Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 2014 Páx. 11653

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2014 pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, introduce cambios significativos nos procedementos de autorización de instalacións eléctricas, en concreto, introduce a autorización administrativa de construción, que substitúe a antiga aprobación de proxecto de execución. O cambio lexislativo fai máis áxil a tramitación administrativamente, reforza a idea de que o responsable da correcta proxección e construción dunha instalación eléctrica é o promotor desta e modifica a intervención administrativa que pasa dunha verificación exhaustiva a priori, a un labor máis centrado no posterior control dese proxecto, en forma similar a como a trasposición da directiva de servizos modificou gran parte dos procedementos de acceso á prestación dun servizo. Unha Administración moderna debe adaptarse aos novos conceptos o antes posible, polo que se considera adecuado que as novas tramitacións se realicen coa nova normativa de aplicación o antes posible.

A Comunidade Autónoma galega, de acordo co establecido no seu artigo 27.13 do seu Estatuto de autonomía aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, ten atribuída a competencia exclusiva no relativo a instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do seu territorio e o seu aproveitamento non afecte a outra comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.22 e 25 da Constitución.

O director xeral de Enerxía e Minas é competente para ditar a presente resolución con fundamento no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Polo anterior, resolvo que:

1. Os procedementos de autorización de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas tramitaranse substituíndo a antiga aprobación do proxecto de execución pola autorización administrativa de construción, de acordo co previsto nos artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. Para obter a autorización administrativa de construción o titular presentará un proxecto de execución xunto cunha declaración responsable, ambos asinados por técnicos competentes, que acrediten o cumprimento da normativa que sexa de aplicación. Presentaranse en forma de separata aquelas partes do proxecto que afecten unicamente bens ou dereitos da propiedade daquelas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, para que estas establezan o condicionado técnico procedente. Salvo que se presente a conformidade expresa de tales entidades para o proxecto en cuestión, caso en que se terá por cumprido o trámite e proseguirase o procedemento.

3. Para a resolución da autorización administrativa de construción deberanse analizar os condicionados exclusivamente técnicos daquelas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos o de interese económico xeral, unicamente no relativo a bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación. A tramitación e resolución de autorización administrativa de construción poderá efectuarse de maneira consecutiva, coetánea ou conxunta coa autorización administrativa previa.

4. O órgano competente para a tramitación do expediente remitirá as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente, no prazo de vinte días. Cando remitidas as separatas correspondentes transcorran vinte días e reiterada a petición transcorran dez días máis sen recibir resposta, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto.

5. Darase traslado ao peticionario dos condicionados establecidos, para que no prazo de quince días preste a súa conformidade ou formule os reparos que estime procedentes. A contestación do peticionario trasladarase ás administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral que emitiron o correspondente condicionado técnico, para que no prazo de quince días mostre a súa conformidade ou reparos á dita contestación. Transcorrido o dito prazo sen que emitise novo escrito de reparos sobre o seu condicionado, entenderase a conformidade coa contestación ao condicionado efectuada polo peticionario.

6. Concluídos os trámites precedentes, o órgano tramitador elevará o correspondente informe sobre a tramitación administrativa do expediente da autorización administrativa de construción ao órgano competente para resolver, xunto co expediente completo desta.

7. A resolución terá que expresar o período de tempo no cal está prevista a execución da instalación.

8. Quedan excluídos do ámbito da presente resolución os procedementos de autorización de instalacións eléctricas iniciados con anterioridade á entrada en vigor da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que se tramitarán ata a súa resolución conforme a lexislación anterior. Igualmente, quedan excluídas as instalacións de distribución de baixa tensión que se tramitarán de acordo co previsto no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

9. Os procedementos xa iniciados con posterioridade á entrada en vigor da lei continuarán a súa tramitación conforme a lexislación anterior. En todo caso, o interesado poderá, con anterioridade a que se dite resolución, desistir da súa solicitude e optar pola aplicación do disposto na presente resolución.

Respecto da autorización administrativa previa e da autorización de explotación de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, ao entender que non varía substancialmente o obxecto e contido respecto da autorización administrativa e a autorización de explotación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, en canto non se aproben os novos desenvolvementos normativos da Lei 24/2013, do 26 de decembro, continuarán aplicándose os procedementos previstos no Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no Decreto 149/2008, do 26 de xuño, así como os previstos no resto de normativa de desenvolvemento da Lei 54/1997, do 27 de novembro.

Esta resolución será de aplicación desde a data da súa sinatura.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2014

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas