Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 2015 Páx. 11803

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de febreiro de 2015 pola que se regula o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, que se aplica, entre outros, ao ámbito da xuventude.

Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil e o fomento da participación da mocidade na vida social.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, sinala, no artigo 7, que constituirán obxectivos prioritarios da planificación xeral dos programas relacionados coa educación, o apoio da educación non formal da xuventude como complemento da educación regrada, co obxecto de contribuír á aprendizaxe permanente. Así mesmo, no artigo 8 recolle que a Xunta de Galicia promoverá políticas activas que favorezan o emprego xuvenil, que terán, con carácter xeral, os obxectivos da mellora da empregabilidade, a mellora da adaptabilidade e a igualdade de oportunidades da mocidade, en especial a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no ámbito laboral.

A recomendación do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de decembro de 2006 (2006/962/CE), define o marco de referencia europeo sobre as competencias clave para a aprendizaxe permanente.

Consciente de que a educación non formal e o seu recoñecemento son un compoñente fundamental para a creación de sociedades de aprendizaxe permanente, a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e organización de actividades e programas cun claro compoñente de educación non formal, de cuxa participación se deriva a adquisición, por parte da mocidade, dunha serie de competencias, destrezas e habilidades que poden ter un grande impacto sobre a empregabilidade xuvenil, ademais de contribuír ao desenvolvemento persoal de mozos e mozas. Existe a evidencia de que o compromiso e a participación prolongados neste tipo de iniciativas son unha vía máis para axudar os mozos e mozas na súa transición ao emprego, o cal se facilitaría de existir algún recoñecemento formal das competencias adquiridas coa devandita participación.

Para avanzar neste obxectivo de recoñecemento oficial, e seguindo o establecido na Recomendación do Consello de Europa (2012/C 398/01), do 20 de decembro de 2012, sobre a validación da aprendizaxe non formal e informal, onde se insta a desenvolver mecanismos para a validación dos procesos de ensino-aprendizaxe baseados na educación non formal, a Consellería de Traballo e Benestar regula, a través desta orde, o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permita confirmar a participación nos programas de educación non formal organizados polo órgano directivo competente en materia de xuventude e, sobre todo, validar as competencias derivadas desa participación.

Así pois, no marco das súas funcións, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado quere arbitrar e regular os mecanismos necesarios que permitan acreditar os coñecementos, habilidades e formación derivados da participación nos programas de educación non formal que organiza.

A orde define o certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, establece os programas dos que deriva o dereito á súa expedición e regula o contido do certificado así como o procedemento para a súa emisión, entre outros aspectos.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta disposición ten por obxecto regular o réxime xurídico e características do certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.

Artigo 2. Definición e finalidade do certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude

1. O certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude é un instrumento de acreditación oficial da participación en programas organizados polo órgano directivo competente en materia de xuventude e dos que se deriva a adquisición de coñecementos, habilidades e aptitudes que contribúen ao desenvolvemento persoal dos/das participantes, enriquecen o seu currículo vital e favorecen unha participación activa na sociedade.

2. O certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude ten por finalidade confirmar a participación nun programa específico do órgano competente en materia de xuventude, darlle visibilidade á aprendizaxe non formal adquirida e validar as competencias asumidas, contribuíndo, deste xeito, a mellorar as posibilidades de emprego da mocidade galega, mediante a súa achega ao currículum vítae.

Artigo 3. Programas dos cales se deriva o dereito á expedición do certificado

1. Os programas dos cales se deriva o dereito á expedición do certificado de educación non formal en materia de xuventude son Iniciativa Xove, Erasmus +, Xuventude en acción, A xuventude no mundo, Campos de traballo e Galeuropa.

2. Poderanse engadir outros programas a partir da entrada en vigor desta orde. Os programas que se engadan publicaranse na páxina web https://xuventude.xunta.es e deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) As persoas destinatarias serán mozos/as con idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos, ambos os dous incluídos.

b) A súa duración será superior a unha xornada.

c) Contarán cunha programación detallada de actividades que responda a uns obxectivos definidos.

d) Implicarán o desenvolvemento de tarefas como traballo en equipo, planificación e desenvolvemento de actividades e proxectos, dirección de grupos, traballo con persoas doutras culturas, con outras linguas e/ou noutros mercados laborais, preparación e posta en escena de discursos e presentacións ou formación a outras persoas en diversos temas e valores.

3. No caso de participación en máis dun programa dos que dan dereito á expedición do certificado, deberá solicitarse un certificado por cada un dos programas.

Artigo 4. Contido do certificado

O certificado de educación non formal en materia de xuventude incluirá os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e NIF da persoa participante.

b) Programa do órgano directivo competente en materia de xuventude no cal participou, con descrición dos seus obxectivos xerais.

c) Relación de actividades/ funcións/ traballos realizados de xeito individual e/ou en grupo.

d) Relación das competencias e habilidades adquiridas pola persoa participante, especialmente nas seguintes áreas:

1º. Traballo en equipo.

2º. Aptitudes interculturais.

3º. Aptitudes comunicativas.

4º. Mellora de habilidades en linguas estranxeiras.

5º. Aptitudes organizativas, de planificación e toma de decisións.

6º. Aptitudes sociais profesionais (puntualidade, cumprimento das normas, realización de traballos asignados...).

7º. Competencias sociais e cívicas/participación activa na sociedade.

8º. Creatividade.

9º. Sentido da iniciativa e espírito emprendedor.

10º. Conciencia e expresión culturais.

11º. Confianza, autonomía e iniciativa persoal.

12º. Outras.

Artigo 5. Persoas solicitantes

Poden presentar a solicitude as persoas que participasen nalgún dos programas incluídos no artigo 3 desta orde, de xeito individual ou formando parte dun grupo informal, asociación ou entidade, e que no momento de participar no programa non superen os 30 anos.

Artigo 6. Contido e presentación de solicitudes

1. Para solicitar o certificado de educación non formal en materia de xuventude, as persoas interesadas deberán presentar, debidamente cuberto, un formulario de solicitude segundo o modelo que se incorpora como anexo I desta orde.

A persoa solicitante deberá indicar as actividades e tarefas realizadas no ámbito do programa en que participou e poderá marcar todas ou algunha das áreas de competencia e habilidades sinaladas no artigo 4, en función das actividades (realizadas de xeito individual ou en equipo) que as fundamentan.

Coa sinatura e presentación do formulario, a persoa solicitante declara que tivo participación activa no proxecto/actividade descrito e que son certos os datos consignados na solicitude.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Xunto co formulario de solicitude deberá presentarse unha fotocopia compulsada do DNI ou NIE, no caso de que o/a solicitante non autorice expresamente a comprobación de datos por medio do acceso electrónico ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

4. No caso de que a persoa solicitante participe no programa como integrante dunha asociación, entidade ou grupo informal, deberá presentar, xunto coa solicitude, a declaración responsable da persoa representante da entidade/asociación/grupo, de confirmación da participación da persoa solicitante no proxecto e de conformidade respecto dos datos consignados por esta sobre as tarefas e actividades desenvolvidas, segundo o modelo que se incorpora como anexo II desta orde.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Instrución do procedemento

1. As solicitudes presentadas serán examinadas pola unidade responsable do programa en que participou a persoa solicitante. Esta comprobará que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos para a emisión do certificado e procederá, en caso contrario, a requirir a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42 da citada lei.

2. Unha vez comprobada a concorrencia ou non dos requisitos para a obtención do certificado, elevará a proposta de resolución á persoa titular do órgano competente para resolver.

Artigo 8. Resolución e emisión do certificado

1. O órgano competente para resolver e emitir o certificado é a persoa titular do órgano directivo competente en materia de xuventude.

2. A resolución terá lugar no prazo de 10 días desde a elevación da proposta de resolución.

3. O certificado remitirase á persoa solicitante no prazo máximo de catro meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a solicitude.

4. A dita resolución non esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto for expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9. Taxa

A emisión do certificado está suxeita ao pagamento da correspondente taxa.

Artigo 10. Corrección de erros e duplicado de certificados

1. Procederase á anulación do certificado incorrecto e, se procede, expedirase un novo, cando sexa necesario emendar erros administrativos.

2. Farase constar que se trata dun duplicado cando, por petición da persoa interesada, se proceda á expedición dun certificado xa expedido con anterioridade.

Artigo 11. Natureza e réxime xurídico dos certificados

Os certificados de experiencia de educación non formal en materia de xuventude considéranse actos administrativos e, como tales, estarán suxeitas ao establecido nos capítulos II, III e IV da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentar os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición adicional única. Utilización de formularios normalizados

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Ámbito temporal

1. Esta orde aplicarase aos programas enumerados nos números 3.1 e 3.2 que se convoquen con posterioridade á súa entrada en vigor.

2. Así mesmo, tamén se aplicará aos programas enumerados no artigo 3.1 que fosen convocados entre o 1 de xaneiro de 2012 e a súa entrada en vigor.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file