Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 2014 Páx. 19485

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2014 pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 30 de decembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Programa i2C INN), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (código de procedemento IN848A).

A Resolución do 30 de decembro de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 24 de xaneiro do 2104, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Programa i2C INN), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014. No seu artigo 6 establécese a aplicación orzamentaria e o importe previsto para o financiamento das devanditas subvencións.

Na aplicación orzamentaria correspondente existe crédito dispoñible e co fin de atender as solicitudes admitidas para participar nesta convocatoria, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para estas axudas.

Unha vez constituída a Axencia Galega de Innovación, establecida no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 27 de xaneiro), polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, e de acordo co disposto na súa disposición adicional primeira, quedou suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, e a Axencia subrogouse na totalidade dos seus dereitos e obrigas derivados do exercicio das correspondentes competencias e sucedeuna en todas as súas competencias.

Consecuentemente con todo o anterior e en exercicio das facultades que me confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro,

RESOLVO:

Artigo 1

1. Ampliar a dotación orzamentaria da Resolución do 30 de decembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 16, do 24 de xaneiro) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (Programa i2C INN), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

2. Na táboa seguinte detállanse os créditos definitivos:

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Ampliación

Crédito definitivo

08.A3.741A.771.0

2.500.000,00 €

596.250,00 €

3.096.250,00 €

Total

2.500.000,00 €

596.250,00 €

3.096.250,00 €

A aplicación orzamentaria con que se financian estas axudas está cofinanciada nun 80 % con fondos Feder e nun 20 % con FCI.

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2014

P.A. (Resolución do 1.7.2013 da Presidencia da Axencia;
DOG núm. 136, do 18 de xullo)
Benito Fernández Rodríguez
Director da Área de Xestión