Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 222 Mércores, 19 de novembro de 2014 Páx. 47960

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (435/2013).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento ordinario 435/2013 deste xulgado do social, seguido a instancia de José Riveiro Núñez contra Esabe Vigilancia, S.A., Fogasa, Securitas Seguridad España, S.A. sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

«Auto:

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014.

Antecedentes de feito

Único. No procedemento de referencia ditouse sentenza con data do 24 de setembro de 2014, cuxa resolución dispón o seguinte:

Que estimo integramente a demanda interposta por José Riveiro Núñez contra Esabe Vigilancia, S.A., Securitas Seguridad España, S.A. e o Fogasa e, en consecuencia, condeno conxunta e solidariamente as empresas demandadas a aboar ao demandante a cantidade de 13.096,75 euros en concepto de salario de xaneiro de 2012, parte proporcional de pagas extraordinarias, diferenzas salariais de agosto a decembro de 2011 e de xaneiro a agosto de 2012 e paga de Nadal de 2011 novembro, cantidade que deberá ser incrementada cos xuros do artigo 29.3 do Estatuto dos traballadores.

Non procede condenar nesta instancia o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade nos termos do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Dispón o artigo 214 da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil (LAC), sobre invariabilidade das resolucións, que:

1. Os tribunais non poderán variar as resolucións que pronuncien despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material de que adoezan.

2. As aclaracións a que se refire o número anterior poderán facerse de oficio dentro dos dous días hábiles seguintes ao da publicación da resolución, ou a petición de parte ou do Ministerio Fiscal formulada dentro do mesmo prazo, sendo neste caso resolta polo tribunal dentro dos tres días seguintes ao da presentación do escrito en que se solicite a aclaración.

3. Os erros materiais manifestos e os aritméticos en que incorran as resolucións xudiciais poderán ser rectificados en calquera momento.

Segundo. De igual forma, e en relación coa emenda e complemento de sentenzas e autos defectuosos ou incompletos, o artigo 215 do mesmo corpo legal establece que:

1. As omisións ou defectos de que poidan adoecer sentenzas e autos e que for necesario remediar para levar plenamente a efecto as devanditas resolucións poderán ser emendadas, mediante auto, nos mesmos prazos e polo mesmo procedemento establecidos no artigo anterior.

2. Se se trata de sentenzas ou autos que omitisen manifestamente pronunciamentos relativos a pretensións oportunamente deducidas e tramitadas no proceso, o tribunal, por solicitude escrita de parte no prazo de cinco días contados desde a notificación da resolución, logo de traslado da devandita solicitude ás demais partes, para alegacións escritas por outros cinco días, ditará auto polo que resolverá completar a resolución co pronunciamento omitido ou que non procede completala.

3. Se o tribunal advirte en sentenzas ou autos que ditase as omisións a que se refire o número anterior, poderá, no prazo de cinco días contados desde a data en que se dita, proceder de oficio, mediante auto, a completar a súa resolución, pero sen modificar nin rectificar o que acordase.

4. Non caberá recurso ningún contra os autos en que se completen ou se denegue completar as resolucións a que se refiren os anteriores números deste artigo, sen prexuízo dos recursos que procedan, se é o caso, contra a sentenza ou auto a que se refira a solicitude ou a actuación de oficio do tribunal. Os prazos para estes recursos, se foren procedentes, comezarán a computarse desde o día seguinte ao da notificación do auto que recoñecese ou negase a omisión de pronunciamento e acordase ou denegase remediala.

Terceiro. A empresa solicitante de aclaración e complemento faino por tres motivos: a) un erro aritmético en relación coa cantidade reclamada na demanda, b) unha omisión relativa á excepción de prescrición alegada e c) un erro de transcrición na fundamentación xurídica.

Efectivamente, no acto de xuízo, a parte demandante alega a existencia dun erro aritmético no suplico da demanda que é emendado nese momento, fixando a cantidade obxecto de reclamación na cantidade de 9.096,90 euros, erro que debe ser emendado conforme o solicitado, así como debe ser emendada a resolución en relación cos conceptos obxecto de condena e que son os reclamados en demanda.

En canto á excepción de prescrición, efectivamente, a empresa recorrente formula esta no acto de xuízo, polo cal a sentenza adoece dunha omisión e procede así o complemento desta.

Débese ter en conta que a prescrición supón un xeito anormal de extinción dun dereito ou acción. A orixe desta institución é beneficiar a seguridade xurídica e a certeza, en prexuízo do exercicio serodio dos dereitos; tal fundamento levou o noso Tribunal Supremo a propugnar unha interpretación e aplicación restritiva do instituto da prescrición. En consecuencia, a xurisprudencia, atendendo á interpretación das normas conforme a realidade social (artigo 3.1 C.C), e o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva (artigo 24.1 C.E.) propugna un tratamento restritivo da prescrición, e polo tanto, unha interpretación ampla e flexible das causas que determinan a interrupción do prazo prescritivo. Porén, tal interpretación flexible non pode levar a ampliar o prazo máis alá do previsto legalmente se realmente transcorreu e nada o interrompe. Pois ben, no presente caso, a parte demandante formula a súa papeleta de conciliación en reclamación de cantidade o 24 de xaneiro de 2013, pero tamén é certo que o 31 de agosto de 2012 presentou unha conciliación fronte a Esabe Vigilancia, S.A. e, en aplicación da antedita doutrina xurisprudencial, débese entender interrompido o cómputo do prazo de prescrición e desestimar a pretensión da demandada neste sentido.

Finalmente, polo que se refire ao erro de transcrición do fundamento xurídico terceiro, efectivamente, debe ser emendado no sentido de corrixir as empresas citadas polas que son parte neste procedemento.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e especial aplicación

Parte dispositiva.

Rectifícase o erro de transcrición do primeiro parágrafo do fundamento xurídico terceiro, o cal debe quedar redactado do seguinte xeito:

O obxecto de debate concrétase en determinar se, no presente caso, estamos en presenza dunha subrogación, o que implicaría a responsabilidade de Securitas Seguridad España, S.A. no pagamento da débeda ou, pola contra, non se trata dunha subrogación, resultando, neste último caso, unicamente responsable a empresa Esabe Vigilancia, S.A.

Complétase a sentenza e introdúcese un fundamento xurídico sexto, que queda redactado do seguinte xeito:

En canto á excepción de prescrición, débese ter en conta que a prescrición supón un xeito anormal de extinción dun dereito ou acción, sendo a orixe desta institución beneficiar a seguridade xurídica e a certeza, en prexuízo do exercicio serodio dos dereitos; tal fundamento levou o noso Tribunal Supremo a propugnar unha interpretación e aplicación restritiva do instituto da prescrición. En consecuencia, a xurisprudencia, atendendo á interpretación das normas conforme a realidade social (artigo 3.1 C.C), e o dereito constitucional á tutela xudicial efectiva (artigo 24.1 C.E.) propugna un tratamento restritivo da prescrición e, polo tanto, unha interpretación ampla e flexible das causas que determinan a interrupción do prazo prescritivo. Porén, tal interpretación flexible non pode levar a ampliar o prazo máis alá do previsto legalmente se realmente transcorreu e nada o interrompe. Pois ben, no presente caso, a parte demandante formula a súa papeleta de conciliación en reclamación de cantidade o 24 de xaneiro de 2013, pero tamén é certo que o 31 de agosto de 2012 presentou unha conciliación fronte a Esabe Vigilancia, S.A. e, en aplicación da antedita doutrina xurisprudencial, débese entender interrompido o cómputo do prazo de prescrición e desestimar a pretensión da demandada neste sentido.

Rectifícase o erro aritmético da resolución, o cal debe quedar redactado do seguinte xeito:

Que estimo integramente a demanda interposta por José Riveiro Núñez contra Esabe Vigilancia, S.A., Securitas Seguridad España, S.A. e o Fogasa e, en consecuencia, condeno conxunta e solidariamente as empresas demandadas a aboar ao demandante a cantidade de 9.096,90 euros en concepto de salarios percibidos desde agosto de 2011 a agosto de 2012, ambos os dous incluídos, cantidade que deberá ser incrementada cos xuros do artigo 29.3 do Estatuto dos traballadores.

Non procede condenar nesta instancia o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade nos termos do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Esta resolución é firme e contra ela non cabe recurso ningún, ben que se poderá interpoñer contra a resolución que se rectifica, no modo e forma nesta establecidos, desde a notificación ás partes do presente auto.

Así o acordo, mando e asino, Mª del Carmen Barcala Barreiro, maxistrada-xuíza substituta do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela.

E para que sirva de notificación en legal forma a Esabe Vigilancia, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia».

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2014

A secretaria xudicial