O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todas as persoas traballadoras de nacionalidade española e os/as familiares destas, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2, define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Traballo e Benestar a través do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro.
A Consellería de Traballo e Benestar dispón de dous centros destinados ao desfrute do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social, posibilitando o acceso das familias a un período vacacional nas residencias de tempo libre de Galicia.
Mediante a presente orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, cumprindo unha importante función social.
Neste sentido, esta orde recolle aspectos, tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto regular o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2015 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Traballo e Benestar.
O procedemento regulado pola presente orde comprende exclusivamente as estadías reflectidas no anexo II cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Traballo e Benestar.
Artigo 2. Persoas destinatarias
Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior.
Artigo 3. Distribución das prazas
A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Traballo e Benestar e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.
Artigo 4. Tipos de servizo
1. Servizo de residencia.
O servizo de residencia consistirá no aloxamento e mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.
2. Servizos para non residentes.
Poderán gozar do servizo de comedor os/as familiares e persoas con relación de amizade cos/coas residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a persoa que exerza a dirección de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.
Artigo 5. Os prezos
Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.
Artigo 6. Solicitudes e documentación
Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Traballo e Benestar e para unha ou varias quendas. Non obstante, non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.
Non se admitirán a sorteo as solicitudes que inclúan persoas que gozaran dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.
1. As persoas solicitantes da quenda de familias numerosas definidas no artigo 10 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia (en adiante, Lei 3/2011), deberán presentar:
Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).
Copia do título de familia numerosa, no caso de non ser expedido ou renovado pola Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As persoas solicitantes da quenda de familias acolledoras definidas no artigo 17 da Lei 3/2011, deberán presentar:
Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).
Copia da resolución administrativa de acollemento, no caso de tratarse dun acollemento formalizado por outra comunidade autónoma.
3. As persoas solicitantes da quenda de familias monoparentais definidas no artigo 13 da Lei 3/2011, deberán presentar:
Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).
Copia do libro de familia.
Certificado de empadroamento da unidade familiar.
4. Resto de familias:
Solicitude segundo o modelo oficial (anexo I).
Se é o caso, acreditación da discapacidade, só cando non sexa expedida pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 7. Presentación de solicitudes: lugar e prazo
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 20 de marzo de 2015.
Artigo 8. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Artigo 9. Requirimento de emenda
A persoa que exerza a dirección da respectiva residencia comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde. En caso contrario, procederá a reclamarlles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de dez (10) días, se lles terá por desistidas da súa petición de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do xefe ou da xefa territorial competente que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.
Artigo 10. Adxudicación de estadías
A adxudicación das prazas efectuarase por sorteo de datas o día 26 de marzo de 2015 ás 10.00 horas nas dependencias das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (para a residencia de tempo libre do Carballiño) e en Vigo (para a residencia de tempo libre de Panxón), que será público e terá lugar ante o xefe ou a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar correspondente á localidade en que están situadas as residencias.
No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido. Todas as datas do prazo establecido no artigo 7.3 entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles.
As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación, ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguindo para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.
Reservarase a primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias para as familias numerosas. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.
Reservarase a última quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias acolledoras. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.
Reservarase a segunda quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias monoparentais. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.
A adxudicación das quendas para familias acolledoras, numerosas e monoparentais farase igualmente por sorteo de datas o mesmo día, sendo as sobrantes incluídas, de ser o caso, no procedemento xeral de adxudicación. As familias acolledoras, numerosas e monoparentais que se presenten ao resto das quendas entrarán no sorteo xeral e non terán ningunha preferencia.
Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.
O día 10 de abril de 2015, a partir da data obtida co resultado do sorteo, farase unha relación coas estadías e quendas adxudicadas, que constituirá a resolución das solicitudes. A dita relación publicarase nas páxinas web http://traballoebenestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org
Artigo 11. Resolución
1. Correspóndelle ao xefe ou á xefa territorial competente por razón de territorio, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, a resolución das adxudicacións das estadías. Do devandito sorteo levantarase acta e remitirase o resultado aos respectivos directores ou directoras das residencias. As ditas resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
A persoa que exerza a dirección de cadansúa residencia notificaralles ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso, no prazo máximo de catro meses contados desde o día de inicio da presentación de solicitudes.
2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis (6) meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de tres (3) meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.
Artigo 12. Pagamento do prezo da estadía
As persoas beneficiarias realizarán un depósito de 30 € por cuarto en concepto de reserva, no prazo de dez (10) días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, e outro depósito pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía,trinta (30) días antes do inicio da quenda adxudicada.
Artigo 13. Anulación de estadías e reintegro de pagamentos
Se a persoa adxudicataria anula a estadía perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causa de forza maior debidamente acreditada. A dita anulación efectuarase por calquera medio polo que quede constancia da data de entrada da anulación e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.
Terá dereito a que se lle devolvan as restantes cantidades depositadas, para o que terá que facer a reclamación correspondente. A continuación, instruirase e resolverase un expediente, e farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a seguir:
– Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100 %.
– Anulación entre 19 e 10 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 75 %.
– Anulación entre 9 e 3 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 50 %.
– Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25 %.
Para calcular a porcentaxe da devolución tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.
Artigo 14. Protección de datos
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a: sx.traballo.benestar@xunta.es
Disposición adicional única
Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Traballo e Benestar en Ourense (para as que correspondan á residencia de Tempo Libre do Carballiño) e en Vigo (para as que correspondan á residencia de Tempo Libre de Panxón).
Disposición derradeira primeira
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2015
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar
ANEXO II
Estadías das persoas residentes
Residencia |
Mes |
Quenda |
Tempada |
Panxón |
Xullo |
Do 1 ao 10 Do 12 ao 20 Do 22 ao 30 |
Alta |
Agosto |
Do 1 ao 10 Do 12 ao 20 Do 22 ao 30 |
Alta |
|
Setembro |
Do 1 ao 10 |
Alta |
|
O Carballiño |
Xullo |
Do 1 ao 10 Do 12 ao 20 Do 22 ao 30 |
Alta |
Agosto |
Do 1 ao 10 Do 12 ao 20 Do 22 ao 30 |
Alta |
|
Setembro |
Do 1 ao 10 |
Alta |