Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 6 de febreiro de 2014 Páx. 5009

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural de Chamoso, sito na parroquia de San Fiz de Paradela, do Concello do Corgo (expediente PTU-LU-11/087).

O Concello do Corgo remite o expediente de referencia, para os efectos de resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme a disposición adicional 2ª.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes:

a) O 22 de decembro de 2011 esta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou resolución desfavorable sobre un proxecto de delimitación do núcleo de Chamoso datado en abril de 2011, no que se indica a necesidade de introducir as oportunas correccións ou xustificacións.

b) O Concello do Corgo remite novo proxecto de delimitación, redactado en marzo de 2013 polo arquitecto técnico Antonio Javier Núñez Núñez, aprobado provisionalmente polo concello o 1.8.2013 tras a emisión de informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con data do 12 de xuño de 2013.

c) O Concello do Corgo carece de instrumentos de planeamento xeral, e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

II. Análise e consideracións:

Tendo en conta os anteriores antecedentes, analizada a nova documentación achegada en relación coa emenda das deficiencias sinaladas na Resolución desta SXOTU do 22 de novembro de 2011 e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Subdirección Xeral de Urbanismo, observouse:

a) Apartado III.1 da resolución (incumprimento do requisito de consolidación edificatoria; inadecuación da parcela mínima establecida no núcleo rural histórico tradicional): a partir do estudo do parcelario existente, o novo proxecto adopta unha superficie mínima de parcela de 800 m2, máis acorde co parcelario existente. Así mesmo, prohibe as segregacións con base no «alto valor patrimonial que presenta o núcleo». Deste xeito redúcese substancialmente o número de parcelas edificables.

Baseándose nesas determinacións, o novo proxecto incorpora unha nova xustificación do requisito de consolidación, e aplica o método gráfico definido na Instrución 4/2011 da CMATI, obténdose unha porcentaxe do 55 % superior á mínima establecido polo artigo 13.3.a) da LOUG.

b) Apartado III.2 (inxustificación das aliñacións propostas): rectifícanse as aliñacións propostas e adáptase ás aliñacións actuais.

c) Apartado III.3 (representación indebida das liñas límite de edificación nalgúns tramos viarios; falta de representación de aliñacións entre as parcelas catastrais 80016 e 80022 do polígono 142): elimínase a representación das liñas límite de edificación (innecesaria). Non se detectan indeterminacións das aliñacións en ningún tramo viario.

d) Apartado III.4 (insuficiencia da sección viaria no contorno das parcelas 351 e 406 do polígono 142): en consonancia co criterio adoptado, mantéñense as aliñacións actuais no contorno das parcelas indicadas. Non constan necesidades de tráfico ou outras que fixesen necesaria a ampliación, sen prexuízo das posibilidades que podería reportar a dita ampliación.

e) Apartado III.5 RSXOTU (falta de informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que verifique a formulación das observacións formuladas nun informe emitido o 18.10.2011): achégase informe favorable. De acordo coas indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, inclúese no novo proxecto a catalogación do conxunto edificatorio tradicional de Chamoso e dun hórreo existente nel, incorporando a normativa de protección no apartado 11.3.

f) O novo proxecto propón unha delimitación do núcleo rural algo máis reducida que a do precedente de 2011, se presenta unha superficie total (bruta) de 36.227 m2, categorizada como núcleo rural histórico-tradicional.

g) Ademais dos cambios xa indicados respecto do proxecto precedente, constan os seguintes:

– Propón un pequeno aumento do grao de ocupación e da edificabilidade máximas de parcela, fixándoos no 30 % e 0,40 m2/m2, respectivamente 4 (apartados 11.2.5.1 e 11.2.5.2),

– Exixe illamento (recuado a lindeiros) ás novas vivendas (apartado 11.2.4),

– Establece un tamaño máximo das edificacións (120 m2 de ocupación en planta, apartado 11.2.6.1),

– Fixa unha pendente mínima de cuberta (18 %; apartado 11.2.6.3),

– Prohibe as construcións de semisotos (apartado 11.2.6.6),

– Introduce medidas de protección do arboredo (apartado 11.2.8.5).

Non se fan reparos a estas modificacións, valorándose positivamente as referidas nas letras c), d), e) e f), por facilitar unha mellor integración das novas actuacións edificatorias no ambiente do núcleo tradicional.

Daquela, e considerando a documentación achegada, estímase que o novo proxecto presentado dá cumprimento ao requirido na Resolución desta Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo con data do 22 de novembro de 2011.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución:

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural de Chamoso, na parroquia de San Fiz de Paradela, no Concello do Corgo.

2. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a CMATI, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercitar, se é o caso, calquera outro que estimen procedente (artigos 48, 58, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro). Se o interesado é unha Administración pública non caberá interpoñer recurso en vía administrativa, pudendo interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, se é o caso, do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

anexo

missing image file