Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 5 de agosto de 2014 Páx. 33640

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 24 de xullo de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2014, e se procede á súa convocatoria.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 1 «Xestión do talento» as actuacións de apoio á carreira investigadora, entre as cales se atopa o Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral.

A finalidade deste programa é incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema.

Unha das accións que se propoñen para a consecución destes obxectivos consiste en ampliar a formación do persoal investigador doutor mediante o financiamento, de común acordo coas tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), dun contrato de estadía de dous anos no estranxeiro e dun ano nunha universidade do SUG ao retorno da dita estadía.

Complementariamente nesta convocatoria, de maneira transitoria e co obxecto de non interromper a traxectoria investigadora de persoas que comezaron a súa formación no Plan Incite, facilítase o acceso a un contrato de dous anos ao persoal investigador que obtivo praza nunha universidade do SUG na convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal e que permaneceu nel ata o 1 de xuño de 2014.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación na formación posdoutoral no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral do ano 2014.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2014 e procede á súa convocatoria.

Estas axudas teñen como finalidade, por unha parte, a ampliación da especialización no estranxeiro de persoal investigador doutor, mediante o financiamento de estadías de investigación posdoutorais e a súa reincorporación a unha universidade do SUG e, por outra, posibilitar a continuación da traxectoria investigadora das persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite e que permaneceron nel ata o 1 de xuño de 2014. Polo tanto, estas axudas adoptan dúas modalidades:

– Modalidade A: contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG (anexo I).

– Modalidade B: contrato de dous anos de duración, sen posibilidade de prórroga, nunha universidade do SUG, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato nunha universidade do SUG da convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite que permanecese nel ata o 1 de xuño de 2014 (anexo II).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas, a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita universidade.

Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II segundo a modalidade a que opten.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

O número, a duración e o importe das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:

– Na modalidade A: 50 axudas, dun máximo de tres anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser a partir do 1 de abril de 2015 ata a data que corresponda segundo as sinaturas dos contratos das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima de tres anos e que non poderán ser obxecto de prórroga. O importe máximo de cada axuda é de 40.000 euros anuais, con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía, tal e como se describe no artigo 3 do anexo I. A porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007 (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 14 % dos contratos financiados.

– Na modalidade B: 11 axudas, dun máximo de dous anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser a partir do 1 de outubro de 2014 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, por un importe total máximo de 35.200 euros anuais cada unha delas, de acordo coa desagregación que se describe no artigo 3 do anexo II.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria (pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada universidade beneficiaria por persoa contratada).

Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes

As universidades presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial, en soporte CD ou similar, dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes para a modalidade A será do 15 de outubro ao 14 de novembro de 2014 e para a modalidade B dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación (ademais da específica que se indica nos anexos I e II para cada tipo de axuda):

a) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda aceptando a súa candidatura (anexo V).

b) Documento asinado polo/a responsable ou coordinador/a do grupo de investigación aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do grupo (anexo VI).

c) Documento asinado polo/a director/a do departamento manifestando a súa conformidade para a integración no seu departamento da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VII).

d) Declaración opcional da persoa candidata a ser destinataria da axuda do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade (anexo V).

e) Fotocopia do NIF da persoa candidata a ser destinataria da axuda, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que se recolle no anexo V, ou a fotocopia do pasaporte, no caso de cidadáns non comunitarios que non teñan permiso de residencia en España.

f) Declaración da rama de coñecemento e da área temática ás cales se adscribe a persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo V).

As persoas interesadas, mediante os anexos III, IV e V desta orde, poderán autorizar expresamente a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización deberán presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante e/ou candidata.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a promocioncientifica.educación@xunta.es.

Artigo 6. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a listaxe de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo www.edu.xunta.es (na parte da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listaxes estarán expostas por un período de 10 días naturais e as universidades solicitantes poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, o secretario xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listaxes definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada, será causa de inadmisión da solicitude presentada.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Avaliación e selección

A avaliación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e a selección das universidades beneficiarias das axudas realizarase segundo os procedementos e a documentación que se sinalan nos anexos I e II desta convocatoria para cada modalidade.

Os resultados desta avaliación faranse chegar á comisión de selección, que elaborará un informe para o órgano instrutor en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

Serán vogais da comisión:

– O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

No informe da comisión de selección figurarán de xeito individualizado as universidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo correspondente. Na modalidade A desta orde a comisión de selección elaborará, de ser o caso, unha listaxe de espera por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección. Para a elaboración destas listaxes non se terán en conta o número mínimo de axudas por ramas de coñecemento recollido no artigo 3 da convocatoria nin o número máximo de titulados de fóra do SUG que se indica no artigo 2.a do anexo I.

En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:

1º Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

3º A solicitude da persoa candidata que obtivese con anterioridade o título de doutor/a polo que foi avaliado/a.

A proposta de concesión elaborada polo órgano instrutor a partir do informe da comisión así como, de ser o caso, a listaxe de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, no enderezo http://www.edu.xunta.es (na parte da Secretaría Xeral de Universidades). Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 8. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O órgano instrutor elevará a proposta de resolución que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, a listaxe de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes de cada modalidade. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Artigo 9. Aceptación da axuda

Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias procederán á vinculación das persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

A data límite para a sinatura dos contratos, que se establecerá na resolución de adxudicación das axudas, será en todo caso antes do 31 de outubro de 2014 para a modalidade B e do 30 de abril de 2015 para a modalidade A, agás para os cidadáns non comunitarios que será antes do 30 de xuño de 2015 (para a modalidade A).

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 10. Libramento da subvención

As universidades, como beneficiarias e como contratantes das persoas seleccionadas, serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

1. Documento de aceptación da axuda.

2. Copia cotexada dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura.

3. As certificacións dos gastos e pagamentos realizados, acompañadas das nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social das persoas contratadas, da cal só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non acaden este período.

4. Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

A documentación indicada nos puntos 3 e 4 achegarase consonte a seguinte periodización:

• No caso da modalidade A:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2015, a documentación correspondente á mensualidade de abril de 2015.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2015 a outubro de 2015, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada pendentes de xustificación no anterior pagamento, logo do envío por parte das universidades dos contratos laborais.

c) Na data límite do 30 de xuño de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2015 a abril de 2016, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

d) Na data límite do 20 de decembro de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2016 a outubro de 2016, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada correspondentes ao segundo ano de contrato que quedasen pendentes de xustificación no anterior pagamento.

e) Na data límite do 30 de xuño de 2017, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2016 a abril de 2017, ambos os dous meses incluídos.

Con esta mesma data, deberase remitir copia cotexada dos contratos de retorno realizados ao abeiro do disposto nesta mesma orde.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao terceiro ano de contrato.

f) Na data límite do 20 de decembro de 2017, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2017 a outubro de 2017, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada correspondentes ao terceiro ano de contrato que quedasen pendentes de xustificación no anterior pagamento.

g) Na data límite do 30 de xuño de 2018, a documentación correspondente ao período de novembro de 2017 a abril de 2018, ambos os dous meses incluídos.

h) Na data límite do 30 de setembro de 2018, a documentación correspondente ás mensualidades que resten.

• No caso da modalidade B:

a) Na data límite do 20 de decembro de 2014, a documentación correspondente á mensualidade de outubro de 2014.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato.

b) Na data límite do 30 de xuño de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2014 a abril de 2015, ambos os dous meses incluídos.

c) Na data límite do 20 de decembro de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de maio a outubro de 2015, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

d) Na data límite do 30 de xuño de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2015 a abril de 2016, ambos os dous meses incluídos.

e) Na data límite do 20 de decembro de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2016 ata a finalización do contrato.

Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 365 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Coa última xustificación, a universidade beneficiaria presentará:

– Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renunciase antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 11. Réxime de compatibilidade

As universidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da universidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Renuncia das axudas e interrupcións

No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a universidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza. Deberase acompañar dun informe da universidade beneficiaria indicando se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

Na modalidade A poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na listaxe de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de tres meses a partir da data de resolución de concesión. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

A situación de baixa por incapacidade temporal, maternidade, risco durante o embarazo, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade suspenderán o cómputo da duración do contrato, logo da solicitude da universidade beneficiaria correspondente nun prazo de 10 días hábiles desde que esa baixa se produza. Neste caso, o tempo interrompido poderá recuperarse sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan. En ningún caso a recuperación do tempo interrompido poderá supoñer un aumento do importe da axuda concedida inicialmente e a cantidade correspondente á cota patronal da seguridade social do período prolongado correspóndelle asumila á universidade contratante.

Artigo 15. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderá solicitar un informe ás universidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

En ambas as dúas modalidades as persoas contratadas serán sometidas a procesos de avaliación do seu rendemento científico dentro do programa, de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 16. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.444.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, na cal existe crédito axeitado e suficiente, coa seguinte distribución por anos:

Modalidade

Nº de prazas

Crédito (en euros)

2014

2015

2016

2017

2018

Total

A

50

1.197.916,67

2.000.000,00

1.849.583,33

712.500,00

5.760.000,00

B

11

42.350,00

387.200,00

344.850,00

774.400,00

 

Total

42.350,00

1.585.116,67

2.344.850,00

1.849.583,33

712.500,00

6.534.400,00

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de financiamento do SUG 2011-2015, as anualidades de 2016, 2017 e 2018 integraranse no novo plan de financiamento para os anos seguintes.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Modalidade A

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2014, co obxecto de ampliar a formación do persoal investigador no estranxeiro con posibilidade de retorno, mediante o financiamento dun contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir na data límite de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

a) Ter o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o título de doutoramento dunha universidade do SUG. Non obstante, as persoas que non obtivesen ningunha destas titulacións nunha universidade do SUG tamén poderán optar á axuda, aínda que o número máximo das que se poderán conceder nese suposto non poderá exceder o 10 % do total das concedidas.

b) Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2009. Entenderase como data de obtención do título de doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

A data de obtención do título de doutor/a poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2009, pero igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2007, no caso dos/as titulados/as que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de 3 anos entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2008.

No caso de que o título de doutor/a fose obtido no estranxeiro deberá estar homologado segundo o establecido no Real decreto 309/2005, do 18 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior. Para os efectos sinalados neste punto terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación.

No caso dos solicitantes que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non ter sido seleccionado/a nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e non ter gozado con anterioridade de ningunha axuda posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración.

Artigo 3. Contía, duración e características

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 50, por un período máximo de dous anos (fase de estadía), e un terceiro (fase de retorno), sempre que a persoa contratada obteña unha avaliación positiva da fase de estadía, e de acordo coa seguinte distribución:

Na fase de estadía (máximo de dous anos):

– Un total de 32.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

– Un total de 36.000 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).

– Un total de 38.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

Por destino principal enténdese aquel no cal a persoa contratada computa un número de meses maior en cada ano de contrato. No caso de que no mesmo ano de contrato se compute igual número de meses en dúas zonas diferentes considerarase que o destino principal está na zona de maior dotación económica.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

– Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada contratado/a da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

Na fase de retorno (máximo dun ano):

– Un máximo de 34.200 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

– Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

A porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 14 % dos contratos financiados. A rama de coñecemento será a sinalada nos anexos III e V.

O período de 24 meses de estadías no estranxeiro deberá aterse ás seguintes normas:

a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e centros de destino. Ademais das sinaturas do/a doutor/a que vaia realizar a estadía e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación deberanse xuntar cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.

b) A persoa contratada non poderá realizar a/s estadía/s no seu país de nacemento, de nacionalidade ou naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa.

c) A estadía deberá ser continuada desde o inicio do contrato. Admítese unha periodización en tramos mínimos de seis meses en cada un dos centros receptores e nun máximo de dúas áreas xeográficas diferentes dentro das sinaladas no artigo 3 deste anexo.

d) Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas poderá modificarse o plan de estadía aprobado, logo da solicitude e informe favorable da universidade na cal a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades.

O período de contrato retorno deberá aterse ás seguintes normas:

a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo no grupo e no departamento polos que se realizou a solicitude de axuda.

b) Unicamente por circunstancias excepcionais poderase autorizar un cambio de destino ou área con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a universidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace dos/das responsables ou coordinadores/as do grupo ao que inicialmente foi asignada e do novo grupo de acollida, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, que resolverá ao respecto.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación da persoa candidata a ser destinataria da axuda:

a) Copia do título de doutor/a ou doutro acreditativo de ter alcanzado o dito grao, en que conste a data da súa obtención. No caso de título de doutor/a obtido no estranxeiro, copia da homologación ou da solicitude de homologación presentada ante o órgano competente.

b) Copia do título de licenciatura, grao ou equivalente. Esta documentación unicamente terá que entregarse se o título de licenciatura, grao ou equivalente foi obtido nunha universidade do SUG e o título de doutor nunha universidade de fóra do SUG.

c) Currículo da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), xunto cos documentos xustificativos dos méritos alegados, e as copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc., que se citen no currículo. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades poderá solicitar ás universidades os comprobantes dos méritos alegados.

d) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación) das actividades que se propoñen realizar durante a vixencia do programa.

e) Plan de estadía detallado no cal se indiquen os períodos de estadía previstos (que deberán de ser dun mínimo de seis meses en cada un dos centros seleccionados), a súa duración e os centros de destino escollidos, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino para o traballo que se vai desenvolver. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e a persoa directora do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de aceptación da estadía asinada polo director ou directora do centro ou figura equivalente.

f) Declaración responsable de non ter sido seleccionado nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e non ter gozado con anterioridade de ningunha axuda posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración (anexo V).

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo que se sinala a continuación, sendo preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos nesta fase:

1. Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.

1.1. Libros (con ISBN): máximo 40 puntos. A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.2. Capítulos de libro (con ISBN): máximo 10 puntos en total. A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.3. Publicacións en revistas científicas: máximo 40 puntos.

– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente: máximo 40 puntos.

– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos): máximo 10 puntos.

– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores): máximo 1 punto.

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e internacionais: máximo 20 puntos. A avaliación desta prestará especial atención ás melloras do currículo das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes proxectos.

– Proxectos europeos ou internacionais: máximo 20 puntos.

– Proxectos nacionais: máximo 10 puntos.

– Proxectos autonómicos: máximo 5 puntos.

2.2. Participación en contratos de investigación: máximo 10 puntos. A avaliación desta parte prestará especial atención ás melloras do currículo das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes contratos.

– Contratos con empresas: máximo 10 puntos.

– Contratos coa Administración: máximo 5 puntos.

– Informes técnicos e outros: máximo 2,5 puntos.

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación: máximo 10 puntos.

– En explotación: máximo 10 puntos.

– Rexistradas: máximo 2 puntos.

3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.

3.1. Estadías en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a: máximo 5 puntos.

– Estadías posdoutorais: máximo 4 puntos.

– Estadías predoutorais: máximo 2 puntos.

Os comités de expertos só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da/s actividade/s investigadora/s, relacionadas coa rama de coñecemento e a área temática, levada/s a cabo durante os períodos de estadía.

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos internacionais: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos nacionais: máximo 3 puntos.

– Comunicacións en congresos internacionais: máximo 2 puntos.

– Comunicacións en congresos nacionais: máximo 1 punto.

3.3.Teses de doutoramento dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses codirixidas: máximo 2 puntos.

3.4 Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 2,5 puntos. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos relacionados coa rama de coñecemento e a área temática, que non estean recollidos nas epígrafes anteriores.

4. Plan de estadía e de traballo proposto: máximo 30 puntos.

4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos: máximo 20 puntos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.

Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros propostos establecendo unha gradación segundo a súa adecuación:

– Pouco adecuado: ata 5 puntos.

– Adecuado: desde 5,1 ata 10 puntos.

– Moi adecuado: desde 10,1 ata 15 puntos.

– Excelente: desde 15,1 ata 20 puntos.

Aínda que non é obrigatorio acudir a máis dun centro, os avaliadores poderán considerar positivo que o candidato ou candidata recolla esta posibilidade, sempre que a complementariedade de centros supoña un elemento de mellora do plan de estadías, e nese sentido poderano reflectir na avaliación.

4.2. Plan de traballo que se vai desenvolver durante a totalidade do programa: máximo 10 puntos. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.

Concederanse ata un máximo de 6 puntos ao plan de traballo durante a fase de estadía (dous primeiros anos do contrato) e de 4 puntos na fase retorno (último ano do contrato).

As solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento, das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007, isto é: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.

As persoas candidatas ordenaranse por orde decrecente de puntos respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada rama de coñecemento no artigo 3 e o máximo do 10 % indicado no artigo 2 deste anexo.

