Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2015 Páx. 4130

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2015, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan as subvencións correspondentes a programas de actuación a prol das entidades galegas no exterior para o exercicio 2015.

Segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional segunda do Decreto 88/2013, do 30 de maio, desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A través da Secretaría Xeral da Emigración, a Xunta de Galicia vén desenvolvendo, desde hai anos, programas de axudas e subvencións en favor das comunidades galegas no exterior co fin de posibilitar o cumprimento dos intereses e finalidades que lles son propias.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 4 da lei recolle a distinta tipoloxía de entidades galegas que poderán ser recoñecidas ao abeiro dela.

En execución da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, procede establecer o marco normativo ao cal se deberá axustar o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e sinaladamente nas áreas formativas, culturais, de xuventude, así como as que contribúan ao financiamento dos gastos de funcionamento.

O procedemento de concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, respectando os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, aos cales se debe axustar a xestión das subvencións e axudas outorgadas polas administracións públicas.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 88/2013, do 30 de maio, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Capítulo I
Disposicións comúns para todos os programas

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, en favor das entidades galegas do exterior para gastos de funcionamento e para proxectos de actuación dirixidos ao cumprimento dos seus fins, sinaladamente nas áreas sociais, de xuventude, formativas, culturais, que persigan o mantemento ou fomento dos lazos con Galicia, que se concretan nos seguintes programas de actuación:

Programa 1. Axudas para de gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior.

Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución proceder á convocatoria das devanditas subvencións para o ano 2015.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as seguintes entidades:

1. Entidades galegas asentadas fóra de Galicia que estean recoñecidas en calquera das categorías establecidas no artigo 4 da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

2. Entidades galegas asentadas fóra de Galicia recoñecidas ao abeiro da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

3. Entidades resultantes de procesos de unión ou fusión xa rematados, que solicitasen o recoñecemento da súa galeguidade ao abeiro da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Non poderán concorrer ás subvencións establecidas nesta resolución as entidades galegas que adoptasen o acordo de iniciar un proceso de unión ou fusión mentres que o devandito proceso non estea rematado.

4. Especificamente para cada programa poderán ser beneficiarias as seguintes entidades galegas:

Programa 1: entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidade galega ou de centro colaborador da galeguidade.

Programa 2: calquera entidade galega recoñecida.

Programa 3: entidades que teñan recoñecida a categoría de comunidades galegas así como as federacións e as asociacións de entidades galegas.

Artigo 3. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución, destinarase inicialmente un crédito total de 900.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.481.0.-Axudas a entidades no ámbito das migracións-, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015. Este importe poderá ampliarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e como consecuencia das circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. O crédito previsto distribuirase entre os programas da maneira que segue:

Programa 1. Axudas para de gastos de funcionamento.

O importe do crédito destinado a este programa é de 350.000 €.

O importe máximo do investimento do total de gastos de funcionamento para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 30.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa será de 20.000 €.

– Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude.

O importe do crédito destinado a este programa é de 450.000 €.

O importe máximo do investimento no conxunto dos proxectos para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 40.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa será de 25.000 €.

Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades.

O importe do crédito destinado a este programa é de 100.000 €.

O importe máximo do investimento dos proxectos de especial relevancia para os cales se solicite subvención non poderá superar a contía de 30.000 €. No caso de que sexa superior, a contía que exceda este límite non será tida en conta para efectos de determinar o importe da subvención que se vai conceder.

O importe máximo da axuda que se vai conceder a través deste programa é de 24.000 €.

3. Á vista das solicitudes presentadas e de existir remanente nalgún dos programas logo de feita a proposta de concesión, poderá ser redistribuído entre os outros programas en función das necesidades.

Artigo 4. Concorrencia de axudas

As subvencións concedidas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a entidade beneficiaria.

Artigo 5. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As entidades tan só poderán presentar unha única solicitude por programa.

Só poderán ser subvencionados gastos ou proxectos que se vaian executar no prazo comprendido entre o 1 de outubro de 2014 e a data límite prevista para a súa xustificación no artigo 12.1.

O importe da subvención solicitada será como máximo o 80 % do investimento total previsto na solicitude. No caso de que o importe solicitado supere esa cifra, non se terá en conta o exceso.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 7. Documentación xeral

1. Xunto coa solicitude as entidades deberán presentar a seguinte documentación xeral:

a) NIF da entidade ou equivalente segundo o país (CUIT, RIF, Catastro …).

Non é necesario que presenten o NIF ou equivalente as entidades que figuren inscritas no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, ou no previsto pola normativa anterior.

b) As entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión deberán presentar, ademais, a documentación que o acredite.

2. Para cada un dos programas para os cales presente solicitude, a entidade deberá presentar ademais a documentación que especificamente se relaciona nos artigos 24, 27 e 30, segundo corresponda.

3. A solicitude e a documentación que se presente deberá ser asinada polo presidente ou polo representante legal da entidade solicitante.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administración públicas. Polo tanto, o modelo de solicitude incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das entidades interesadas deberanse xuntar os documentos ou informacións previstos nesta resolución, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, a entidade solicitante poderá acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola entidade interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade. A Secretaría Xeral da Emigración publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas de contía igual ou superior a 3.000 euros e indicará o crédito orzamentario a que se imputan, entidade beneficiaria, cantidade concedida e finalidade para a cal se outorgou a subvención.

Artigo 9. Procedemento de instrución e concesión

1. O procedemento para a tramitación e concesión das subvencións que se convocan por esta resolución axustarase ao procedemento de concorrencia competitiva previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

2. O órgano instrutor será a Subdirección Xeral da Emigración e das Comunidades Galegas.

3. De acordo co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos, o órgano competente requirirá a entidade solicitante para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Os expedientes serán avaliados por un órgano colexiado que emitirá informe en que se concreten os resultados da avaliación efectuada e a correspondente proposta de concesión.

Estará formado por tres vogais e unha persoa que exerza a secretaría, designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración. En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión de avaliación, poderá ser substituído pola persoa funcionaria que para o efecto designe a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

5. Os expedientes serán avaliados segundo os criterios sinalados para cada programa nos artigos 25, 28 e 31 desta resolución.

6. O cálculo dos importes propostos polo órgano colexiado realizarase para cada programa, tendo en conta a distribución do crédito e o disposto nesta resolución.

Entre as entidades solicitantes que cumpran os requisitos para ser beneficiarias das subvencións, establecerase unha orde de prelación, segundo o número de puntos que acaden aplicando os criterios de valoración establecidos.

En función do número de puntos que acade cada entidade determinarase a porcentaxe do investimento que se vai subvencionar. A contía que se lle concederá a cada entidade virá dada pola aplicación da porcentaxe resultante ao seu proxecto de investimento, sen que supere o límite previsto no artigo 3, nin o 80 % do orzamento do proxecto -minorado na parte do gasto que non sexa subvencionable-, nin a contía solicitada.

O crédito dispoñible distribuirase entre as entidades segundo a orde de prelación, ata que se esgote.

Atendendo ás características dos programas convocados, non se concederán axudas por contía inferior a 150 €. Os créditos correspondentes a axudas inferiores a esta contía distribuiranse, porcentualmente, entre o resto de axudas propostas tendo en conta os límites previstos nos parágrafos anteriores.

7. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe do órgano colexiado, formulará a proposta de resolución, que se presentará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, que resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10. Reformulación das solicitudes

1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención de cada proxecto na proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, a Secretaría Xeral da Emigración poderá instar a entidade beneficiaria para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

2. A realización da comunicación ás entidades para que reformulen as súas solicitudes, poderase efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es. A eficacia das citadas comunicacións será a partir das devanditas publicacións.

Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración remitirá ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da realización desta publicación. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web destas comunicacións e non desde a súa comunicación escrita.

3. As entidades solicitantes terán un prazo de dez días, desde a data de publicación destas comunicacións, para remitir á Secretaría Xeral da Emigración a reformulación das súas solicitudes, para a súa análise, segundo o modelo que figura como anexo II. No caso daquelas entidades que non respondan nese prazo, entenderase que aceptan o importe da subvención que apareza na proposta de resolución provisional.

4. En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes.

5. No suposto de que non se opte pola pola reformulación, co obxecto de garantir os dereitos ou beneficios que poida reportar ás entidades beneficiarias o feito de axustar os seus compromisos á contía da subvención proposta, a Secretaría Xeral recollerá na resolución de concesión a contía do gasto mínimo que deben xustificar para ter dereito a cobrar a totalidade da axuda concedida, logo de excluír os gastos non subvencionables de conformidade co establecido nesta resolución.

O importe do gasto mínimo ten que enmarcarse dentro do establecido nesta resolución sen modificar a correlación das fontes de financiamento previstas pola entidade beneficiaria na súa solicitude inicial, polo que será o maior dos seguintes:

a) O resultante da aplicación da porcentaxe que representa a subvención concedida respecto da pedida pola entidade beneficiaria na solicitude sobre o importe total do investimento (minorado nos gastos non subvencionables, se é o caso).

b) Aquel que ao lle aplicar o límite máximo do 80 %, permitido, coincida coa subvención concedida.

Artigo 11. Resolución

As resolucións serán ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración e notificadas ás entidades interesadas nos prazos e na forma establecidos nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo máximo para resolver será de cinco meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se diten as resolucións expresas, as solicitudes poderán entenderse desestimadas, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Xustificación

1. Os gastos ou proxectos subvencionados a través da presente convocatoria deberán ser executados e xustificados antes do 30 de setembro de 2015.

De conformidade co artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a Secretaría Xeral da Emigración poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, sen que a dita ampliación poida aplicarse ao prazo de execución das accións subvencionadas establecido no artigo 5.2 desta resolución.

Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente a documentación xustificativa, requirirase a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días presente a dita documentación.

A non presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia de reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

2. O réxime de xustificacións é o de conta xustificativa simplificada, de conformidade co establecido no título III, artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, por ser o importe unitario das subvencións inferior a 30.000 €.

3. Previamente ao pagamento do importe da subvención concedida, sen prexuízo da posibilidade de efectuar pagos á conta ou anticipos segundo o disposto no artigo 13, as entidades beneficiarias de subvencións deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Emigración, antes do prazo sinalado, a seguinte documentación xustificativa:

a) Unha memoria dos gastos ou dos proxectos realizados, xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación detallada das accións realizadas e dos resultados obtidos en cada un dos programas subvencionados.

b) Relación clasificada dos gastos realizados, con identificación da persoa acredora e do número de documento, o seu concepto, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento (pódese utilizar o modelo que figura como anexo III).

c) Un detalle doutros ingresos e/ou subvencións que financiaran a actividade subvencionada, con indicación do importe e a súa orixe, segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV.

d) Declaración responsable de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, así como que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia (pódese utilizar o modelo que figura como anexo IV).

e) Se é o caso, carta de pagamento de reintegro no suposto de remanentes non aplicados, así como dos xuros derivados destes.

No caso de que entre os proxectos informativos que aparecen na solicitude se inclúan algúns referidos á edición e difusión de libros e publicacións, ademais da documentación xustificativa indicada, deberá enviarse un exemplar do libro, revista, publicación ou edición periódica subvencionada, no cal deberá figurar, en lugar visible, a colaboración da Secretaría Xeral da Emigración.

4. De acordo co establecido no artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia en relación co establecido no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola entidade beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez días para a súa corrección. A non presentación da emenda da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia de reintegro e ás demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións.

5. De conformidade co establecido no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, considerarase gasto subvencionable o efectivamente realizado e pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido neste artigo.

En virtude do disposto no artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, aceptarase a xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos de escasa contía por importes inferiores a 1.000 €.

6. A Secretaría Xeral da Emigración, a través das técnicas de mostraxe comprobará os xustificantes que considere oportunos e que permitan obter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención; para este fin poderase requirir á entidade beneficiaria a remisión dos xustificantes de gasto seleccionados.

Esta mostraxe realizarase de acordo co seguinte procedemento:

– Relaciónanse as entidades beneficiarias por programa e orde alfabética, asignándolles un número correlativo.

– Escóllese un número ao azar do 1 ao 20. Este número determinará a primeira entidade beneficiaria que será obxecto da mostraxe, e os seguintes que se elixan serán múltiplos do devandito número.

