Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 2014 Páx. 11851

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 14 de marzo de 2014 pola que se regula o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

O artigo 148.1.20º da Constitución española permite ás comunidades autónomas asumir nos seus estatutos de autonomía competencias en materia de asistencia social. Non obstante, o dito artigo constitucional fala claramente de asistencia social, pero sen mencionar en absoluto a acción voluntaria. Mais é pacificamente aceptado que o termo constitucional de asistencia social abrangue, para os efectos competenciais, o concepto de voluntariado, tal e como se entende hoxe en día.

A Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia en materia de asistencia social no artigo 27.23 do seu Estatuto de autonomía, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, que se completou coa transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega en materia de servizos sociais e acción social, a través do Real decreto 2411/1982, do 24 de xullo.

Por outra banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 4.2, en termos análogos a como o fai o artigo 9.2 da Constitución española, a obriga dos poderes públicos de Galicia de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Sobre a base destas premisas constitucionais e ao abeiro das competencias asumidas estatutariamente, o Parlamento de Galicia manifestou a súa vontade de establecer unha regulación legal propia en materia de acción voluntaria mediante a aprobación da Lei 3/2000, do 22 de decembro, de voluntariado de Galicia, modificada posteriormente pola Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, que tivo por obxecto regular a actividade de voluntariado social no ámbito propio da Comunidade Autónoma galega.

A dita lei creou no seu capítulo VIII o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxas disposicións foron desenvolvidas regulamentariamente polo Decreto 405/2001, do 29 de novembro, polo que se regula o Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia.

Co paso do tempo, a propia dinámica de transformación dos problemas nos últimos tempos obrigou a unha actualización e redeseño estratéxico das políticas públicas de acción voluntaria, a eficacia das cales vai depender necesariamente da súa coherencia e adecuación á cambiante realidade social.

Neste contexto, a Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, foi a encargada de levar a cabo a reforma legal do voluntariado en Galicia, que ten como obxectivos, entre outros, posibilitar a obtención por parte das persoas voluntarias de certificacións da súa participación en actividades de acción voluntaria, así como o seu depósito no Rexistro de Acción Voluntaria co fin de poder acreditar un historial de experiencias de voluntariado.

O capítulo IV do título III da Lei 10/2011, do 28 de novembro, crea o Rexistro de Acción Voluntaria como un órgano único e público, que asume as funcións de cualificación e inscrición das persoas voluntarias e das entidades de acción voluntaria, así como de certificación das accións voluntarias que estas desenvolvan, e que está adscrito ao órgano a que veñan atribuídas as competencias en materia de acción voluntaria.

O artigo 32 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, establece que o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia se estrutura en dúas seccións, unha relativa á inscrición das entidades de acción voluntaria e a outra, ao depósito das experiencias das persoas voluntarias.

As entidades de acción voluntaria ven condicionada así a posibilidade de obter subvencións por parte das administracións públicas de Galicia ao feito de estaren inscritas na sección correspondente do Rexistro e de desenvolveren programas de acción voluntaria en Galicia, sempre que ademais os ditos programas se adecúen ás previsións da planificación establecida.

As persoas voluntarias poderán solicitar ao Rexistro a certificación das súas experiencias voluntarias na sección de experiencias das persoas voluntarias, que terá depositada a documentación remitida polas entidades en relación coas certificacións que expidan dos seus voluntarios.

De acordo co número 4 do artigo 32 da referida norma legal, mediante orde da consellería competente en materia de acción voluntaria establecerase a organización e o procedemento de inscrición e baixa no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, asume o exercicio das competencias, entre outras, de dirección e xestión das actuacións en materia de voluntariado, a elaboración e o seguimento dos instrumentos de planificación, de rexistro, da xestión dos órganos colexiados e todas aquelas actuacións en aplicación da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Na súa virtude, unha vez emitido informe preceptivo polo Consello Galego de Acción Voluntaria, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta disposición ten por obxecto regular a organización e o procedemento de inscrición e baixa no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia en desenvolvemento da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Artigo 2. Natureza

1. O Rexistro de Acción Voluntaria configúrase como un órgano único e público que asumirá as funcións de cualificación e inscrición das entidades de acción voluntaria, o depósito das experiencias das persoas voluntarias e a certificación das accións voluntarias desenvolvidas por estas.

