Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 2014 Páx. 12037

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 12 de marzo de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN223A).

A Consellería de Economía e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, indica que corresponde á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins, así como a reforma, coordinación e mellora das estruturas comerciais.

A adecuación e mellora dos equipamentos públicos comerciais municipais constitúen un elemento clave para o desenvolvemento do comercio. Para estes efectos, as actuacións desenvolvidas polos concellos no ámbito comercial resultan imprescindibles e, moi especialmente, os mercados municipais, que teñen unha singular significación por constituíren espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, ao tempo que constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado do mar, a horta e a gandaría. É preciso, por tanto, adaptar estes espazos ás necesidades, tanto dos comerciantes como dos consumidores, desde o momento en que os mercados remodelados permiten consolidar unha forma de comercio de proximidade e a rexeneración dun contorno urbano das vilas e cidades.

Por tanto, resulta oportuno establecer unha liña de colaboración entre a Consellería de Economía e Industria e as corporacións locais para posibilitar medidas e actuacións que sirvan para a mellora dos espazos comerciais urbanos, a adecuación dos espazos do comercio non sedentario e, especialmente, a potenciación dos mercados municipais e prazas de abastos, para acadar un modelo de calidade baseado nos principios de accesibilidade, sustentabilidade ambiental, organización e xestión de servizos, e convertelos en centros especializados en produtos da compra cotiá desenvolvendo unha xestión global e unitaria que aglutine os intereses dos comerciantes e ofreza ao consumidor o produto e servizo que actualmente demanda, en definitiva, crear unha rede de mercados de Galicia.

A actual situación económica, que afecta tamén os concellos, obriga a impulsar medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de poder continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, para o que é preciso minimizar custos e xestionar de forma compartida para actuacións públicas. Neste senso, a Consellería de Economía e Industria con esta convocatoria dará cumprimento ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013 polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, cunha maior puntuación das solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, contra as presentadas individualmente.

As actuacións desta convocatoria financiaranse coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, por tanto, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento da normativa da Unión Europea nesta materia.

Segundo o teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuída a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases por que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria, dirixidas aos concellos galegos, para a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio que se inclúen como anexo I.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, conforme as bases reguladoras aprobadas nesta orde para o ano 2014.

Artigo 2. Crédito orzamentario

Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 3.125.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751-A 761.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014.

Esta aplicación orzamentaria está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están comprendidas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

Estas cantidades poderanse incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

3. A Consellería de Economía e Industria velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento e, para eses efectos, procederá á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos (en diante Lei 15/1999), adoptando tanto as medidas de seguranza técnica como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que se deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega (en diante Lei 4/2006).

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros. Non entanto, a Consellería de Economía e Industria revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.

Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: edificios administrativos San Caetano, San Caetano s/n, 15704 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que se poderá atopar na Guía do cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses.

Artigo 5. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN223A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional nas xefaturas territoriais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería http://economiaeindustria.xunta.es

b) Os teléfonos das xefaturas territoriais:

A Coruña: 981 184 904/05/62; Lugo: 982 294 938/294 670; Ourense: 988 386 712/717; Pontevedra: 986 805 226/229; Vigo: 986 817 557/559.

c) Os correos electrónicos das xefaturas territoriais:

A Coruña: axudas-IN223.cei.co@xunta.es

Lugo: axudas-IN223.cei.lu@xunta.es

Ourense: axudas-IN223.cei.ou@xunta.es

Pontevedra: axudas-IN223.cei.po@xunta.es

Vigo: invigo@xunta.es

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde o resto do Estado 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2014

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de subvencións aos concellos galegos para a mellora dos mercados municipais
e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario,
para o ano 2014

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora dos mercados municipais e prazas de abastos, así como dos espazos do comercio non sedentario.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo fin, calquera que for a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que, conxuntamente, non superen o custo total da actuación ou proxecto.

3. O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito, pola orixe das partidas orzamentarias, aos regulamentos (CE) 1080/2006 (DOUE 31.7.2006), 1083/2006 (DOUE 31.7.2006) e 1828/2006 (DOUE 15.2.2007), relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e á Orde EHA 524/2008, do 26 de febreiro, relativa aos gastos subvencionables polo Feder e o Fondo de Cohesión.

4. En concreto, considéranse actuacións subvencionables as que a seguir se especifican, sempre que estas sexan realizadas desde o 1 de xaneiro de 2014 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 17.

A porcentaxe subvencionable incrementarase nun 15 % para as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local, baixo a forma de agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou calquera outra similar, fronte ás presentadas individualmente, manténdose invariables as contías máximas subvencionables establecidas nesta orde. As solicitudes conxuntas, en todo caso, corresponderanse con concellos limítrofes.

a) Investimentos en mercados municipais e prazas de abastos.

Reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario; supresión de barreiras arquitectónicas; mellora do consumo de recursos enerxéticos; adquisición e instalación de sistemas que posibiliten a reciclaxe e a eliminación de residuos, sinalización e, en xeral, as accións encamiñadas á promoción e mellora da calidade e imaxe deste formato comercial. A sinalización requirirá, en todo caso, aplicar o requisito da cor de fondo dos postos por categoría de produtos (fondo azul para os postos de venda de peixe; fondo vermello para os postos de venda de carne; fondo verde para os postos de venda de froitas e verduras; fondo amarelo para os postos de venda de lácteos, ovos e panadaría).

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 150.000,00 euros de subvención.

Estes investimentos requiren a inclusión, por parte do concello solicitante, da realización de actuacións de asesoramento-formación dirixidas ao «mentoring» comercial, aumento da rendibilidade do punto de venda con técnicas de «visual merchandising», colocación do produto e atención ao cliente, cunha subvención máxima de 1.800,00 euros.

b) Investimentos en peonización ou semipeonización de prazas, rúas e zonas peonís comerciais contiguas e limitadas á contorna inmediata co edificio da praza de abastos.

Os proxectos poderán incluír aparcadoiros, amoblamento urbano, sinalizacións, rotulación comercial e aqueles complementos que estimulen e impulsen a actividade comercial.

Non se consideran subvencionables proxectos dirixidos singularmente a investimentos de infraestrutura viaria, así como a mellora do pavimento ou iluminación.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 80.000,00 euros de subvención, e será incompatible coa subvención recollida na alínea a).

c) Actuacións que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos, dirixidas á atracción de novos consumidores e á promoción das vendas. Estas actuacións deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se mostre a participación directa dos/as praceiras/os e as súas asociacións representativas, e se reflicta no correspondente acordo da entidade asociativa, sempre que esta última non solicitase ou obtivese unha axuda ao abeiro da orde da Consellería de Economía e Industria para a concesión das subvencións ás asociacións de comerciantes sen fins de lucro, para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia (IN219A).

1. Equipamentos e material de uso comunitario para as/os praceiras/os, en concreto, adquisición de equipamento comercial específico e os bens mobles especializados necesarios para un mellor exercicio da venda, así como para garantir a seguranza do inmoble do mercado municipal ou praza de abastos.

2. Dinamización comercial que se desenvolverá nas instalacións propias da praza de abastos e, se é o caso, a súa publicitación a través de medio de comunicación locais e internet. Estas actuacións deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación do consumo, con informe da mesa local de comercio.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 3.000 euros de subvención.

d) Investimentos para adecuación física ou mellora de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, en concellos de ata 20.000 habitantes.

Non se consideran subvencionables investimentos que se vaian executar nas rúas de vilas e cidades onde se celebren mercados de apertura periódica.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 30.000,00 euros de subvención.

e) Actuacións que teñan por finalidade acadar a dinamización comercial dirixidas a atracción de novos consumidores e á promoción das vendas nos eixes comerciais, agás os centros comerciais abertos, en concellos de ata 20.000 habitantes. Estas actuacións deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo, con informe da mesa local de comercio, no cal se mostre a participación de todas as asociacións representativas do comercio existentes no termo municipal.

A porcentaxe subvencionable acadará o 75 % do investimento, cun máximo de 3.000,00 euros de subvención.

5. Gastos subvencionables.

De acordo co previsto no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, sen admitiren dúbida, respondan á natureza da actuación subvencionada e que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2014.

No suposto de rehabilitación e mellora de bens inventariables cumprirase o estipulado no artigo 29, puntos 4 e 5, da citada Lei 9/2007 e, de ser o caso, as seguintes regras especiais:

– No caso de bens inscritibles nun rexistro público, a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante un período de cinco anos.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados entre o 1 de xaneiro de 2014 e a data límite de xustificación establecida nestas bases reguladoras. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, pagos, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

6. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Custos relativos á adquisición de bens inmobles e/ou o seu mantemento, así como alugamento de locais.

b) Custos relativos á redacción de proxectos técnicos que non leven unida a súa execución.

c) Custos de toda clase de persoal, agasallos promocionais, premios, trofeos, gastos de representación e a realización de recepcións e actos análogos.

d) Campañas de promoción ou calquera outra actuación que teña por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporte actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica ou similares, así como as actuacións promovidas polos centros comerciais abertos ou polas asociacións de praceiras/os das prazas de abastos.

7. Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no punto 4. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

Subvencionarase un proxecto por concello, agás os referidos no artigo 1.4.c) e e) das bases reguladoras, que poderán ser complementarios dos solicitados para outras actuacións.

De presentarse máis dunha solicitude, coas excepcións antes referidas, deberá sinalarse a súa priorización e, de non producirse esta, optarase polo proxecto de menor contía e aplicarase o disposto no artigo 8.4.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se establezan para as actuacións previstas nesta orde financiaranse co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 08.02.751-A.761.3 (transferencias de capital. A corporacións locais. Ordenación territorial do comercio. Espazos comerciais municipais), por un importe total de 3.125.000 euros.

Esta aplicación orzamentaria está cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o 20 % restante polo Fondo de Compensación Interterritorial (FCI). As actuacións previstas están comprendidas no programa operativo Feder Galicia 2007-2013, dentro do eixe 2, tema prioritario 08, actuación 08.

2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.

3. Ningunha operación recibirá de ningún fondo unha axuda superior ao custo elixible, de acordo coa normativa sobre gastos subvencionables ao incluírse as subvencións dentro do programa operativo Feder Galicia 2007-2013. No caso de percibir outras axudas financiadas por fondos europeos ou instrumentos financeiros comunitarios, garantirase que o conxunto das axudas non supere o custo elixible e que non existe dobre financiamento, de conformidade co artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e no prazo que se indiquen na convocatoria.

2. Cada solicitude presentada terá como obxecto a realización dunha única actuación das relacionadas no artigo 1.4 destas bases. En consecuencia, tipoloxías distintas de actuación serán obxecto de solicitudes diferentes.

3. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II, deberá achegarse a seguinte documentación en orixinal ou copia compulsada:

a) Certificación do acordo de aprobación, polo pleno do concello ou do órgano municipal que teña a atribución competencial, do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto. No caso de agrupacións de concellos o acordo, que se xuntará por cada concello participante, incluirá a vontade de acometer a actuación en conxunto cos outros concellos.

b) Certificación acreditativa da dispoñibilidade dos inmobles ou das vías en que estea previsto realizar o investimento, segundo os casos.

c) Memoria explicativa que considere os seguintes aspectos:

– Interese, oportunidade e necesidade do investimento.

– Programa de execución con especificación das datas de inicio e remate previstas, acompañado do orzamento desagregado de gastos. No caso de agrupacións de concellos, no orzamento figurará que concello asume cada partida proposta.

– Estado actual do equipamento de que se trate e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpre.

– En investimentos de mercados e prazas de abastos, indicar a existencia de ordenanza reguladora, horario do servizo, número total de postos de venda diferenciando a súa ubicación, sexa interior ou exterior e por tipo de produto, así como o número dos ocupados, segundo o modelo normalizado do anexo II. Noutros investimentos, cadro detallado, por tipoloxía, dos establecementos comerciais existentes na zona concreta da actuación.

– En investimentos de espazos destinados a mercados tradicionais e ambulantes de apertura periódica, certificado do órgano competente do concello acreditativo da realización neses espazos da devandita actividade comercial de xeito habitual e periódico, indicando, así mesmo, as datas de realización.

d) Reportaxe fotográfica do estado actual onde se proxecta o investimento, incluíndo, se é o caso, os establecementos comerciais afectados.

e) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións efectuadas para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, así como declaración do solicitante de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo o modelo normalizado do anexo II.

f) Declaración responsable de acharse ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións segundo o modelo normalizado do anexo II.

g) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o modelo normalizado do anexo II. No caso de agrupacións de concellos, presentarase unha por concello participante.

h) Memoria valorada, asinada por un técnico competente, con detalle no nivel de capítulo, das actuacións que se pretenden executar cando se trate de realización de obras.

i) Presentación da lista de comprobación de medio ambiente sobre operacións e indicadores de impacto e realización (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-Feder).

4. Cando se trate de agrupacións de concellos, deberá facerse constar expresamente na solicitude os compromisos asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da lei de subvencións. Así mesmo, deberá designarse o órgano de contratación e o órgano a que se lle deberá efectuar o pagamento da subvención. Tales termos poderán reflectirse nun convenio entre os concellos que, de ser o caso, deberá entregarse xunto coa xustificación.

Procederase á exclusión ou inadmisión daquelas solicitudes efectuadas por agrupacións de concellos nas cales non se acredite a realización conxunta dunha actuación e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local, polo que deberán beneficiarse do proxecto todos os membros, é dicir, a actuación subvencionable non suporá actuacións illadas dentro de cada concello.

5. Para os efectos do establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, permitirase a subcontratación do cen por cen das actividades subvencionadas.

6. Na xestión da contratación, as entidades locais, pola súa natureza xurídica, están sometidas ao ámbito subxectivo delimitado polo texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se deberán respectar, en todo caso, as prescricións desa lei para os procedementos de contratación subvencionados por esta orde de axudas.

Será responsabilidade da entidade local beneficiaria o cumprimento da citada normativa de contratación pública, e o seu incumprimento pode dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

En canto á obriga que establece o artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención, enténdese cumprida nesta convocatoria, coas obrigas que establece a normativa de contratación pública, por teren os beneficiarios, nese suposto, a obriga de tramitar un expediente de contratación.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio, a través dos respectivos departamentos territoriais, poderá solicitar ao concello cantos informes estimen oportunos para a valoración dos proxectos.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, non será necesario presentar a documentación xurídico-administrativa que xa se atope en poder desta consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique nos formularios de solicitude o ano de presentación e o código de procedemento administrativo para que foi presentada.

No suposto de imposibilidade material de obter a documentación conforme o punto anterior ou se se constatar a súa invalidez, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 6.2.b) e 9 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, non será necesario presentar o DNI, NIE ou NIF no caso de que a entidade solicitante autorice o órgano xestor para obter os datos identificativos da Axencia Estatal da Administración Tributaria.

3. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos. Todo isto conforme o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas particularidades previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007.

Artigo 6. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e corresponde ao secretario xeral técnico, por delegación do conselleiro de Economía e Industria (Orde do 26 de xullo de 2013, Diario Oficial de Galicia número 154) ditar a resolución de concesión.

Unha vez ditada esta resolución, previa á súa fiscalización, e antes de proceder á contabilización do compromiso de gasto desconcentraranse os créditos correspondentes a cada un dos departamentos territoriais da consellería, no ámbito das súas respectivas demarcacións, e procederanse a efectuar os axustes contables necesarios para a continuación da tramitación subseguinte nas respectivas xefaturas territoriais, de conformidade co establecido no Decreto 88/1990 sobre desconcentración de competencias en materia de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, terase por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte.

2. A comisión será presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e formarán parte, como vogais, os/as xefes/as dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Se, por causa xustificada, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puider asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

3. No informe de valoración que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendido ben co crédito que quede libre se se producir algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ou ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) Que o concello posúa mecanismos específicos de control do mercado ou praza de abastos que garantan a rotulación e exhibición de prezos, 2 puntos.

b) Que o proxecto inclúa un punto de información ao consumidor, consigna ou servizo de repartición a domicilio, 1 punto.

c) Remodelación de mercados municipais ou prazas de abastos que incorporen un plan de xestión específico, aprobado polo concello, 2 puntos. Sen plan de xestión, 1 punto.

d) Proxectos que contribúan á eliminación de barreiras arquitectónicas, urbanísticas e de comunicación, segundo criterios de accesibilidade, comodidade e información dos consumidores e usuarios: 1 punto.

e) A maior achega de investimento sobre a contía subvencionable: 2 puntos.

f) Proxectos que incorporen actuacións referidas ás enerxías alternativas ou que posibiliten a reciclaxe e a eliminación de residuos, 1 punto.

g) Concellos que dispoñan de ordenanza reguladora da praza de abastos ou do mercado tradicional e ambulante de apertura periódica, segundo os casos, aprobada con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2008, 3 puntos.

h) Ocupación de máis do 50 % dos postos de venda dispoñibles na praza de abastos, 2 puntos.

i) Proxectos en prazas, rúas e zonas peonís comerciais estremeiras do edificio da praza de abastos, segundo o número de establecementos comerciais onde se vai realizar o investimento –entendendo por tales aqueles que veñen recollidos na sección G do Real decreto 475/2007, do 13 de abril, polo que se aproba a clasificación nacional de actividades económicas-, 2 puntos con máis de 10 establecementos; noutro caso, 1 punto.

j) As solicitudes presentadas conxuntamente por dous ou mais concellos terán 4 puntos adicionais.

2. Unha vez esgotado o crédito dispoñible, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Menor contía da subvención solicitada.

2º. Investimentos en prazas de abastos para reparación, modernización e remodelación da estrutura física e das instalacións de uso comunitario.

3º. Concellos de menos de 10.000 habitantes.

4º. Solicitude presentada correctamente, sen que sexa necesaria a súa rectificación nin petición de documentación complementaria.

Artigo 10. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o número anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración emite informe para que o órgano instrutor formule a proposta de resolución e a eleve ao conselleiro.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria. Nesta publicación especificarase a data de convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais o internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da subvención.

3. O beneficiario deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 40 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento. Non facelo dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto, en este caso, iniciaríase o correspondente procedemento de reintegro.

4. O acto por que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10. Cando a modificación solicitada non altere os importes, tanto do total do investimento subvencionable como da subvención concedida, delégase expresamente nos/as xefes/as dos respectivos departamentos territoriais a competencia para autorizar ou denegar a modificación solicitada.

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a súa notificación ou publicación sen que o interesado comunique expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución no termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas do beneficiario as previstas no artigo 11 da Lei 9/2007 e, particularmente:

a) Realizar o investimento ou a actuación que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización do investimento ou a actividade, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En particular, facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e do Tribunal de Contas da Comisión Europea, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) Deberá manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos relacionados co investimento realizado ao abeiro desta orde, e deberán conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa subvención outorgada durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 de Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, e deberán restituír a subvención outorgada nos casos en que concorra causa de reintegro.

g) Reintegro, total o parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007.

h) Declarar, con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión, estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda.

Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade

1. O beneficiario deberá adoptar as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das actuacións subvencionadas unha vez rematado o investimento, mediante a instalación dunha placa explicativa coa imaxe corporativa da Xunta de Galicia-Consellería de Economía e Industria-Dirección Xeral de Comercio, xunto co contido exixido nos números 2 e 3.

2. O beneficiario deberá cumprir as medidas en materia de información e publicidade reguladas na sección 1 do capítulo II do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, e que se recollen na Guía de publicidade e información das intervencións cofinanciadas polos fondos estruturais 2007-2014, que poden consultarse na páxina web http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/guia-intervencions-cofinanciadas-fe

3. En aplicación desta normativa en materia de publicidade, os beneficiarios deberán ter en conta que, de acordo co artigo 9 do citado Regulamento (CE) nº 1828/2006 e o artigo 1.2.a) do Regulamento (CE) 846/2009, todas as medidas de información e publicación establecidas incluirán os elementos seguintes:

– O emblema da Unión Europea.

– Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

– Declaración do Fondo: «Unha maneira de facer Europa».

– Proporcionalidade entre emblemas.

4. A aceptación desta axuda supón a publicación na lista de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión.

Artigo 17. Xustificación da subvención

1. Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar, na respectiva xefatura territorial, a seguinte documentación, en orixinal ou copia compulsada, e ten de prazo para presentala ata o 31 de outubro de 2014.

a) En caso de obras:

– Proxecto técnico ou memoria técnica definitiva asinados, documentos que non poderán variar substancialmente a memoria presentada coa solicitude, todo isto agás que a devandita documentación se achegase con anterioridade.

b) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

c) En todos os casos:

– Certificación do órgano que ten atribuídas as facultades de control da legalidade, acreditativa do cumprimento da normativa de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e copia compulsada do expediente de contratación completo.

– A xustificación dos gastos efectuarase con facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente e a do pagamento cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados, dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación.

– Certificación da intervención respecto da achega municipal comprometida para financiar o investimento.

– Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes, doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais segundo o modelo normalizado do anexo III.

– Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións segundo o modelo normalizado do anexo III.

– Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, segundo o anexo III.

– Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

– Certificación da secretaría da mesa local do comercio en que conste a presentación do proxecto.

– No caso de concellos que desenvolven un proxecto común ou en proceso de fusión, certificación dos respectivos órganos plenarios en que se autorice a designación dun deles como órgano de contratación.

– Evidencia documental do cumprimento das obrigas en materia de información e publicidade: fotografías de carteis e placas, exemplares das actuacións de dinamización e publicidade e, se é o caso, a súa axeitada difusión a través da páxina web.

2. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen tela presentado, de conformidade co disposto polo artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, requirirase o beneficiario para que, no prazo improrrogable de dez días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e a exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na lei de subvencións. A presentación da xustificación no prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que legalmente correspondan. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 18. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, as respectivas xefaturas territoriais, antes de procederen ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento do investimento subvencionado.

2. Realizados, de ser o caso, os axustes contables respecto da desconcentración de créditos, os/as titulares dos respectivos departamentos territoriais proporán o recoñecemento da obriga e o pagamento, sendo competentes para a resolución dos procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos beneficiarios.

3. O libramento da subvención farase unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado.

4. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución de concesión, e sempre que estea garantida a consecución do obxecto, ou se se producir a concorrencia con outras subvencións ou axudas, sempre que a contía total supere o custo do investimento.

O pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada, calculada en función da porcentaxe subvencionada do custo final da actividade, sempre que se xustifique un mínimo do 50 % do importe establecido na resolución de concesión.

Artigo 19. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superar o 65 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 20. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás actuacións de comprobación das distintas instancias comunitarias de control e ás verificacións do artigo 13 do Regulamento (CE) nº 1828/2006.

Para estes efectos, os concellos beneficiarios das axudas achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non disposto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente; o Decreto 88/1990 sobre desconcentración de competencias en materia de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia; no Regulamento (CE) nº 1080/2006, no Regulamento (CE) nº 1083/2006, no Regulamento (CE) nº 1828/2006, relativos ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file