Na sesión que tivo lugar o 28 de xullo de 2014, o tribunal nomeado pola Orde do 6 de febreiro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 21 de febreiro) para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, convocado pola Orde do 20 de xuño de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 122, do 28 de xuño), acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, que o terceiro exercicio da oposición terá lugar o día 10 de setembro de 2014, na aula 7 da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela, en chamamento único que comezará ás 16.00 horas.
Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal e bolígrafo de tinta azul.
Para o desenvolvemento deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admítense as súas versións consolidadas, aquelas en que figuran notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.
Durante o desenvolvemento do exercicio os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.
Non se permitirá o acceso ás aulas nas que realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento do que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014
María del Mar García Miraz
Presidenta do tibunal