Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 30 de decembro de 2013 Páx. 52401

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 186/2013, do 19 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2013.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia e o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde prevén a convocatoria periódica de procedementos de selección de persoal estatutario fixo que garantan os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade no seu acceso.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que será aprobada polos órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal, poderá conter ademais medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como así se dispón no artigo 70 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

O artigo 33 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 dispón que, durante este ano, non se procederá á incorporación de novo persoal no sector público, agás a que poida derivarse da execución de procesos selectivos correspondentes á oferta de emprego público de exercicios anteriores.

Non obstante, a lei exceptúa da aplicación desta limitación os sectores cualificados polo artigo 23, punto un.2) da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013, como de carácter prioritario ou que afecten o funcionamento dos servizos públicos esenciais, entre os que se inclúen os hospitais e centros de saúde do Sistema Nacional de Saúde, nos cales a taxa de reposición se establece ata un máximo do 10 %.

O último proceso de selección de persoal estatutario fixo nas categorías de licenciado sanitario de atención primaria e diplomado sanitario no ámbito do Servizo Galego de Saúde iniciouse co Decreto 199/2008, do 28 de agosto, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente ás categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, seguido do Decreto 25/2009, do 12 de febreiro, que aproba a oferta de emprego público dos restantes colectivos.

Finalizados tales procesos selectivos e concorrendo a necesidade e prioridade de incorporar novos/as profesionais sanitarios/as, pola condición de servizo público esencial da actividade que realizan, cómpre iniciar un novo procedemento de selección de persoal estatutario fixo nas categorías de médico/a de familia e enfermeiro/a, coa aprobación do previo e preceptivo decreto de oferta de emprego público.

Para o cómputo das prazas ofertadas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe da taxa de reposición fixada pola normativa orzamentaria.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo da negociación coa representación sindical no ámbito da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario ao servizo da comunidade autónoma e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil trece

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

1. De conformidade co disposto no artigo 13.8º do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, artigo 33 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, así como no artigo 23, puntos un e dous da Lei 17/2012, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2013 apróbase a oferta de emprego público de diversas categorías de persoal estatutario sanitario das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde para o ano 2013 nos termos que se establecen neste decreto.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. Na oferta de emprego público inclúense as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que se deban prover mediante a incorporación de persoal de novo ingreso e mediante a promoción profesional.

2. A distribución realizarase de conformidade co disposto no articulado e no anexo deste decreto.

Artigo 3. Sistema de selección

De conformidade co establecido no artigo 6.1º do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde o sistema de selección será o de concurso-oposición.

Artigo 4. Órganos de selección

1. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público do Servizo Galego de Saúde, tanto se se trata do acceso ao emprego como se se trata de promoción interna, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, modificado pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia.

2. De conformidade co establecido no artigo 60 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

3. O persoal de elección ou designación política, o persoal funcionario interino e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

4. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 5. Promoción interna

1. Reservarase un cincuenta por cento do total das prazas que se convoquen en cada categoría para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.

3. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría especificarase na/s respectiva/s resolución/s de convocatoria.

Artigo 6. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido na disposición adicional sétima. 5) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia anteriormente citado, ao terse acadado o obxectivo do 2 % ao que se refire o número 1) desta disposición, reservarase unha cota non inferior ao cinco por cento das vacantes para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no punto 2 do artigo 1 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A reserva efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e poderán concentrarse as prazas reservadas para persoas con discapacidade naquelas convocatorias que se refiran a categorías cuxo desempeño se adapte mellor ás peculiaridades das persoas con discapacidade, e poderanse excluír desta reserva aquelas categorías que se consideren incompatibles coas tarefas ou funcións que requiran os postos de traballo, sen que a cota de reserva total se vexa alterada.

Cando da aplicación da porcentaxe resulten fraccións decimais arredondarase por exceso para o seu cómputo.

4. O número de prazas reservadas para persoas con discapacidade en cada categoría indicarase nas respectivas convocatorias.

5. A opción a prazas reservadas terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, que se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.

6. As probas selectivas realizaranse en condicións de igualdade co resto das persoas aspirantes de promoción interna ou de acceso libre, segundo corresponda.

Non obstante o anterior, no desenvolvemento das probas selectivas estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola cal se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

7. Con anterioridade ao nomeamento e, unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/o candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.

8. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivese presentado pola cota de reserva superase o proceso selectivo e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

9. As persoas aspirantes que superasen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

Artigo 7. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das persoas usuarias dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade dos procesos selectivos

1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento dos procesos selectivos realizarase conforme o que determinen as bases das respectivas convocatorias do concurso-oposición.

2. Encoméndase á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores así como a resolución e adxudicación de destinos.

3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión dos procesos de selección e provisión de prazas efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.

De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012 pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, e mentres non se habilite a sede electrónica prevista no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, a inscrición das persoas participantes en tales procesos efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es

4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento dos procesos selectivos e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen nas respectivas convocatorias.

Artigo 9. Comisións ou grupos de traballo

1. O órgano convocante, en atención ao elevado número de aspirantes, poderá nomear comisións ou grupos de traballo para realizar as tarefas auxiliares de carácter técnico ou organizativo que lle sexan encomendadas, sen que a súa actuación afecte as competencias e a autonomía dos tribunais de selección.

2. As persoas membros destas comisións ou grupos de traballo absteranse de intervir no procedemento cando se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 28.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e as establecidas no Acordo do Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

3. As persoas membros das comisións ou grupos de traballo percibirán as asistencias previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, modificado polo Decreto 96/2011, do 5 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia ou norma que o substitúa.

Para tal efecto, serán clasificadas/os conforme o artigo 26.2 do devandito decreto.

Disposición adicional primeira. Planificación dos recursos humanos

1. A planificación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde orientarase ao cumprimento dos seguintes obxectivos da política de emprego: a atención aos ámbitos e sectores da actividade sanitaria con necesidades específicas de efectivos; o adecuado dimensionamento do volume de efectivos segundo as necesidades; a eficiencia das políticas de recursos humanos; a eficacia na distribución territorial así como a redución da temporalidade no sector público.

2. Ao abeiro da facultade conferida polo artigo 70.3 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público e como medida de planificación e ordenación dos recursos humanos no Servizo Galego de Saúde, os procesos de provisión de prazas básicas de persoal estatutario orientaranse á cobertura das categorías e ámbitos prioritarios e con necesidades específicas de dotación permanente de efectivos, non poderán afectar a continuidade asistencial nin incluír prazas afectadas por procesos de reordenación organizativa ou asistencial e deberán ter en conta as especificidades dos centros e unidades de referencia.

3. Dentro do límite determinado polo número de prazas ofertadas neste decreto para cada categoría e conforme os criterios de planificación e ordenación dos recursos humanos anteriormente indicados, os postos que se convoquen no ano 2014 no concurso de traslados correspondente ás categorías incluídas nesta oferta, que non resulten adxudicados así como os que deixen vacantes o persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde que resulte adxudicatario de destino no dito procedemento de mobilidade, incluiranse nos respectivos procesos de selección para a adquisición da condición de persoal estatutario fixo que se convoquen en execución desta oferta.

Disposición adicional segunda. Igualdade en relación coas condicións de emprego da Administración pública

As convocatorias adaptaranse ás previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, en relación coas condicións de emprego da Administración pública e demais normativa aplicable ao respecto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento deste decreto

Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposicións derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Relación de prazas

Médico/a de familia: 40 prazas.

Enfermeiro/a: 125 prazas.