Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2014 Páx. 26292

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de maio de 2014 de aprobación definitiva da corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Abegondo (A Coruña).

O Concello de Abegondo solicita a aprobación definitiva do expediente de corrección de erros do Plan xeral de ordenación municipal, aprobado provisionalmente polo Pleno do 21 de febreiro de 2014.

Analizada a documentación achegada e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Abegondo dispón na actualidade dun plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 14 de setembro de 2012.

2. Consta informe sobre a corrección de erros na normativa do Plan xeral de Abegondo, subscrito en decembro de 2013 polo redactor do plan xeral, Álvaro Fernández Carballada, con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente o 21 de febreiro de 2014.

3. O Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial da Coruña requiriu, en virtude do establecido no artigo 85.7 da LOUG e mediante escrito do 22.4.2014, a emenda de deficiencias documentais. Foi formalizado polo concello o 24 de abril de 2014.

II. Obxecto e descrición da modificación proposta.

1. A corrección de erros vén derivada da detección polos servizos técnicos municipais de pequenos erros ou omisións que cómpre aclarar para non dar lugar a malas interpretacións do novo documento.

2. Estas incorreccións son, divididas en tres alíneas:

a) Contradicións na normativa/planos:

• Aplicación da excepcionalidade de fronte mínima nas ordenanzas 1 de solo de núcleo rural e 1 de solo urbano.

• Contradición entre normativa e planos sobre a asignación dos dous tipos de solo rústico de protección agropecuaria.

b) Erros:

• Pervivencia da mención a áreas de expansión dos núcleos rurais no artigo 116 da normativa.

• Definición de certas categorías de usos dotacionais no artigo 262 da normativa.

c) Aclaracións:

• Outras condicións en cubertas nas ordenanzas de vivenda unifamiliar.

• Mellor especificación dos ámbitos de aplicación da ordenanza de equipamento en solo de núcleo rural, nos artigos 357 e 358 da normativa.

• Condición de parcela edificable.

• Actuacións prohibidas en solo de núcleo rural tradicional.

• Corrección de certas aliñacións na documentación gráfica.

III. Análise e consideracións.

1. Condicións de parcela edificable (punto 3.1 do informe municipal).

Introdúcese a mención expresa na ordenanza 1 de solo de núcleo rural (artigo 355 da normativa) e na ordenanza 1 de solo urbano (artigo 338 da normativa) da posibilidade de largos menores de fronte de parcela nos supostos indicados no artigo 283 da normativa, aplicable ás parcelas en solos de licenza directa.

As ordenanzas en solo de núcleo rural e en solo urbano remiten as condicións de parcela edificable ao artigo 283; no caso das ordenanzas 1 de solo urbano e de núcleo rural, transcríbese parte deste, obviando a excepcionalidade de fronte mínimo. A corrección proposta é, en consecuencia, admisible.

2. Ordenanzas de solo rústico de protección agropecuaria (punto 3.2 do informe).

O artigo 393 da normativa do plan xeral define o solo rústico de protección agropecuaria 1 como aquel que ten o seu ámbito indicado nos planos de clasificación do solo, sendo o solo rústico inmediato ao encoro de Abegondo con alta sensibilidade paisaxística, no cal se teñen que limitar sobre todo os usos que impliquen impacto visual sobre o medio. O artigo 394 da normativa, solo rústico de protección agropecuaria 2, refírese ao resto do solo rústico de tal carácter do termo municipal.

Nas lendas dos planos de ordenación figura como SR-PA1 o solo rústico de protección agropecuaria 1 e como SR-PA 2 o solo rústico de protección agropecuaria 2. Os ámbitos que se cualifican están invertidos respecto da definición do texto, pois os terreos contiguos ao encoro de Cecebre figuran coa cualificación SR-PA 2.

A proposta, para evitar a modificación de varias follas dos planos, opta por modificar os títulos dos artigos 393 e 394 da normativa, de xeito que o primeiro pasa a regular o solo rústico de protección agropecuaria do contorno do encoro SR-PA 2 e o segundo o solo rústico de protección agropecuaria común SR-PA 1.

A corrección proposta resulta dunha contradición clara entre os planos e a normativa e é corrixida atendendo á definición de ambas as categorías de solo contida no texto, do xeito que implica facer os menores cambios no documento.

3. Corrección do artigo 116 da normativa (punto 4.1 do informe).

A redacción vixente do artigo 116 da normativa, titulado Sistema de cesión de vías en solo de núcleo rural, contén dúas referencias á súa aplicación ás áreas de expansión dos núcleos rurais. O plan de Abegondo está adaptado á Lei 2/2010, polo que carece de terreos categorizados como área de expansión de solo de núcleo rural. A presenza de tales mencións pode explicarse como resultado dunha tramitación que comezou antes da Lei 2/2010 e que deixou restos na normativa.

A corrección proposta é admisible, por canto se eliminan referencias a unha categoría de solo inexistente no plan.

4. Corrección do artigo 262 da normativa (punto 4.2 do informe).

A proposta sinala que no capítulo VII nas condicións particulares do uso dotacional, na sección 1ª equipamentos, nos equipamentos de servizos funerarios e cemiterios (artigo 262 da normativa) cómpre modificar as categorías, xa que se encontran mal numeradas e con referencias erróneas. Faise constar que no texto da normativa publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña xa está corrixida a redacción.

A corrección proposta supón en concreto:

a) Reducir os parágrafos do A ao F do plan vixente ao A ao D, en coincidencia coas catro categorías de equipamentos de servizos funerarios previstas (velorios, tanatorios, crematorios e depósitos de cadáveres). Os parágrafos que perden a súa letra simplemente especifican a posible situación dos locais dos velorios (letra A) e tanatorios (letra C, nova letra B), polo que está xustificado que carezan dela, e poderá considerarse que existe un erro de numeración.

b) Eliminar as referencias ás categorías concretas dos edificios de usos asistencial e sanitario nos cales se pode situar cada categoría de equipamento de servizos funerarios. As definicións de uso sanitario e asistencial (artigo 255 da normativa) non conteñen división en categorías, polo que a referencia a elas no artigo 261 da normativa é un erro susceptible de corrección.

A corrección proposta é, en consecuencia, admisible.

5. Outras condicións en cubertas nas ordenanzas de vivenda unifamiliar (punto 5.1).

Nos artigos 338 (ordenanza 1 de solo urbano, vivenda familiar recuada), 339 (ordenanza 2 de solo urbano, vivenda familiar aliñada), 355 (ordenanza 1 de solo de núcleo rural, vivenda familiar recuada) e 356 (ordenanza 2 de solo de núcleo rural, vivenda familiar aliñada) no que atinxe á regulación das cubertas, a regulación vixente prohibe os pinches ou paredes de pinche por riba da altura da cornixa, o que se deberá resolver con faldróns de cuberta todo o perímetro.

A proposta sinala que «non se entende a non admisión de pinches por riba da altura de cornixa, condición que se deberá explicar mellor para non dar lugar a interpretacións erróneas», e propón unha nova redacción que permite tales elementos.

A proposta non é unha corrección de erros, senón que parte dunha valoración negativa da ordenación vixente, sobre a que non existe dúbida, e propón outra que considera mellor.

Isto require a tramitación dunha modificación do plan xeral nos termos indicados no artigo 93.4 da LOUG.

6. Ordenanza de equipamento en solo de núcleo rural (punto 5.2 do informe).

Propóñense as correccións seguintes na ordenanza de equipamentos en solo de núcleo rural:

a) No artigo 357. Ámbito de aplicación, esténdese a súa aplicación ás parcelas en que a ordenanza de aplicación permite como uso compatible o de equipamento.

b) No artigo 358. Réxime urbanístico, para os equipamentos de carácter público, especifícase que o réxime de aplicación para o sistema de equipamentos non é o xeral senón o específico para o solo urbano.

A extensión da aplicación da ordenanza de equipamentos ao resto do solo de núcleo rural cando o uso de equipamentos sexa un uso compatible non está xustificada, pois a propia ordenanza establece a súa aplicación só aos terreos así cualificados e a súa regulación, para o caso dos equipamentos privados, contén parámetros vinculados a tal cualificación nos planos, como a parcela mínima. De forma similar respecto da proposta para a regulación dos equipamentos de titularidade pública.

En consecuencia, a proposta non pode conceptuarse como corrección de erros, senón como unha alteración do planeamento.

Isto require a tramitación dunha modificación do plan xeral nos termos indicados no artigo 93.4 da LOUG.

7. Condición de parcela edificable (punto 5.3 do informe municipal).

Proponse a integración do contido do punto 4 do artigo 283 da normativa, sobre a asunción das parcelas existentes no momento da entrada en vigor do plan xeral inferiores á mínima que permitan a construción dunha vivenda de 50 m2 útiles conforme o Decreto 29/2010, no punto 1, como un parágrafo do punto 1 do mesmo artigo.

Para aclarar o contido deste artigo enténdese que a corrección é admisible.

8. Actuacións prohibidas en solo de núcleo rural tradicional (punto 5.4 do informe).

Proponse a corrección do artigo 82.2.d) da normativa, que, ao recoller as actuacións prohibidas no solo de núcleo rural histórico-tradicional, contén unha referencia ao artigo 203 da LOUG, que regula as ordes de execución en solo rústico e solo de núcleo rural, que se propón substituír pola do artigo 205 (indivisibilidade de parcelas), e engadindo a necesidade de presentar un estudo parcelario da zona.

Sobre a substitución da referencia ao artigo 203 pola do 205 pode considerarse un erro, por canto o artigo 203 non regula a materia que expresamente se cita.

No que afecta o estudo parcelario, a súa exixencia non aparece na normativa vixente, polo que a súa incorporación á normativa require a tramitación dunha modificación do plan xeral nos termos indicados no artigo 93.4 da LOUG.

9. Aliñacións na documentación gráfica (punto 5.5 do informe).

Proponse a corrección das aliñacións dunha vía no núcleo do Adro, para estender a rúa prevista polo planeamento ata o final da vía existente. Achégase un plano que recolle a realidade existente.

Á vista da documentación achegada, enténdese que a corrección proposta é admisible.

Como conclusión, entendese que se poden considerar correccións de erros as descritas no informe aprobado polo concello de Abegondo nos puntos 3.1, 3.2, 4.1, 4.2, 5.3, 5.5 e 5.4 (esta última só no relativo á substitución da referencia do artigo 203 da LOUG pola do artigo 205), e o resto das alteracións propostas deberán ser tramitadas, se é o caso, como modificación do plan ao abeiro do artigo 93.4 da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ás correccións de erros do PXOM do Concello de Abegondo, descritas nos puntos 3.1, 3.2, 4.1, 4.2, 5.3, 5.5 e 5.4 (esta última só no relativo á substitución da referencia do artigo 203 da LOUG pola do artigo 205) do informe aprobado polo Concello Pleno do 21 de febreiro de 2014, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2014

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas