Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2014 Páx. 12035

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2014, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica o couto de pesca de Souto de Vea, no río Vea.

Antecedentes.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), o Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra iniciou o expediente de modificación do couto de pesca de Souto de Vea.

No expediente de modificación do couto de pesca de Souto de Vea consta o informe favorable do Comité Provincial de Pesca Fluvial de Pontevedra, en sesión do 3 de outubro de 2013.

O expediente de modificación do couto de pesca de Souto de Vea foi sometido a información pública mediante anuncio do 4 de novembro de 2013, da Xefatura Territorial de Pontevedra, publicado no DOG número 223, do 21 de novembro de 2013. Neste trámite de información pública non se presentaron alegacións.

O informe técnico do Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra é favorable á modificación do couto de Souto de Vea. Neste informe téñense en conta os inventarios de peixes do río Vea e a distribución das poboacións de troita e de salmón.

Consideracións legais.

O expediente de modificación do couto de pesca de Souto de Vea cumpre os requisitos establecidos na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial; no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e demais normativa de aplicación.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza é competente para resolver o expediente segundo o disposto na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial; no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, e mais no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Resolución.

De conformidade con todo o anterior, resolvo modificar os límites do couto de pesca de Souto de Vea, no río Vea, que quedan fixados nos seguintes puntos:

Límite superior: ponte Ribeira (A Estrada).

Límite inferior: ponte Poceños (A Estrada).

Lonxitude aproximada: 6,3 km.

De conformidade co disposto no artigo 15 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio), inclúense no couto de pesca os 100 metros finais de todos os afluentes existentes no tramo acoutado.

Contra esta resolución caberá, de conformidade cos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a interposición do recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2014

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza