Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 2015 Páx. 6081

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 21 de xaneiro de 2015 pola que se autoriza a impartición do bloque común, na modalidade a distancia, na rede de centros de ensinanzas deportivas COEN Centros de Formación.

Pola Orde do 16 de xullo de 2014 autorízase a apertura e funcionamento da rede de centros de ensinanzas deportivas COEN Centros de Formación, para impartir as ensinanzas deportivas de grao medio conducentes á obtención do título de técnico deportivo en Fútbol (2 unidades de 30 postos escolares cada unha) e de grao superior conducentes á obtención do título de técnico superior en Fútbol (1 unidade de 30 postos escolares), no centro base situado en Pontevedra e na sede de Vigo.

O representante de COEN Centros de Formación, S.C., solicita autorización para impartir o bloque común a distancia das ensinanzas deportivas de grao medio e superior de Fútbol.

O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, que establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, no seu artigo 24, sinala a posibilidade de ofertar ensinanzas deportivas de xeito modular ou parcial, ben sexa en réxime presencial ou a distancia.

O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, regula os requisitos e o procedemento para a autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impartir ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia; norma desenvolvida polas ordes desta consellería do 12 de abril de 2004 e do 23 de abril de 2004, en que se determinan o procedemento de autorización e os requisitos mínimos dos espazos administrativos e docentes xenéricos cos que deben contar os centros que, neste caso, debe comprender o centro base e as sedes.

Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorizar a impartición do bloque común a distancia na rede de centros de ensinanzas deportivas COEN Centros de Formación, código 36024860, no centro base situado na rúa Estrada, nº 24, de Pontevedra, e na sede situada na rúa Gran Vía, nº 164, de Vigo.

Segundo. Antes da posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá a docencia, así como o equipamento axeitado.

Terceiro. Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cuarto. A titularidade da rede de centros queda obrigada ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2015

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria