Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 2015 Páx. 3145

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2014, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do Convenio colectivo da empresa Neumáticos Luis, S.L.

Visto o texto do Convenio colectivo da empresa Neumáticos Luis, S.L., que subscribiron, con data 13 de outubro de 2014, dunha parte a dirección da empresa, e doutra a representación dos/as traballadores/as, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Dirección Xeral de Traballo e Economía Social

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

Carmen Bouso Montero
Directora xeral de Traballo e Economía Social

I Convenio colectivo Neumáticos Luis, S.L.

Capítulo I
Aspectos formais

Artigo 1. Partes asinantes

Son partes asinantes deste convenio, en representación da parte empresarial, Luis Iglesias Donsión, como administrador de Neumáticos Luis, S.L., e en representación da parte social Ana Mª González Carballa e Vanesa Hermo Piñeiro, como delegadas de persoal do cadro dos traballadores de Neumáticos Luis, S.L., dos centros de traballo de Pontevedra e A Coruña sitos en:

– Estrada Caldas a Vilagarcía, km 1, 36650 Caldas de Reis (Pontevedra).

– Polígono A Espiñeira, fase II, parcela 2, 15930 Boiro (A Coruña).

Ambas as dúas partes recoñécense mutuamente lexitimación para negociar este convenio.

Artigo 2. Ámbito territorial

Este convenio será de aplicación na empresa Neumáticos Luis, S.L. nos seus centros de traballo de:

– Estrada Caldas a Vilagarcía, km 1, 36650 Caldas de Reis (Pontevedra)

– Polígono A Espiñeira, fase II, parcela 2, 15930 Boiro (A Coruña)

Artigo 3. Ámbito funcional

Este convenio rexerá para todas aquelas actividades na empresa Neumáticos Luis, S.L. que se desenvolvan nas dependencias da empresa nos centros de traballo antes mencionados.

Artigo 4. Ámbito persoal

Este convenio rexerá para todo o persoal de Neumáticos Luis, S.L. no momento da súa sinatura, así como do persoal que ingrese posteriormente aos seus servizos nos referidos centros de traballo.

Artigo 5. Ámbito temporal e denuncia

Este convenio terá vixencia desde o 1 de novembro de 2014 ata o 30 de decembro de 2016. Entenderase prorrogado automaticamente se non é denunciado con tres meses de antelación ao seu vencemento.

Artigo 6. Comisión paritaria: definición e funcións

1. Créase unha comisión paritaria composta por un máximo de 3 membros, designado cada membro por cada unha das partes, empresarial e sindical, na forma que decida cada unha das representacións.

A citada comisión está obrigada a reunirse cantas veces sexan necesarias, e a súa sede será a situada no domicilio social da empresa, na estrada Caldas a Vilagarcía, km 1, do concello de Caldas de Reis (Pontevedra).

2. A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

– Vixilancia e seguimento do cumprimento do convenio.

– Interpretación e aplicación da totalidade dos preceptos deste convenio.

– Establecemento dos procedementos e prazos de actuación da comisión, incluído o sometemento das discrepancias producidas no seu seo aos sistemas non xudiciais de solución de conflitos establecidos mediante os acordos interprofesionais de ámbito estatal ou autonómico previstos no artigo 83 do Estatuto dos traballadores.

3. Nos casos en que a comisión paritaria non alcance acordo e co fin de resolver as discrepancias para a non aplicación das condicións de traballo prevista no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, trasladarán, se é o caso, as citadas discrepancias aos sistemas de solución extraxudicial de conflitos colectivos de traballo (AGA).

CAPÍTULO II
Contratación

Artigo 7. Contratación

O contrato de traballo poderá concertarse por tempo indefinido ou por duración determinada conforme a lexislación laboral vixente en cada momento.

Poderanse realizar contratos de traballo de duración determinada, tal e como establece a lexislación vixente, coas seguintes peculiaridades:

7.1. Contrato eventual por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos. Os contratos de duración determinada por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de 12 meses nun período de 18 contados a partir do momento en que se produzan as citadas causas, aínda que estas estean comprendidas dentro da actividade normal da empresa.

7.2. Contratos para a formación. Os contratos para a formación formalizados de acordo coa legalidade vixente estarán dirixidos a favorecer o adestramento profesional e a formación en postos de traballo daqueles traballadores que non estean en posesión da formación teórica e/ou práctica necesaria para o desempeño dun oficio cualificado dos establecidos na empresa.

A duración deste contrato non poderá ser inferior a 6 meses nin exceder os 3 anos. Cando se realice por un prazo inferior ao máximo establecido, poderá prorrogarse antes da súa finalización, por acordo entre as partes, sen que o tempo acumulado, incluído o das prórrogas, poida exceder o referido prazo máximo de 3 anos.

A retribución salarial dos traballadores contratados para a formación será, o primeiro ano, o 75 %, e o segundo e o terceiro o 85 % do salario mínimo interprofesional vixente, en función das horas traballadas.

7.3. Contratos de traballo en prácticas. Entenderanse referidos a esta modalidade contractual os encamiñados a concertar con quen estivese en posesión dun título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, que habiliten para o exercicio profesional, dentro dos cinco (5) anos seguintes á terminación dos correspondentes estudos, cunha duración máxima de dous (2) anos.

A retribución garantida dos traballadores contratados en prácticas será o 60 ou 75 por 100 do salario establecido para a categoría en que realicen a prestación da súa relación laboral, durante, respectivamente, o primeiro e segundo ano de vixencia.

7.4. Réxime común dos contratos de duración determinada. Os traballadores contratados por tempo determinado terán os mesmos dereitos e igualdade de trato nas relacións laborais que os demais traballadores do cadro de persoal, salvo as limitacións que deriven da natureza e duración do seu contrato.

Os contratos de duración determinada que teñan establecido prazo máximo de duración concertados por unha duración inferior á máxima legalmente establecida, incluídos os contratos formativos, entenderanse prorrogados tacitamente ata a correspondente duración máxima, cando non mediase denuncia ou prórroga expresa antes do seu vencemento e o traballador continúe prestando servizos.

7.5. Contrato a tempo parcial. O contrato de traballo entenderase celebrado a tempo parcial cando se acorde a prestación durante un número de horas ao día, á semana, ao mes ou ao ano inferior á xornada dun traballador a tempo completo comparable.

Artigo 8. Período de proba

O ingreso dos traballadores considerarase feito en período de proba se así consta por escrito. O dito período de proba será variable segundo sexan os postos de traballo que se vaian cubrir e que en ningún caso poderá exceder o tempo fixado na seguinte escala, coa única excepción da duración do período de proba a que se refire o artigo 14 do Estatuto dos traballadores, que será dun ano, en todo caso, nos contratos a que se fai referencia no capítulo II do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral.

– Persoal titulado: 6 meses.

– Resto de persoal: 3 meses.

Durante o período de proba, a empresa e o traballador poderán resolver o contrato de traballo sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización. Transcorrido o período de proba sen que se produza desistencia, o contrato producirá plenos efectos.

Artigo 9. Cesamentos

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servizo da empresa virán obrigados a poñelo en coñecemento desta, e cumprirán o prazo de aviso previo de polo menos quince (15) días.

Se o traballador incumpre total ou parcialmente o prazo de aviso previo, a empresa poderá descontar o importe dos días omitidos.

Artigo 10. Empresas de traballo temporal

Os traballadores que sexan cedidos a empresas usuarias terán dereito durante a prestación de servizos a percibir, como mínimo, a retribución total establecida no presente convenio para o posto de traballo que van ocupar.

CAPÍTULO III
Tempo de traballo

Artigo 11. Xornada de traballo

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo prestada de luns a sábados.

A fixación do horario de traballo será facultade da dirección da empresa, a cal cando existan razóns organizativas ou produtivas poderá realizar os corrementos de horarios necesarios, o que poñerá en coñecemento dos traballadores.

Artigo 12. Vacacións

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente acordo de empresa será de 30 días naturais.

A vacación anual non poderá ser compensada en metálico. Os traballadores que na data determinada para o desfrute das vacacións anuais non tivesen completado un ano efectivo no cadro de persoal da empresa gozarán dun número de días proporcional ao tempo de servizos prestados.

O período de desfrute será acordado mutuamente coa empresa e o traballador. Excluirase do período de desfrute o de maior actividade produtiva.

No non establecido neste artigo, observarase o lexislado no Estatuto dos traballadores.

Artigo 13. Licenzas

A empresa concederalles aos traballadores/as que as soliciten licenzas nos casos seguintes, e sen perda de retribución:

a) Matrimonio do traballador/a: quince (15) días naturais.

b) Cambio de domicilio: un día.

c) Nacemento de fillo, adopción ou acollemento: tres (3) días naturais. Cando por tal motivo o traballador necesite un desprazamento para o efecto terá dereito a cinco (5) días naturais.

d) Falecemento, accidente ou enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso de familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres (3) días naturais. Cando por tal motivo o traballador necesite un desprazamento para o efecto terá dereito a cinco (5) días naturais.

e) Matrimonio de fillos: 1 día natural.

f) Tempo necesario para acudir ao médico, presentando a xustificación correspondente.

CAPÍTULO IV
Clasificación profesional

Artigo 14. Estrutura e clasificación profesional

Mediante acordo entre a empresa e o traballador establecerase o contido da prestación laboral obxecto do contrato de traballo, así como a súa pertenza a un dos grupos profesionais previstos na táboa salarial, segundo o criterio establecido nos artigos 6, 7, 8 e 9 do Acordo de cobertura de baleiros (Resolución do 13 de maio de 1997, da Dirección Xeral de Traballo), que é o seguinte:

• Grupo profesional 1.

Criterios xerais:

Os traballadores pertencentes a este grupo teñen a responsabilidade directa na xestión dunha ou varias áreas funcionais da empresa ou realizan tarefas técnicas da máis alta complexidade e cualificación. Toman decisións ou participan na súa elaboración, así como na definición de obxectivos concretos. Desempeñan as súas funcións cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade.

Formación:

Titulación universitaria de grao superior ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa e/ou con experiencia consolidada no exercicio do seu sector profesional.

(Titulación superior)

– Directores de áreas ou servizos.

– Licenciados.

• Grupo profesional 2.

Criterios xerais:

Son traballadores/as que, cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade, realizan tarefas técnicas complexas, con obxectivos globais definidos ou que teñen un alto contido intelectual ou de interrelación humana. Tamén aqueles responsables directos da integración, coordinación e supervisión de funcións realizadas por un conxunto de colaboradores nunha mesma área funcional.

Formación:

Titulación universitaria de grao medio ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa, completados cunha experiencia dilatada no seu sector profesional.

– Títulos grao medio.

• Grupo profesional 3.

Criterios xerais:

Son aqueles/as traballadores/as que, con ou sen responsabilidade de mando, realizan tarefas cun contido medio de actividade intelectual e de interrelación humana, nun marco de instrucións precisas de complexidade técnica media con autonomía dentro do proceso. Realizan funcións que supoñen a integración, coordinación e supervisión de tarefas homoxéneas, realizadas por un conxunto de colaboradores nun estadio organizativo menor.

Formación:

Titulación de grao medio, técnico especialista de segundo grao e/ou con experiencia dilatada no posto de traballo.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

Técnicos.

– Analista programador.

– Delineante proxectista.

– Debuxante proxectista.

Empregados:

– Xefes de áreas ou servizos

– Xefes administrativos

Operarios:

– Contramestre.

– Xefe de taller.

– Mestre industrial.

– Encargado xeral.

• Grupo profesional 4.

Criterios xerais:

Aqueles/as traballadores/as que realizan traballos de execución autónoma que exixan habitualmente iniciativa e razoamento por parte dos traballadores/as encargados da súa execución, o que comporta, baixo supervisión, a responsabilidade destes.

Formación:

Bacharelato, BUP ou equivalente ou técnicos especialistas (módulos nivel 3), complementada con formación no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da profesión.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

Empregados:

– Delineantes de 1ª.

–Técnicos en xeral.

Operarios:

– Encargados.

– Profesional de oficio especial.

– Xefe de equipo.

• Grupo profesional 5.

Criterios xerais:

Tarefas que se executan baixo dependencia de mando ou de profesionais de máis alta cualificación dentro do esquema de cada empresa, normalmente con supervisión, pero con coñecementos profesionais, cun período de adaptación.

Formación:

Coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión ou escolares sen titulación ou de técnicos auxiliar (módulos nivel 2), coa formación específica no posto de traballo ou coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

Comprende, a título orientativo, as seguintes categorías:

Empregados:

– Delineante de 2ª.

– Oficiais administrativos.

– Oficiais de laboratorio.

– Oficiais de organización.

– Viaxante.

Operarios:

– Condutor de vehículos.

– Profesionais de oficio de 1ª.

– Profesionais de oficio de 2ª.

• Grupo profesional 6.

Criterios xerais.

Tarefas que se executen cun alto grao de dependencia, claramente establecidas, con instrucións específicas. Poden requirir preferentemente esforzo físico, con escasa formación ou coñecementos moi elementais e que ocasionalmente poden necesitar dun pequeno período de adaptación.

Formación.

A dos niveis básicos obrigatorios e nalgún caso de iniciación para tarefas de oficina. Ensino secundario obrigatorio (ESO) ou técnico auxiliar (modulo nivel 2), así como coñecementos adquiridos no desempeño da súa profesión.

Empregados:

– Almaceneiro.

– Auxiliares en xeral.

– Conserxe.

– Pesador-basculeiro.

– Telefonista-recepcionista.

– Dependente.

– Listeiro.

Operarios:

– Condutor de máquina.

– Especialista.

– Axudante.

– Profesional de oficio de 3ª.

• Grupo profesional 7.

Criterios xerais.

Estarán incluídos aqueles/as traballadores/as que realicen tarefas que se efectúen segundo instrucións concretas, claramente establecidas cun alto grao de dependencia, que requiran preferentemente esforzo físico e/ou atención e que non necesitan de formación específica nin período de adaptación.

Formación:

Ensino secundario obrigatorio (ESO) ou certificado de escolaridade ou equivalente.

Empregados:

– Ordenanza.

– Porteiro.

Operarios:

– Peón.

Artigo 15. Mobilidade funcional

1. O traballador deberá cumprir as instrucións do empresario ou persoa en quen este delegue no exercicio habitual das súas funcións organizativas e directivas, e deberá executar os traballos e tarefas que se lle encomenden dentro do contido xeral da prestación laboral. Neste sentido, poderá levarse a cabo unha mobilidade funcional no seo da empresa, e exercerá como límite para esta o disposto nos artigos 22 e 39 do Estatuto dos traballadores.

2. Dentro de cada grupo profesional poderán establecerse divisións funcionais ou orgánicas sen que iso supoña un obstáculo á mobilidade funcional. En todo caso, a referida mobilidade producirase dentro do grupo, co límite da idoneidade e aptitude necesarias para o desempeño das tarefas que se lle encomenden ao traballador en cada posto de traballo, logo de realización, se iso fose necesario, de procesos simples de formación e adaptación.

3. A realización de funcións de superior ou inferior grupo farase conforme o disposto no artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

CAPÍTULO V
Retribucións

Artigo 16. Salario

As táboas salariais para o ano 2014 serán as que figuran no anexo I deste acordo de empresa. Para os anos sucesivos de vixencia do acordo, a táboa salarial incrementarase na porcentaxe en que se incremente o salario mínimo interprofesional anualmente.

Artigo 17. Pagamento do salario

A liquidación mensual das retribucións determinarase sobre a base de mensualidades de 30 días para todo o persoal, que se pagará por períodos vencidos dentro dos 5 primeiros días naturais do mes seguinte á súa devindicación.

Artigo 18. Gratificacións extraordinarias

O persoal afectado por este acordo de empresa percibirá as gratificacións correspondentes aos meses de xullo e decembro na contía cada unha delas de 30 días de salario base.

Estas gratificacións serán calculadas en proporción ao tempo traballado cada ano e rateadas mensualmente nas nóminas.

Artigo 19. Antigüidade

Os traballadores afectados polo presente acordo de empresa non percibirán ningunha cantidade por anos de permanencia ao servizo da empresa, polo que non se xerará ningún dereito salarial por este concepto.

Artigo 20. Incapacidade temporal

Durante as situacións de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo, maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación dun menor de nove meses, os traballadores non percibirán ningún complemento con cargo á empresa para mellorar as prestacións da Seguridade Social.

CAPÍTULO VI
Saúde laboral

Artigo 21. Vixilancia da saúde

A empresa garantiralles a todos os traballadores a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo. Realizarase unha revisión médica polo menos unha vez ao ano.

Artigo 22. Prevención de riscos laborais

Para estes efectos observarase o disposto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, publicada no BOE núm. 269, do 10 de novembro, así como o seu desenvolvemento regulamentario, que é normativa de dereito mínimo e indispensable.

Artigo 23. Seguridade e hixiene

A empresa desenvolverá as accións e medidas en materia de seguridade e saúde laboral que sexan necesarias para lograr unhas condicións de traballo onde a saúde do traballador non se vexa afectada por elas.

Estas accións e medidas deberán estar encamiñadas a lograr unha mellora de calidade de vida e de medio no traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe e a participación sindical dos centros de traballo.

As técnicas preventivas deberán ir encamiñadas á eliminación do risco para a saúde do traballador desde a súa propia xeración, tanto no que afecta as operacións que se van realizar como nos elementos empregados no proceso.

De acordo coas exixencias técnicas de maquinaria empregada nos distintos procesos industriais, a empresa deberá realizar de forma eficaz as oportunas accións de mantemento preventivo delas, de forma que contribúa a elevar o nivel de seguridade e confort no local de traballo.

Artigo 24. Delegados de prevención

Mentres o número de traballadores do cadro de persoal non alcance os 30 traballadores, o delegado de prevención serán os delegados de persoal.

CAPÍTULO VII
Normativa de aplicación subsidiaria

Artigo 25. Lexilación subsidiaria

No non previsto no presente convenio de empresa será de aplicación o Estatuto dos traballadores.

Táboas salariais ano 2014

Grupos profesionais

Salarios

Grupo profesional 1

654,30 €

Grupo profesional 2

654,30 €

Grupo profesional 3

654,30 €

Grupo profesional 4

654,30 €

Grupo profesional 5

654,30 €

Grupo profesional 6

654,30 €

Grupo profesional 7

654,30 €