Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Martes, 14 de outubro de 2014 Páx. 44141

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 13 de outubro de 2014 pola que se amplía o prazo de xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes establecido na Orde do 22 de maio de 2014, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2014.

O 12 de xuño de 2014 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2014.

No artigo 16 establécese que o prazo para a xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 15 de outubro de 2014 e que, non obstante, se poderá conceder, por petición xustificada da interesada, realizada antes da finalización do prazo establecido e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto.

O número de solicitudes presentadas, a necesidade de efectuar un gran número de requirimentos para completar a documentación presentada coa solicitude ou emenda de erros, ademais do breve período de tempo outorgado aos adxudicatarios para xustificar o gasto, imposibilita o cumprimento dos prazos establecidos na orde para a xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas, polo que é procedente ampliar o prazo de xustificación previsto na Orde do 22 de maio de 2014.

En virtude do exposto, e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do punto 1 do artigo 16 da Orde do 22 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola e se convocan para o ano 2014

O artigo 16.1 da referida orde queda redactado nos seguintes termos:

«1. O prazo para a xustificación do fin das actividades e do pagamento de conceptos correspondentes a elas finalizará o día 1 de decembro de 2014».

Disposición adicional

A modificación establecida non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes de axudas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2014

P.S. (Decreto 122/2014, do 25 de setembro; DOG nº 184, do 26 de setembro)
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza