Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 20 de xuño de 2014 Páx. 28148

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de abril de 2014 pola que se someten ao trámite de información pública a solicitude de autorización para a modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, situada nos concellos de Monfero, As Pontes e A Capela, provincia da Coruña, así como o proxecto técnico e o documento de avaliación ambiental presentados por Endesa Generación, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 9 do texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, modificado pola Lei 6/2010, do 24 de marzo, no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e no artigo 126 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, Augas de Galicia somete de forma simultánea ao trámite de información pública a solicitude de autorización para a modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, así como a documentación técnica e ambiental achegada pola sociedade solicitante.

Para estes efectos, cumprindo o trámite de información que debe facilitarse ao público sobre os aspectos máis relevantes relacionados co procedemento de referencia, infórmase do seguinte:

a) Endesa Generación, S.A. solicitou autorización para emprender as obras relativas á modernización dos desaugadoiros de fondo da presa do Eume, que acompañou do correspondente proxecto técnico.

b) Endesa Generación, S.A. presentou un estudo de impacto ambiental do proxecto antedito, segundo a cualificación do proxecto efectuada polo órgano ambiental.

c) A competencia para resolver a solicitude de autorización corresponde ao director de Augas de Galicia e é competencia da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a resolución do procedemento de avaliación do impacto ambiental.

d) A declaración de impacto ambiental configúrase como un acto de trámite, de carácter vinculante, e o seu contido deberá integrarse no procedemento substantivo.

e) A solicitude, o proxecto e o estudo de impacto ambiental están dispoñibles ao público, para a súa consulta, nas dependencias de Augas de Galicia situadas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

f) Todas aquelas persoas naturais ou xurídicas que se consideren interesadas poderán formular por escrito cantas alegacións, observacións, suxestións e reclamacións consideren procedentes, persoalmente ou por medio do seu representante con poder suficiente, que deberán dirixirse a Augas de Galicia e presentarse por calquera dos medios recollidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro do prazo de trinta días hábiles, que comezará a computarse a partir da data da derradeira das publicacións que corresponde facer da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña.

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2014

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia