Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 2014 Páx. 19835

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de abril de 2014, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade ao outorgamento de concesión demanial sobre as instalacións do campo de fútbol Anxo Carro (Lugo).

Conforme o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (BOE do 28 de abril), a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte (artigo 27.22), competencia que é desenvolvida pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia (DOG do 13 de abril).

A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia é titular do campo de fútbol Anxo Carro, consonte ao Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura.

Segundo o artigo 41.1 da Lei 5/2011, a competencia para o outorgamento de autorizacións e concesións sobre bens e dereitos do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que non veña especificamente determinada por unha norma con rango de lei corresponde á persoa titular da consellería a que se atopen adscritos.

Pola súa banda, a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no seu artigo 5.1, atribúe á Administración autonómica o exercicio, entre outras, da competencia para ordenar e, de ser o caso, xestionar as instalacións e os centros deportivos que teña adscritos. De conformidade co artigo 5.2 da Lei do deporte de Galicia, as competencias indicadas na alínea anterior exerceranas, nos termos establecidos nesta lei e, se é o caso, nas súas normas de desenvolvemento, os órganos administrativos que determinen as normas de organización e funcionamento da Xunta de Galicia.

O artigo 5 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG do 14 de xuño), establece que a Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas.

O artigo 40.1 da Lei 5/2011 establece que o outorgamento das concesións demaniais se efectuará en réxime de concorrencia. Non obstante, pode acordarse o outorgamento directo cando concorran os supostos previstos no artigo 77 desta lei ou cando se dean circunstancias excepcionais, debidamente xustificadas.

No artigo 77.f) establécese como causa facultativa para acudir ao procedemento de adxudicación directa: «Cando por razóns excepcionais se considere conveniente efectuar a venda a favor do ocupante do inmoble».

Desde o 6 de setembro de 1974, en virtude dun contrato de alugamento asinado entre o club e a Delegación Nacional de Educación Física e Deportes, o Club Deportivo Lugo vén utilizando as instalacións e servizos propios do campo de fútbol Anxo Carro para o desenvolvemento da súa práctica deportiva. A partir do decreto de traspaso de transferencias (Real decreto lexislativo 2334/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, BOE núm. 235, do 1 de outubro), a titularidade das instalacións do Anxo Carro pasaron a ser da Comunidade Autónoma de Galicia pero mantivéronse as condicións do citado contrato de alugamento co Club Deportivo Lugo.

No ano 2011, o club ascendeu á segunda categoría da Liga de Fútbol Española, así, o único Club desta categoría en toda a provincia de Lugo. Isto comporta ter que cumprir cunha serie de condicións técnico-deportivas en canto ás instalacións en que os clubs desenvolven as súas prácticas deportivas nesas determinadas categorías, recollidas no Regulamento xeral da Liga Nacional de Fútbol Profesional e que non son requiridas para outros equipos de menor categoría.

De acordo co artigo 94 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas, e co artigo 40.2 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, non concorre no Club Deportivo Lugo ningunha das prohibicións de contratar reguladas no artigo 60 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, que imposibilitarían que este desempeñase a condición de titular dunha concesión demanial.

No caso de que posteriormente ao outorgamento da concesión o titular incorra nalgunha das prohibicións de contratar, producirase a extinción da concesión.

Bases legais:

Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio de Galicia.

Normas básicas da Lei 33/2003, do 3 de novembro, de patrimonio das administracións públicas e do seu regulamento, aprobado polo Decreto 307/2009.

Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

RESOLVO:

1. Outorgar unha concesión demanial ao Club Deportivo Lugo sobre as instalacións do campo de fútbol Anxo Carro, situado na avenida dos Deportes, s/n, en Lugo 27004, cunha superficie do solo de aproximadamente uns 14.331 m2 segundo figura no catastro (referencia 6523501PH1662S0001GQ e vinculado co código de inventario L0106).

2. Acordar o outorgamento directo da concesión por concorrer o suposto previsto no artigo 40.5 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, dadas as circunstancias excepcionais que xustifican o outorgamento ao Club Deportivo Lugo.

3. Establecer a gratuidade da concesión, de acordo co establecido no número 5 do artigo 40 da Lei 5/2011, dado que aínda que o aproveitamento das instalacións produce unha utilidade económica para o concesionario esta é irrelevante xa que os ingresos xerados pola utilización das instalacións servirán para facer fronte aos numerosos gastos de xestión que comporta a instalación.

4. Determinar que a concesión se rexa polas seguintes condicións:

• O Club Deportivo Lugo comprométese a facer fronte a todos os gastos que ocasione a conservación, reparación, melloras e reformas, mantemento, limpeza e seguridade necesarios para garantir o bo uso das instalacións desde a data da sinatura da presente resolución, así como das subministracións necesarias para o seu correcto funcionamento. Así mesmo, deberá pagar todos os impostos de que sexa obxecto o inmoble a partir da sinatura da resolución (incluíndo o IBI que se presente ao cobramento no ano 2014).

• O Club Deportivo Lugo comprométese a levar a cabo todas as obras necesarias para a adecuación do campo de fútbol ás exixencias técnico-deportivas que o Consello Superior de Deportes lle trasladou ao club para poder participar na competición española como club de segunda categoría (Regulamento xeral de obras de adaptación ás medidas de seguridade nos recintos e instalacións deportivas, previstas no Real decreto 769/1993, do 21 de maio. Libro VI), das que dará cumprida conta, para o seu coñecemento, á Secretaría Xeral para o Deporte, e as de conservación, reparación, melloras e reformas, mantemento e mellora técnica que en cada caso sexan precisas ou veñan impostas por normas de carácter xeral, para o que debe obter as licenzas precisas e debe contar coa autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte.

• O Club Deportivo Lugo deberá manter e conservar o campo de fútbol e as súas instalacións, así como a parcela en que se sitúan en perfecto estado de utilización, funcionamento, limpeza e hixiene, e realizar pola súa conta os traballos de conservación e mantemento e cantas reparacións sexan precisas, así como as obras necesarias que excedan a mera conservación e mantemento e que poidan ser impostas pola Liga Profesional, a UEFA, etc., así como pola finalización da vida útil do campo, ou aqueloutras obrigadas pola normativa que poida aprobarse posteriormente á sinatura da presente resolución.

• O Club Deportivo Lugo cederá gratuitamente á Secretaría Xeral para o Deporte os espazos publicitarios do campo de fútbol necesarios para exhibir publicidade da Secretaría, e correrá cos gastos que ocasione contratar os soportes publicitarios imprescindibles para iso, por un investimento duns quince mil euros anuais (15.000,00 €/ano).

• O Club Deportivo Lugo porá á disposición da Secretaría Xeral para o Deporte un número de entradas de ata 10 en zona de palco presidencial por cada partido e/ou evento de carácter deportivo que se celebren no Anxo Carro.

• O Club Deportivo Lugo subscribirá unha póliza de seguro de todo risco, de perdas e danos materiais, polo importe do valor do inmoble. Ademais, subscribirase unha póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período da concesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

• O período de duración desta concesión será de dez anos contados a partir da sinatura do documento administrativo de formalización da concesión, con posibilidade de prórrogas anuais de ata un máximo de 25 anos. Son causas de extinción desta concesión as establecidas no artigo 42 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que lle sexan de aplicación.

• O incumprimento das cláusulas da concesión dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador de conformidade co disposto nos artigos 126 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou normativa que a posteriori os substitúa ou de preferente aplicación.

• Ao extinguirse a concesión, o campo de fútbol con todas as súas instalacións e obras, reverterá na Secretaría Xeral para o Deporte, sen que o concesionario teña dereito á percepción de contraprestación ningunha pola reversión.

• Unha vez transcurrido o prazo máximo da concesión, o concesionario deberá abandonar e deixar libre e á disposición da Comunidade Autónoma as instalacións. En caso contrario, a Administración autonómica terá a potestade de acordar e executar por si mesma o lanzamento.

• A concesión non implica cesión do dominio público, obrigándose o cesionario a non traspasar ou ceder mediante calquera negocio xurídico, en forma ningunha, os dereitos inherentes a esta concesión.

• En caso de rescate anticipado da concesión, o Club Deportivo Lugo será indemnizado polos quebrantamentos materiais xurdidos pola extinción anticipada. O rescate deberá estar baseado nunha circunstancia sobrevida de interese público.

• Serán causas de revogación ou modificación da presente resolución as recollidas no artigo 42 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e, se é o caso, a posible e futura concorrencia doutro club da cidade na mesma ou superior categoría que poida estar interesado na utilización das instalacións do campo de fútbol Anxo Carro.

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014

Por desconcentración (Decreto 88/2013)
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte