Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2015 Páx. 297

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de decembro de 2014 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.

A disposición transitoria décimo primeira da Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, determina que as mancomunidades adaptarán os seus estatutos ao artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, para non incorrer en causa de disolución, especificando, a seguir, que as competencias das mancomunidades de municipios estarán orientadas exclusivamente á realización de obras e á prestación dos servizos públicos que sexan necesarios para que os municipios poidan exercer as competencias ou prestar os servizos enumerados no artigo 25 e no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local. Deste xeito, deberán revisarse o obxecto e competencia regulados nos estatutos da mancomunidade co fin de que concorden co mandato da reiterada disposición transitoria.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, en cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da Mancomunidade remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos o 28 de maio de 2014.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP de Ourense núm. 160, do 14 de xullo de 2014, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 4 de setembro de 2014, a Deputación Provincial de Ourense emitiu informe favorable.

– Con data do 29 de xullo de 2014, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da Mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

O contido da modificación afectará os seguintes artigos: o artigo 1 Constitución e ámbito territorial; artigo 3 Dos fins da Mancomunidade; artigo 5 Dos órganos de goberno; artigo 9 Do secretario, interventor e tesoureiro; artigo 10 Da comisión de goberno; artigo 11 Do goberno e da administración; artigo 17 Da duración; artigo 18 Da modificación dos estatutos; e artigo 21 Incorporación posterior de municipios, separación dalgún deles á Mancomunidade ou disolución desta.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Publicar a modificación da nova redacción dos artigos 1, 3, 5, 9, 10, 11, 13, 17, 18 e 21 dos estatutos da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2014

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Modificación dos estatutos da Mancomunidade Turística dos concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro

Artigo 1. Constitución e ámbito territorial

1. Os municipios do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro constitúense, voluntariamente, en Mancomunidade con personalidade xurídica para o cumprimento dos seus fins. Poderán adherirse outros municipios mediante o procedemento previsto no artigo 21 destes estatutos.

2. Constitúen, en principio, o ámbito territorial da Mancomunidade os termos municipais do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro, todos eles da provincia de Ourense.

Artigo 3. Dos fins da Mancomunidade

1. Os fins da Mancomunidade, no seu ámbito territorial, serán:

a) A información e promoción da actividade turística de interese e ámbito local dos concellos mancomunados.

b) Calquera outro que no futuro se lle poida asignar, logo da modificación dos seus estatutos polo procedemento establecido nos artigos 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia, e 18 destes estatutos.

Artigo 5. Dos órganos de goberno

Os órganos de goberno da Mancomunidade son:

a) O Pleno da Mancomunidade.

b) O presidente.

c) O vicepresidente.

d) A Xunta de Goberno Local.

Artigo 9. Do secretario, interventor e tesoureiro

1. As funcións públicas necesarias serán desempeñadas por funcionarios con habilitación de carácter nacional da subescala que corresponda á categoría da praza, unha vez que esta sexa clasificada polo órgano competente da Comunidade Autónoma, e cubrirase por algunha das fórmulas previstas na normativa vixente. Non obstante o anterior, a mancomunidade poderá ser eximida pola Comunidade Autónoma da obriga de manter o posto ou postos de funcionarios con habilitación de carácter nacional cando o seu volume de servizos ou recursos non sexa suficiente para o mantemento do devandito posto.

2. Son funcións do secretario-interventor:

a) A de secretaría, compresiva da fe pública e do asesoramento legal, nos termos dos artigos 2 e 3 do Real decreto 1174/1987, de réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación nacional.

b) A dirección dos servizos de control e fiscalización interna da xestión económico financeira e orzamentaria, e de contabilidade, tesouraría e recadación.

3. O cargo de tesoureiro será desempeñado por funcionario que desempeñe este posto en calquera dos concellos mancomunados, por acordo do pleno, a proposta do presidente.

Artigo 10. Da Xunta de Goberno Local

1. A Xunta de Goberno Local estará integrada polo presidente da Mancomunidade e tres membros desta, un por cada concello dos que a compoñen, nomeados ou separados libremente polo presidente, que deberá darlle conta disto ao pleno.

2. Corresponderalle á Xunta de Goberno Local:

a) A asistencia ao presidente no exercicio das súas funcións.

b) As atribucións que o presidente ou o pleno lle deleguen e as que lles atribúan as leis.

3. A delegación de atribucións efectuarase nos termos previstos no artigo 64.5º da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Artigo 11. Do goberno e de administración

1. O goberno e a administración da Mancomunidade correspóndelle á xunta e ao seu presidente.

2. Dentro do mes seguinte ao da publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia, o alcalde do municipio en que radique a sede da Mancomunidade convocara todos os representantes dos municipios mancomunados para realizar sesión extraordinaria para os efectos de resolver sobre os seguintes puntos:

a) Elección do presidente e vicepresidente.

b) Designación do secretario.

c) Constitución da Xunta de Goberno Local.

d) Periodicidade das sesións.

e) Delegación de competencias na Xunta de Goberno Local.

3. A sesión anterior será presidida, ata o momento da elección e toma de posesión do presidente, polo alcalde convocante, asistido polo secretario da comisión xestora.

Artigo 13. Dos dereitos e deberes dos concellos

1. Son dereitos e deberes dos concellos mancomunados:

a) Participar na xestión da Mancomunidade de acordo co disposto neste estatutos.

b) Recibir información directa dos asuntos que sexan do seu interese.

c) Presentar propostas de actuación no ámbito das materias de competencia municipal.

d) Consultar a documentación dos arquivos e rexistro da Mancomunidade.

e) Intervir nas sesións dos órganos da Mancomunidade, con voz e voto, a través dos seus representantes lexítimos, e nos supostos específicos que determinan os estatutos.

f) Consignar nos seus orzamentos as cantidades precisas para atender, nos sucesivos exercicios, os gastos ordinarios e demais obrigas derivadas dos compromisos contraídos coa Mancomunidade.

g) Realizar puntualmente as achegas que a cada un lle correspondan para contribuír aos gastos da Mancomunidade, segundo se establece nos seus orzamentos anuais.

2. Transcorrido o prazo para o ingreso das contribucións dos concellos mancomunados, o presidente da Mancomunidade poderá dirixirse á Xunta de Galicia para a retención dos fondos do concello debedor e o seu ingreso na facenda da Mancomunidade.

Artigo 17. Da duración

A Mancomunidade terá a duración necesaria para levar a cabo os fins de información e promoción da actividade turística de interese e ámbito local dos concellos mancomunados.

Artigo 18. Da modificación dos estatutos

Estes estatutos poderán ser modificados, seguindo o procedemento establecido no artigo 143 da Lei 5/1997, de Administración local de Galicia.

Artigo 21. Incorporación posterior de municipios, separación dalgún deles da Mancomunidade ou disolución desta

1. A incorporación de novos municipios ou separación deles da Mancomunidade, así como a súa disolución, que levará consigo, necesariamente, a modificación dos seus estatutos, axustarase ao seguinte procedemento (artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia:

a) A iniciativa corresponderalle ao Pleno da Mancomunidade, de oficio ou por instancia dos concellos que a constitúen.

b) Adoptado o acordo, someterase a información pública polo prazo dun mes e, simultaneamente, remitiráselles á deputación ou deputacións provinciais respectivas e á consellería competente en materia de réxime local para o seu informe, polo prazo dun mes.

c) Rematado o prazo de exposición pública e recibidos os informes a que se refire o punto anterior ou transcorrido o prazo dun mes sen que fosen emitidos, someterase o acordo de modificación dos estatutos ou de disolución da Mancomunidade aos plenos dos concellos mancomunados. A adopción do devantido acordo, que resolverá tamén as alegacións, no caso de que estas fosen presentadas, requerirá o voto favorable da maioría absoluta do número legal de membros de cada unha das corporacións.

d) Aprobados os acordos de modificación dos estatutos da Mancomunidade ou de disolución desta pola maioría dos concellos mancomunados, a Presidencia da Mancomunidade remitiralle copia certificada deles á consellería competente en materia de réxime local, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia, e comunicarallos á Administración central do Estado para os efectos establecidos pola lexislación básica de réxime local.

2. No caso de que un concello decida unilateralmente separarse da Mancomunidade, manifestarao cun ano de antelación, sen deixar de cumprir cos compromisos contraídos nese prazo.