Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2014 Páx. 4055

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 9/2014, do 23 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

O artigo 148.9º da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección do ambiente. A lexislación estatal en materia de ambiente, ao amparo da competencia exclusiva para o establecemento dunha lexislación básica sobre a protección do ambiente, promulga a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres (derrogada pola Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade).

Neste marco, a Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia para ditar normas sobre protección do ambiente adicionais á lexislación básica do Estado. Apróbase, por tanto, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que recolle no seu artigo 48 a creación dun catálogo galego de especies ameazadas. Posteriormente, mediante o Decreto 88/2007, do 19 de abril, regúlase o Catálogo galego de especies ameazadas.

Debido ao declive poboacional estimado e ao reducido tamaño da poboación actual en Galicia, caracterizada por ser a única existente en todo o sector cántabro-atlántico español, a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) aparece recollida no anexo II do Decreto 88/2007 na categoría «vulnerable».

A catalogación dunha especie como vulnerable implica a elaboración dun plan de conservación cuxo fin é garantir a conservación da especie que vive en estado silvestre no territorio da Comunidade Autónoma, dos seus hábitats e establecer medidas adecuadas que permitan preservar, manter e restablecer as súas poboacións naturais facéndoas viables.

Por todo isto, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza redactou unha proposta de plan de conservación da píllara das dunas en Galicia baseándose nunha proposta técnica elaborada previamente na cal se realizou unha diagnose de detalle do estado de conservación da especie e onde se recollen os fundamentos das medidas de conservación incluídas neste decreto. Este proxecto normativo iniciou a súa tramitación mediante a Resolución do 23 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e, posteriormente, someteuse a consultas previas das consellerías con competencias afectadas por el e ao trámite de información pública e audiencia ás persoas interesadas.

O presente decreto pretende actualizar e complementar a normativa en vigor en coherencia coa necesidade de aplicar medidas de protección e xestión da píllara das dunas para garantir a súa conservación en Galicia. A aprobación deste plan executivo vincula tanto os particulares como as administracións competentes, as cales deben tomar en consideración as directrices e actuacións contidas neste decreto. En calquera caso, o plan aprobado debe de considerarse como un instrumento dinámico e prevense os mecanismos necesarios para o seguimento da súa eficacia e para a súa revisión, cando así se requira.

Na súa virtude, tendo en conta as consideracións que anteceden, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e tres de xaneiro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a aprobación do Plan de conservación da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente decreto é de aplicación en todos aqueles lugares de Galicia considerados como imprescindibles para a conservación e recuperación da especie, que se estrutura en tres tipos de áreas delimitadas no título II do presente decreto e se representan graficamente nos planos contidos no seu anexo II.

Artigo 3. Finalidade e obxectivos

1. A finalidade do Plan de conservación é restaurar e manter unha poboación viable da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) en Galicia e desclasificala, a curto/medio prazo, da categoría de vulnerable do Catálogo galego de especies ameazadas, o que se prevé cando se acaden os seguintes parámetros poboacionais durante polo menos 5 anos consecutivos:

a) Poboación mínima de 250 parellas reprodutoras.

b) Éxito reprodutivo medio da poboación de 1-1,5 voandeiros/parella.

c) Protección e mantemento a longo prazo do hábitat de reprodución e invernada para que poida sustentar unha poboación nidificante de 250-300 parellas.

2. As propostas do Plan concrétanse nunhas normas de protección da especie e do seu hábitat e nunhas medidas de actuación para acadar os seguintes obxectivos:

a) Protexer as áreas de cría e invernada.

b) Incrementar o éxito reprodutivo.

c) Establecer e manter os recursos e mecanismos necesarios para o manexo e protección da especie e os seus hábitats a longo prazo.

d) Aumentar o coñecemento sobre a dinámica e viabilidade das poboacións, bioloxía reprodutiva e ecoloxía da especie para un mellor axuste das accións de conservación.

e) Realizar un seguimento e avaliación das medidas adoptadas. Revisalas cos coñecementos adquiridos.

f) Crear un fondo documental de apoio á xestión e investigación desta especie.

g) Informar, concienciar e facer partícipe a sociedade da problemática de conservación da especie e dos esforzos para a súa conservación.

Artigo 4. Vixencia e revisión

1. A vixencia do Plan será indefinida ata acadar os obxectivos propostos.

2. Co fin de adaptar o Plan aos novos condicionantes existentes para a conservación da especie, avaliaranse os seus resultados cada 6 anos, e realizarase a súa modificación no caso de que se requira o reaxuste das medidas de conservación.

3. No caso de considerarse necesario, poderanse realizar modificacións antes do dito período no referente ás actuacións e á zonificación tal e como recolle o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

TÍTULO II
Ámbito de aplicación: zonificación

Artigo 5. Zonificación

1. De conformidade co disposto no artigo 2, o ámbito de aplicación deste decreto, que comprende a denominada «zonificación da píllara das dunas», está constituído pola área de distribución potencial, a área de presenza e a área prioritaria de conservación, que se representan graficamente no anexo II.

2. A presenza da píllara das dunas en Galicia inclúe todo o ciclo anual (período reprodutivo e período invernal). Durante o período invernal os exemplares tenden a concentrarse nun número variable de localidades, en ocasións diferentes aos seus lugares de cría.

Artigo 6. Área de distribución potencial

1. A área de distribución potencial defínese como a área que polas súas características naturais e estado de conservación reúne condicións como hábitat da especie. Forman tamén parte desta área de distribución potencial as áreas identificadas e verificadas como zonas de conexión entre os actuais núcleos de poboación.

2. No presente Plan diferéncianse as áreas de distribución potencial do período reprodutivo e do período invernal, que se representan graficamente no anexo II, e son as seguintes:

a) Período reprodutivo. Con base nas características dos areais de cría coñecidos, considéranse potencialmente aptas para nidificación todas as praias da costa galega que reúnan os seguintes requisitos:

1º. Largura de praia ≥ 10 m (largura mínima rexistrada nun areal de cría coñecido).

2º. Lonxitude de praia ≥ 200 m (lonxitude mínima rexistrada nun areal de cría coñecido).

3º. Presenza de cordón dunar ou supramareal provisto de vexetación máis ou menos dispersa nunha parte ou na totalidade do areal.

4º. Praias non urbanizadas, polo menos non en toda a súa extensión.

b) Período invernal. As praias con rexistros de presenza da especie presentan substanciais diferenzas bióticas e abióticas que dificultan a definición de atributos condicionantes estándar para a presenza da píllara das dunas.

Artigo 7. Área de presenza

1. A área de presenza defínese como a área de distribución actual, onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos.

2. No presente Plan defínense as áreas de presenza do período reprodutivo e do período invernal, que se representan graficamente no anexo II, e son as seguintes:

a) Período reprodutivo. As praias onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos na época reprodutora, entre o 15 de marzo e o 15 de xullo.

b) Período invernal. As praias onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos durante todo ou parte do período posreprodutivo ou invernal.

Artigo 8. Área prioritaria de conservación

1. A área prioritaria de conservación comprende aquelas áreas dentro das de presenza que resultan vitais para a supervivencia e recuperación da especie. Incorporan os enclaves do refuxio, celo, reprodución e alimentación utilizados pola especie en diferentes estacións.

2. No presente Plan a área prioritaria de conservación comprende as zonas que se representan graficamente no anexo II.

TÍTULO III
Normas de protección da especie e do seu hábitat

Artigo 9. Normas xerais

1. En todos aqueles territorios de Galicia incluídos na zonificación da píllara das dunas serán de aplicación, con carácter xeral as seguintes normas:

a) No marco de aplicación do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, os proxectos de ordenación e restauración ambiental ou paisaxística realizaranse conforme os principios e normas establecidos neste decreto e respectarán os requirimentos ecolóxicos da píllara das dunas e a conservación do seu hábitat.

b) Tanto os proxectos como os plans e programas comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, cando poidan afectar o hábitat da píllara das dunas, deberán avaliar os seus efectos sobre esta especie e garantir a conservación da súa poboación.

2. Previamente á autorización das seguintes actividades, deberá avaliarse o seu posible impacto sobre a píllara das dunas:

a) O novo trazado ou modificación de estradas, pistas, camiños ou carreiros que poidan afectar o hábitat da píllara das dunas.

b) Os instrumentos de planificación territorial e urbanística, así como calquera modificación deles con efectos ambientais.

Artigo 10. Normas específicas para a área de presenza

1. Nas zonas de presenza en período reprodutivo pertencentes á rede galega de espazos naturais protexidos adoptaranse medidas de xestión específicas respecto ao tránsito e acceso aos respectivos frontes de praia. Na definición destas medidas evitarase a apertura de novos accesos a áreas prioritarias e teranse en conta os accesos recomendados establecidos no anexo V.

2. Nas zonas de presenza en período reprodutivo non se permite a presenza de animais libres do ámbito de aplicación da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e as persoas portadoras de animais atados serán responsables de que non produzan molestias ás aves.

3. O tránsito con cabalos e a práctica do kite buggy están, así mesmo, prohibidos, salvo autorización específica do órgano competente en materia de conservación da natureza que garanta a non interferencia coa especie.

4. A autorización por parte das administracións estatal, autonómica e local de actividades deportivas, culturais e turísticas organizadas que impliquen aglomeracións de persoas ou perturbacións non habituais na praia debe de avaliar previamente a súa posible interacción coa especie e garantir que non é afectada.

5. Nas zonas de presenza pertencentes á rede galega de espazos naturais protexidos, con carácter xeral, non se permiten o aeromodelismo, ala delta con motor e actividades similares en todo o ciclo anual.

6. Para a práctica do kitesurf deberanse respectar as limitacións e as canles establecidas en cada areal para montar as cometas e para a entrada e saída da auga que se establecen no anexo V. Non obstante, cando por causa de forza maior non se poida volver navegando á antedita zona ou en caso de ser necesario para salvagardar a integridade física do deportista, poderase saír da auga en calquera punto da praia. Cando a saída se produza fóra das zonas establecidas para tal fin e as condicións de marea impidan volver camiñando pola beira a máis de 60 metros do cordón dunar, a persoa deberá recoller a cometa e camiñar con ela ata a zona delimitada.

Artigo 11. Normas específicas para a área prioritaria de conservación

1. Nas áreas prioritarias de conservación no período reprodutor os labores de limpeza de praias realizaranse minimizando a incidencia sobre o ciclo vital da ave. Para tal efecto no anexo VI establécense as directrices para minimizar esta incidencia, e que se deberán adoptar nas zonas pertencentes á rede galega de espazos naturais protexidos.

2. En particular, a xestión do medio litoral por parte das administracións estatal, autonómica e local competentes deberán ter en conta:

a) A non ocupación do ecosistema dunar en praias de cría coa construción de paseos, estradas, pistas, aparcadoiros ou outros análogos.

b) A regulación do tránsito a pé de persoas e animais domésticos polo cordón dunar de xeito que, con carácter xeral, o tránsito quede limitado a corredores definidos de acceso.

Artigo 12. Programa de actuacións para a recuperación da especie

Para a consecución dos obxectivos enumerados no número 2 do artigo 3 do presente decreto, establécese o programa de actuacións que figura no anexo III. A cada medida e actuación proposta asígnaselle un nivel de prioridade e un prazo de execución segundo o calendario que se indica no anexo IV. A realización das ditas medidas corresponderá á consellería competente en materia de conservación da natureza, dentro do seu ámbito de competencias.

Disposición adicional

Para o adecuado desenvolvemento das actuacións previstas no Plan, así como para a consecución da súa finalidade global, a Xunta de Galicia garantirá a dotación dos medios humanos e materiais suficientes, así como dos créditos necesarios no orzamento anual da consellería competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo da colaboración doutras entidades públicas e/ou privadas que poidan amosar un interese lexítimo e prioritario na conservación da especie.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xaneiro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Inventario

I. Antecedentes e estado natural da especie.

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) é unha ave limícola de pequeno tamaño (150-175 mm de lonxitude) con dimorfismo sexual na plumaxe, incluída na orde Charadriiformes, suborde Charadrii.

A nivel mundial está presente nas costas temperadas e tropicais e zonas húmidas interiores de Eurasia e norte de África. En Europa, a poboación é predominantemente costeira, e só no centro e sur de España, leste de Austria, Hungría e Serbia ocupa zonas húmidas interiores. A poboación europea (incluída Turquía) cifrouse en 25.100-34.000 parellas, das cales arredor dun 20 % se atopa en España (5.202-5.739 parellas). A poboación portuguesa cifrouse nunhas 1.500 parellas pero a estimación máis recente sitúaa ao redor de 1.750-2.500, localizadas tanto na extensa rede de praias atlánticas como nas salinas costeiras. No noroeste e centro de Europa a poboación nidificante declinou nun 25-50 % desde 1950, e a poboación portuguesa dun 20-49 % no período 1970-1990.

A poboación española sitúase maioritariamente na costa mediterránea e en Andalucía, mentres que a poboación da costa cántabro-atlántica do norte é exigua, e unicamente se atopa en Galicia. Esta poboación galega nidifica principalmente entre marzo e xullo en praias non urbanizadas (polo menos non en toda a súa extensión), de lonxitude ≥ 200 m e de largura ≥ 10 m e provistas de cordón dunar ou supramareal con vexetación máis ou menos dispersa. No período invernal (entre setembro e febreiro) a súa distribución é máis ampla, e ocupan, ademais, zonas do intermareal lamacento-areoso e praias urbanas.

Os escasos datos históricos indican a posible ocupación dun importante número de praias distribuídas ao longo de toda a costa, ben que non existen datos concretos sobre o número de efectivos e distribución real da especie. A finais dos anos 80 realizouse o primeiro censo global, que revelou a existencia de 47 parellas repartidas en 13 areais das provincias da Coruña e Pontevedra. Nos anos 90 os censos revelaron a presenza de 66-72 parellas localizadas en 18 praias. A poboación media reprodutora en Galicia no período 2002-2008 foi de 72,57 ± 3,08 parellas, que chegaron a ocupar un total de 34 localidades. A tendencia da poboación reprodutora ata 2006 foi estable. No 2008 censáronse 81 parellas repartidas en 20 praias, unha delas na provincia de Lugo, 16 na Coruña e 3 en Pontevedra.

O tamaño actual da poboación galega e a concentración dos exemplares nun número reducido de localidades converten a especie en altamente vulnerable fronte a acontecementos demográficos e ambientais. As principais ameazas para a especie e o hábitat, tanto no período reprodutivo como no invernal son a destrución e alteración do hábitat (construción de diques, embarcadoiros, paseos marítimos, casas, desenvolvemento turístico...), as perturbacións humanas (tráfico de vehículos, tripamento, prácticas deportivas acuáticas, predadores domésticos...), a limpeza mecanizada das praias (tránsito de tractores e/ou peneiradoras e a limpeza non selectiva) e a predación por especies de amplo espectro trófico, como o corvo pequeno (Corvus corone L.). Tamén se deben considerar as verteduras petrolíferas, a contaminación, a subida do nivel do mar e as consecuencias xenéticas e xeográficas do pequeno tamaño poboacional.

II. Estado legal da especie.

A seguir recóllese a situación de protección legal da píllara das dunas a nivel internacional, español e en Galicia. Á parte destas disposicións e da normativa vixente relativa á conservación da natureza, as medidas de xestión da especie establecidas neste decreto están condicionadas de forma substancial pola Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e o correspondente regulamento que a desenvolve.

– Convenios internacionais.

Convenio de Berna (1979) relativo á Conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa: figura no apéndice II, polo que a especie se atopa «estritamente protexida» e isto implica a previsión de protección dos seus lugares de reprodución e repouso.

Convenio sobre a Conservación das especies migratorias (1979) subscrito en Bonn: figura no apéndice II referido ás especies migratorias cuxo estado de conservación é desfavorable ou se beneficiaría de acordos internacionais para a súa conservación, coidado e aproveitamento.

– Lexislación europea.

Directiva 2009/147/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación de aves silvestres: figura no seu anexo I, o que implica que será obxecto de medidas de conservación especiais canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

– Lexislación nacional.

Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade: figura no anexo IV, Especies que serán obxecto de medidas de conservación especiais canto ao seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reprodución na súa área de distribución.

Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas: figura na lista de especies en réxime de protección especial.

– Lexislación autonómica.

Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas: figura no seu anexo II coa categoría de protección «vulnerable», o que implica a elaboración dun plan de conservación.

ANEXO III
Programa de actuacións

Sección 1ª. Medidas para aumentar o éxito reprodutor da especie

1.1. Medidas de protección de niños mediante parcelas de exclusión.

Para diminuír a incidencia de depredadores alados e terrestres, a dirección xeral competente en conservación da natureza promoverá a utilización de parcelas de exclusión como medida de protección dos niños da píllara das dunas cando se detecte ameaza de predación. Con esta medida preténdese incrementar o éxito de eclosión e acompañarase da colocación de paneis informativos a unha distancia non inferior a 50 m da parcela co fin de previr a aproximación reiterada de persoas.

1.2. Medidas de vixilancia.

1. Manterase unha vixilancia adecuada das zonas de presenza da especie para garantir o cumprimento das normas establecidas neste decreto.

2. En zonas de elevada presión antrópica a dirección xeral competente en conservación da natureza promoverá a realización de labores de vixilancia de niños en horas diúrnas, preferentemente en niños da segunda metade do período de incubación (postas con máis de 14 días de presenza na praia), e nestes labores poden participar equipos de voluntarios debidamente formados.

1.3. Medidas de incubación artificial de ovos e/ou cría de polos non voandeiros.

1. Nos casos de abandono de niño por parte dos proxenitores debido a factores naturais ou relacionados con perturbacións antrópicas, a dirección xeral competente en conservación da natureza promoverá a incubación artificial de ovos e/ou cría de polos non voandeiros para incrementar a produtividade da poboación local, e o posterior coidado en catividade de polos ata alcanzaren a idade de voo.

2. En casos de elevado risco de predación de niños, realizarase a incubación artificial de ovos de píllara das dunas, previamente substituídos no niño por ovos artificiais. Os ovos serán retornados aos niños antes da eclosión.

1.4. Medidas de control de depredadores.

1. As autoridades competentes establecerán medidas para diminuír a dispoñibilidade de alimento nas praias a predadores de amplo espectro trófico, en particular os corvos pequenos (Corvus corone L.). En particular estas medidas estarán destinadas a que o lixo e os desperdicios orgánicos das praias non estean accesibles.

2. No caso de que as anteriores medidas non sexan suficientes, a dirección xeral competente en conservación da natureza realizará medidas de control de depredadores para mellorar a produtividade e supervivencia de exemplares de píllara das dunas.

Poderán empregarse como control de depredadores técnicas de extracción de depredadores tendo en conta as seguintes indicacións:

a) Realizarase previamente o control, a identificación rigorosa das especies depredadoras e a súa porcentaxe de influencia anual na mortalidade do niño da poboación de píllara das dunas.

b) Realizarase un seguimento dos parámetros reprodutivos da poboación da píllara das dunas posteriormente á realización da técnica.

c) Realizarase un seguimento da evolución das cifras do depredador posteriormente á realización da técnica.

Sección 2ª. Medidas de conservación e manexo do hábitat

2.1. Medidas para a eliminación de alteracións da zona dunar.

1. De xeito xeral, as autoridades competentes promoverán medidas para eliminar aparcadoiros, pistas ou infraestruturas que degraden o cordón dunar e lograr o restablecemento da vexetación orixinal das zonas degradadas.

2. De xeito específico, actuarase a curto ou medio prazo sobre os seguintes aparcadoiros máis relevantes:

a) Caldebarcos.

b) Carnota. No carreiro existente na parte media do tramo sur, así como no extremo sur deste areal.

2.2. Medidas de balizamento temporal en áreas críticas de nidificación.

Nas praias onde se detecte unha elevada taxa de perturbación antrópica sobre a especie na época reprodutora, entre o 15 de marzo e o 15 de xullo, a dirección xeral competente en conservación da natureza realizará o balizamento dos niños nunha superficie suficientemente ampla como para evitar perturbacións que impliquen o abandono temporal do niño. Complementariamente realizarase a sinalización do balizamento mediante paneis explicativos que conteñan indicación da finalidade da medida e do período de vixencia. As medidas de balizamento realizaranse nunha primeira etapa nas praias de Corrubedo (concello de Ribeira) e Caldebarcos-Carnota (concello de Carnota).

Sección 3ª. Medidas de investigación e seguimento da especie

3.1. Medidas de investigación.

As autoridades competentes considerarán as seguintes liñas de investigación, dentro da protección de estudos en materia de conservación da biodiversidade.

1. Continuación dos estudos relativos a supervivencia, recrutamento e dispersión mediante a marcaxe de exemplares, tanto en período reprodutivo como en período invernal, co fin de elaborar unha análise de viabilidade de poboacións.

2. Aspectos da bioloxía reprodutiva que aconsellan esforzo investigador adicional, que son os seguintes:

a) Estudo dos factores bióticos e abióticos que inflúen na densidade de niños.

b) Seguimento das causas de mortalidade no niño, incidindo particularmente no coñecemento dos depredadores nocturnos e da mortalidade en polos non voandeiros.

c) Avaliación do efectos do uso humano das praias sobre o comportamento de exemplares.

3. Mellora do coñecemento da ecoloxía e distribución invernal.

3.2. Medidas de seguimento da subespecie e de revisión do Plan.

1. A dirección xeral competente en conservación da natureza realizará cada 6 anos o seguimento da poboación nidificante galega mediante un censo efectuado en todas as praias de cría entre os meses de abril e xuño.

2. Establecerase un protocolo de seguimento específico que será desenvolvido pola gardaría e vixilantes dos servizos de Conservación da Natureza, para o seguimento do estado do hábitat, das ameazas sobre a especie e a detección de novas áreas de presenza.

3. Cada 6 anos, e analizados os resultados do plan de seguimento da especie, avaliarase en que medida se están acadando os obxectivos do Plan de conservación e, se for o caso, revisaranse as actuacións propostas tanto no referido ao seu alcance como a súa intensidade. Para esta revisión manteranse contactos entre os organismos competentes en conservación da natureza, xestión do litoral e concellos afectados.

4. A avaliación técnica da efectividade do Plan realizarase tendo en consideración o seguinte sistema de indicadores:

– Censo de parellas reprodutoras e de efectivos invernantes respecto aos datos recollidos no documento técnico de base do plan de recuperación.

– Variación (porcentual) do éxito reprodutivo da especie.

– Número de medidas de conservación implantadas das establecidas no plan.

– Número de informes de seguimento da especie.

– Número de documentos sobre a especie aplicables a Galicia no fondo documental.

– Número de actividades de divulgación desenvolvidas e noticias nos medios de comunicación sobre a especie.

Sección 4ª. Medidas de información, educación ambiental e participación social

4.1. Fondo documental.

1. A dirección xeral competente en conservación da natureza manterá un fondo documental coa información dispoñible de utilidade para a xestión desta especie.

4.2. Medidas de información.

A dirección xeral competente en conservación da natureza promoverá a instalación de paneis nos principais accesos aos areais de presenza da especie para informar a poboación da súa problemática de conservación, das regulacións establecidas neste decreto que afecten o areal e para fomentar condutas respectuosas coa conservación desta e outras especies que comparten hábitat (recolla propia de lixo, zonas de tránsito, molestias directas, etc.).

4.3. Educación ambiental e participación social.

A dirección xeral competente en conservación da natureza promoverá os labores informativos e de educación ambiental dirixidos á poboación residente, o turismo, os sectores relacionados coa promoción de actividades turísticas, voluntariado e estudantes, incluíndo as seguintes actuacións:

1. Difundir o Plan de conservación e as medidas de actuación propostas nos concellos onde se sitúan as áreas de presenza, deputacións provinciais e dirección xeral competente en xestión da costa.

2. Elaborar material divulgativo sobre o estado de conservación, bioloxía e ameazas da especie. Este material difundirase nos centros de interpretación do parque nacional das Illas Atlánticas e dos parques naturais galegos, así como nos puntos de información establecidos pola dirección xeral competente na xestión do dominio público marítimo-terrestre nos accesos a diferentes praias galegas.

3. Desenvolver campañas de sensibilización ambiental nos centros educativos dos concellos que contan con áreas de presenza da especie. As campañas apoiaranse co material divulgativo citado no punto anterior.

4. Campaña informativa específica nos areais onde na actualidade se realiza limpeza mecánica para gañar apoio na opinión pública da necesidade de substituír este tipo de limpeza pola limpeza manual e fomentar entre os usuarios das praias a recolla dos seu propios residuos e a súa colaboración en mantela limpas.

5. A colaboración dos concellos á hora de poñer en práctica as accións previstas no plan de conservación é fundamental, polo que se recompensará mediante un recoñecemento público en que lles entregará a «bandeira de concello colaborador na protección das especies ameazadas de Galicia».

ANEXO IV
Calendario de actuacións

A título orientador e de acordo cos fondos dispoñibles, o programa de actuacións desenvolverase, de acordo cos seguintes prazos e prioridades:

Actuación

Prazos*

Prioridade

Curto

Medio

Longo

1.1

Protección de niños mediante parcelas de exclusión.

X

X

X

Alta

1.2

Medidas de vixilancia.

X

X

X

Media

1.3

Incubación artificial de ovos e/ou cría de polos non voandeiros.

X

X

Baixa

1.4

Control de depredadores: medidas para diminuír a dispoñibilidade de alimento.

X

X

Alta

Control de depredadores: controis.

X

Baixa

2.1

Eliminación de alteracións da zona dunar.

X

X

Alta

2.2

Balizamento temporal en áreas críticas de nidificación.

X

X

X

Media

3.1

Investigación: efectos do uso humano das praias.

X

Alta

3.1

Investigación: outros aspectos.

X

Baixa

3.2

Medidas de seguimento e de revisión do Plan.

X

X

X

Alta

4.1

Fondo documental.

X

X

X

Alta

4.2

Instalación de paneis nos acceso aos areais.

X

Alta

4.3

Actuacións de educación ambiental e participación social: campaña informativa específica nos areais.

X

Alta

4.3

Actuacións de educación ambiental e participación social: outras.

X

X

Alta

* Curto: 3 primeiros anos; medio: ata 6 anos; longo: máis de 6 anos.

ANEXO V
Regulación da área de presenza

Areal

Natura 2000

Reprodución

Invernada

Accesos recomendados (artigo 10.1)

Limitacións e zonas
para a práctica do kitesurf

(artigo 10.5)

LUGO

Altar

X

X

X

Parte traseira da zona dunar ou calquera das entradas existentes situadas ao leste.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Pampillosa

X

X

 

Pasarelas actualmente existentes.

Actividade prohibida entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose o resto do ano.

A Rapadoira

X

 

X

 

Sen limitacións.

A CORUÑA

A Concha

 

 

X

 

Sen limitacións.

Vilarrube

X

X

 

Pasarela existente no terzo oriental da praia.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Pantín

X

X

 

Pasarela que cruza o rego de Rimaión no extremo occidental ou ben polas entradas existentes ao leste do cordón dunar.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Frouxeira

X

X

X

Pasarelas existentes na parte media e occidental.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano e a práctica limítase ao período comprendido entre 3 horas antes e 3 horas despois da baixamar.
Cupo máximo diario de 5 kitesurfistas.

San Xurxo

X

X

X

Entradas existentes en ambos os dous extremos.

Utlizaranse as canles definidas no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Doniños

X

X

X

Extremos norte e sur e pasarela situada a escasos metros do acceso norte.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Baldaio

X

X

X

Extremos do areal.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

Ponteceso

X

X

X

Carreiro existente na base do monte Branco.

Actividade prohibida.

A CORUÑA

Traba

X

X

X

Extremos norte e sur do areal.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Nemiña

X

X

 

Entrada habilitada no seu extremo norte.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Rostro

X

X

X

Extremos norte e sur do areal.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

Carnota

X

X

X

a) Caldebarcos. Entrada situada no extremo norte.
b) Carnota norte. Pasarela situada na parte media.
c) Boca do Río. Entrada situada ao pé do aparcadoiro.
d) Carnota sur. Os dous accesos do extremo sur dotados de aparcadoiro.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano e a práctica limítase ao período comprendido entre 3 horas antes e 3 horas despois da baixamar.
Cota máxima diaria de 5 kitesurfistas.

Lariño

X

X

X

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Louro

X

X

X

Entrada habilitada no seu extremo norte.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

Testal

X

X

X

 

Actividade prohibida.

Aguieira

 

X

X

Pasarelas existentes.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Queiruga

X

X

X

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano

Sieira

X

X

X

Pasarela existente na parte media do cordón dunar e polas entradas situadas en ambos os dous extremos.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

A CORUÑA

Xuño-Basoñas

X

X

X

Na zona norte accederíase ao areal pola pasarela e na zona sur utilizaríanse as entradas existentes dotadas de estacionamentos.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Espiñeirido

X

X

 

Pasarela que percorre toda a parte traseira do cordón dunar con varios accesos á fronte de praia. Recoméndase a utilización de unicamente dous deles.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Balieiros

X

X

 

Entradas existentes en ambos os dous extremos.

Actividade prohibida.

Corrubedo

X

X

X

a) Ladeira. Entrada situada no extremo norte e carreiro que desemboca na marisma de Carregal.
b) Vilar. Pasarelas situadas ao pé do centro de interpretación.
c) Outeiro. Carreiro que desemboca no extremo norte.

Actividade prohibida.

Couso

 

X

 

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Aguiño

 

X

 

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Castro

 

X

X

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Coroso

 

X

 

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

A CORUÑA

A Corna

 

X

 

A pesar da existencia de pasarelas polo cordón dunar, recoméndase o acceso pola entrada situada ao oeste da desembocadura do rego Texoira.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Barraña

 

 

X

 

Sen limitacións

Carregueiros

 

X

X

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Sálvora

X

X

 

 

Actividade prohibida.

PONTEVEDRA

Guidoiro-Areoso

X

X

 

 

Actividade prohibida.

Illa de Arousa

 

 

X

 

Sen limitacións.

Mexilloeira

X

X

X

Entradas, dotadas de estacionamentos, situadas en ambos os dous extremos do cordón dunar.

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

O Vao

X

 

X

 

Actividade prohibida.

A Lanzada

X

X

X

Entradas existentes na actualidade.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

Area Brava

 

X

 

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Barra

X

X

 

 

Actividade prohibida.

Nerga

X

X

 

 

Utlizarase a canle definida no anexo I entre 15/marzo e 15/xullo, permitíndose utilizar toda a fronte de praia o resto do ano.

Praia de Rodas

X

X

 

 

Actividade prohibida.

Praia de San Martiño

X

X

 

 

Actividade prohibida.

Praia América

 

X

X

 

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

Camposancos

X

X

X

Pasarela construída sobre a duna gris.

Utlizarase a canle definida no anexo I todo o ano.

ANEXO VI
Directrices para a limpeza de praias

– Fundamentos.

O crecente uso turístico dos areais induce os concellos á realización de intensos labores de limpeza na fronte de praia, as cales en moitos casos se levan a cabo coa axuda de maquinaria pesada. As afeccións sobre a poboación da píllara das dunas destas tarefas de limpeza son as seguintes:

1. O tránsito de tractores e/ou peneiradoras pola fronte da praia, á parte de alterar o comportamento dos exemplares, pode provocar a destrución de niños e mesmo producir a morte de polos de curta idade.

2. A limpeza non selectiva implica a extracción dos depósitos de algas e doutros restos de arribazón. Os depósitos de arribazón serven de fonte principal de entrada de enerxía da cadea alimentaria do ecosistema do areal, ademais de contorno crítico para a localización dos niños desta especie.

3. A presenza de restos orgánicos nos lugares de depósito de lixo é un reclamo para a presenza de depredadores oportunistas, que exercen unha forte ameaza sobre a especie.

– Directrices.

1. A limpeza das praias deberá discernir entre o lixo derivado da actividade humana e os restos de arribazón de algas. Os restos de arribazón de algas deben ser incluídos nos labores de limpeza só nos casos en que a eutrofización das augas orixine unha acumulación excesiva para o sistema litoral deste tipo de material.

2. As tarefas de limpeza de lixo realizaranse preferentemente de xeito manual. A retirada de cúmulos de materiais establecidos no curso dos labores de limpeza poderá realizarse con medios mecánicos, aínda que o tránsito desta maquinaria se realizará exclusivamente na baixamar e pola franxa do intermareal máis próxima á liña de marea.

3. Cando se teñan identificados os puntos de nidificación da especie, as autoridades competentes eliminarán os puntos de depósito e recolla de lixo no seu contorno. No caso de elevada presión antrópica, a medida acompañarase da delimitación física dos lugares de presenza para illalos da presenza humana. Esta delimitación poderá realizarse con carteis indicadores, barreiras ou acordoamentos, camiños disuasorios, etc., dependendo das características da praia.

4. A limpeza mecánica con peneiradoras é a modalidade de limpeza menos desexable pola súa acción non selectiva. Mentres se continúe realizando este tipo de limpeza, no período comprendido entre o 1 de marzo e o 15 de xullo, antes do inicio da campaña os concellos deberán solicitar ao correspondente servizo provincial competente en Conservación da Natureza a identificación dos puntos de nidificación da especie para a realización da súa delimitación física de acordo co sinalado no punto 4 destas directrices, nunha superficie o suficientemente ampla como para evitar perturbacións.

5. En paralelo ás tarefas de limpeza deberase fomentar entre as persoas usuarias das praias a recolla dos seu propios residuos e a súa colaboración en mantelas limpas, e divulgar que a presenza de arribazóns de algas é un elemento do ecosistema costeiro e non sucidade. En particular, a substitución da limpeza mecánica con peneiradoras por métodos máis selectivos irá precedida da realización das campañas de información e sensibilización das persoas usuarias destes areais referidas no punto 4.3.4 do anexo III.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file