Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Mércores, 18 de febreiro de 2015 Páx. 6790

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 2 de febreiro de 2015 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Baralla para o desenvolvemento de actividade mineira en Sixirei (expediente PTU-LU-14/091).

O Concello de Baralla remite proxecto de modificación aprobado provisionalmente o 24.7.2014, en solicitude de aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 85.7 da LOUG.

Analizada a documentación achegada polo Concello de Baralla e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

a) O presente expediente ten o seu antecedente directo no PTU-LU-10/028, que se refería a dous ámbitos –un en Sixirei e outro en Vale– afectados por dúas explotacións mineiras, e que foi disociado posteriormente en dous expedientes independentes (PTU-LU-14/091 e PTU-LU-13/001).

b) A tramitación da modificación inclúe:

• Presentación no Concello de Baralla do documento de inicio pola empresa mineira Canteiras do Penedo, S.A., Canpesa (2.3.2010), que afecta 2 ámbitos, nas parroquias de Sixirei e de Vale.

• Decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se eximiu a modificación de someterse á avaliación ambiental estratéxica (6.4.2010; DOG núm. 83, do 4 de maio).

• Emisión de informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo previo á aprobación inicial do proxecto de modificación puntual (24.1.2011).

• Aprobación inicial da modificación polo Concello Pleno do 29.7.2011.

• Exposición pública, mediante anuncios no DOG do 8 de setembro de 2011 (c.e. DOG do 21 de setembro), El Progreso do 23.8.2011 e La Voz de Galicia do 1.9.2011. Non se presentaron alegacións. Deuse audiencia aos concellos limítrofes.

•·Emisión de informes sectoriais:

– Servizo de Montes de Lugo (17.11.2011 e 25.11.2014). Non se afectan montes veciñais e de xestión pública.

– Servizo de Minas de Lugo (16.12.2011) favorable.

– Confederación Hidrográfica Miño-Sil (13.1.2012 e 9.10.2012 –favorable–).

– Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (3.9.2012, 30.1.2014 e 19.5.2014 –favorable–).

– Dirección Xeral de Conservación da Natureza (9.6.2014 –favorable–).

c) O Concello de Baralla dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 18.6.1986.

II. Análise e consideracións.

A presente modificación opera sobre un ámbito de 9,1 ha, reflectido no plano nº 1 do proxecto.

Ten por obxecto o desenvolvemento dunha explotación mineira a ceo aberto nunha serie de parcelas próximas ao núcleo rural de Sixirei. Para tal fin, categorízase unha porción do solo non urbanizable das NSP de Baralla –90.890 m2– como solo rústico de protección ordinaria da LOUG.

Tendo en conta a aplicación plena da LOUG no solo rústico e a inaplicación das determinacións das NSP de Baralla neste tipo de solo, máis que como unha recualificación do ámbito afectado, cómpre entender a presente modificación como o establecemento da súa categorización urbanística consonte a lexislación vixente, con cuxo recoñecemento se proporcionaría a desexable seguranza xurídica para os efectos do desenvolvemento da actividade mineira (existente e proxectada).

O proxecto actual cumpre as observacións sinaladas no IPAI emitido o 24.1.2011.

III. Observacións.

Ao longo da tramitación do expediente cumpríronse as exixencias da Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 31.7.2014 e obtivéronse os informes sectoriais preceptivos de xeito favorable. Nomeadamente, achegouse informe favorable en materia de telecomunicacións, recoñecéronse as vías que anteriormente non se incluían e acreditouse suficientemente o cálculo da consolidación edificatoria aplicable.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do documento de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cospeito corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Á vista de todo o que antecede, e ao abeiro do establecido no artigo 85.7.a) en relación co 93.4, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Baralla para desenvolvemento de actividade mineira en Sixirei.

Segundo. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2015

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas