Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Martes, 25 de febreiro de 2014 Páx. 8057

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2014, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se lle dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2014 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 14.2.2.c) que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde dos empregados públicos que, en todo caso, terá que contar co seu consentimento, respectando o dereito á intimidade e á dignidade.

O Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, reitera entre as funcións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo e a Orde do 25 de marzo de 2009 publica o procedemento de vixilancia da saúde.

Con base no dito con anterioridade, publícase esta convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2014, de acordo coas seguintes premisas:

Primeira. Obxecto

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda. Ámbito de aplicación

É aplicable a todos os traballadores da Xunta de Galicia agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

Terceira. Inscrición

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza-Servizo de Prevención de Riscos Laborais): www.xunta.es/riscos

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante de consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

Cuarta. Citacións

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Quinta. Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase a cada traballador/a.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2014

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza