Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 2014 Páx. 10559

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2014 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape polo que se modifican as bases reguladoras das axudas aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (Galicia Emprende).

Mediante Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG número 238, do 13 de decembro) publicáronse as bases reguladoras das axudas aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Establecíase a consideración de novo emprendedor, para os efectos destas bases, como aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda, considerándose que non se cumpría esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a un ano ou teña unha participación igual ou superior ao 25 % noutra sociedade mercantil.

Indicábase que poderían ser beneficiarios tanto autónomos como sociedades mercantís e que a antigüidade na actividade empresarial, no caso de autónomos, viría dada pola data de alta censual, que non podería ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda e, no caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderían ter unha antigüidade superior a un ano no momento da solicitude de axuda.

Tendo en conta a recente publicación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, que establece no seu artigo 3 a consideración de emprendedoras como aquelas persoas físicas ou xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata 42 meses de antigüidade, é oportuno establecer o mesmo límite na antigüidade na actividade empresarial para a consideración de novo emprendedor, para os efectos destas bases.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 30 de xaneiro de 2014, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a modificación das bases reguladoras das axudas aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas ou de realización de investimentos en pequenas e medianas empresas novas promovidas por novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, publicadas mediante Resolución do 5 de decembro de 2013 (DOG número 238, do 13 de decembro), no seguinte senso:

– Modifícase o último parágrafo do artigo 1, que queda redactado do seguinte xeito:

Considérase novo emprendedor, para os efectos destas bases, aquela persoa física que non estea acometendo outra actividade económica por conta propia na data de presentación da solicitude de axuda. Considerarase que non se cumpre esta condición cando unha persoa no momento da solicitude figure de alta no RETA cunha antigüidade superior a 42 meses ou teña unha participación igual ou superior ao 25 % noutra sociedade mercantil.

– Modifícase o artigo 2.2.i), que queda redactado do seguinte xeito:

No caso dos autónomos, a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade (ou, no caso de contar con alta de actividade no momento da solicitude de axuda, desde o día da dita solicitude).

– Modifícase o artigo 2.2.ii), que queda redactado do seguinte xeito:

No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.

Segundo. Esta modificación entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2014

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica