Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 18 de setembro de 2014 Páx. 41597

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Cervantes

ANUNCIO de información pública do Plan xeral de ordenación municipal de Cervantes.

Tras ser aprobado inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal de Cervantes por acordo do Pleno do 3 de setembro de 2014, de conformidade co disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sométese a información pública xunto co informe de sustentabilidade ambiental durante o prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da última publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia.

Durante o dito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para formular as alegacións que considere pertinentes.

Simultaneamente ao trámite de información pública e durante o mesmo prazo, sométese ao trámite de consultas previstas no documento de referencia para que os interesados (artigo 10 da Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación de determinados plans e programas no ambiente) poidan formular as observacións que xulguen pertinentes.

Xunto coa aprobación inicial do PXOM acordouse suspender o procedemento de concesión de licenzas nos ámbitos que se relacionan nos puntos seguintes. A duración máxima da supensión, segundo o artigo 77 da Lei 9/2002, é de dous anos e extinguirase en todo caso coa aprobación definitiva do planeamento:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, en calquera clase de solo, excepto naquelas zonas que sirvan para a súa propia execución.

b) No solo rústico, dado que as licenzas (excepto no caso de infraestruturas e valados) requiren a autorización previa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras (a maiores das doutras administracións que poidan darse en cada caso) e considerando que esas administracións van regular adecuadamente as autorizacións que se poidan conceder mentres non se aprobe definitivamente o plan xeral, só se suspenderán as licenzas no caso xeral do punto anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres).

c) Nos ámbitos delimitados polo PXOM como núcleos rurais entenderanse suspendidas as licenzas urbanísticas que resulten incompatibles co réxime xurídico aplicable a estes núcleos.

d) Os actos xenéricos para os cales se suspende o outorgamento de licenzas, cando non se especifique exactamente, son os de parcelamento de terreos, edificación e demolición.

Cervantes, 9 de setembro de 2014

Benigno Gómez Tadín
Alcalde