Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 18 de agosto de 2014 Páx. 35556

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 8 de agosto de 2014, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan as instrucións relativas ao desenvolvemento da Orde do 20 de decembro de 2013 pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 20 de decembro de 2013 (DOG nº 249, do 31 de decembro), conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, regula a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo do persoal empregado público no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A súa disposición derradeira primeira autoriza a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Dirección Xeral da Función Pública, no ámbito das súas respectivas competencias, para ditaren as instrucións que sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento da referida orde.

Coa finalidade de establecer uns criterios homoxéneos de común aplicación e de xeral observancia por parte dos distintos órganos do sector público autonómico galego, faise necesario ditar unhas instrucións que faciliten a aplicación dos distintos puntos que a orde regula, ao tempo de avanzar nalgunhas das súas cuestións.

En virtude do anterior, no uso das facultades conferidas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, e polo Decreto 307/2009, do 28 de maio, en relación coa Orde do 20 de decembro de 2013, a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Dirección Xeral da Función Pública, logo da negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e co informe favorable da Comisión de Persoal do 6 de agosto de 2014, resolven ditar estas instrucións:

Primeira. Criterios de carácter xeral

Para os efectos da presente instrución, teranse en conta os seguintes aspectos de carácter xeral:

• Xornada de traballo non xustificada:

Enténdese por xornada de traballo non xustificada a que se obtén de restar á xornada de traballo fixada a efectivamente realizada, tendo en conta as oportunas compensacións e xustificacións.

As xustificacións a que fai referencia o artigo 12 da orde deberanse realizar con carácter inmediato, no mesmo día en que se produzan, salvo causas de forza maior.

• Control horario:

O control horario ten por obxecto verificar o cumprimento da xornada establecida. Para tal efecto, todo o persoal empregado público deberá efectuar a fichaxe no seu ordenador, coa tarxeta de acreditación do persoal, ao inicio e remate da xornada laboral ou, de ser o caso, cos medios que lle faciliten para iso.

Este control horario débese efectuar mediante o sistema electrónico implantado pola Xunta de Galicia (Kronos).

Non obstante, naquelas dependencias en que, na data de entrada en vigor da orde, non estea implantado o sistema electrónico de control horario Kronos, o control horario realizarase a través dos sistemas de control existentes ou, no seu defecto, con base en partes diarios de sinatura manuscrita do persoal nos cales se reflectirán, como mínimo, os seguintes datos: o nome do traballador ou traballadora, a denominación do posto de traballo que ocupa, a denominación da unidade administrativa e do centro directivo de que depende o dito posto de traballo, así como unha identificación das horas de inicio e remate da xornada laboral diaria que realiza cada empregado ou empregada de cada unidade administrativa. Así mesmo, reflectiranse, de ser o caso, as correspondentes incidencias en materia de cumprimento horario diario de cada traballador ou traballadora.

Non será impedimento para desfrutar dun horario flexible, en calquera das dúas modalidades, ou do teletraballo o feito de non ter implantado o sistema Kronos na unidade onde se presten servizos.

Nas xornadas que se desenvolvan en réxime de teletraballo, non será necesario efectuar a fichaxe toda vez que o seu desenvolvemento se levará a cabo en función dos obxectivos sinalados pola unidade.

• Tempo para efectuar as fichaxes:

De conformidade co establecido no artigo 6.6 da orde, diariamente a persoa disporá de 10 minutos para efectuar as fichaxes de entrada e saída, que se computará como tempo de traballo efectivo.

Estes 10 minutos serán computados nos tres supostos de horario laboral que regula a orde (oficial, flexible e especiais) ao ser a estimación do tempo medio que se precisa para prender o equipamento, acceder á aplicación Kronos e efectuar a fichaxe.

No caso de ter que efectuar máis de dúas fichaxes ao día, os minutos para efectuar as fichaxes seguen sendo 10 minutos, en total, ao día.

En ningún caso estes 10 minutos serán acumulables (utilizados noutro día), xa que o seu emprego é diario.

• Pausa descanso:

Diariamente, durante a xornada de traballo poderase desfrutar dunha pausa por un período máximo de 30 minutos, que se computará como tempo de traballo efectivo.

• Información ás organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación da Xunta de Galicia.

Periodicamente, a Administración facilitaralles ás organizacións sindicais información relativa ás comunicacións de flexibilidade automática, solicitudes de flexibilidades por conciliación e de teletraballo, así como a relativa ás denegacións, revogacións ou suspensións que se poidan producir. A dita información, como mínimo, deberá incluír a denominación do posto de traballo e, no caso de denegación, revogación ou suspensión, a súa motivación.

Segunda. Criterios relativos ao horario xeral

No horario xeral, o cómputo da xornada será diario, de tal xeito que a compensación dos desvíos se debe facer no mesmo día en que se produza. Así, diariamente disporase de 30 minutos para realizar a fichaxe de entrada, e o eventual desvío poderase compensar ata as 15.45 horas. Calquera outro desvío non poderá ser compensado e dará lugar á conseguinte dedución de haberes.

Para os efectos de aclarar a súa aplicación práctica, inclúense dous exemplos:

1º. Fichaxe de entrada ás 7.55 e de saída ás 15.15. Non habería desvíos no cumprimento da xornada laboral, xa que se aplicarían os 10 minutos para efectuar a fichaxe, que contan como traballo efectivo (tempo estimado en prender o ordenador, acceder á aplicación e fichar).

2º. Fichaxe de entrada ás 7.58. Neste suposto entra en aplicación a compensación horaria, polo que se debe prolongar a xornada laboral na proporción que corresponda ao atraso producido na chegada. Concretamente neste suposto, deberase efectuar a fichaxe de saída non antes das 15.18.

Terceira. Criterios de común aplicación ás dúas modalidades de horario flexible

• Apertura de edificios e centros administrativos:

Para os efectos de que o persoal empregado público poida exercer o seu dereito a flexibilizar a súa xornada laboral, e naqueles supostos en que o edificio ou centro onde presta servizos non dispoña de seguridade ou doutro sistema que garanta a súa apertura, a consellería ou o ente público instrumental correspondente poderá facer entrega ao empregado ou empregada dunha chave de acceso á oficina, logo de sinatura do correspondente documento de custodia de chaves que se xunta á presente instrución (anexo III).

No suposto de que non acepte a recepción da chave de acceso ou non asine o documento de custodia correspondente, poderá ser denegada a súa solicitude de flexibilidade horaria ante a imposibilidade de facer uso desta modalidade horaria.

• Incompatibilidades:

A flexibilidade por razóns de conciliación e a flexibilidade automática serán incompatibles.

Non obstante o anterior, durante a tramitación da solicitude de flexibilidade por razón de conciliación da vida familiar e laboral, a persoa interesada poderá comunicar o seu desexo de acollerse á flexibilidade automática mentres se tramita a súa solicitude. Para isto, na solicitude de flexibilidade por conciliación deberá indicar, na epígrafe de «observacións», a súa vontade de renunciar á flexibilidade automática de se lle conceder a flexibilidade por conciliación nos termos solicitados. No caso de que a resolución final sexa diferente a aquilo demandado polo persoal traballador, este manterá a flexibilidade automática de que viña desfrutando.

• Compensación horaria:

Cómpre ter en conta que, de conformidade co disposto no artigo 7.2 da orde conxunta, a compensación dos eventuais desvíos debe ser realizada no mes seguinte. Polo tanto, no suposto de que se estea a desfrutar de licenzas, permisos ou vacacións nese mes, non existirá a opción de compensar nos días de desfrute destes, agás:

No suposto de xubilacións ou cesamento na relación laboral, cando esta sexa coñecida polo traballador ou traballadora, deberá ter realizada a totalidade correspondente á súa xornada laboral no momento en que se produza o seu cesamento.

Nos supostos de incapacidade laboral temporal, permisos por violencia de xénero ou calquera outro permiso cunha duración igual ou superior a un mes que implique a imposibilidade de compensación de eventuais desvíos na marxe prevista, quen non teña realizado o total das horas correspondentes á súa xornada laboral no momento de se producir a baixa ou se iniciar o permiso poderá flexibilizar a súa xornada no mes de reincorporación ao seu posto de traballo e compensar no seguinte os eventuais desvíos.

Igualmente, atendendo ao disposto no referido artigo 7.2, as horas que excedan as que se deben realizar en cómputo mensual non se terán en conta para flexibilizar no mes seguinte.

Sen prexuízo do sinalado, a aplicación informática Kronos mostrará, entre outra información, o rexistro de todas as horas e minutos traballados polo persoal, xa sexa dentro da súa xornada ou á marxe da dita xornada.

• Inicio da flexibilidade horaria:

A validación da comunicación implica un cambio no horario asignado, que será comunicado á persoa interesada a través de PortaX e producirá efectos a partir do primeiro día hábil seguinte ao da súa validación.

O novo horario poderá ser consultado, ademais, na propia aplicación de fichaxe Kronos na pestana «horario».

Unha vez asignado o horario flexible, poderase desfrutar durante o tempo que se permaneza prestando servizos no mesmo posto de traballo, sen prexuízo da suspensión ou cesamento do seu desfrute.

• Modificación do horario asignado e repercusión no cómputo da xornada laboral:

Cando á persoa que desfrute da flexibilidade horaria se lle asigne un horario diferente, ben o horario xeral ou ben un horario especial, deberá ter cumprida a súa xornada laboral proporcional en cómputo mensual no momento en que se produza o cesamento do horario flexible.

En calquera caso, de non ter cumprida a xornada laboral proporcional correspondente, disporá dos 15 días seguintes ao da notificación do cesamento no horario flexible para compensar os desvíos do mes actual.

O cambio dunha flexibilidade automática a unha flexibilidade por razóns de conciliación, ou viceversa, non resulta relevante para estes efectos, xa que se mantén a posibilidade de flexibilizar no mes en curso e compensar os posibles desvíos ao mes seguinte.

• Cambio de posto de traballo:

O empregado ou empregada manterá o seu horario flexible sen prexuízo da súa revisión por necesidades do servizo. Para tal efecto, a unidade de xestión de persoal da consellería ou organismo onde vaia prestar servizos deberá comunicar ao centro directivo de que dependa o posto adxudicado o horario que se lle asigna, co fin de valorar a súa incidencia nas necesidades do servizo.

Cuarta. Criterios relativos á flexibilidade horaria

O artigo 6 da orde regula as dúas modalidades de horario flexible:

1. A flexibilidade por razón de conciliación da vida familiar e laboral, prevista no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

2. A flexibilidade automática.

1º) Flexibilidade por conciliación da vida familiar e laboral:

• Supostos legais:

A flexibilidade por razóns de conciliación da vida familiar e laboral é unha modalidade de horario flexible á cal se pode acoller o persoal empregado público que estea nalgunha das situacións previstas no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, sempre e cando o seu desfrute non afecte as necesidades do servizo:

– O persoal con fillos/as ou persoas acollidas menores de doce anos, ou con familiares cos cales conviva que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas, poderá solicitar a flexibilidade horaria.

– Os homes e as mulleres que se encontren en proceso de nulidade, separación ou divorcio terán idéntico dereito, desde a interposición da demanda xudicial ou, por decisión da persoa interesada, desde a solicitude de medidas provisionais previas, ata transcorridos tres meses desde a citada demanda ou, de ser o caso, desde a citada solicitude.

• Horario diario de referencia:

O artigo 6.3.1.a) da orde conxunta sinala que entre as 7.30 e as 18.30 horas se fixará, en cada caso, por pedimento da persoa interesada e oídos os órganos de representación do persoal, o horario diario de referencia. Este horario diario de referencia poderá rematar máis tarde das 18.30 horas sempre que o centro ou edificio administrativo permaneza aberto e, como máximo, abranguerá ata as 20.00 horas de luns a xoves e ata as 15.30 horas os venres.

A necesidade de fixar un horario diario de referencia vén recollido no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

O dito horario fixarase dentro da marxe sinalada pola Administración, das 7.30 ás 18.30/20.00 horas, por pedimento da persoa interesada e oídos os órganos de representación do persoal.

Este horario diario de referencia será fixado na forma máis ampla posible, se as necesidades do servizo o permiten, podendo chegar a coincidir coa dita banda horaria máxima e podendo solicitarse o dito horario de forma continua ou descontinua, sempre e cando se inclúa na marxe das 7.30 ás 18.30/20.00 horas, así como de forma individualizada para cada día da semana.

Dentro do horario diario de referencia fixado, a persoa interesada poderá cumprir a súa xornada de traballo con absoluta liberdade, sempre e cando resulten cumpridas todas as horas de traballo aplicables en cómputo mensual.

Non obstante, e debido a que a concesión desta flexibilidade por conciliación se encontra legalmente subordinada ás necesidades do servizo, as cales deberán estar claramente identificadas, motivadas e xustificadas, cando non se poida atender a petición do traballador ou traballadora en canto ao horario de referencia solicitado por ter que estar asegurada a súa presenza no seu posto de traballo nunhas horas diarias determinadas, antes de denegar a súa solicitude de conciliación poderase realizar un trámite de modificación ou mellora voluntaria da súa solicitude de acordo co artigo 71.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Neste sentido, poráselle de manifesto ao traballador ou traballadora as horas en que se require a súa presenza diaria, intentando na medida do posible compatibilizar as necesidades do servizo coa súa petición. No caso de que acepte a proposta de horario diario de presenza realizada pola Administración, deixarase constancia por escrito e concederase a conciliación solicitada, recollendo na resolución de concesión da flexibilidade por conciliación tanto o horario diario de referencia como as concretas condicións de presenza obrigatoria establecidas.

• Solicitude:

Na intranet da Xunta de Galicia, no Portal do empregado/a (en diante PortaX), estará dispoñible o modelo de solicitude de flexibilidade por conciliación que se deberá cubrir, imprimir e asinar. No caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, xúntase un modelo na presente instrución (anexo I).

Á dita solicitude deberase engadir a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para a súa solicitude, agás que lle conste á Administración:

a) Fillos/as ou persoas acollidas menores de doce anos:

– Fotocopia do libro de familia ou da partida de nacemento do/a fillo/a.

b) Familiares con que conviva que, por enfermidade ou avanzada idade, necesiten a asistencia doutras persoas:

– O grao de parentesco e a relación familiar acreditarase co libro ou libros de familia ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil, ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

– Certificado de empadroamento que acredite a convivencia co familiar.

– Documento oficial que acredite a necesidade de asistencia do familiar: certificado médico, certificado expedido pola Consellería de Traballo e Benestar ou, no seu defecto, informe social dos servizos sociais comunitarios municipais.

c) Homes e mulleres que se encontren en proceso de nulidade, separación ou divorcio:

– Certificado do Rexistro Civil (acreditativo do matrimonio).

– Copia compulsada da primeira folla da demanda xudicial ou da solicitude de medidas provisionais, na cal conste o rexistro do xulgado, o tipo de proceso xudicial e o nome e apelidos da persoa interesada.

• Tramitación e resolución:

A solicitude será presentada na secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

A secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente será a encargada de verificar que se cumpren os requisitos para acollerse á flexibilidade por conciliación.

En caso de que non estea adecuadamente cuberta, deberase requirir a persoa interesada para que no prazo de 10 días hábiles emende a deficiencia detectada.

Unha vez verificado o cumprimento dos requisitos, solicitaráselle á persoa titular do centro directivo onde presta servizos o empregado ou empregada un informe co obxecto de que valore se a concesión do horario de referencia solicitado pode afectar a organización e o correcto funcionamento do servizo. No suposto de que sexa así, recolleranse no dito informe as condicións diarias de presenza obrigatoria dentro dese horario de referencia solicitado, logo de acordo co traballador ou traballadora tras a valoración das súas circunstancias persoais.

Este trámite non será necesario no suposto de que a persoa solicitante xa non cumpra algún dos requisitos sinalados na orde conxunta.

Unha vez revisada a solicitude e emitido o informe do centro directivo, remitiráselles unha copia da solicitude aos órganos de representación do persoal para os efectos de ser oídos.

Unha vez acreditada a audiencia aos órganos de representación do persoal, emitirase a correspondente resolución favorable ou desfavorable.

A resolución desfavorable deberase motivar adecuadamente e procederá nos seguintes supostos:

– Cando non se cumpran os requisitos exixidos legalmente.

– Cando as necesidades do servizo precisen o establecemento dunhas condicións diarias de presenza obrigatoria e non sexa aceptada a proposta da Administración.

– Pola negativa do traballador ou traballadora a asinar o documento de custodia de chaves, cando non exista outra alternativa de acceso ao edificio no momento da solicitude.

A resolución emitirase no prazo máximo de tres meses contado desde a data en que teña entrada a solicitude no órgano competente para resolver, que será a secretaría xeral, secretaria xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Se transcorre o prazo máximo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

A resolución será notificada á persoa interesada e comunicada á unidade onde presta servizos.

En caso de resolución denegatoria, porase en coñecemento dos/as representantes do persoal con presenza na Mesa Xeral de Negociación da Función Pública.

Na resolución deberá constar, polo menos, o horario de referencia e, de ser o caso, as condicións de presenza obrigatoria, o sentido do informe relativo ás necesidades do servizo, a documentación acreditativa da causa alegada polo empregado ou empregada e o tramo horario segundo o horario de peche do edificio en que está a prestar servizos.

• Compensación horaria na flexibilidade por conciliación familiar e laboral:

O persoal con horario laboral flexible poderá compensar os eventuais incumprimentos da xornada laboral en cómputo mensual no mes seguinte a aquel en que se producisen.

• Cesamento na prestación do servizo en horario flexible por conciliación familiar e laboral:

A concesión da flexibilidade por conciliación poderá quedar sen efecto mediante a correspondente resolución pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:

– Por pedimento do propio traballador ou traballadora. Neste suposto non é necesario alegar ningunha causa concreta, só a vontade manifestada por escrito e de xeito expreso pola persoa interesada será suficiente para que a Administración deixe sen efecto o dito horario. A petición presentarase ante o mesmo órgano ao cal tivo que dirixir a súa comunicación (secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais). Neste suposto, deberase emitir a correspondente resolución deixando sen efecto a flexibilidade por conciliación e asignando o horario que corresponda.

– Por desaparecer as causas polas que se solicitou previstas no artigo 44 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

– Por necesidades do servizo. Procederá o cesamento neste suposto cando, das necesidades do servizo, se precise o establecemento ou modificación, de ser o caso, de condicións diarias de presenza obrigatoria dentro do horario de referencia solicitado polo empregado ou empregada, logo da súa negativa á proposta efectuada pola Administración.

A resolución de cesamento do horario flexible será ditada pola secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente no caso das entidades públicas instrumentais.

A resolución de cesamento no desfrute do horario flexible deberá ser notificada á persoa interesada cunha antelación mínima de 15 días naturais ao da data de efectividade, e comunicada ao órgano administrativo onde presta servizos.

• Adaptación das resolucións de flexibilidade por conciliación previas á entrada en vigor da orde conxunta:

Co fin de adaptar as resolucións existentes no momento da entrada en vigor da orde, cada consellería/ente deberá comunicar ás persoas interesadas a necesidade de adaptar a resolución de concesión ao previsto na dita orde, polo que deberán presentar nova solicitude segundo o modelo acordado e xuntar a documentación acreditativa que corresponda, agás a que xa lle conste á Administración.

A nova resolución administrativa manterá as condicións establecidas na resolución inicial sempre que sexan compatibles coa Orde conxunta do 20 de decembro de 2013.

2º) Flexibilidade automática:

• Ámbito subxectivo:

A flexibilidade automática é unha modalidade de horario flexible a que se pode acoller todo o persoal incluído no ámbito de aplicación da orde, sempre e cando o seu desfrute non afecte as necesidades do servizo.

Non obstante o sinalado, cómpre ter en conta as peculiaridades dos postos de traballo, que en atención ás competencias asumidas pola unidade e ás necesidades do servizo, teñen asignado un horario especial (oficinas de rexistro, unidades de atención á cidadanía, unidades con quendas, horario de tarde, gardas ou similares). Nestes supostos, a propia configuración da flexibilidade horaria, cunha parte fixa de presenza diaria, resulta incompatible coa propia configuración do posto de traballo que teña un horario especial, polo que, con carácter xeral, se denegará o seu desfrute.

No suposto de persoal que teña asignada unha xornada laboral inferior á oficial, denegarase con carácter xeral, salvo no suposto de contratos de remuda que teñan xornada ordinaria.

• Tramitación:

Na intranet da Xunta de Galicia, concretamente no Portal do empregado/a (PortaX), estará dispoñible o modelo de comunicación de flexibilidade automática que se deberá cubrir, imprimir e asinar. No caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, xúntase un modelo na presente instrución (anexo II).

Polo tanto, trátase dunha comunicación da persoa interesada e non dunha solicitude, polo que non hai resolución administrativa de concesión, e só será necesaria a resolución en caso de se denegar ou suspender temporalmente por razóns de servizo.

A comunicación dirixirase á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos. O persoal que preste servizos nas delegacións territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentarán a comunicación na respectiva xefatura territorial desta consellería.

O servizo/unidade de xestión do persoal, será o/a encargado/a de verificar que se cumpren os requisitos para acollerse á flexibilidade automática: se entra no ámbito subxectivo da orde, se está en servizo activo, se os nomes e apelidos son correctos, se ten asignado algún outro horario ou se a comunicación está asinada, entre outras.

No caso de que non estea adecuadamente cuberta, deberase requirir a persoa interesada para que, no prazo de 10 días hábiles, emende a deficiencia detectada.

O tempo máximo de tramitación é de 15 días hábiles, contados desde a data de presentación da comunicación ou emenda no órgano competente (secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos). Polo tanto, en calquera momento antes de que transcorra o dito prazo, poderá ser validada polo servizo/unidade de xestión de persoal. Unha vez transcorridos os 15 días hábiles, entenderase validada por silencio administrativo positivo.

Excepcionalmente, poderase denegar a prestación de servizos baixo esta modalidade de flexibilidade horaria polas seguintes causas:

1º. Por necesidades do servizo debidamente xustificadas. Para tal efecto, estas necesidades do servizo deben ser apreciadas pola persoa titular do centro directivo onde presta servizos o empregado ou empregada, polo que cada secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais deberá solicitar a conformidade ou desconformidade da dita persoa responsable, por calquera medio que permita ter constancia do seu pronunciamento ao respecto.

2º. Pola negativa do traballador ou traballadora a asinar o documento de custodia de chaves, cando non exista outra alternativa de acceso ao edificio no momento da solicitude.

A resolución denegatoria será emitida pola secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos.

• Compensación:

A parte fixa do horario flexible, é dicir, das 9.00 ás 14.30 horas, é o horario de presenza obrigada para todo o persoal acollido á flexibilidade automática. Polo tanto, os eventuais desvíos na parte fixa (das 9.00 ás 14.30 horas) non serán recuperables (nin por flexibilización nin por compensación).

O persoal poderá compensar os eventuais incumprimentos do cómputo mensual de horas da parte flexible do seu horario dentro da parte flexible do horario do mes natural seguinte a aquel en que se producisen.

• Suspensión na prestación do servizo en horario flexible:

A persoa titular do centro directivo onde presta servizos o traballador ou traballadora poderá solicitar a suspensión da flexibilidade horaria concedida cando necesidades do servizo debidamente motivadas así o xustifiquen.

Corresponde á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos acordar a dita suspensión, polo tempo estritamente necesario, que non será superior a dous meses prorrogables por períodos iguais e ata un máximo de seis meses.

Transcorrido o período de suspensión, deberá ser emitida nova resolución, ben deixando sen efecto o desfrute do horario flexible, caso en que haberá que asignar o correspondente horario ao traballador ou traballadora, ou ben repoñendo o horario flexible.

A suspensión no desfrute do horario flexible deberá ser notificada ao empregado ou empregada cunha antelación mínima de 15 días naturais ao da data de efectividade, e comunicada á persoa responsable do órgano administrativo onde presta os seus servizos.

• Cesamento na prestación do servizo en horario flexible automático:

A prestación do servizo en horario flexible poderá ser revisada pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:

– Por causas que alteren substancialmente as condicións e os requisitos no momento da validación da comunicación. A persoa responsable da unidade administrativa onde preste servizos o empregado ou empregada deberá emitir informe en relación coa modificación das ditas condicións ou requisitos: modificación das funcións asignadas á unidade, supresión ou modificación da unidade, cambio de dependencia de centro directivo ou da unidade administrativa, cambio de unidade administrativa do traballador ou traballadora, ou similares. O informe da persoa titular do centro directivo será remitido á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos, para efectos de ditar a correspondente resolución.

– Por pedimento do empregado ou empregada. Neste suposto non é necesario alegar ningunha causa concreta, só a vontade manifestada por escrito e de xeito expreso pola persoa interesada será suficiente para que a Administración deixe sen efecto o dito horario. A petición presentarase ante o mesmo órgano ao cal tivo que dirixir a súa comunicación. Neste suposto, deberase emitir a correspondente resolución deixando sen efecto a flexibilidade automática e asignando o horario que corresponda.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas. As necesidades do servizo deben ser apreciadas pola persoa responsable da unidade onde presta servizos o empregado ou empregada. Para tal efecto, emitirá un informe que será remitido á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou ás xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos, para efectos de que dite a correspondente resolución.

A diferenza da suspensión, neste suposto previsiblemente as necesidades do servizo manteranse con carácter indefinido, polo que para evitar a súa afección é necesario deixar sen efecto o horario flexible do empregado ou empregada.

A resolución de cesamento do horario flexible será ditada pola secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais no caso de servizos centrais, ou nas xefaturas territoriais no caso de servizos periféricos.

O cesamento no desfrute do horario flexible deberá ser notificado ao empregado ou empregada cunha antelación mínima de 15 días naturais e comunicado ao responsable da unidade administrativa onde presta servizos.

Quinta. Criterios relativos á modalidade de prestación de servizos non presencial ou teletraballo

• Postos susceptibles de teletraballo:

Son susceptibles de ser desenvolvidos na modalidade de teletraballo os postos de traballo que non requiran a prestación de servizos presenciais e que poidan ser desenvolvidos de forma autónoma por parte do empregado ou empregada. Para tal efecto, enténdese por servizos presenciais aqueles en que a prestación efectiva só queda plenamente garantida coa presenza física.

Son considerados postos susceptibles de ser desenvolvidos nesta modalidade aqueles que teñan por función principal algunha das seguintes tarefas:

– Elaboración de informes, ditames ou actas de inspección.

– Estudo e análise de proxectos.

– Funcións de asesoramento xurídico ou técnico.

– Redacción e tratamento de documentos.

– Xestión ou deseño de sistemas de información.

– Introdución de datos en bases de datos.

– Tradución.

– Aqueles outros postos análogos e que, con carácter xeral, non requiran a prestación de servizos presenciais.

Non son susceptibles de ser desenvolvidos na modalidade de teletraballo os seguintes postos de traballo:

– Os postos de atención directa ao público.

– Os postos de oficinas de Rexistro.

– Postos de traballo cuxas funcións comporten a necesidade continua de consulta e manexo de documentación física que conste en poder da Administración, e non sexa posible a súa consulta accedendo ás bases de datos da unidade ou ao seu escaneamento.

– Postos de persoal subalterno.

– Postos de persoal condutor.

– Postos técnicos ou administrativos de unidades con atención 24 horas (emerxencias, prevención de incendios e outras análogas).

– Postos que desenvolvan a súa xornada laboral, de modo permanente, fóra das dependencias administrativas: axentes forestais, gardacostas ou similares.

– En xeral, os postos cuxas funcións comporten, necesariamente, a prestación de servizos presenciais.

• Xornada de teletraballo:

O teletraballo desenvolverase de conformidade co establecido na resolución de concesión, computándose como máximo 7 horas e 30 minutos cada día para os efectos de cumprimento da xornada laboral, agás o suposto de que o traballador ou traballadora teña unha xornada distinta á oficial.

Nesta modalidade traballarase por obxectivos, segundo as tarefas que sexan encomendadas pola persoa supervisora, que será a responsable de verificar o seu adecuado desenvolvemento a través dos indicadores acordados e dos medios de seguimento da actividade que se establezan.

• Requisitos:

– Relativos ao/á empregado/a:

- Estar en situación de servizo activo.

- Contar cunha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo ou, se é o caso, acreditar a experiencia por prestación de servizos en postos con funcións e tarefas análogas ás do posto para o cal se solicita este dereito. Entenderase que concorre a dita circunstancia aínda que a prestación dos servizos sexa de forma interrompida nos últimos 5 anos.

- Ter coñecementos suficientes, informáticos e telemáticos, teóricos ou prácticos, que requiran o exercicio das funcións obxecto de teletraballo.

– Relativos ao posto de traballo:

Desempeñar un posto de traballo susceptible de ser desenvolvido baixo a modalidade de teletraballo e que así sexa valorado no informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública.

– Relativos aos medios técnicos:

- Equipamento informático básico.

- No suposto de que sexa necesario o acceso a bases de datos e aplicacións da Xunta de Galicia:

Acceso á internet.

Acceso remoto á rede corporativa da Xunta de Galicia.

Lector de tarxeta.

- Teléfono móbil.

No suposto de que non sexa necesario o acceso a bases de datos e aplicacións da Xunta de Galicia, deberase indicar esta cuestión no informe que debe emitir a persoa titular do centro directivo onde preste servizos o traballador ou traballadora.

Corresponderalle ao empregado ou empregada solucionar as incidencias que poidan xurdir no seu equipamento informático.

– Relativos ao lugar desde o cal se vai desenvolver o teletraballo:

Debe cumprir a normativa en materia de seguridade e saúde laboral que contén o Manual de información para teletraballador ou teletraballadora dispoñible na intranet xunto coa solicitude.

• Solicitude:

Na intranet da Xunta de Galicia estará dispoñible o modelo de solicitude de teletraballo. No caso das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, xúntase un modelo na presente instrución (anexo IV).

A dita solicitude conterá, como mínimo, os datos relativos ao traballador ou traballadora (nome, apelidos e NIF), os datos relativos ao posto de traballo (código, denominación e centro directivo de que depende), a declaración relativa ao deber de confidencialidade, data e sinatura.

A dita solicitude deberá ir acompañada dos seguintes documentos:

– O cuestionario relativo á autoavaliación de riscos laborais no teletraballo.

– A declaración relativa á información de riscos laborais no teletraballo, que implica o compromiso de adoptar as medidas de seguridade e hixiene que se conteñen no Manual de información para teletraballador ou teletraballadora (dispoñible na intranet) por parte do traballador ou traballadora, e as que, de ser o caso, recomende o Servizo de Riscos Laborais unha vez avaliado o cuestionario de autoavaliación.

Será causa de denegación do teletraballo non cubrir os ditos documentos, logo de requirimento á persoa interesada, coa advertencia de tela por desistida da súa solicitude e procedendo ao arquivamento do expediente.

• Tramitación:

A solicitude, debidamente cuberta xunto coa referida documentación, deberase dirixir á persoa titular do centro directivo onde se prestan servizos. Non obstante, e para o suposto das intervencións delegadas e intervencións territoriais delegadas, será a persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en atención á súa dobre dependencia xerárquica funcional a este centro directivo, e no caso do persoal asesor/letrado dos gabinetes territoriais xurídicos e asesorías xurídicas da Presidencia da Xunta de Galicia e das consellerías e entes do sector público autonómico, será a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral en atención á súa dependencia funcional a este centro directivo.

A persoa titular do centro directivo deberá emitir informe no prazo de 15 días hábiles contados desde a data de presentación da solicitude no dito centro directivo. Para tal efecto, no momento de presentación entregaráselle ao empregado ou empregada unha copia selada en que conste a data de presentación.

O informe que deba emitir a persoa titular do centro directivo deberá comprender, polo menos, as seguintes cuestións:

a) Funcións ou tarefas asignadas con carácter xeral ao posto de traballo, sen prexuízo daqueles outros que poidan ser asignados pola persoa responsable da unidade administrativa para unha organización eficiente do servizo.

b) Se o empregado ou empregada ten coñecementos suficientes, informáticos e telemáticos, teóricos ou prácticos, que requiran o exercicio das funcións obxecto de teletraballo.

c) Se, para o desenvolvemento das tarefas que se van desenvolver en réxime de teletraballo, é necesario acceder ás bases de datos ou aplicacións que sexan titularidade da Xunta de Galicia.

d) Cobertura das necesidades do servizo.

e)  Designación da persoa supervisora da actividade que se pretende desenvolver baixo esta modalidade. A persoa supervisora non terá por que ser a persoa titular do centro directivo, senón calquera outro empregado ou empregada que garanta un coñecemento das funcións e tarefas que vai desenvolver o teletraballador ou teletraballadora, co obxecto de que a supervisión resulte o máis eficaz posible. A persoa supervisora (no suposto de ter solicitado o teletraballo) e o teletraballador ou teletraballadora non poderán coincidir nos días que teletraballen.

f) Asignación concreta das tarefas que se van desenvolver en réxime de teletraballo (das funcións e tarefas da alínea a) deberanse indicar as que se desenvolverán nesta modalidade). A dita asignación será preferentemente diaria ou semanal, e excepcionalmente mensual. Estas tarefas deberán constar por escrito de xeito concreto e medible; polo tanto, deberanse sinalar os indicadores que permitan a medición do traballo desenvolvido nesta modalidade, engadindo unha estimación do tempo que require a súa realización.

g) Descrición da forma e dos medios de levar a cabo esta supervisión. Mentres non se habilite o módulo de seguimento do teletraballo, cada centro directivo deberá contar cunha ficha/documento onde o traballador ou traballadora poida incluír as tarefas realizadas diariamente en réxime de teletraballo e estea garantido o acceso da persoa supervisora, do teletraballador ou teletraballadora e da persoa titular do centro directivo.

h) Número máximo de xornadas semanais que se desenvolverán en réxime de teletraballo, concretando o seu número. En ningún caso se poderán superar as tres xornadas semanais. No suposto de que as necesidades do servizo aconsellen sinalar as xornadas de teletraballo nun tramo máis amplo que a semana, poderase sinalar con carácter quincenal ou mensual.

Á vista do anterior, a persoa titular do centro directivo emitirá o informe que proceda.

O informe do centro directivo non inclúe a avaliación da susceptibilidade do posto para ser desenvolvido en réxime de teletraballo, xa que a dita circunstancia debe ser obxecto de avaliación no informe conxunto que deben emitir a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Dirección Xeral da Función Pública.

O módulo de seguimento corporativo deseñado por parte da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), conterá os puntos sinalados e garantirá o acceso do teletraballador ou teletraballadora, da persoa supervisora, da persoa titular do centro directivo e, finalmente, das dúas direccións xerais sinaladas.

O informe do centro directivo, xunto coa solicitude e documentación que a acompaña, deberá ser remitido á secretaría xeral/secretaría xeral técnica/Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais do sector público, que revisará o cumprimento dos requisitos por parte do empregado ou empregada, así como o informe remitido pola persoa titular do centro directivo.

No suposto de que a solicitude estea incompleta, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de 10 días hábiles, contados a partir dia seguinte ao da súa notificación, emende as deficiencias.

No suposto de que o informe do centro directivo non faga referencia a todos os puntos sinalados nesta instrución, darase traslado á persoa titular, que terá un prazo de 5 días hábiles para completalo.

Unha vez revisada a solicitude e o informe do centro directivo e, en todo caso, no prazo de 5 días contados desde a recepción da solicitude na secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais, solicitarase o informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública e remitirase o cuestionario de autoavaliación de riscos laborais ao Servizo de Riscos Laborais. Non serán necesarias ambas as remisións no suposto de que non se cumpra algún dos requisitos seguintes:

– Estar en situación de servizo activo.

– Contar cunha antigüidade igual ou superior aos dous anos de servizo no posto de traballo para o cal se solicita o teletraballo.

Nestes supostos, o servizo/unidade de persoal poderalle propor directamente ao órgano decisorio a denegación da solicitude presentada.

A emisión do informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública versará sobre a susceptibilidade do posto de traballo para ser desenvolvido en réxime de teletraballo, tendo en conta as funcións e tarefas asignadas a este, a idoneidade dos indicadores para medir a actividade laboral, que deberán ser concretos e obxectivos, así como a valoración da analoxía de funcións ou tarefas desenvolvidas en postos de traballo previos.

Paralelamente á petición de informe conxunto, remitirase escaneado o cuestionario de autoavaliación de riscos laborais ao Servizo de Riscos Laborais, ao enderezo electrónico sprl@xunta.es, co fin de que o dito servizo o revise e sinale, con carácter previo á resolución do órgano, a súa conformidade, desconformidade ou reparo. No caso de reparo, deberá emitir un informe coas recomendacións que sexan necesarias para que o empregado ou a empregada poida teletraballar. As ditas recomendacións deben ser asumidas de forma expresa pola persoa interesada, a quen lle será comunicado por parte do servizo/unidade de persoal.

• Resolución:

O órgano competente para ditar a resolución correspondente será:

– A secretaría xeral/secretaría xeral técnica/Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais do sector público.

– No caso das intervencións delegadas e intervencións territoriais delegadas, e para os efectos desta instrución, será a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Facenda.

– No caso do persoal asesor letrado dos gabinetes territoriais xurídicos e asesorías xurídicas, será a secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais onde preste servizos o empregado ou empregada.

O prazo para emitir a resolución será de tres meses.

De non se emitir a resolución no prazo indicado, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo.

O teletraballo será compatible con calquera das modalidades horarias recollidas na orde conxunta: horario xeral, flexible en calquera das dúas modalidades, e especial.

Na resolución deberase sinalar o número de xornadas semanais que se realizarán nesta modalidade, que en ningún caso será superior a tres, e non poderán ser consecutivas, salvo no suposto de que así o requiran as necesidades do servizo e así se faga constar no informe emitido polo centro directivo. Deberá, polo tanto, concretarse o número de xornadas semanais autorizadas. A dita concesión non supón que se teñan que desenvolver necesariamente xa que, en todo caso, o seu desfrute está condicionado ás necesidades do servizo.

Igualmente, sinalarase o horario en que o traballador ou traballadora deberá estar dispoñible, para os efectos de salvagardar a posibilidade da Administración de requirir a súa presenza na unidade administrativa, polo que deberá ter activado o correo corporativo e o seu teléfono móbil durante o dito horario.

As funcións que se desenvolverán serán as mesmas que desempeña no seu posto de traballo habitual, salvo as ligadas á presenza física nas dependencias administrativas.

A concesión do réxime de teletraballo ao persoal non poderá exceder un ano, sen prexuízo da súa prórroga se persisten as mesmas condicións que motivaron a súa concesión. Para tal efecto, a persoa que teletraballe solicitará a súa prórroga cunha antelación mínima de dous meses á data de finalización. Non será necesaria a presentación do cuestionario relativo á información de riscos no teletraballo nin do test de autoavaliación de riscos laborais sempre e cando se manteñan as circunstancias descritas neles.

No suposto de prórroga, non será necesario reiterar a petición do informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública sempre e cando non varíen as circunstancias/requisitos do posto de traballo, nin tampouco será necesario remitir novamente o cuestionario de autoavaliación de riscos laborais sempre e cando se manteñan as circunstancias declaradas inicialmente.

En ningún caso se poderá fraccionar a xornada diaria de traballo en réxime de prestación do servizo na modalidade presencial e de teletraballo, agás no suposto de que sexa requirida a presenza do traballador ou traballadora na oficina.

A resolución pola que se conceda o teletraballo poderá ser revisada, dando lugar á súa modificación ou cesamento, polas seguintes causas:

a) Por necesidades do servizo.

b) Por incumprimento dos obxectivos establecidos.

c) Por causas sobrevidas que alteren substancialmente as condicións e os requisitos que motivaron a resolución de autorización.

d) Por pedimento do empregado ou empregada que preste servizos en réxime de teletraballo.

– Por necesidades do servizo: deben ser apreciadas pola persoa titular do centro directivo onde presta servizos o traballador ou traballadora, quen elaborará unha proposta á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais, co fin de que emita a correspondente resolución. Neste suposto, valorarase de forma preferente a permanencia en réxime de teletraballo do persoal que cumpra os requisitos da flexibilización por razóns de conciliación da vida familiar e laboral, e así conste debidamente acreditado.

– Por incumprimento dos obxectivos establecidos. Neste caso, a persoa supervisora elevará un informe á persoa titular do centro directivo en que xustifique o incumprimento de obxectivos. No suposto de que o incumprimento non exceda unha terceira parte dos obxectivos fixados na xornada semanal asignada, advertirase a teletraballador ou teletraballadora da dita circunstancia e, de persistir no dito incumprimento, independentemente de que sexa total ou parcial, revogarase a resolución ditada. A persoa titular do centro directivo valorará o informe da persoa supervisora, oirá a persoa interesada e efectuará unha proposta que elevará á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais, co fin de que dite resolución.

– Por causas sobrevidas que alteren substancialmente as condicións e os requisitos que motivaron a resolución de autorización. Deberá ser apreciado pola persoa titular do centro directivo, quen elevará proposta á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais, para efectos de que dite a correspondente resolución. As condicións ou requisitos poden estar referidos:

- Ao posto de traballo: modificación das funcións/tarefas asignadas ao posto de traballo, por un cambio de dependencia ou adscrición, pola súa supresión ou causa similar.

- Á situación laboral do empregado ou empregada: deixar de estar en situación de servizo activo.

- Aos medios técnicos de que debe dispor o traballador ou traballadora: cando non dispoña de cobertura suficiente para que poida ser eficiente a prestación de servizos baixo esta modalidade.

– Por pedimento do empregado ou empregada. A dita petición, que poderá ser de modificación ou cesamento, deberase dirixir á persoa titular do centro directivo, que elaborará proposta no prazo de 15 días hábiles, co fin de elevala á secretaría xeral, secretaría xeral técnica, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou órgano equivalente das entidades públicas instrumentais, para a súa resolución.

En ningún dos casos previstos será necesario solicitar o informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública.

O cambio de posto de traballo do empregado ou empregada suporá a perda do dereito ao teletraballo. A persoa que ocupe o dito posto poderá solicitar o teletraballo. Neste caso non será necesario o informe conxunto da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral da Función Pública sempre e cando non varíen as circunstancias referidas ao posto de traballo e non pasase máis dun ano desde a súa concesión.

A resolución pola cal se modifique ou revogue a autorización da prestación de servizo en réxime de teletraballo deberá ser comunicada ao empregado ou empregada cunha antelación mínima de 15 días naturais ao da data de efectividade da resolución.

• Acceso remoto e proba técnica:

Unha vez emitida a resolución e se esta é favorable, notificaráselle á persoa interesada co fin de que solicite, se for necesario, a correspondente autorización de acceso remoto ao equipo de traballo, de conformidade co modelo dispoñible na intranet.

Unha vez que obteña o dito acceso, o traballador ou traballadora deberá efectuar unha proba para verificar as condicións de conexión. De seren estas favorables, comunicarallo á persoa responsable do centro directivo, para que adopte as medidas necesarias co fin de facer efectivo o desfrute desta modalidade de prestación de servizos. Se a proba realizada non ten resultados satisfactorios, deixarase en suspenso ata un máximo de 15 días, co fin de emendar as deficiencias. Se estas son imputables ao traballador ou traballadora, poderase deixar sen efecto.

• Seguridade e prevención de riscos:

A Administración porá á disposición do persoal acollido a esta modalidade de prestación de servizos o Manual de prevención de riscos laborais, que contén as medidas de avaliación de riscos que deben ser observadas en todo caso, referidas tanto á actividade como ao deseño do traballo. Para efectos de verificar o seu cumprimento, poderase acordar unha inspección presencial no domicilio do traballador ou traballadora logo da súa autorización.

Será responsabilidade do traballador ou traballadora acatar as recomendacións ou medidas correctoras sinaladas polo Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais poderá prestar asesoramento telefónico cando así se precise.

• Protección de datos:

O persoal que preste servizos en réxime de teletraballo, cumprirá a normativa en materia de protección de datos de carácter persoal e manterá a reserva, respecto dos asuntos que coñeza, nos mesmos termos que no desenvolvemento das funcións de modo presencial.

Sexta. Entrada en vigor

Estas instrucións entrarán en vigor o día 1 de setembro de 2014.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2014

Natalia Prieto Viso José María Barreiro Díaz
Directora xeral de Avaliación Director xeral da Función Pública
e Reforma Administrativa

missing image file
missing image file

Co fin de poder cumprir a súa xornada de traballo de acordo co previsto na Orde do 20 de decembro de 2013, conxunta da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regulan a acreditación, a xornada e o horario de traballo, a flexibilidade horaria e o teletraballo dos empregados públicos no ámbito da Administración xeral e do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, fáiselle entrega dunha copia da chave para o acceso ao seu posto de traballo, sito en .................................................., de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A entrega da chave non comportará a apertura do centro ao público.

Segunda. Ten a obriga de custodiar con dilixencia a chave de que se lle fai entrega e empregala unicamente para o uso que se sinala no punto anterior.

Terceira. No caso de extravío, roubo ou calquera outra incidencia coa citada chave, deberá poñelo en coñecemento inmediato do responsable da unidade.

Cuarta. No caso de xubilación, traslado ou outra situación que implique cambio de posto de traballo, deberá devolverlle a chave entregada á persoa responsable da unidade.

..., ... de ... de ...

Recibín

Nome e apelidos

DNI

Data

missing image file