Artigo 13. Pagamento

1. Unha vez resolto o expediente, para acadar unha maior operatividade neste tipo de axudas e por tratarse de entidades que non teñen ánimo de lucro, poderán efectuarse pagamentos á conta ou acordarse anticipos, logo de solicitude xustificada pola entidade, dos importes concedidos ata a contía máxima permitida de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suxeitos aos requisitos que se establecen nesta lei e nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O resto do importe, ou a parte que corresponda, librarase logo de completar a xustificación por parte das entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas nesta resolución.

2. De conformidade co establecido nos artigos 65.4.f) e 65.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias non estarán obrigadas a constituír garantía.

Artigo 14. Subcontratación

De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias destas subvencións poderán subcontratar, total ou parcialmente, as accións obxecto destas; poderán subcontratar con terceiros ata o cento por cento das accións subvencionadas.

Artigo 15. Requirimentos

De acordo co artigo 59.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a realización dos requirimentos que procedan poderanse efectuar por medio de publicación no taboleiro de anuncios da Secretaría Xeral da Emigración e na páxina web http://emigracion.xunta.es

A eficacia dos citados requirimentos será a partir das devanditas publicacións. Sen prexuízo do anterior, a Secretaría Xeral da Emigración poderá remitir ao enderezo de correo electrónico das entidades, sempre que este conste na solicitude, unha comunicación dando conta da publicación dos requirimentos. Así mesmo, debe significarse que os prazos de dez días se computarán desde a publicación na páxina web indicada dos requirimentos e non desde a súa comunicación.

Artigo 16. Obrigas das entidades beneficiarias

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias das subvencións correspondentes aos programas convocados pola presente resolución quedan obrigadas a:

1. Executar o proxecto ou realizar a actividade ou comportamento que fundamente a concesión da subvención.

2. Someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto as recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento concedente, ás de control financeiro que realice a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Cuentas.

3. Comunicar á Secretaría Xeral da Emigración a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos.

5. Non se considera que incorre en incumprimento a entidade beneficiaria que non xustifique integramente o importe do orzamento presentado coa solicitude, sempre e cando o proxecto ou actividade obxecto da subvención se cumpra nos termos da solicitude e poida considerarse cumprida a finalidade que fundamentou a concesión da subvención. Neste suposto, o pagamento realizarase pola parte proporcional á da contía da subvención efectivamente xustificada, calculado en función do porcentaxe do custo final da actividade, tendo en conta o disposto no artigo 9.

6. As entidades beneficiarias de subvencións recollidas nesta resolución quedarán obrigadas á difusión do financiamento por parte da Secretaría Xeral da Emigración nos actos, documentación e publicacións que realicen, por calquera medio, con motivo da actuación subvencionada.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión e revogación

1. As entidades beneficiarias das subvencións quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos ou de circunstancias sobrevidas que impidan ou dificulten a execución das accións subvencionadas. A secretaría xeral poderá adoptar a resolución de modificación da concesión ou de revogación que corresponda.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión a entidade beneficiaria poderá solicitar, antes de que conclúa o prazo para a realización das accións, a modificación do seu contido, de concorreren circunstancias que alterasen substancialmente as condicións tidas en conta para a concesión da subvención a criterio da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das condicións e obrigas contidas nesta resolución ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a revogación das axudas e subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuros de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 33 e seguintes, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. De acordo co artigo 14.1.n) da citada lei, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se debe minorar ou reintegrar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concede a subvención, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida.

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda, da realización dos gastos subvencionables ou da obriga de xustificación, e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro na porcentaxe correspondente ao gasto non efectuado ou non xustificado.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e cando proceda o reintegro da subvención, a entidade beneficiaria poderá devolver voluntariamente os pagamentos percibidos mediante o seu ingreso na correspondente conta bancaria da Xunta de Galicia. O importe da devolución incluirá os xuros de demora previstos legalmente ata o momento en que se produciu a devolución efectiva por parte da entidade.

5. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Control e comprobación

1. A Secretaría Xeral da Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta resolución, cuxo tratamento autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral da Emigración. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a dita secretaría xeral, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Secretaría Xeral da Emigración, rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a emigracion.subvencions@xunta.es

Artigo 21. Recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na demais normativa que a desenvolva.

Capítulo II
Disposicións específicas

Sección 1ª. Programa 1. Axudas para gastos de funcionamento das entidades galegas do exterior

Artigo 23. Obxecto e finalidade das subvencións

Este programa ten por obxecto a concesión de subvencións para contribuír ao financiamento dos gastos correntes ou de funcionamento de carácter periódico derivados de servizos externos en que incorran as comunidades galegas e centros colaboradores existentes fóra de Galicia e que resulten necesarios para o mantemento da súa actividade ordinaria, sempre que esta non teña ánimo comercial ou profesional e estean destinados a actividades sen fins de lucro para os seus asociados ou á promoción cultural, social ou económica de Galicia.

Poderanse subvencionar ao amparo deste programa os gastos derivados de:

1. O arrendamento ao nome da entidade solicitante de inmobles que se utilicen, en todo caso, como sede habitual e permanente, sempre que non dispoña de locais ou instalacións en propiedade susceptibles de seren utilizados para esta finalidade.

2. Outros gastos correntes que soporte a entidade, como son os derivados da adquisición de subministracións non inventariables (material de oficina, ou material informático non inventariable), subscricións periódicas á prensa ou revistas, comunicacións telefónicas, luz, auga, taxas e outros gastos de carácter similar incluídos dentro do capítulo II da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

3. Gastos ordinarios de reparacións, mantemento e conservación de maquinaria, instalacións ou utensilios.

4. Gastos administrativos e legais derivados de procesos de unión ou fusión.

Artigo 24. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa en que se relacionen todos os gastos de funcionamento para os cales pide a subvención.

b) Orzamento previsto para cada un dos gastos relacionados na memoria, correspondente ao período que abrangue a convocatoria.

c) Cando se solicite axuda para gastos de alugamento do local da sede habitual e permanente da entidade, deberá presentarse a seguinte documentación:

– Copia cotexada do vixente contrato oficial de alugamento, agás que xa conste na Secretaría Xeral da Emigración.

– Copia do xustificante de pagamento da mensualidade do alugamento do local, referido ao mes anterior á presentación da solicitude de subvención.

Artigo 25. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral e importancia dos gastos previstos na solicitude, en función da repercusión e da influencia que poida ter a entidade no seu ámbito e no seu contorno: ata 45 puntos. Para aquelas entidades en que a porcentaxe de persoas socias de orixe galega non acade o 40 %, a puntuación máxima será de 20 puntos.

Terase en conta o número de persoas asociadas, importancia e número das actividades realizadas pola entidade, traxectoria da entidade na difusión dos valores culturais de Galicia e do coñecemento da súa realidade.

As puntuacións asignaranse proporcionalmente, de conformidade co establecido neste número tendo en conta o gasto total.

1.2. Importancia e repercusión das accións culturais, formativas, asociativas, informativas, asistenciais e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 15 puntos.

Valorarase o número de persoas de orixe galega, galegas e descendentes que sexan usuarias das accións realizadas pola entidade.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 15 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.5. Ter a condición de comunidade galega ou galeguidade recoñecida: 5 puntos.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos neste programa de axudas, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 2ª. Programa 2. Axudas para proxectos culturais, sociais, de accións informativas e proxectos promovidos pola xuventude

Artigo 26. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese fomentar, mediante a concesión de subvencións, a realización das seguintes accións:

1. Programación cultural, social e formativa da entidades galegas no exterior e, aquelas que promovan a difusión e preservación do patrimonio cultural de Galicia entre as colectividades de galegos residentes nos lugares de asentamento.

2. Accións informativas que contribúan a un mellor coñecemento da realidade e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento, tales como a edición de libros, publicación de revistas de carácter periódico, realización de programas de radio e televisión.

3. Proxectos creativos, formativos, de participación e de intercambio cultural que fomenten a integración da mocidade nas estruturas orgánicas das entidades, propiciando deste xeito a renovación xeracional.

4. As actividades propias para a consecución do seu obxecto social, recollido nos estatutos da sociedade, sempre que non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

En cada unha destes proxectos poderanse subvencionar as seguintes accións:

A) Proxectos culturais e formativos.

1. Actividades culturais ou de carácter formativo sobre aspectos da vida social ou cultural de Galicia.

2. Cursos de formación e seminarios (en materias que non sexan subvencionadas a través doutros programas pola Secretaría Xeral da Emigración ou por outro departamento da Xunta de Galicia).

3. Celebración de exposicións e mostras representativas das distintas manifestacións artísticas e culturais levadas a cabo en Galicia.

4. Conferencias, mesas redondas, xornadas e presentacións literarias que contribúan a dinamizar a vida social e cultural das colectividades de galegos no seu lugar de asentamento.

5. Organización de grupos corais, musicais, teatrais e de danza, e as actividades que estes realicen.

6. Actos conmemorativos do Día das Letras Galegas e do Día Nacional de Galicia.

7. Contratación de grupos ou formacións de música, de danza, bandas e corais, e compañías teatrais de autor, de monicreques ou de espectáculos de maxia, que difundan a cultura galega.

8. Outros proxectos culturais e asociativos promovidos polas entidades galegas no exterior que se axusten á Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, e que propicien o fomento e difusión da imaxe de Galicia nos lugares de asentamento das comunidades galegas.

Non serán susceptibles de subvención aquelas actividades que teñan carácter gastronómico.

B) Accións informativas ou divulgativas sobre aspectos da vida social, cultural ou económica de Galicia.

1. A edición e difusión de libros ou publicación de revistas periódicas culturais, informativas, económicas, etc. ou boletíns de interese xeral, así como a realización por parte das entidades galegas de programas de radio e televisión dedicados á realidade galega.

2. A organización ou participación en xornadas, exposicións ou feiras sectoriais.

C) Proxectos promovidos pola xuventude que teñan relación con Galicia.

1. Formación específica da mocidade na xestión das entidades galegas e das institucións e asociacións sen fins de lucro e mellora de habilidades directivas.

2. Intercambios xuvenís de grupos da mocidade pertencentes ás comunidades galegas para a realización de actividades culturais, musicais, deportivas e sociais.

3. Formación específica da mocidade para o coñecemento e emprego das novas tecnoloxías da comunicación.

4. Promoción de actividades deportivas que fomenten a relación entre a xuventude de orixe galega.

5. Creación e apoio de grupos de teatro, música e danza.

6. Realización de actividades culturais relacionadas con Galicia (cursos, ciclos de conferencias, mostras, ciclos de cine galego ou de teatro, concertos) destinadas especificamente ao conxunto de mozos e mozas da colectividade.

7. Creación de foros de debate e intercambio cultural entre a mocidade da emigración e a mocidade galega, así como entre intelectuais, científicos e expertos en diversos eidos, de Galicia e do país onde estes foros teñan lugar.

D) Outros programas e accións dirixidos a cumprir o obxecto social da entidade.

Outro tipo de accións non recollidas entre as anteriores, necesarias para a consecución do obxecto social recollido nos estatutos da sociedade, sempre que estas non teñan carácter comercial ou profesional sometido a prezo.

Artigo 27. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla a relación concreta dos proxectos para os cales se pide a subvención, cun máximo de doce. Para cada un dos proxectos debe detallarse a súa finalidade ou necesidade, as accións que se pretenden realizar e as datas e os lugares en que ten previsto executalos.

De incluír proxectos xuvenís, esta memoria deberá vir asinada, ademais de pola persoa representante legal da entidade, pola persoa responsable da sección xuvenil ou do grupo de mozos organizadores.

b) Orzamento detallado que recolla o custo previsto de realización de cada proxecto e de todos en conxunto para os cales se solicita a subvención, asinado pola persoa representante legal da entidade.

Artigo 28. Criterios de valoración

1. As solicitudes que se presenten valoraranse de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral dos proxectos relacionados na memoria: ata de 35 puntos, atendendo á súa finalidade ou necesidade, ao seu carácter innovador, e á importancia e repercusión das accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

1.1.1. Finalidade ou necesidade dos proxectos para os cales se solicita a subvención: ata 25 puntos.

Se a finalidade dos proxectos se refire exclusivamente ao programa anual de actividades culturais ou de formación, ata 15 puntos. Se se refire exclusivamente a proxectos xuvenís, ata 6 puntos. Se se refire exclusivamente a actuacións de tipo informativo, ata 6 puntos. Aquelas solicitudes que inclúan varios proxectos con distinta finalidade a puntuación máxima será 25 puntos.

1.1.2. Carácter innovador do programa. Valorarase o carácter innovador dos proxectos: ata 5 puntos.

1.1.3. Importancia e repercusión que tivesen as accións culturais, formativas, informativas e xuvenís realizadas pola entidade solicitante nos tres últimos anos: ata 5 puntos.

1.2. Grao de difusión dos valores e do patrimonio cultural galegos que poidan ter os proxectos que se van realizar para os cales se solicita a subvención, tendo en conta o número potencial de persoas usuarias de orixe galega ou descendentes, o impacto informativo e cultural do proxecto: ata 15 puntos.

1.3. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos.

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

1.4. Ter a condición de comunidade galega ou galeguidade recoñecida: 10 puntos. Ter a condición de centro colaborador da galeguidade: 5 puntos.

1.5. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 20 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20 % obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.6. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas: ata 15 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 20 puntos neste programa, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Sección 3ª. Programa 3. Accións de especial relevancia promovidas por comunidades galegas

Artigo 29. Obxecto e finalidade das subvencións

A través deste programa preténdese subvencionar proxectos de actividades de carácter extraordinario para a entidade que as promove ou nas cales participa activamente, non recorrentes, cuxa finalidade é a a promoción cultural, social ou económica de Galicia no ámbito en que estea asentada, tales como mostras, feiras, certames, ou efemérides especiais da entidade (25º, 50º, 75º, 100º, 125º... aniversario, etc.).

Artigo 30. Documentación que hai que presentar coa solicitude

Xunto coa solicitude, ademais da documentación relacionada no artigo 7, as entidades que pidan axuda por este programa teñen que presentar a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva que recolla o proxecto da actividade especial para a cal se pide a axuda, a súa finalidade ou necesidade, a importancia e repercusión para acadar os obxectivos previstos, estimación dos participantes e poboación a que vai dirixida, as accións que se van desenvolver, as datas e os lugares en que se pretende executar, etc.

b) Orzamento detallado que recolla o custo total previsto do proxecto da actividade especial, desagregado nas partidas especificas das principais accións que se van executar, asinado polo representante legal da entidade.

Artigo 31. Criterios de valoración

1. As solicitudes presentadas serán obxecto de valoración de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Interese xeral da acción que se vai desenvolver e calidade técnica, atendendo ás finalidades para as cales se solicita a subvención e ao seu carácter innovador; así mesmo, valorarase a súa importancia e repercusión: ata 45 puntos.

1.2. Nivel de financiamento das accións que se van subvencionar a través doutras fontes, distintas á da subvención solicitada á Secretaría Xeral da Emigración: fondos propios da entidade, outras subvencións de organismos públicos ou privados e outras vías de financiamento: ata 30 puntos.

Obterán a máxima puntuación aquelas entidades que financien por outras fontes distintas á da subvención solicitada unha porcentaxe igual ou superior ao 80 % do investimento; aquelas que non presenten ningún financiamento por outras fontes superior ao 20% obterán 0 puntos, e as demais proporcionalmente.

1.3. Entidades que sexan o resultado dun proceso de unión ou fusión, sempre que este rematase a partir do 1 de xaneiro de 2011, inclusive, ou cando, no seu respectivo ámbito territorial, non existan outras entidades galegas recoñecidas: ata 20 puntos.

1.4. Emprego da lingua galega na realización das accións: ata 5 puntos:

– Utilización exclusiva da lingua galega: 5 puntos.

– Utilización compartida da lingua galega con outras linguas: de 0 a 4 puntos.

2. Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 50 puntos neste programa de axudas, non serán obxecto de subvención nin serán tidos en conta nos cálculos para determinar o importe das subvencións propostas.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2015

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file