Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 8 de agosto de 2014 Páx. 34256

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 21 de xullo de 2014 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Vedra, no ámbito do SUD-7 dotacional privado en Santa Cruz de Ribadulla.

O Concello de Vedra remite a modificación puntual referida redactada polo arquitecto Fermín González Blanco, en solicitude de aprobación definitiva conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vedra conta cun PXOM aprobado definitivamente por ordes da CPTOPT de datas 30 de xaneiro de 2007 (aprobación parcial) e 8 de maio.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu o 22 de xullo de 2013 non someter a modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. No período de información pública e consultas do documento de inicio recibíronse observacións de Augas de Galicia do 12 de xullo de 2013 sobre a falla de incidencia sobre bens baixo a tutela ou xestión de Augas de Galicia.

3. Constan informes da secretaría municipal de data 17 de xuño de 2013 que indican que, de conformidade co artigo 93.4 da LOUG, a modificación non precisa o informe previo á aprobación inicial establecido no artigo 85.1 da LOUG, pois non implica reclasificación do solo, incremento da intensidade de uso nin alteración dos sistemas xerais previstos no planeamento vixente, e dos servizos técnicos de datas 18 de setembro de 2013 e 18 de febreiro de 2014.

4. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 18 de setembro de 2013. Foi sometida a información pública durante dous meses (El Correo Gallego do 4 outubro de 2013, La Voz de Galicia do 7 de outubro, Boletín Oficial da provincia do 10 de outubro e Diario Oficial de Galicia do 24 de outubro). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Santiago, Boqueixón, A Estrada e Teo. Non foron presentadas alegacións, segundo certificado municipal do 31 de xaneiro de 2014.

5. A Deputación da Coruña emitiu o 31 de outubro de 2013 un informe en materia de estradas de carácter favorable con observacións.

6. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu o 21 de xaneiro de 2014 informe favorable coa condición de ordenación da obriga de conservar a masa arborizada situada no sur.

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de 27 de febreiro de 2014.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O obxecto do proxecto é a transformación do ámbito do sector de solo urbanizable delimitado SUD-7 no solo urbanizable non delimitado SUND-9.

2. O PXOM de Vedra prevé o desenvolvemento deste sector no seu primeiro cuadrienio, con destino a dotacional privado de actividades parroquiais. Dentro destas actividades encóntrase urxente a necesidade de ampliación do cemiterio parroquial, actualmente completo, e a construción dunha igrexa que substitúa neste uso a capela existente nunha propiedade particular.

3. Nese senso, a modificación permite adiantar estas actuacións dentro dos obxectivos previstos para o ámbito, que se manteñen, diferidos a un futuro plan de sectorización.

III. Análise e consideracións.

1. As razóns de interese público exixidas para a modificación (artigo 94.1 da LOUG) encóntranse na necesidade urxente de ampliación do cemiterio. A aplicación do réxime do solo rústico para este ámbito en canto non se aprobe o correspondente plan de sectorización (artigo 21.4 da LOUG) permitiría esa ampliación do cemiterio.

2. As determinacións establecidas polo PXOM para o sector SUD-7 (parámetros básicos, sistemas xerais adscritos e demais condicións) mantéñense para o ámbito SUND-9 de solo urbanizable non delimitado.

Ao abeiro do establecido no artigo 89 da LOUG, e no artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Polo antedito, e de conformidade co artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

resolvo:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Vedra, no ámbito do SUD-7 dotacional privado en Santa Cruz de Ribadulla.

Segundo. De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM.

Terceiro. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas