Páx. 46712

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2013, da Xerencia do Servizo Galego de Saúde, pola que se crea a Área de Servizo Compartido de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista da área norte de Galicia.

As enfermidades cardiovasculares son a primeira causa de morte e un dos problemas de saúde máis relevantes para a poboación galega. Neste sentido, as salas de hemodinámica son elementos clave no tratamento dun importante número de patoloxías.

O Servizo Galego de Saúde no desenvolvemento da súa obriga de garantir a calidade dos procedementos e a seguridade dos pacientes, debe velar por que a actividade que se realiza en todos os seus servizos teña as mellores garantías de éxito e acade un volume mínimo de casos que permita a realización dos procedementos con criterios de calidade. A demanda actual prevista de procedementos aconsellan ao Servizo Galego de Saúde a creación dunha Área de Servizo Compartido para a prestación de hemodinámica e cardioloxía intervencionista que cubra a área norte de Galicia, configurada polo ámbito das estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) da Coruña, Ferrol e Lugo, Cervo e Monforte de Lemos.

Esta área de servizo compartido integrará funcionalmente as unidades de hemodinámica e cardioloxía intervencionista do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e do Hospital Lucus Augusti, e dará cobertura á poboación do ámbito das EOXI da Coruña, Ferrol e Lugo-Cervo-Monforte de Lemos.

Esta fórmula organizativa ten o seu amparo normativo na Lei 8/2008, de saúde de Galicia, que, no seu artigo 32, establece como principios reitores do Sistema público de saúde de Galicia potenciar o traballo e a cooperación interhospitalaria, achegar os servizos aos cidadáns e promover a equidade no acceso ás prestacións sanitarias. Así mesmo, o artigo 97 aposta por modelos de xestión dinamizadores do servizo público a través de fórmulas organizativas integradoras de procesos asistenciais utilizando medidas que fomenten a coordinación, colaboración e cooperación, para superar a compartimentación existente entre hospitais.

Así mesmo, o modelo que se propón está en consonancia co disposto no Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, que establece, entre outros fins, procurar o aproveitamento do potencial dos recursos asistenciais presentes nos hospitais públicos, co obxecto de mellorar a calidade da asistencia sanitaria prestada. A publicación do devandito decreto creou un marco de actuación que permite a aplicación de técnicas que optimizan a asignación de recursos, axilizan o acceso aos servizos e melloran a satisfacción dos cidadáns.

Finalmente, cómpre subliñar que coa posta en marcha desta área se pretende xerar unha estrutura organizativa asistencial de calidade, capaz de mellorar aspectos da organización existente, creando un modelo estruturado, flexible e adaptado aos centros, promovendo unha organización de servizos máis integrada e compartindo, de forma máis eficiente, os recursos públicos, profesionais e técnicos, para a realización dos procedementos de hemodinámica e cardioloxía intervencionista coas maiores garantías de calidade e seguridade para os pacientes.

Por todo iso, ao abeiro do disposto na Lei de saúde de Galicia, elaborado o plan asistencial da citada área de servizo compartido en colaboración coas xerencias das EOXI correspondentes, e unha vez emitido informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria,

RESOLVO:

A creación da Área de Servizo Compartido de Hemodinámica e Cardioloxía Intervencionista da área norte de Galicia, aunando os recursos das EOXI da Coruña, Ferrol e Lugo-Cervo-Monforte de Lemos.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2013

Mª Nieves Domínguez González
Xerente do Servizo Galego de Saúde