Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 3 de marzo de 2015 Páx. 8697

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Visto o texto do convenio colectivo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), que subscribiron, con data do 6 de novembro de 2014, dunha parte, a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e, doutra, as centrais sindicais UGT e CIG, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Dirección Xeral de Traballo e Economía Social,

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante Orde do 29 de outubro de 2010 (Diario Oficial de Galicia núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2015

Carmen Bouso Montero
Directora xeral de Traballo e Economía Social

ANEXO
Convenio colectivo da Federación de Asociacións
de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG)

Exposición de motivos

O proceso electoral desenvolvido no seo da FAXPG o pasado 17 de noviembre de 2012 tivo como consecuencia a elección dun novo equipo directivo que asumiu como un dos seus principais retos a necesidade de abordar un profundo proceso de racionalización e modernización da estrutura da Federación. Este proceso vén determinado, entre outros factores, pola crise económica actual que, entre outras consecuencias, supuxo unha substancial caída de ingresos da Federación (19,60 %), así como pola ausencia dunha política laboral que garanta unha adecuada xustiza retributiva e evite pronunciamentos xudiciais gravosos para a FAXPG ou pola necesidade dunha estrutura organizativa máis eficaz, áxil e transparente.

Co fin de avanzar no proceso de modernización da FAXPG, a súa presidencia presentou na asemblea do 8 de xuño de 2013 as liñas directoras deste, liñas que deben vir animadas polos principios de transparencia na xestión, contención do gasto, eficacia organizativa, clara separación do goberno e a administración da Federación e unha nova ordenación laboral que garanta unha maior xustiza retributiva e un marco laboral propio e adaptado á realidade singular da Federación.

É neste marco no que se enmarca o presente convenio colectivo. Con el preténdese superar o actual marco convencional xeral, baseado na aplicación dos convenios provinciais de oficinas e despachos, por un novo marco xeral e propio, máis acorde coas singularidades organizativas e funcionais da FAXPG e que, na medida do posible, mellore as condicións laborais dos seus empregados e facilite a implementación dos principios enunciados no punto anterior.

Artigo 1. Ámbito territorial

O presente convenio colectivo é de carácter autonómico. O seu ámbito territorial é o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito funcional

O presente convenio regulará as condicións de traballo realizado dentro das actividades propias e do fin social da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, en diante FAXPG, así como das persoas xurídicas dela dependentes.

Artigo 3. Ámbito temporal

O presente convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 2015.

Artigo 4. Ámbito persoal

Quedan comprendidos no ámbito deste convenio colectivo todos/as os/as traballadores/as contratados independentemente do centro de traballo onde presten os seus servizos.

Artigo 5. Denuncia e prórroga

Calquera das partes asinantes poderá denunciar o presente convenio cunha antelación mínima de tres (3) meses antes do vencemento deste. Para que a denuncia teña efecto deberá facerse mediante comunicación escrita á outra parte, comunicación que deberá ser rexistrada ante a autoridade laboral competente. Denunciado o convenio, ata que non se logre un novo acordo, manterase en vigor o contido íntegro do presente convenio.

En caso de non se producir a mencionada denuncia, entenderase que o convenio se prorroga automaticamente de ano en ano.

Artigo 6. Vinculación á totalidade

As condicións establecidas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible, en consecuencia, non poderá pretenderse a aplicación dunha ou de varias normas con esquecemento das restantes, senón que, para todos os efectos, este convenio deberá ser aplicado e observado na súa integridade.

Artigo 7. Dereito supletorio

En todo o non previsto neste convenio observarase o establecido no Estatuto dos traballadores e restantes disposicións normativas que resulten aplicables.

Artigo 8. Comisión paritaria de seguimento e control

1. No prazo máximo dun mes desde a publicación oficial do convenio constituirase unha comisión para a interpretación, mediación, arbitraxe e seguimento do establecido no presente convenio, así como o desempeño das restantes competencias atribuídas a este órgano pola lexislación laboral.

Na primeira sesión, constitutiva, procederase a nomear un presidente e un secretario, que asumirán, respectivamente, a función de convocar, moderar as reunións e levantar a acta destas, levando o oportuno rexistro e arquivamento dos asuntos tratados; igualmente, na devandita sesión constitutiva poderanse fixar normas e criterios relativos ao seu funcionamento e composición que non fosen establecidos no presente convenio.

2. A devandita comisión terá carácter paritario e deberá estar integrada por igual número de representantes do persoal e da Federación, todos eles cos seus respectivos suplentes.

3. A comisión paritaria reunirase con carácter ordinario unha vez cada catro meses e con carácter extraordinario cando o solicite unha das partes.

En ambos os dous casos a convocatoria farase cunha antelación mínima de cinco días hábiles, indicarase nesta a orde do día, a data, a hora e o lugar da reunión, indicarase a súa duración e achegarase a documentación necesaria para o seu estudo, se é o caso.

A comisión quedará constituída, en primeira convocatoria, coa metade máis un dos seus membros; en segunda convocatoria, sempre media hora máis tarde que a primeira, cos membros presentes, sempre que polo menos haxa un por cada unha das partes representadas nesta.

Os acordos adoptados faranse públicos a través de taboleiro de anuncios e cantos medios se consideren oportunos para a súa difusión e coñecemento nos diversos centros de traballo.

Se as partes se someten voluntariamente á súa arbitraxe, a resolución da comisión paritaria será vinculante.

Artigo 9. Mecanismo de participación dos traballadores/as

Ante calquera caso de suposto incumprimento do presente convenio, para demandar unha interpretación deste ou para solicitar a mediación ou arbitraxe ante un conflito, as partes implicadas poderán dirixirse á comisión paritaria.

As resolucións emitidas pola comisión paritaria terán a mesma forza legal que ten o propio convenio e entrarán a formar parte integrante deste.

Artigo 10. Organización do traballo

1. A organización e disciplina do traballo nesta entidade será competencia desta, no exercicio da potestade que a normativa lle confire, dentro dos límites e alcance fixados na lexislación vixente en cada momento (logo de consulta á representación legal dos/das traballadores/as). Ante a falta de acordo entre a entidade e a representación legal dos/das traballadores/as, priorizarase a decisión desta sobre as disposicións de carácter interno.

2. Ao persoal ao servizo desta entidade seralle de aplicación o sistema de clasificación profesional fixado a seguir e que, en todo caso, se basea na integración do persoal ao servizo da entidade en diferentes grupos profesionais, conforme as ocupacións desempeñadas por estes, así como os requisitos requiridos para o seu desempeño:

Grupo profesional I. Técnico/a superior: inclúese neste grupo aquel persoal ao cal se lle exixe unha alta cualificación formativa ou estar en posesión de titulación universitaria para o desempeño do seu traballo e que desenvolve tarefas técnicas ou complexas propias da súa capacitación profesional e formativa.

Grupo profesional II. Técnicos/as especialistas e de apoio: inclúese neste grupo o persoal ao cal para o desempeño do seu traballo se lle exixe o dominio dun conxunto de técnicas e coñecementos que, pola súa complexidade, requiren de capacitación ou formación profesional e que realizará funcións de supervisión directa e operativa sobre as actividades ou o persoal dunha área de actuación vinculada á súa especialización profesional.

Grupo profesional III. Intérpretes de lingua de signos española: inclúese neste grupo o persoal que está en posesión do título de técnico superior en Interpretación de Lingua de Signos ou ten a acreditación de intérprete de LSE expedida pola CNSE ou federacións e asociacións afiliadas, realiza funcións de intérprete atendendo os diferentes ámbitos e as necesidades da entidade, e tamén labores administrativos.

Grupo profesional IV. Auxiliares administrativos e técnicos/as auxiliares: inclúense neste grupo aqueles traballadores que no desempeño do seu traballo teñan que desenvolver tarefas que exixan un dominio e uns coñecementos profesionais específicos para o desenvolvemento dunha profesión ou oficio con certa autonomía, aínda que baixo as directrices e/ou supervisión doutro persoal.

Grupo profesional V. Persoal de oficios e subalterno: inclúense neste grupo aqueles traballadores que colaboran en traballos propios dun oficio ou no desenvolvemento de labores carentes dunha especial cualificación técnica e profesional, sendo preciso para o seu desenvolvemento uns coñecementos profesionais básicos.

Artigo 11. Xornada laboral e tempo de traballo

1. Xornada laboral.

A xornada laboral mínima, de obrigado cumprimento, será de 39 horas semanais de traballo efectivo, que se distribuirá, con carácter xeral, da seguinte forma:

– Xornada de inverno. De luns a xoves: das 8.00 ás 14.30 horas e dúas tardes establecidas nas seguintes quendas.

Quenda A: luns e mércores das 16.30 ás 19.30 horas.

Quenda B: martes e xoves das 16.30 ás 19.30 horas.

Venres: das 8.00 ás 15.00 horas.

– Xornada de verán. Entre o 1 de xuño e o 30 de setembro realizarase un réxime de xornada intensiva e continuada, a razón de 35 horas semanais de traballo efectivo, de luns a venres.

Cando, polas especiais características do servizo ou posto de traballo, non sexa posible que os traballadores afectados gocen desta xornada de verán, o tempo de redución computarase sobre o cómputo anual da súa xornada de traballo, de modo que a distribución concreta desta garanta unha compensación horaria semellante á dos restantes traballadores.

Os/As traballadores/as en xornada continuada superior a seis horas gozarán de 20 minutos de descanso diario computado como tempo efectivo de traballo.

En todo caso, dentro do referido cómputo de xornada efectiva de traballo quedarían incluídas todas aquelas tarefas relacionadas coa actividade laboral (planificación, programación, execución, avaliación, formación).

Os criterios xerais anteriormente sinalados, en materia de xornada, aplicaranse sen prexuízo das reducións, modificacións ou flexibilidades horarias autorizadas, en desenvolvemento das disposicións normativas vixentes ao respecto, particularmente en materia de conciliación laboral, familiar e persoal, e con independencia dos horarios específicos que se establezan nos servizos e postos que, polas súas especiais características e necesidades, non poidan adecuarse a estas regras xerais e ordinarias.

En todo caso, nos supostos en que, polas especiais características do servizo ou do posto, non sexa posible esta distribución ordinaria da xornada, deberase garantir o cumprimento, por parte do persoal afectado, dunha xornada de traballo equivalente, en cómputo anual ou semanal, á dos/das restantes traballadores/as.

2. Horas extraordinarias.

As horas que se realicen sobre a duración da xornada ordinaria de traballo terán a consideración de horas extraordinarias. As devanditas horas compensaranse, preferentemente, en tempo de descanso, e sempre que as necesidades de servizo, apreciadas polo/a coordinador/a ou responsable do servizo, así o permitan. Só en caso excepcional, que por razóns de servizo non sexa posible tal compensación horaria, se procedería a unha compensación económica.

Considéranse horas extraordinarias aquelas que estean vinculadas a unha tarefa concreta e expresamente asignada e/ou encomendada e cun prazo de presentación imposto. Non serán consideradas como tales aquelas que se realicen media hora antes ou media hora despois da xornada, sen xustificar ou sen encomenda previa, e durante días consecutivos, así como aquelas que son produto da asistencia ao centro de traballo cando non hai persoal.

Para os efectos de compensación, tanto horaria coma económica, aplicaranse os seguintes criterios:

En relación coa compensación horaria de horas extraordinarias:

– Se o exceso de xornada se produce de luns a venres, acumularase mínimo unha hora aínda que a duración do traballo ou servizo que se vaia realizar sexa inferior, sempre que esa acumulación non sexa de forma continuada (previa ou posterior) á súa xornada laboral, nese caso acumularase o tempo real. Se o tempo traballado fóra do seu horario laboral é superior a unha hora, acumularase o tempo real.

– Se a acumulación se produce en fin de semana ou en festivo, acumularase un mínimo dunha hora e aboarase o tempo traballado cun incremento do 50 % sobre o seu valor ordinario.

– Se por motivos laborais o traballador debe pasar a noite fóra do seu domicilio, acumularanse as horas traballadas dependendo de se é fin de semana/festivo ou día laborable da forma anteriormente exposta, compensando cun día libre a maiores (preferiblemente o día laborable inmediatamente posterior) se pasa a noite fóra do seu domicilio a fin de semana, ou un día libre por cada tres noites fóra se é en días laborables.

– Sempre que o traballador teña que desprazarse na súa xornada laboral fóra da cidade onde traballa, as horas da comida acumularanse, de igual xeito, cando o tempo dispoñible para comer non permita desprazarse ao domicilio.

No suposto excepcional de que, de conformidade co previsto no presente convenio, os servizos extraordinarios realizados fóra da xornada laboral deban ser remunerados economicamente, unha hora extraordinaria será aboada cun incremento do 50 por cento sobre a hora ordinaria.

3. Vacacións.

Todos os traballadores afectados polo presente convenio gozarán de 23 días laborables, non se computarán para estes efectos como laborables os sábados, domingos e festivos, de vacacións retribuídas ao ano ou a parte proporcional ao tempo traballado. Para tal efecto, a empresa e a representación do persoal acordarán o calendario anual de vacacións; a súa fixación e goce efectuarase, en todo o non previsto neste convenio, conforme o previsto na lexislación laboral vixente e, en todo caso, atendendo a razóns de servizo.

O plan de vacacións anuais será elaborado pola FAXPG tendo en conta as solicitudes formuladas polos/as traballadores/as. Para estes efectos e co fin de que cada traballador/a poida coñecer as datas que lle correspondan con antelación á data de comezo daquelas, os traballadores que queiran gozar das súas vacacións no período de verán deberán enviar as súas propostas antes do 31 de marzo, aqueles/as traballadores/as que queiran gozar de vacacións antes do 31 de maio deberán presentar a súa solicitude antes do 15 de decembro do ano anterior. Do mesmo modo, os/as traballadores/as que queiran facelo despois do período estival deberano solicitar antes do 15 de setembro.

Nos servizos ou unidades onde poida producirse colisión de intereses na determinación dos períodos de vacacións, estes organizaranse por quendas. A elección destes farase obrigatoriamente de forma rotativa comezando a elección polo/a traballador/a con maior antigüidade na FAXPG.

Para os efectos do cómputo do período de vacacións, nos supostos de traballadores/as con xornada inferior a cinco días semanais, considerarase que cada semana conta cun total de cinco días laborables (salvo festivos), con independencia dos días de prestación efectiva que correspondan ao traballador no momento de gozar das súas vacacións.

As vacacións deberán ser gozadas en períodos mínimos de 5 días laborables consecutivos e sempre que os correspondentes períodos de vacacións sexan compatibles coas necesidades de servizo, sendo obrigado o desfrute de quince (15) días entre o 15 xuño e o 15 de setembro.

Poderanse solicitar, como máximo, 8 días de vacacións fóra do período de vacacións prefixado e acordado no calendario anual de vacacións.

Cando o período de vacacións fixado no calendario de vacacións da empresa a que se refire o parágrafo anterior coincida no tempo cunha incapacidade temporal derivada do embarazo, o parto ou a lactación natural ou co período de suspensión do contrato de traballo previstos no artigo 48.4 e 48.bis da Lei do Estatuto dos traballadores, terase dereito a gozar das vacacións en data distinta á da incapacidade temporal ou á do goce do permiso que por aplicación do devandito precepto lle corresponda, ao finalizar o período de suspensión, aínda que rematase o ano natural a que correspondan.

No suposto de que o período de vacacións coincida cunha incapacidade temporal por continxencias distintas ás sinaladas no parágrafo anterior que lle imposibilite ao traballador gozalas, total ou parcialmente, durante o ano natural a que corresponden, o traballador poderá facelo unha vez que finalice a súa incapacidade e sempre que non transcorresen máis de dezaoito meses a partir do final do ano en que se orixinaron.

4. Días festivos e non laborables.

Os días festivos e non laborables serán os establecidos de acordo co calendario laboral aplicable no do municipio en que preste servizo o traballador/a.

Tamén terán consideración de non laborables:

– Os días 24 e 31 de decembro.

– O día 5 de xaneiro (en xornada de tarde).

5. Regulación e xustificación de ausencias.

Toda ausencia ou falta de puntualidade ao posto de traballo debe ser comunicada polo traballador/a ao/á correspondente coordinador/a ou directamente ao/á responsable de Recursos Humanos, coa maior brevidade posible, por calquera medio que garanta a constancia da comunicación e a súa recepción.

Toda ausencia e falta de puntualidade dará lugar á correspondente dedución proporcional de haberes, logo de comunicación ao afectado, sen prexuízo das medidas disciplinarias que procedan no caso de non estar debidamente xustificada.

Serán considerados como xustificados os casos de ausencias por indisposición de catro días no ano natural, dos cales só dous poderán ter lugar en días consecutivos, non dando lugar a dedución retributiva ningunha, sempre e cando esta circunstancia sexa comunicada á unidade ou servizo de pertenza, e obxecto de posterior xustificación, unha vez reincorporado ao seu posto, mediante declaración xurada en que conste a causa da ausencia.

6. Permisos.

1. Aos traballadores e traballadoras interesados concederánselles necesariamente os seguintes permisos retribuídos:

a) Por matrimonio do traballador ou traballadora: quince (15) días naturais. Polo matrimonio de familiares en primeiro grao, o día da celebración da voda.

b) Intervención cirúrxica ou enfermidade grave do cónxuxe, ou familiares dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: seis días naturais. En caso de enfermidade grave ou intervención cirúrxica de familiar en segundo grao de consanguinidade ou afinidade: dous días naturais, ampliables a catro cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, se é fóra do territorio do Estado español, aumentaranse dous días máis, sempre e cando se xustifique fidedignamente o desprazamento.

c) Parto de esposa: catro días naturais. No suposto de non coincidir, polo menos, dous días hábiles no cómputo dos catro días naturais, ampliarase o permiso como garantía mínima dos días hábiles.

d) Morte do cónxuxe ou familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: cinco días naturais, que se ampliarán ata oito días naturais se o óbito acontece fóra da Comunidade Autónoma, se é fóra do territorio do Estado español, aumentaranse dous días máis, sempre e cando se xustifique fidedignamente o desprazamento.

e) Morte dun familiar ata o terceiro grao de afinidade ou consanguinidade: dous días naturais, ampliable a un día máis cando exista desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Necesidade de atender asuntos propios que non admitan demora: o tempo que sexa necesario para iso. Outorgarase este permiso unha vez demostrada a necesidade.

g) Licenza a representantes sindicais: observarase o lexislado nesta materia.

h) Dous días por traslado de domicilio habitual.

i) Tres días libres remunerados por asuntos propios, a decisión do traballador ou traballadora con aviso previo de 24 horas, condicionado ao 20 % do cadro de persoal.

j) Os dereitos que correspondan aos permisos cuxo estado civil é o matrimonio legal estenderanse ás parellas que convivan en común salvo o previsto na letra a), xustificando esta convivencia mediante certificado de empadroamento ou outro equivalente.

2. As traballadoras con permiso por lactación rexeranse pola Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, podendo acumular a traballadora os períodos de goce de forma ininterrompida as 180 horas nun mes natural ou vinte e dous (22) días laborables.

3. Cando o traballador teña persoas ao seu cargo que non poidan acudir polos seus propios medios á consulta médica para recibir asistencia, o/a traballador/a terá permiso para acompañalo, xustificando o feito.

4. O persoal cunha antigüidade mínima na empresa dun ano terá dereito a un mes de permiso non retribuído ao ano nas seguintes circunstancias.

• Para o coidado dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, por accidente grave, enfermidade grave ou hospitalización. Pode solicitalo mentres se acredite que dura a devandita situación.

• Para situacións de adopción ou acollemento, debidamente acreditado.

5. En todo caso, en todo o non previsto no presente artigo e convenio, en materia de permisos e licenzas e en particular no relativo ao procedemento para a súa xustificación, observaranse previsións que, conforme o disposto nas correspondentes instrucións que se diten para o efecto e nas disposicións legais vixentes en cada momento, resulten de aplicación.

Artigo 12. Excedencias

En materia de excedencias observaranse as previsións que, conforme o disposto nas disposicións legais vixentes en cada momento, resulten de aplicación.

Os traballadores da FAXPG que asuman funcións directivas en virtude dun contrato de alta dirección pasarán á situación de excedencia forzosa no seu posto de orixe, coa consecuente reserva do posto de traballo.

Artigo 13. Incapacidade temporal e invalidez permanente

1. En situacións de incapacidade temporal aboarase un complemento, ata alcanzar o 100 % das retribucións que se veñan percibindo no mes anterior ao que se cause a incapacidade, desde a data de inicio.

2. No suposto de incapacidade temporal o contrato laboral enténdese en suspenso durante o tempo que dure esta.

3. No suposto de invalidez permanente total para a profesión habitual, invalidez absoluta ou grande invalidez, o contrato permanecerá en suspenso durante tres anos contados desde a data da resolución que o declarou se, a xuízo do órgano de cualificación, a situación de incapacidade do/da traballador/a vai ser posiblemente obxecto de revisión por melloría que permita a súa reincorporación ao posto de traballo, e así se indique na resolución administrativa.

4. Serán admisibles como ausencias xustificadas e non darán lugar a dedución retributiva os casos de ausencia durante a totalidade dunha xornada ordinaria de traballo, e ata un máximo de catro días ao longo do ano, por causa de enfermidade ou accidente, que non dea lugar a incapacidade temporal; neste caso, deste cómputo total de catro días, só dous poderán ter lugar en días consecutivos.

5. O traballador ten a obriga de entregar á empresa a copia dirixida á empresa dos partes médicos de baixa e de confirmación no prazo de tres días e a copia do parte médico de alta dentro das 24 horas seguintes desde a súa expedición.

Artigo 14. Xubilacións

No tocante á xubilación do persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio observarase o disposto, con carácter xeral e básico, na normativa que resulte aplicable en cada momento, e de conformidade coas condicións e requisitos establecidos no réxime da Seguridade Social que sexa igualmente aplicable.

A FAXPG tramitará ante a Seguridade Social, por solicitude do/da traballador/a afectado/a, a xubilación dos seus/suás empregados/as.

Artigo 15. Conciliación da vida familiar e laboral

En todo o referente en materia de conciliación da vida familiar e laboral observaranse as previsións que, conforme o disposto nas disposicións legais vixentes en cada momento, resulten de aplicación.

Artigo 16. Formación profesional, actualización e perfeccionamento

Principios xerais.

De conformidade co establecido no artigo 23 do Estatuto dos/das traballadores/as, e para facilitar a súa formación e promoción profesional, os/as traballadores/as afectados polo presente convenio terán dereito a ver facilitada a realización de estudos para a obtención de títulos académicos ou profesionais recoñecidos oficialmente, á realización de cursos de perfeccionamento profesionais organizados pola propia empresa ou outros organismos, sempre que a devandita formación teña relación directa co ámbito de actuación que recolle o presente convenio.

A empresa e a representación dos e das traballadores/as recoñecen como dereito derivado da relación laboral o da formación e promoción no traballo, salvando en calquera caso as necesidades de organización e bo funcionamento da empresa.

A formación e capacitación do/da traballador/a que preste os seus servizos na empresa, e de acordo coas necesidades desta, está aberta, sen discriminación de ningún tipo e coas únicas limitacións que poidan provir dos coñecementos previstos que deberán ser acreditados individualmente.

Un factor básico para incrementar a motivación e a integración dos/das traballadores/as e crear un mecanismo válido para articular a promoción é a formación.

Consecuentemente, a formación deberá pasar a un primeiro plano na preocupación da empresa, polo que esta se compromete a vincular a formación aos distintos procesos de carreira dos/das traballadores/as e á promoción.

A formación profesional na empresa orientarase cara aos seguintes obxectivos:

a) Adaptación ao posto de traballo e ás modificacións deste.

b) Actualización e posta ao día dos coñecementos profesionais exixibles na categoría e posto de traballo.

c) Especialización nos seus diversos graos nalgún sector ou materia propia do traballo.

d) Facilitar e promover a adquisición polos/as traballadores/as de títulos académicos e profesionais, relacionados co ámbito de actuación do presente convenio, así como a ampliación dos coñecementos dos/das traballadores/as que lles permitan aspirar a promocións profesionais.

e) Coñecer as condicións laborais do seu posto de traballo en evitación dos riscos laborais.

f) Calquera outro obxectivo que beneficie o/a traballador/a e a dinámica da empresa.

Desenvolvemento da formación.

1. A formación impartirase preferentemente en horario laboral. En caso de que non puidese ser desta forma, entenderase que o 100 % do tempo destinado a formación computará como traballo efectivamente realizado, sempre que a devandita formación sexa aconsellada pola empresa.

2. De conformidade co establecido no artigo 23 do Estatuto dos traballadores e para facilitar a formación e promoción profesional no traballo, os/as traballadores/as afectados polo presente convenio terán dereito á adaptación da xornada ordinaria de traballo para a asistencia a cursos de formación ou perfeccionamento profesional con reserva do posto de traballo.

Permisos individuais de formación.

A entidade comprométese a achegar todos os medios para que os/as traballadores/as que o soliciten poidan acceder a esta modalidade de formación.

As accións formativas, aprobadas pola Comisión Sectorial de Formación, para as cales poden solicitarse permisos de formación deberán:

a) Non estar nas accións financiadas no plan de formación da empresa.

b) Estar dirixidas ao desenvolvemento ou adaptación das cualidades técnico-profesionais do/da traballador/a e á súa formación persoal.

c) Estar recoñecidas por unha titulación oficial.

d) Quedan excluídas do permiso de formación as accións formativas que non se correspondan coa formación presencial.

A duración do permiso non excederá as 200 horas ao ano, sendo proporcional no caso de que a duración do contrato sexa inferior a un ano, salvo que a entidade adopte outro criterio.

Custo da formación.

As accións formativas incluídas no plan de formación da entidade serán financiadas con cargo ao crédito para a formación continua a través de bonificacións nas cotizacións á Seguridade Social, correndo todos os gastos que deriven da organización da formación continua dos seus/súas traballadores/as por conta da entidade (gastos de desprazamento, manutención).

Certificado de asistencia.

Os certificados de asistencia e aproveitamento, así como as valoracións e cualificacións obtidas nos ditos cursos, faranse constar nos expedientes dos/das traballadores/as que os realicen e terán relevancia na súa promoción profesional.

Criterios de selección na asistencia a cursos.

Primará o principio de neutralidade á hora de seleccionar os participantes das accións formativas. Terán preferencia na asistencia a cursos os/as traballadores/as que participasen en menos ocasións e aqueloutros que estean a desempeñar postos de traballo relacionados directamente coa materia obxecto do curso, ou vaian desenvolvelas no futuro próximo, segundo a decisión organizativa da entidade.

Obrigas da formación.

A FAXPG poderá encomendar aos/ás traballadores/as a asistencia a cursos, seminarios, congresos, xornadas referentes á súa especialidade e o seu traballo específico e/ou sempre que deriven beneficios para o servizo.

Artigo 17. Dereitos sindicais e de representación colectiva

1. O comité de empresa e delegados/as de persoal terán, entre outros, os seguintes dereitos, funcións e garantías, sen prexuízo do fixado ao respecto pola normativa de aplicación:

a) Ser informado previamente e por escrito de todas as sancións impostas no seu centro de traballo por faltas leves, graves e moi graves.

b) Coñecer trimestralmente, polo menos, as estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, e as súas consecuencias, os índices de sinistros, os estudos periódicos ou puntuais do ambiente laboral e os mecanismos de prevención que utilizan.

c) De vixilancia no cumprimento das normas vixentes en materia laboral, de Seguridade Social, ocupación e tamén no resto dos pactos, condicións e usos en vigor na empresa, formulando, se é necesario, as accións legais pertinentes ante esta e os organismos ou tribunais competentes.

d) De vixilancia e control das condicións de seguridade e saúde laboral no exercicio do traballo na empresa, os delegados/as de prevención para poder cumprir as funcións que a Lei de prevención de riscos laborais lles encomenden dispoñerán dun crédito horario mínimo de 30 horas para a súa formación na devandita materia, sen cargo ao crédito horario sindical, do previsto para o exercicio das funcións e competencias consideradas na LPRL. A formación en materia de prevención deberá ser facilitada e custeada pola empresa. Deberá realizarse dentro do horario laboral, computando como traballo efectivamente realizado.

e) Dispoñerase en todos os centros de traballo de taboleiros de anuncios sindicais, de dimensións suficientes e colocados en sitios visibles por todos/as os/as traballadores/as, un para a información do comité de empresa e outro para cada unha das seccións sindicais. A súa instalación será levada a cabo pola empresa, de acordo coa representación sindical dos/das traballadores/as. Será responsabilidade dos representantes do persoal a colocación nos taboleiros de anuncios daqueles avisos e comunicacións que deba efectuar e se consideren pertinentes. Facilitarase a comunicación cos traballadores a través de medios informáticos.

f) Os delegados do comité de empresa e/ou traballadores/as designados/as para a negociación do convenio colectivo dispoñerán, durante o período de tempo que duran as devanditas negociacións, dos permisos retribuídos que sexan necesarios. Para a realización deste dereito avisarán previamente cunha antelación de 48 horas o seu xefe inmediato superior. Así mesmo, para o exercicio habitual das súas funcións dispoñerán dun crédito horario retribuído na contía legalmente fixada.

g) Todo/a traballador/a poderá ser elector ou elixible para ocupar cargos de representación do persoal, sempre que reúna os requisitos establecidos no Estatuto dos traballadores e na Lei orgánica de liberdades sindicais.

h) A FAXPG facilitará ao comité de empresa e aos/ás delegados/as de persoal os espazos e materiais oportunos para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

2. O comité de empresa e os/as delegados sindicais, ou o 15 % do total do cadro de persoal de traballadores/as, naqueles centros de traballo de máis de 50 empregados, e o 20 % naqueles de menos de 50 empregados/as, poderán convocar reunións cunha antelación mínima de 72 horas, logo de notificación por escrito á empresa.

3. Para facilitar a actividade sindical na empresa, as centrais sindicais con dereito a formar parte da mesa negociadora do convenio poderán acumular as horas dos distintos representantes. Para facer efectivo o establecido neste artigo, os sindicatos comunicarán á organización patronal correspondente o desexo de acumular as horas dos seus delegados e delegadas.

Naqueles períodos de non negociación, os membros de comités de empresa ou delegados/as sindicais poderán, voluntariamente, acumular as horas sindicais que se considere oportuno poñéndoas á disposición do resto de membros do comité de empresa ou delegados/as sindicais da súa entidade, con obriga de comunicar a devandita situación á entidade pola que son contratados/as.

Artigo 18. Sistema retributivo

1. O sistema retributivo aplicable ao persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio configúrase sobre a base da seguinte estrutura salarial:

– Salario base.

– Antigüidade.

– Complementos salariais asociados ao posto/ocupación desempeñados.

2. Salario base.

O concepto de salario base mensual percibirase conforme o grupo profesional de pertenza e nas contías fixadas para o seu nivel retributivo correspondente, nos termos do previsto na táboa salarial anexa.

3. Antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade consistente en cuadrienios do cinco por cento do salario base.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá superar, en ningún caso, máis do 25 % do salario base.

4. Complementos salariais.

– Complemento de coordinación ou responsabilidade técnica.

Será retribuído con este complemento o persoal que exerza funcións de coordinación en áreas de actividade da entidade dunha natureza eminentemente técnica, que leven implícita a supervisión, a dirección e control dun equipo de persoal técnico.

– Complemento de especial dispoñibilidade.

Será retribuído con este complemento o persoal que por razón das particulares características do seu posto de traballo deba prestar unha especial dispoñibilidade e flexibilidade horaria, o cal implica que, frecuentemente, deba estar á disposición do superior inmediato cunha distribución do tempo de traballo singular, que non se corresponde á establecida, con carácter xeral, no presente convenio colectivo e sen que iso supoña un aumento nas horas de traballo establecidas para a xornada ordinaria.

Os devanditos complementos serán retribuídos nas contías fixadas na táboa anexa e a súa percepción non xerará ningún dereito adquirido, sendo percibido só cando se realicen efectivamente as funcións encomendadas.

5. Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores/as percibirán dúas gratificacións extraordinarias ao ano, unha no mes de xullo e outra no mes de decembro. O importe de cada unha delas será unha mensualidade do salario base máis a antigüidade.

O persoal que ingrese ou cese na empresa durante o transcurso do ano percibirá as gratificacións extraordinarias en proporción ao tempo de traballo.

6. Anticipos.

Todo o persoal con máis dun ano de antigüidade terá dereito a solicitar na empresa un anticipo sen xuro ata o importe de catro mensualidades do salario real. A amortización dese anticipo non excederá o 5 % do salario base.

7. Axudas de custo e desprazamentos.

Por almorzo: 6,16 €.

Por xantar: 18,45 €.

Por cea: 13,33 €.

Por aloxamento: pernoita pagada cun límite máximo de 60 €.

Estas cantidades serán incrementadas conforme a suba salarial.

A quilometraxe será a razón de 0,19 céntimos o quilómetro, esta cantidade será equiparada en cada momento coa cantidade máxima establecida pola facenda pública que estea exenta de cotización e retención, vixente en cada momento.

8. Actualización

As retribucións fixadas neste convenio actualizaranse anualmente, sen necesidade de negociación, de acordo co IPC interanual xeral español.

Artigo 19. Contratos eventuais

Para atender períodos de acumulación de tarefas, a FAXPG poderá concertar contratos eventuais, ao abeiro do establecido neste convenio colectivo e no artigo 15.b) do Estatuto dos traballadores, por un tempo non superior a seis (6) meses dentro dun período de doce (12) meses.

Cando se concerten estes contratos por un prazo inferior ao máximo establecido, poderán prorrogarse por acordo das partes ata o referido prazo de seis (6) meses.

Artigo 20. Promoción profesional

A cobertura de prazas vacantes de persoal levarase a cabo dando prioridade á promoción profesional dos traballadores e traballadoras do cadro de persoal, recorrendo á contratación externa cando as devanditas prazas non poidan cubrirse internamente.

Artigo 21. Melloras sociais

– Póliza de accidentes:

A FAXPG subscribirá unha póliza de accidentes que garanta a todos os/as traballadores/as un capital de 20.000 € por morte e 25.000 € por invalidez permanente, derivada, en ambos os dous casos, de accidente.

A empresa garantirá ao traballador o 100 por cento do salario que lle corresponda percibir no momento de producirse a baixa, nos supostos de IT derivados de accidente laboral ou por continxencias profesionais.

Artigo 22. Seguridade e saúde laboral

A FAXPG e o persoal afectado polo presente convenio cumprirán as disposicións sobre seguridade e saúde laboral contidas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

A FAXPG garantirá aos/ás traballadores/as a vixilancia anual do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo que realicen cos protocolos básicos establecidos polas mutuas e aquelas probas específicas que o servizo de prevención estableza para cada unha das ocupacións laborais.

Esta vixilancia só poderá levarse a cabo cando o/a traballador/a preste o seu consentimento. Deste carácter voluntario só se exceptuarán os supostos en que a realización dos recoñecementos sexa imprescindible para avaliar o estado de saúde do/da traballador/a ou para verificar se o estado de saúde deste pode constituír un perigo para si mesmo, para os demais compañeiros/as ou outros. Así pois, nestes casos os/as traballadores/as terán o dereito e á vez a obriga de someterse a revisións médicas, tanto previas ao ingreso no posto de traballo coma periódicas.

En cada caso deberase optar pola realización das probas ou revisións que causen as menores molestias aos/ás traballadores/as e que sexan proporcionais ao risco. Levaranse a cabo respectando o dereito á intimidade, á dignidade da persoa e á confidencialidade dos datos relacionados co seu estado de saúde.

O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal médico e ás autoridades sanitarias. Os resultados da vixilancia da saúde serán comunicados aos/ás traballadores/as afectados/as e non poderán ser usados con fins discriminatorios en prexuízo do/da traballador/a.

Cando no desempeño do traballo habitual exista risco para a muller embarazada ou para o feto, segundo informe emitido polo Servizo Público de Saúde, ou ben poida influír negativamente no período de lactación (natural ou artificial), a FAXPG, centro ou entidade, por proposta dos/das traballadores/as, procederá a facilitar o cambio a outro posto de traballo dentro da súa categoría profesional e xornada habitual que, en ningún caso, se poderá aplicar cando concorran algunha destas circunstancias, salvo que exista un desexo manifesto por parte da traballadora.

Todos os centros de traballo deben contar cun plan de emerxencia actualizado que inclúa o plan de evacuación, de acordo co Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas en materia de sinalización, de seguridade e saúde no traballo.

O plan de autoprotección inspirarase, á marxe do real decreto antes citado, tanto na Orde do 13 de novembro de 1984 (BOE do 17 de novembro) sobre exercicios prácticos de evacuación de emerxencias en centros educativos e outros, así como na Lei do 21 de xaneiro de 1985 (BOE 25 de xaneiro) sobre protección civil. Este plan de emerxencia e evacuación será consultado cos/cas traballadores/as, permitindo a súa participación. Así mesmo, tal como establecen as disposicións legais enumeradas, realizarase anualmente e será revisado e modificado tanto en función da súa eficacia como cando se cambie ou altere algún dos lugares ou postos de traballo.

Así mesmo, a FAXPG informará os/ás representantes dos/das traballadores/as e os traballadores/as das consecuencias sobre a saúde que derivan do traballo realizado, mediante a avaliación de riscos e que poidan influír negativamente no desenvolvemento do artigo 26 da Lei de prevención de riscos laborais.

Dentro dos plans formativos que as empresas, centros ou entidades deben acometer anualmente, de conformidade co artigo 19 da Lei de prevención de riscos laborais, impartirase a cada traballador/a unha formación teórico-práctica dunha duración mínima de 15 horas. Esta formación, tal e como establece o artigo 19.2 da Lei de prevención de riscos laborais, deberá impartirse sempre que sexa posible dentro da xornada de traballo ou, no seu defecto, noutras horas, descontándose estas da súa xornada de traballo habitual.

A formación poderaa impartir a empresa, con medios propios ou concertándoa con servizos alleos, e o seu custo en ningún caso recaerá sobre o/a traballador/a.

Artigo 23. Réxime disciplinario

Os traballadores/as poderán ser sancionados en virtude de incumprimentos laborais de acordo coa gradación de faltas e sancións seguintes:

a) Faltas leves:

1. Atraso e neglixencia no cumprimento das súas funcións, así como a indebida utilización dos locais, materiais ou documentos da empresa, salvo que pola súa manifesta gravidade poida ser considerada como falta grave.

2. A non comunicación coa debida antelación da falta de asistencia ao traballo, por causa xustificada, salvo que se probe imposibilidade de facelo.

3. A falta repetida de puntualidade sen causa xustificada de ata tres ao mes.

4. O abandono do posto de traballo sen causa xustificada, agás no suposto de que este orixinase unha situación de desprotección, abandono, desatención ou risco para os/as usuarios/as, caso en que se poderá considerar como falta grave ou moi grave en razón do dano ás persoas que derive da devandita conduta.

b) Faltas graves:

1. Desobediencia ás instrucións dos superiores en materia do seu traballo con prexuízo para a empresa ou os/as usuarios/as.

2. As faltas repetidas de puntualidade sen causa xustificada durante máis de cinco (5) días e menos de dez ao mes.

3. A reincidencia na comisión de ata tres faltas leves, aínda que sexan de diferente natureza, dentro dun mesmo trimestre, sempre que se produza sanción por este motivo.

4. O uso de programas informáticos en proveito propio ou de terceiros.

5. Presentación extemporánea dos partes de comunicación de baixa, en tempo superior a sete días desde a data da súa expedición.

c) Faltas moi graves:

1. Dar a coñecer datos que afecten a intimidade dos/das usuarios/as.

2. Facer públicos ou facer mal uso de datos de carácter confidencial da organización.

3. Falsear os datos voluntariamente.

4. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas e calquera conduta constitutiva de delito doloso.

5. A falta reiterada de puntualidade non xustificada durante máis de dez (10) días ao mes ou máis de trinta días no trimestre.

6. Os malos tratos de palabra ou obra, o abuso de autoridade cara aos/ás traballadores/as ou aos/ás usuarios/as.

7. A obtención de beneficios económicos ou en especie dos/das usuarios/as ou das súas familias.

8. Apropiarse de obxectos, documentos, material, etc. dos/das usuarios/as ou do resto de traballadores/as.

9. O obstáculo ao exercicio das liberdades públicas e/ou dos dereitos sindicais.

10. Simulación de enfermidade.

11. Realizar denuncias infundadas cara á empresa, compañeiros e/ou usuarios.

Sancións.

As sancións que poderán impoñerse serán as seguintes:

1. Por falta leve: amoestación verbal ou escrita.

2. Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

3. Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de quince (15) a trinta (30) días con ou sen apercibimento de despedimento, podendo chegar ata o despedimento.

As anotacións desfavorables que, como consecuencia das sancións impostas, puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ao cumprirse os prazos de dous, catro ou oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

Tramitación e prescrición.

As sancións comunicaranse motivadamente por escrito ao/á interesado/a para o seu coñecemento e efectos e darase notificación ao Comité de Empresa ou delegados/as de persoal e, se é o caso, á sección sindical a que pertenza o afectado.

Para a imposición de sancións por falta moi grave, será preceptiva a instrución de expediente contraditorio.

Este expediente incoarase logo de coñecemento da infracción remitindo ao/á interesado/a o prego de cargos con exposición sucinta dos feitos supostamente constitutivos de falta.

O/A traballador/a afectado dispoñerá dun prazo de 48 horas hábiles para manifestar á empresa o que considere conveniente para o esclarecemento do expediente. Transcorrido o devandito prazo e aínda que o/a traballador/a non fixese uso do dereito que se lle concede a formular alegacións, procederase á resolución do expediente contraditorio que poderá concluír coa imposición ao/á traballador/a da sanción que se considere oportuna, de acordo coa gravidade da falta e co estipulado polo presente convenio.

É absolutamente indispensable a tramitación de expediente contraditorio para a imposición de sancións, calquera que for a súa gravidade, cando se trate de membros do comité de empresa, delegados/as de persoal ou membros con cargo de responsabilidade das seccións sindicais, tanto se se achan en activo dos seus cargos sindicais coma se aínda se achan no período regulamentario de garantías.

As faltas leves prescribirán aos dez días, as graves aos vinte días e as moi graves aos cincuenta e cinco días a partir da data na cal se ten coñecemento destas e, en todo caso, aos seis meses de terse cometido.

Entre a falta e a comunicación desta non deben transcorrer máis de quince (15) días.

Infraccións dos empresarios.

Ante a suposta omisión ou acción cometida polos titulares da empresa, que sexa contraria ao disposto neste convenio e demais disposicións legais, o persoal contratado, a través dos representantes legais dos/das traballadores/as, tratará en primeira instancia de corrixir a suposta infracción apelando verbalmente ou por escrito á propia entidade.

Se no prazo de quince días hábiles desde a notificación oficial ao titular non tivese recibido solución, ou esta non fose satisfactoria para o reclamante, poderá incoar expediente ante a Comisión Paritaria de Conciliación, Arbitraxe e Interpretación, a cal, no prazo máximo de quince días hábiles desde a súa recepción, emitirá ditame.

Calquera das partes poderá apelar ao ditame da Inspección de Traballo.

En todo caso, observarase previsto nas disposicións legais vixentes e especialmente no disposto na Lei 5/2000, do 4 de agosto, sobre infraccións e sancións de orde social.

Artigo 24. Procedemento en caso de desacordo nos procesos de inaplicación das condicións de traballo

Polas discrepancias que poidan xurdir, se é o caso, pola non aplicación das condicións de traballo a que se refire o artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores, o procedemento que se debe seguir para solucionar de xeito efectivo as devanditas discrepancias será o establecido para o efecto no devandito artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores.

Disposición adicional primeira. Postos de traballo e categorías por grupo

Integraranse no grupo profesional I os/as ocupantes dos seguintes postos de traballo e/ou categorías profesionais: técnico/a superior de administración e finanzas, técnico/a superior de proxectos e calidade, técnico/a superior de recursos humanos, técnico/a superior de comunicación, axente de emprego, técnico/a de orientación laboral, psicólogo/a; pedagogo/a, educador/a, traballador/a social, técnico/a superior.

Integraranse no grupo profesional II os/as ocupantes dos seguintes postos de traballo e/ou categorías profesionais: técnico/a administrativo, técnico/a multimedia, contable, técnico/a mantemento informático, secretaría de dirección, orientador/a de LSE, técnico/a especialista.

Integraranse no grupo profesional III os/as ocupantes dos seguintes postos de traballo e/ou categorías profesionais: intérprete de LSE-GI, telefonista GI.

Integraranse no grupo profesional IV os/as ocupantes dos seguintes postos de traballo e/ou categorías profesionais: especialista en LSE, adecosor-axente de recursos sociais, auxiliar administrativo.

Integraranse no grupo profesional V os/as ocupantes dos seguintes postos de traballo e/ou categorías profesionais: limpador/a, subalterno.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento sustentable

As partes asinantes do presente convenio comprométense a promover políticas de desenvolvemento sustentable mediante a adopción de iniciativas orientadas cara a un modelo de desenvolvemento máis respectuoso co ambiente e a través da adopción de boas prácticas ambientais que induzan ao uso sustentable dos recursos da FAXPG e que permitan reducir o impacto ambiental. En concreto, estas iniciativas deberán perseguir os seguintes obxectivos:

– Menor gasto posible de materiais e busca da eficiencia enerxética.

– Maior emprego de materiais renovables.

– Promoción das enerxías limpas, redución de emisións e tratamento eficaz de residuos.

Disposición adicional terceira. Garantía retributiva

Garántese a todo o persoal que no momento da aprobación deste convenio preste servizos na FAXPG o mantemento das súas condicións retributivas, sen prexuízo das medidas que, de conformidade coa normativa vixente, se poidan adoptar co fin de garantir unha maior xustiza retributiva e a viabilidade económica da Federación.

Aqueles traballadores que no momento de aprobación do convenio veñan percibindo unhas retribucións superiores ás fixadas nas táboas salariais deste, percibirán un complemento persoal transitorio, cuxa contía será a diferenza entre o percibido polo/a traballador/a e o que debería percibir de acordo co previsto nas mencionadas táboas.

O complemento persoal transitorio será absorbido polos incrementos retributivos de calquera clase que se produzan, así como os derivados do cambio de posto de traballo, ata a súa total extinción.

Disposición adicional cuarta. Incorporación de acordos previos

Incorpóranse ao contido deste convenio, como anexos, os acordos adoptados pola FAXPG e os/as representantes do persoal en materia de horarios.

Disposición transitoria única. Asignación de complementos de coordinación e responsabilidade

No momento da sinatura do convenio, o complemento de coordinación e responsabilidade previsto no artigo 18.4, nas contías fixadas no anexo II, será atribuído aos/ás responsables dos seguintes postos de traballo:

100 euros: responsable de administración e finanzas, responsable de proxectos e calidade, responsable de recursos humanos, responsable de comunicación, coordinador/a do servizo de intérpretes de LSE, coordinador/a de emprego, coordinador/a de formación, coordinador/a de formación en LSE, coordinador/a do SAPS, coordinador/a de voluntariado.

A asignación dos restantes complementos, así como a modificación da asignación do complemento de coordinación e responsabilidade, será determinada pola Dirección da FAXPG logo de información ao comité de empresa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

En canto ás condicións económicas, entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2015.

ANEXO I
Acordo de distribución do tempo de traballo de especialistas de LSE

A xornada de inverno será de 39 horas efectivas, o horario de traballo dos/das especialistas de LSE será fixado en función da planificación anual da formación de LSE na FAXPG.

O persoal indefinido adaptará a súa xornada de traballo aos devanditos cursos, unha vez que finalice o período de cursos volverá ao seu horario habitual.

O número de horas ordinarias de traballo efectivo poderá superar diariamente as nove (9) horas, pero en cómputo semanal cumpriranse as 39 horas.

Entre o final dunha xornada e o comezo da seguinte mediarán, como mínimo, doce (12) horas.

Garantirase o dereito a un descanso mínimo semanal, acumulable por períodos de ata catorce días, de día e medio ininterrompido que, como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado ou, se é o caso, a mañá do luns e o día completo do domingo.

En compensación polo seu horario de traballo flexible, nas épocas non lectivas (Nadal, Entroido, Semana Santa) os/as especialistas de LSE traballarán en horario intensivo de 8.00 a 15.00.

A xornada de verán será de 35 horas semanais prestadas en horario intensivo de luns a venres, de 8.00 a 15.00, pero poderá ser modificada para cubrir aqueles cursos ou talleres de LSE de verán que se poidan organizar.

ANEXO II
Táboa salarial

Grupos profesionais

Nivel retributivo

I. Técnico/a superior

1.431,14 €

II. Técnicos/as de apoio

1.214,31 €

III. Intérpretes de LSE-GI

1.173,28 €

IV. Técnicos/as auxiliares

1.132,25 €

V. Persoal de oficios e subalterno

1.028,94 €

Complementos

Tipo complemento

Importe

Complemento de coordinación ou responsabilidade

100 €/mensuais

Complemento especial de dispoñibilidade

50 €/mensuais