2. O Rexistro estará adscrito ao órgano da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que veñan atribuídas as competencias en materia de acción voluntaria.

3. O Rexistro funcionará de xeito coordinado co Rexistro de Entidades de Voluntariado de Protección Civil e Emerxencias previsto no artigo 48 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

Artigo 3. Estrutura

1. O Rexistro estrutúrase en dúas seccións:

Sección I: Entidades de acción voluntaria.

Sección II: Experiencias das persoas voluntarias.

2. O Rexistro de Acción Voluntaria operará en soporte informático.

Artigo 4. Características

1. A inscrición no Rexistro das entidades de acción voluntaria, así como o depósito de experiencias das persoas voluntarias é voluntaria e declarativa. Non obstante, no caso de entidades de acción voluntaria, a inscrición será condición indispensable para acceder ás axudas e subvencións, así como para subscribir convenios coas administracións públicas de Galicia en materia de voluntariado.

2. O acceso aos datos que figuren no Rexistro efectuarase consonte as normas que regulan o acceso aos arquivos e rexistros segundo o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e de conformidade coa lexislación reguladora de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 5. Encargado do Rexistro

O encargado do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia será o director xeral competente en materia de acción voluntaria, e as xestións e a tramitación corresponden ao órgano da dirección xeral con atribucións en materia de acción voluntaria.

Artigo 6. Clasificación das entidades de acción voluntaria

1. A sección de entidades de acción voluntaria organizarase en tres categorías xerais de entidades de voluntariado, as dependentes da Administración autonómica, das entidades locais e as entidades privadas sen ánimo de lucro.

2. As entidades deberán marcar no anexo I de solicitude de inscrición unha ou varias das seguintes áreas de actuación:

a) Acción social, entendendo que nesta epígrafe se inclúen as entidades dirixidas a colectivos especialmente sensibles ou en risco de exclusión como a infancia, as persoas con discapacidade, a igualdade das mulleres, a protección de persoas consumidoras e usuarias, a loita contra a pobreza e a exclusión social, as minorías étnicas e tamén as de natureza sociosanitaria, de protección civil, de prevención de situacións de emerxencia e de defensa dos dereitos humanos.

b) Cultura, onde se poden entender incluídas as entidades educativas e culturais, de defensa do patrimonio cultural, científicas, de fomento do uso das novas tecnoloxías, deportivas, de lecer e tempo libre, de defensa dos dereitos lingüísticos, de dinamización do mundo rural, de defensa da economía ou da investigación, de defensa da vida asociativa, de fomento da acción voluntaria, así como os grupos de persoas asociadas con intereses comúns de carácter xeral.

c) Ambiente, que comprenderá a todas aquelas entidades relacionadas coa prevención de situacións de emerxencia e a defensa ecolóxica e a protección do ambiente.

d) Cooperación ao desenvolvemento, que inclúe todas aquelas iniciativas solidarias en materia de cooperación ao desenvolvemento cuxo principal ámbito de actuación sexan os proxectos no exterior do Estado español, pero con actividades que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Outras accións voluntarias que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de conformidade co disposto na Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

Artigo 7. Actos suxeitos a inscrición na sección de entidades de acción voluntaria do Rexistro

As entidades de acción voluntaria poderán inscribir no Rexistro os seguintes actos:

a) A constitución da entidade de acción voluntaria.

b) As modificacións estatutarias.

Artigo 8. Datos que deben constar para a inscrición das entidades de acción voluntaria no Rexistro

No Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia faranse constar os seguintes datos das entidades de acción voluntaria inscritas:

a) Datos identificativos da entidade: denominación, número de identificación fiscal e enderezo social, así como ámbito xeográfico de actuación e forma xurídica da entidade.

b) Datos identificativos do/s representante/s legal/legais.

c) A área de actuación en que opera a entidade de acción voluntaria, de acordo coa clasificación establecida no artigo 6.

d) O número de voluntarios/as con que conta a entidade de acción voluntaria.

Artigo 9. Procedemento de inscrición das entidades de acción voluntaria no Rexistro

1. A solicitude de inscrición no Rexistro presentarase ante o órgano competente en materia de acción voluntaria, segundo o modelo normalizado que figura como anexo I a esta orde ou sempre que en todo caso se deixe constancia dos datos a que se refire o artigo anterior, asinado polo representante legal da entidade, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia do acordo de creación da entidade e dos seus estatutos se se trata da primeira inscrición, ou a referencia ao rexistro da Administración autonómica en que foron presentados, coa expresión do número de inscrición e data.

b) Número de inscrición noutros rexistros en que por razón da súa natureza estea inscrita a entidade de acción voluntaria.

c) Declaración responsable da subscrición da póliza de seguro a que se refire o artigo 11.i) da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade, en que se acredite o cumprimento das demais obrigas das entidades coas persoas voluntarias.

e) A presentación do programa de actividades da entidade en materia de voluntariado.

f) Fotocopia compulsada do DNI do representante legal da entidade no caso de que este non autorice a verificación dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

g) Xustificante de pagamento da correspondente taxa.

2. A documentación poderase achegar por procedementos electrónicos utilizando calquera procedemento de copia dixital do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitais presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica achegada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. As entidades de acción voluntaria dependentes da Administración autonómica e as entidades locais estarán exentas de acreditar a súa personalidade xurídica segundo a clasificación das entidade de acción voluntaria recollidas no artigo 6.1.

4. O órgano con atribucións en materia de acción voluntaria, unha vez recibida a solicitude, requirirá, se é o caso, a documentación precisa dos rexistros da Administración autonómica en que apareza inscrita a entidade. Así mesmo, poderá solicitar informe sobre as actividades da entidade solicitante ao concello en que teña o seu domicilio social.

5. A persoa titular da dirección xeral competente en materia de acción voluntaria ditará e notificará resolución motivada, estimando ou denegando a inscrición solicitada no prazo de tres meses. Acordada a inscrición no Rexistro, asignaráselle á entidade o número de rexistro correspondente, que lle será notificado. Transcorridos os prazos citados sen notificación da resolución, entenderase estimada de conformidade co disposto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. En todo o non previsto pola presente norma observarase o disposto no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Eficacia da inscrición das entidades de acción voluntaria no Rexistro

A inscrición dunha entidade no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia ten eficacia limitada ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e realizarase por tempo indefinido.

Artigo 11. Modificación de datos das entidades de acción voluntaria inscritos no Rexistro

1. As entidades inscritas no Rexistro deberán comunicar a este calquera alteración respecto dos documentos rexistrados, no prazo dun mes desde que se produza, e segundo o procedemento previsto para a inscrición rexistral.

2. Unha vez recibida a solicitude de modificación de datos prevista no parágrafo anterior, procederá á súa constancia rexistral, sempre e cando a entidade manteña o cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde para a súa inscrición rexistral.

Artigo 12. Cancelación da inscrición das entidades de acción voluntaria no Rexistro

1. A dirección xeral competente acordará a cancelación definitiva da inscrición da entidade sempre que nela se dea algunha das causas previstas no artigo 33.2 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, de oficio ou por instancia da entidade interesada, e segundo o procedemento previsto para a inscrición da entidade no Rexistro en todo o que proceda, no que se lle dará audiencia á entidade, agás no caso de que a cancelación rexistral sexa solicitada por aquela.

2. A cancelación da inscrición da entidade non impedirá que se inste de novo a súa inscrición no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Artigo 13. Solicitudes

As solicitudes de inscrición, modificación e baixa, conforme o anexo I, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

No caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións do órgano directivo competente non esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso de alzada ante o titular da consellería competente e de acordo cos prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Catálogo de entidades de acción voluntaria

1. O órgano competente en materia de acción voluntaria publicará e actualizará anualmente un catálogo con todas as entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria.

2. O catálogo de entidades de acción voluntaria especificará as actividades que realiza cada entidade, o seu ámbito e colectivo/s de actuación e o territorio a que circunscribe a súa actuación; así como todas as axudas públicas percibidas polas entidades e os convenios de colaboración asinados coa Xunta de Galicia, ademais de calquera outra actuación que se fixese en colaboración coa Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16. Sección de experiencias das persoas voluntarias

1. A sección de experiencias das persoas voluntarias do Rexistro de Acción Voluntaria terá depositada a documentación remitida polas entidades de acción voluntaria en relación coas certificacións que expidan ás persoas voluntarias relativas ás accións voluntarias desenvolvidas por estas.

2. As entidades de acción voluntaria remitirán ao Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, por petición das persoas voluntarias nelas integradas e logo da autorización da cesión dos seus datos persoais, as certificacións que acrediten as accións voluntarias desenvolvidas por estas, conforme ao anexo III desta orde. Estas certificacións, que deberán estar asinadas pola persoa solicitante ou representante legal da entidade, servirán para poder proceder ao seu depósito na sección correspondente do Rexistro, conforme o anexo II desta orde.

3. Nas certificacións que remitan dos/as seus/súas voluntarios/as, as entidades de acción voluntaria deberán facer constar os seguintes datos:

a) Nome e apelidos da persoa voluntaria.

b) Programa ou proxecto de voluntariado en que exerceu a súa colaboración: obxectivos xerais do programa ou proxecto en que se enmarca a acción voluntaria e colectivo a que vai dirixido este.

c) Natureza das funcións realizadas pola persoa voluntaria e lugar onde se executaron estas.

d) Datas da colaboración e número total de horas da prestación efectuada pola persoa voluntaria.

e) Competencias adquiridas pola persoa voluntaria coa acción voluntaria desenvolvida.

4. Para a emisión das certificacións de acción voluntaria, tanto a entidade como as persoas voluntarias nelas integradas deberán presentar unha declaración responsable de ter subscrito, nos termos do artigo 13 da Lei 10/2011, do 28 de novembro, de acción voluntaria, o correspondente compromiso de colaboración, en que estean reflectidos os dereitos, deberes e compromisos adquiridos por ambas as partes.

5. No caso de que a experiencia voluntaria fose realizada nun programa da Administración autonómica, a certificación farase de oficio sen necesidade de presentación por parte do interesado de solicitude ningunha. Así mesmo, unha copia desta certificación remitirase ao Rexistro de Acción Voluntaria, a non ser que o interesado manifeste expresamente a súa negativa ao depósito dos seus datos no Rexistro.

Artigo 17. Certificación de experiencias voluntarias

Por petición das persoas voluntarias interesadas, o encargado do Rexistro expedirá certificados de experiencias voluntarias que reflectirán as accións voluntarias desenvolvidas por estas con carácter global, en todas as entidades de acción voluntaria en que colaborasen e en todos os programas de voluntariado desenvolvidos pola Administración autonómica en que participaran.

Artigo 18. Baixa na sección de experiencias das persoas voluntarias

En calquera momento, as persoas voluntarias cuxas experiencias fosen depositadas no Rexistro, poderán solicitar a baixa neste, e a conseguinte eliminación de todos os datos referidos á súa persoa que consten na correspondente sección do Rexistro.

Disposición adicional única. Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia

As entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria de Galicia inscribiranse de oficio na sección de entidades de acción voluntaria do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente norma entrará en vigor o día 1 de abril de 2014.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file