Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 1 de abril de 2015 Páx. 12873

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de marzo de 2015 pola que se somete a información pública o proxecto modificado número 1 das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares (Vigo), que inclúe o proxecto construtivo da ampliación e modernización e a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados necesarios para a súa execución.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten transferidas as competencias de funcións e servizos do Estado en materia de abastecementos de auga, saneamento e condución e defensa das marxes de ríos, mediante o Real decreto 1870/1985, do 11 de setembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración xeral do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de abastecemento de auga, saneamento, condución e defensa das marxes.

O 9 de marzo de 2007, a Xunta de Galicia, Augas de Galicia e AcuaNorte subscribiron un protocolo xeral de colaboración para o desenvolvemento da actuación: saneamento de Vigo, cuxo obxecto era a redacción do estudo de alternativas e o anteproxecto do sistema de depuración de Vigo. O 19 de xullo de 2007, as ditas partes ratificaron os compromisos adquiridos, mediante a subscrición dun convenio para o desenvolvemento da actuación de saneamento de Vigo. Posteriormente, o 2 de agosto de 2010, foi subscrito entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, AcuaNorte e Augas de Galicia o convenio para a construción das obras correspondentes á actuación hidráulica de saneamento de Vigo.

A execución das obras da actuación de saneamento de Vigo está encomendada á Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (en diante, Acuaespaña), ao figurar recollida no seu convenio de xestión directa.

A actuación de saneamento de Vigo está declarada de interese xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, xa que as obras de referencia están recollidas no Plan hidrolóxico Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro.

O artigo 29 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, dispón que a aprobación definitiva do proxecto, anteproxecto ou documento similar de obras hidráulicas declaradas de interese da Comunidade Autónoma levará implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación dos bens e adquisición de dereitos, co fin da expropiación forzosa e a ocupación temporal, de acordo co disposto na lexislación correspondente. Esta declaración referirase tamén aos bens e dereitos que poidan incluírse na reformulación do documento técnico correspondente e ás modificacións de obras e obras complementarias que, se é o caso, poidan aprobarse posteriormente.

Así, debe salientarse que os procedementos expropiatorios correspondentes ás obras incluídas no anteproxecto citado se tramitarán mediante o procedemento de urxencia previsto nos artigos 52 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, e concordantes do seu regulamento de desenvolvemento.

A solución proposta para o cumprimento dos obxectivos de calidade da auga na ría de Vigo, asociados ao saneamento de Vigo, integra as infraestruturas seguintes:

1. Estación depuradora de augas residuais.

2. Emisario submarino da estación depuradora de augas residuais do Lagares.

3. Ampliación da acometida eléctrica existente.

Para a execución da obra da estación depuradora de augas residuais licitouse un contrato conxunto para a redacción do proxecto construtivo, a execución das obras e a posta en marcha e, o 7 de setembro de 2012, Augas de Galicia aprobou tecnicamente o proxecto construtivo da ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares (Vigo).

Posteriormente, redactouse un proxecto modificado núm. 1 das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares (Vigo). As actuacións comprendidas nesta modificación basicamente consisten na instalación de equipamento adicional para a eliminación de areas, dun sistema de desodorización por vía biolóxica, de equipos de iluminación con lámpadas LED e na modificación de sistemas construtivos.

Así mesmo, en atención ao requirido por Augas de Galicia, incorpórase ao proxecto modificado a información obtida dos estudos e da enxeñaría de detalle realizada durante a execución do proxecto e necesaria para a validación final e completa das solucións adoptadas. Dentro deste grupo englóbanse os seguintes aspectos: desenvolvemento da enxeñaría de detalle do reactor biolóxico; axuste de dimensións e pesos de pontes guindastre; equipamento de regulación e medida dentro da alínea de subministración de gas e desenvolvemento da enxeñaría de detalle do equipamento de desinfección.

Por medio desta resolución sométese á información pública tanto o referido ao proxecto construtivo como o referido ao proxecto modificado, ao estar aquel contido neste.

O proxecto foi examinado e supervisado pola Área Técnica de Augas de Galicia e, segundo informe do 2 de marzo de 2015, cumpre todos os requisitos exixidos polo texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro. O 16 de marzo de 2015, a Dirección de Augas de Galicia dita unha resolución pola que se aproba tecnicamente o proxecto das obras.

Considerando o exposto anteriormente,

RESOLVO:

Primeiro. Someter o proxecto modificado núm. 1 das obras de ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares (Vigo) –que inclúe o proxecto construtivo da ampliación e modernización da estación depuradora de augas residuais do Lagares (Vigo)– ao trámite de información pública para os efectos do previsto no artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para que calquera persoa física ou xurídica formule as alegacións que considere convenientes.

Segundo. Someter a relación dos titulares de terreos, bens e dereitos afectados polas obras previstas no proxecto modificado e que se achega como anexo a esta resolución ao trámite de información pública previsto no artigo 18 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa, e nos artigos 17 e 18 do seu regulamento de desenvolvemento, co fin de que os que se consideren prexudicados polas obras que se prevén poidan formular as alegacións que consideren oportunas.

Para tal efecto, o proxecto estará á disposición do público nas oficinas do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Sur (r/ San Salvador, 2, 4º, 36201 Vigo), da Área Técnica de Augas de Galicia (r/ Doutor Maceira, 18 baixo, 15706 Santiago de Compostela), da Sociedade Estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A. (r/ Colón, 21, 3º, 36201 Vigo) e do Concello de Vigo (praza do Rei, s/n), así como na páxina web de Augas de Galicia (http://augasdegalicia.xunta.es), por un prazo común de vinte días contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Publíquese esta resolución no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, no taboleiro de edictos do Concello de Vigo e en dous xornais dos de maior circulación da provincia de Pontevedra.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2015

Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados

Nº orde

Termo municipal

Clasificación

Referencia catastral

Superficie de expropiación m2

Superficie de ocupación temporal m2

Uso

Propietarios

DNI

Domicilio fiscal

1

Vigo

Rústico

54057A121000740000BS

31,07

23,53

Agrario (labor ou labradío secaño 02)

Mª Pilar Monroy Lago

36030966-V

CM Couto, 95, 36331 Vigo (Pontevedra)

2

Vigo

Urbano

8417531NG1781N0001HR

51,68

41,63

Solo sen edificar

Mª Pilar Monroy Lago

36030966-V

CM Couto, 96, 36331 Vigo (Pontevedra)

3

Vigo

Urbano

8417526NG1781N0001ZR

102,78

Solo sen edificar

Herdeiros de Evaristo Costas Fernández

35834369-R

Lg. A Silveira Coruxo, 1, 36331 Vigo (Pontevedra)