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

• Na fase de estadía:

Unha vez cumpridos 21 meses de estadía, as universidades beneficiarias remitirán un informe, acompañado dunha memoria asinada pola persoa contratada e polo/a responsable ou coordinador/a do grupo, sobre o grao de cumprimento do plan de estadías. Este informe, ao que deberán engadirse os certificados de ter realizado a estadía emitidos polos centros receptores, será avaliado pola Secretaría Xeral de Universidades, que poderá contar co asesoramento de expertos externos, e será preciso obter unha avaliación positiva e realizar un mínimo de 21 meses de estadía nesta fase para poder acceder ao contrato na fase de retorno.

• Na fase de retorno:

Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvovida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo co/coa candidato/a seleccionado/a.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, nos centros de destino durante o período de estadía ou na súa universidade no ano de retorno, por un máximo de 80 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación dos respectivos centros, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

e) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto sexan insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Na fase de estadía, as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co plan de estadías aprobado. Nestes casos será preciso que a universidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades, para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que opta, asinada pola persoa contratada, xunto cun informe do/a responsable ou coordinador/a do grupo e outro da propia universidade na que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

4. Presentar unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, en que se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo.

ANEXO II
Modalidade B

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2014, co obxecto de dar continuidade á formación do persoal investigador que obtivo unha praza nunha universidade do SUG na convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite e que permaneceu nel ata o 1 de xuño de 2014, mediante o financiamento dun contrato de dous anos de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter sido seleccionada para unha universidade do SUG na convocatoria do 2010 do programa Isidro Parga Pondal do Plan Incite.

b) Que permanecesen no programa ata o 1 de xuño de 2014.

O contrato deberá desenvolverse na mesma universidade e área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato Isidro Parga Pondal. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato.

Artigo 3. Contía e duración

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 11 por un período máximo de dous anos, sen posibilidade de prórroga, e de acordo coa seguinte distribución:

• Un total de 34.200 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

• Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da sinalada nas bases da convocatoria deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata) das actividades académico-investigadoras que a persoa propón realizar durante o período de contrato.

b) Currículo da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados, xunto coas copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos, etc., que se citen no currículo. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no currículo durante o tempo de contrato no programa Parga Pondal. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades poderá solicitar ás universidades os comprobantes dos méritos alegados.

c) Memoria (extensión de 1.000-2.000 palabras), asinada pola persoa candidata, relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos que foi contratada no programa Parga Pondal. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

c.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

c.2. Actividade da persoa candidata no liderado de grupos de investigación, liñas de traballo ou de obter financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando ademais os resultados do grupo investigador que dirixe.

c.3. Patentes rexistradas, destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

c.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutores/as e a dirección de teses de doutoramento.

d) Certificado da universidade de que a persoa candidata foi contratada ao abeiro do programa Isidro Parga Pondal (convocatoria 2010) e permaneceu nel ata o 1 de xuño de 2014.

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen na seguinte táboa, dividida en dúas modalidades segundo a rama de coñecemento á que se pertenza, e será preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos:

– Modalidade A: Ciencias, Enxeñería e Arquitectura e Ciencias da Saúde.

– Modalidade B: Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.

Criterio

Puntuación máx.

Modalidade A

Puntuación máx.

Modalidade B

Plan de traballo que a persoa candidata propón realizar durante o período de contrato

30

30

Artigos orixinais, libros ou capítulos de libros

20

30

Actividade da persoa candidata no liderado de grupos de investigación, liñas de traballo e obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas, sinalando ademais os resultados do grupo investigador que dirixe. Tamén se recollen as patentes rexistradas

30

20

Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutores/as e coa dirección de teses de doutoramento

10

10

Melloras no currículo da persoa candidata durante a súa permanencia no programa Isidro Parga Pondal

5

5

Capacidade da persoa candidata para cumprir ao final do seu contrato os criterios dos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), referidos a toda a carreira investigadora, sen excluír ningún ano de actividade

5

5

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

No último ano, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida para os efectos de obtención do certificado de cumprimento dos requisitos de calidade de produción e actividade científico-tecnolóxica que impliquen unha traxectoria investigadora destacada. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados nos anexos I e II da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto), pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo co/coa candidato/a seleccionado/a.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

O persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, na súa universidade ou noutras institucións, por un máximo de 120 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación da súa universidade, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).

4. Presentar unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo. No caso de persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato, deberán presentar unha memoria da actividade desenvolta durante o tempo que permaneceron nel, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file