Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2014 Páx. 6906

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2014 pola que se inscribe no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLácteo) por parte da Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal), e a consecuente baixa no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLácteo).

Unha vez visto o expediente do procedemento de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, derivado da fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLácteo), que é absorbida pola Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal), sobre a base dos seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 24 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia a solicitude da Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal), mediante a cal se solicita a este órgano a inscrición da fusión por absorción da Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLácteo) por parte da Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal).

Segundo. A Fundación Centro Tecnolóxico Lácteo de Galicia (CTLácteo) fora constituída en escritura pública outorgada en Lugo o 10 de febreiro de 2009, ante o notario José Manuel López Cedrón, co nº de protocolo 494; foi clasificada de interese tecnolóxico pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 27 de xullo de 2009 e declarada de interese galego por Resolución do 8 de xullo de 2010 e figura inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2010/13.

Terceiro. A documentación necesaria para que o Rexistro de Fundacións efectúe a inscrición solicitada foi debidamente formalizada e consta no expediente:

– Escritura pública de fusión outorgada en Lugo o 6 de novembro de 2013, ante o notario Germán Aguilera Cristóbal do Colexio de Galicia, con nº de protocolo 1399.

– Na dita escritura inclúense as certificacións expedidas polos secretarios dos correspondentes padroados, con visto e prace dos seus presidentes. Nas certificacións fanse constar os acordos adoptados nas respectivas sesións de padroados, realizadas o día 24 de outubro de 2011 para o CTLácteo, coa conseguinte extinción da súa personalidade xurídica, e o día 25 de outubro para o Cetal, sobre a fusión obxecto deste expediente.

– Incorpórase tamén á citada escritura pública un informe xustificativo sobre o interese que reviste a fusión para as fundacións afectadas.

– Finalmente, a escritura comprende os balances de fusión de cada unha das fundacións, así como o balance integrado de ambas, e a modificación dos estatutos sociais da fundación absorbente.

Cuarto. Os fins da fundación resultante do proceso de absorción CTLácteo-Cetal recóllense no artigo 5 dos novos estatutos da Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal), aprobados na reunión do 30 abril de 2013.

– Denominación e domicilio. A fundación resultante da fusión por absorción non modifica, coa fusión, a súa denominación, que continúa a ser Fundación Centro Tecnológico Agraoalimentario de Lugo (Cetal). O domicilio da fundación absorbente radica na rúa Montirón nº 154, 27002 Lugo.

– Ámbito de actuación da fundación absorbente. Conforme dispón a norma estatutaria, será todo o territorio do estado español e, en especial, o noroeste de España, non obstante poderá estender a súa actividade a aqueles países onde sexa conveniente a súa presenza.

– Padroado. A composición do padroado da fundación absorbente, Fundación Centro Tecnológico Agroalimentario de Lugo (Cetal), regúlase no artigo 11 dos novos estatutos resultantes da fusión CTLácteo-Cetal.

– Estatutos. A fundación absorbente rexerase polos novos estatutos incluídos na escritura de fusión.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. Esta consellería resulta competente para adoptar a presente resolución en virtude do disposto no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o seu regulamento.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, prevé, entre as posibles causas de extinción dunha fundación, a fusión. A fusión regúlase no artigo 42 do mesmo corpo legal que dispón que as fundacións, sempre que non o prohiba o fundador, poderán fusionarse despois de telo acordado os respectivos padroados, o cal se lle comunicará ao protectorado. O protectorado poderá opoñerse á fusión por razóns de legalidade e mediante un acordo motivado, nun prazo máximo dun mes, contado desde que lle notifiquen a el os respectivos acordos das fundacións interesadas.

Terceiro. A fusión conforme o disposto no artigo 42.4 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, requirirá o outorgamento de escritura pública e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cuarto. A este expediente xuntáronselle cantos datos e documentos se consideran esenciais, cumprindo especialmente, respecto da fusión acordada, os requisitos previstos no artigo 42 da Lei 12/2016, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no artigo 44 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 37 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro. Ordenar a inscrición da fusión por absorción da Fundación CTLácteo pola Fundación Cetal e da correspondente baixa rexistral da Fundación CTLácteo.

Segundo. Ordenar a notificación da presente resolución aos interesados e a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2014

P.D. (Orde do 26.7.2013; DOG nº 154, do 13 de agosto)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria