Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2014 Páx. 7544

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello do Rosal

ANUNCIO de nova suspensión de outorgamento de licenzas na tramitación do Plan xeral de ordenación municipal.

Anúnciase que o Concello Pleno, en sesión ordinaria do 25 de xaneiro de 2014, transcorridos máis de catro anos desde a suspensión anterior, e coa finalidade de evitar a consolidación de situacións que poidan resultar incompatibles co novo plan en tramitación, adoptou, entre outros, o seguinte acordo, cuxa parte dispositiva di:

De conformidade co sinalado no artigo 77 da Lei 2/2002, do 29 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, acórdase suspender o outorgamento de licenzas, polo prazo de dous anos, nos ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística, que son os seguintes:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres (de entre as establecidas en calquera dos dous documentos), en calquera clase de solo, agás naquelas zonas que sirvan para a súa propia execución.

b) No solo urbano non consolidado do PXOM suspenderanse en todos os casos.

c) No solo urbano consolidado e nos núcleos rurais (de entre os establecidos en calquera dos dous documentos), suspenderanse só naquelas zonas en que non se poidan cumprir ambas as ordenacións ou normativas simultáneamente (NSM de 1997 vixentes e PXOM), e sobre todo naquelas zonas afectadas por vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres. Con respecto aos parámetros concretos de ordenación que establezan ambos os documentos en cada zona, os proxectos sometidos a licenza non poderán superar o valor máis baixo (de entre os dous documentos) no caso de alturas, fondos, volume, edificabilidade (entre outros parámetros de aproveitamento) e, por outra banda, no caso doutros parámetros que se regulan en sentido inverso aos anteriormente citados (cesións, espazos libres, espazos comunitarios ou públicos, etc.) non poderán ser inferiores ao valor máis alto (de entre os establecidos nos dous documentos).

d) En todos os ámbitos de solo urbanizable (delimitado e non delimitado) establecidos en calquera dos dous documentos.

e) Consideraranse tamén suspendidas as licenzas de demolición ou edificación en todos os elementos do catálogo recollidos neste PXOM.

f) Nos ámbitos de planeamento remitido a plans de desenvolvemento, agás nos aprobados definitivamente sempre e cando o PXOM non estableza modificacións neses ámbitos (neste caso a suspensión afectará só esas zonas modificadas).

g) No solo rústico, dado que nas licenzas (agás no caso de infraestruturas e peches) se require da autorización previa da CMATI (entre outras administracións que deban autorizar en cada caso), e estimando que esas propias administracións van regular adecuadamente as autorizacións que se poidan conceder transitoriamente mentres non se aproba definitivamente o PXOM, só se suspenderán as licenzas no caso xeral da alínea a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres).

Os actos xenéricos para os cales se suspende o outorgamento de licenzas (cando non se especifican exactamente) son os de parcelación de terreos, edificación e demolición.

No caso do grupo c) anterior en que se poida acadar unha solicitude cun acordo volumétrico intermedio entre os plans de aplicación coordenada (NSM vixentes e PXOM), serán os servizos técnicos municipais os que determinen a congruencia das solicitudes e a súa integración na ordenación urbanística final, sen superar o valor máis desfavorable para cada parámetro volumétrico de entre os que os citados plans outorguen, e prevalecendo sempre a ordenación máis restritiva (menor altura, fondos ou volume e maiores cesións, espazos públicos, etc.) ou a maior protección das establecidas en ambos os documentos.

O Rosal, 30 de xaneiro de 2014

Jesús Mª Fernández Portela
Alcalde