O Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día 12 de decembro de 2013, acordou aprobar definitivamente o Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016, o cal foi tramitado segundo o procedemento previsto polo artigo 19 da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia.
Segundo dispón o artigo 19.1, letra e), da Lei 10/2008, tras a aprobación definitiva do devandito programa, a consellería competente en materia de residuos debe facelo público, procedendo á súa difusión co fin de garantir o coñecemento da cidadanía e das administracións implicadas.
O artigo 20 da mesma lei prescribe que o programa debe ser posto á disposición das administracións consultadas e do público interesado xunto cunha declaración que resuma como se integraron no plan os aspectos ambientais e como se tomou en consideración o informe de sustentabilidade ambiental, os resultados das consultas, a memoria ambiental e, se é o caso, as discrepancias que puidesen xurdir no proceso, así como as razóns da elección do plan en relación coas alternativas consideradas; un documento que recolla as medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e un resumo non técnico da dita documentación.
O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas atribúe á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental competencias en materia de elaboración dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia e as accións de desenvolvemento destes.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
1º. Facer público o Programa de xestión de residuos da construción e demolición de Galicia 2013-2016, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de decembro de 2013.
2º. Poñer á disposición das administracións públicas afectadas, do público interesado e de toda a cidadanía o devandito programa xunto cos restantes documentos especificados polo artigo 20 da Lei de residuos de Galicia, mediante a súa inserción nas páxinas web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es) e do Sistema de información de residuos de Galicia (http://sirga.cmati.xunta.es), co fin de garantir a súa difusión e coñecemento xeral.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2014
Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental