Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 18 de xullo de 2014 Páx. 31656

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se autorizan e se publican diversos acordos adoptados pola Comisión central de seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade (Diario Oficial de Galicia número 89, do 9 de maio de 2011).

De conformidade coas competencias previstas na norma I.5.1 do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal asinado o 26 de abril de 2011, no seo da Comisión central de seguimento do dito pacto, en reunións mantidas o 3 de febreiro de 2014 e o 10 de xuño de 2014, adoptáronse os acordos que se recollen como anexo da presente resolución.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2014

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Acordos da Comisión central de seguimento do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade:

I. Renuncia sen penalización a vínculos de longa duración a tempo parcial nos supostos de cambio de área.

I.1. As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a tempo parcial, en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do anterior pacto de selección temporal (Resolución do 24 de maio de 2004), e que coa entrada en vigor de novas listas figuren como aspirantes nunha área distinta, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

I.2. Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquela nova área/zona en que figure inscrito, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, será chamado para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde na nova área/zona.

I.3. A aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

I.4. A non aceptación da oferta de nomeamento na nova área/zona comporta a aplicación do réxime penalizador disposto na norma IV.1 do pacto de selección temporal.

I.5. Para os efectos de aplicación deste criterio, as listas das zonas sanitarias previstas na norma II.6 do pacto vixente terán a natureza de ámbito distinto respecto das listas da área sanitaria en que se integran.

I.6. Respecto daquelas categorías cuxas listas entraron en vigor con anterioridade á efectividade deste acordo, o prazo referido nos números I.2 e II.2 habilitarase a partir do día seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

I.7. Este acordo así como o adoptado por este mesmo órgano publicado no Diario Oficial de Galicia nº 82, do 29 de abril de 2013 aplicarase nos sucesivos procesos de xeración de listas que se efectúen en cada categoría.

II. Determinación da orde de chamamentos para os supostos de rotación entre a quenda de promoción profesional temporal e a quenda de acceso libre.

Ratifícase para os chamamentos que deban efectuarse consonte as listas elaboradas ao abeiro do Pacto de selección temporal do 26 de abril de 2011 o acordo da Comisión central de seguimento do pacto publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de xullo de 2006, nos seguintes termos:

II.1. O primeiro chamamento que deba efectuarse nunha determinada categoría e área para a cobertura dunha interinidade en praza vacante e demais que se consideren, inicialmente de duración igual ou superior a dous meses, efectuarase pola quenda de promoción profesional temporal –lista de curta ou longa duración, segundo o tipo de nomeamento–.

II.2. En cada publicación de listas definitivas, sexa durante a vixencia dun mesmo pacto ou doutro posterior que o substitúa, non se reiniciará o cómputo do 50 % a prol das listas de promoción profesional temporal, senón que o dito 50 % de alternancia para as vinculacións que se deben cubrir na respectiva categoría e área/zona debe aplicarse con continuidade, é dicir, respectando a orde seguida para o chamamento inmediatamente anterior realizado no respectivo ámbito.

III. Suspensións de chamamentos excepcionadas do réxime xeral de reposición en lista previsto na norma III.4.3 do vixente pacto de selección temporal.

Con carácter xeral, a norma III.4.3 do Pacto de selección temporal vixente determina que as suspensións de chamamentos se manterán ata que a persoa interesada comunique a súa dispoñibilidade alegando o remate da causa de suspensión e sexa aceptada a súa reposición na lista, de forma que unha vez que a persoa interesada presente a súa solicitude ante o órgano competente para efectuar o chamamento, a súa reposición na lista se activará con efectos do día 1 do mes seguinte –para as solicitudes presentadas entre o día 1 e 15 de cada mes–, ou, de ser o caso, con efectos do día 15 do mes seguinte –para as presentadas entre o día 16 e o último día de cada mes–.

Non obstante, por constituír motivos determinantes da imposibilidade de concorrer á prestación efectiva de servizos por circunstancia allea á vontade do/da interesado/a e de duración limitada no tempo, cómpre excepcionar do réxime previsto no citado número III.4.3 do pacto as seguintes causas:

1. Falecemento de familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

1.1. Duración da suspensión:

A opción da persoa aspirante, ata un máximo de 3 días naturais contados desde o feito causante, este incluído.

1.2. Acreditación:

Acreditarase tal circunstancia mediante:

– Documento xustificativo do falecemento.

– O grao de parentesco acreditarase co libro de familia ou documento que o substitúa, certificación do rexistro civil ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

2. Cumprimento dun deber público inescusable.

2.1. Ámbito de aplicación:

O deber inescusable debe ser personalísimo, sen posibilidade de execución por medio de representante ou substituto ou noutra data distinta.

Para estes efectos enténdese por deber inescusable de carácter público:

– A comparecencia obrigatoria por citacións instadas por órganos xudiciais ou calquera outro organismo oficial.

– A integración dunha mesa electoral.

– A asistencia a reunión dos órganos de goberno ou comisións derivados dun cargo electivo.

– Calquera outra obriga cuxo incumprimento xere ao/á interesado/a unha responsabilidade de orde civil, penal ou administrativa.

2.2. Duración:

O día correspondente ao exercicio da actividade inescusable.

2.3. Acreditación:

Acreditarase tal circunstancia mediante orixinal ou copia compulsada da citación ou convocatoria do órgano xudicial, órgano administrativo, órgano de goberno ou calquera outro órgano oficial de que se trate ou das comisións dependentes deles. Se é o caso, documento acreditativo da integración dunha mesa electoral.

3. Consulta médica nun centro de atención especializada do Servizo Galego de Saúde do/da aspirante, fillos/as menores de idade e persoas maiores ao seu cargo.

3.1. Ámbito de aplicación:

Para estes efectos, considéranse persoas maiores a cargo da persoa aspirante os/as familiares de primeiro grao que, pola súa idade ou estado de saúde, non se poidan valer por si mesmos para acudir á consulta.

3.2. Duración:

O día da consulta.

3.3. Acreditación:

Acreditarase tal circunstancia mediante o documento xustificativo do centro sanitario acreditativo da presenza neste do suxeito causante na data da suspensión e o grao de parentesco do solicitante da suspensión con aquel.

4. Reincorporación en lista.

A reactivación na lista da persoa aspirante producirase de forma automática, segundo o suposto, ao día seguinte da finalización da duración prevista para cada unha das causas de suspensión.

5. Disposicións comúns aplicables á acreditación do motivo de suspensión.

A persoa aspirante na cal concorra algunha das causas de suspensión previstas nos parágrafos anteriores deberá comunicar e acreditar a súa concorrencia na forma exposta segundo o suposto ante o órgano competente para efectuar o chamamento, no prazo máximo de catro días hábiles contados desde a data do feito causante.

A falta de acreditación no prazo e forma expostos determinará a aplicación do réxime xeral de reincorporación en lista previsto no número III.4.3 do vixente pacto, podendo procederse á revogación do eventual nomeamento que, de ser o caso, se tivese producido entre o remate do prazo de suspensión e a finalización do prazo de acreditación documental deste, sen que tal acreditación se tivese producido ou esta se efectuase incorrectamente.

No caso de que a persoa aspirante solicite unha duración superior á que figura en cada un dos tres supostos, a reposición nas listas será na forma e nos prazos que establece o número III.4.3 do pacto.

IV. Compatibilidade das listas de selección temporal e promoción profesional de enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía.

Ao abeiro do disposto no número I.5.1 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal e logo de examinada a dispoñibilidade actual de aspirantes na categoría de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, acórdase a compatibilidade das listas de selección temporal e promoción profesional das categorías de enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía.

A eficacia deste acordo queda condicionada á existencia dun número suficiente de aspirantes admitidos nas listas de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, de modo tal que a Administración poderá suspender temporalmente a súa aplicación, con carácter xeral ou para un ámbito territorial determinado, nos supostos de indispoñibilidade de aspirantes na listas de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía ou naqueles supostos en que o número de aspirantes inscritos nestas listas se prevexa insuficiente para dar cobertura ás necesidades da dita especialidade, que en todo caso terán carácter prioritario.

Da suspensión que, de ser o caso, se acorde será informada con celeridade a Comisión central de seguimento do pacto e respectivas comisións periféricas.

Esta compatibilidade farase efectiva a partir da seguinte xeración de listas que se efectúe nas categorías de enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía.

V. Orde de anulación das solicitudes de inscrición en listas incompatibles.

Acórdase que, no suposto de que un/unha aspirante solicite a súa inscrición en varias categorías incompatibles, se optará pola categoría en que o/a aspirante formalizase a súa inscrición en Fides/expedient-e en último lugar, quedando sen efecto a primeira rexistrada en Fides polo/a aspirante.

VI. Actualización periódica das listas de selección temporal no ámbito do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade no ano 2014.

Sen prexuízo do disposto na norma II.4.3.1 e II.4.3.2 do vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal, en 2014 serán obxecto de actualización as listas das categorías de celador/a, cociñeiro/a, enfermeiro/a, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias 061, enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, facultativo/a especialista de área de psicoloxía clínica, farmacéutico/a de atención primaria, fisioterapeuta, grupo auxiliar da función administrativa, logopeda, pediatra de atención primaria, persoal de servizos xerais, médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, pinche, técnico/a superior e de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, técnico/a en farmacia, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, dietética e nutrición, documentación sanitaria, hixiene bucodental, imaxe para o diagnóstico clínico, laboratorio de diagnóstico clínico, radioterapia, terapeuta ocupacional e traballador/a social.