Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 13 de abril de 2015 Páx. 13992

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 45/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento e se determinan os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos.

A prestación do servizo de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos polo miúdo e, concretamente, a venda de combustibles constitúe unha actividade económica importante que afecta os intereses e dereitos da cidadanía e das empresas.

A nova situación en que se atopa o mercado como consecuencia da liberalización do dito sector obriga a Administración a regular aqueles aspectos que afectan os dereitos dos consumidores e consumidoras, e nomeadamente a garantir unha competencia real e efectiva na prestación do servizo de venda e subministración de gasolinas e gasóleos como mecanismo de garantía para que non se lesione ningún dos dereitos de aqueles.

O artigo 43.2 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece que as administracións autonómicas, no exercicio das súas competencias, deberán garantir que os actos de control que afecten a implantación das instalacións de subministración de carburantes polo miúdo se integren nun procedemento único e ante unha única instancia. Para tal efecto, regularán o procedemento e determinarán o órgano autonómico ou local competente ante o cal se realizará a solicitude e que, se é o caso, resolverá este. Este procedemento coordinará todos os trámites administrativos necesarios para a implantación das devanditas instalacións con base nun proxecto único, e así se prevé no presente decreto.

A Lei 34/1998, no seu artigo 44, sinala que as comunidades autónomas constituirán un rexistro de instalacións de distribución polo miúdo no cal deberán estar inscritas todas aquelas instalacións que desenvolvan esta actividade no seu ámbito territorial, logo de acreditación do cumprimento polas devanditas instalacións dos requisitos legais e regulamentarios que resulten exixibles.

Nese senso, o Real decreto 1905/1995, do 24 de novembro, polo que se aproba o Regulamento para a distribución polo miúdo de carburantes e combustibles petrolíferos en instalacións de venda ao público, regula os requisitos para a actividade de distribución polo miúdo de carburantes e combustibles petrolíferos de automoción en instalacións de venda ao público. Esta normativa regulamentaria está en vigor, salvo nos aspectos que contradín a Lei 34/1998. O presente decreto establece que, unha vez rematada a instalación e, se for o caso, logo de que a súa implantación fose considerada viable mediante o procedemento integrado único previsto no presente decreto, se inscribirá no rexistro correspondente, logo da acreditación do cumprimento dos requisitos legais, mediante resolución motivada.

Por outra banda, a análise do mercado dos carburantes de automoción en Galicia realizada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas e polo Consello Galego da Competencia, así como o informe deste último organismo, poñen de manifesto a existencia de distorsións no mercado derivadas da posición no mercado de determinados operadores.

O artigo 43.bis da Lei 34/1998 impón condicións aos vínculos contractuais de subministración en exclusiva. No mesmo senso, a disposición transitoria quinta da Lei 11/2013, do 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego, impide aos operadores petrolíferos por xunto incrementar o número das súas instalacións cando teñan unha cota de mercado superior ao 30 % en cada provincia. Esa mesma disposición sinala que por resolución do director xeral de Política Enerxética e Minas se determinará anualmente a lista de operadores por xunto de produtos petrolíferos que supere a citada porcentaxe.

A Resolución do 26 de setembro de 2014, correspondente á anualidade en curso, efectivamente sinala que en todas as provincias galegas existe un operador que supera a porcentaxe. Debe, en consecuencia, no procedemento de habilitación establecerse o control previo do órgano competente sobre a existencia do contrato de exclusividade de subministración cun operador e o cumprimento das limitacións aos vínculos contractuais de subministración en exclusiva previstos na Lei 34/1998, do 7 de outubro, introducidos pola Lei 11/2013, é dicir, duración do contrato non superior a un (1) ano e nulidade das cláusulas con incidencia na fixación de prezos.

Todo isto deberá quedar acreditado no procedemento, tanto para as novas instalacións como para as existentes que pretendan introducir un contrato deste tipo ou modificar o existente e garantir dese xeito o cumprimento da normativa vixente.

A Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia efectuou unha profunda reforma no réxime de intervención administrativa das actividades suprimindo a licenza de apertura municipal e xeneralizando a comunicación previa como mecanismo de control. A disposición derradeira sexta da Lei 9/2013 autoriza o Consello da Xunta de Galicia para ditar disposicións para o desenvolvemento regulamentario da lei. Os procedementos urbanísticos e ambientais previstos na lei e necesarios para a implantación das instalacións de subministración de combustible polo miúdo son tamén determinados no presente decreto.

A Lei 9/2013, do 19 de decembro, nace ao abeiro dun contexto de incerteza que require, máis que nunca, unha xestión eficaz e eficiente dos recursos públicos, creando ámbitos favorables que aceleren e consoliden a actividade emprendedora. A necesidade de que as administracións públicas establezan medidas concretas para fomentar o emprendemento e o apoio ás persoas emprendedoras como axentes dinamizadores da economía en Galicia vén dada polo alto grao de representatividade das pequenas e medianas empresas, entre as cales se atopan as estacións de servizo, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego.

Finalmente, a Lei 34/1998, do 7 de outubro, implanta un completo réxime de infraccións e sancións e establece que a competencia para a imposición das sancións virá determinada pola competencia para autorizar a actividade en cuxo exercicio se cometeu a infracción, ou pola competencia para autorizar as correspondentes instalacións. A lei determina que para a imposición de sancións no ámbito das comunidades autónomas se observará o previsto na súa propia normativa, polo que se procede a regular o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este decreto consta de quince artigos, catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Industria, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O presente decreto ten por obxecto a regulación do procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, a súa posta en funcionamento e a determinación dos órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora en materia de hidrocarburos no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os capítulos I e IV deste decreto serán de aplicación a todas as instalacións de distribución polo miúdo a que se refire o artigo 43.1 da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

3. Os capítulos II e III só serán de aplicación ás seguintes instalacións:

a) Subministración de carburantes e combustibles petrolíferos a vehículos en instalacións habilitadas para o efecto, tales como estacións de servizo e unidades de subministración.

b) Instalacións de subministración a instalacións fixas para o seu consumo na propia instalación.

4. Os servizos e establecementos anexos ás instalacións a que se refire o presente decreto, tales como tendas, restaurantes, cafetarías, servizos e aseos hixiénicos, autolavado, talleres de reparación, cambio de aceite, venda de repostos, etc., regularanse polo disposto nas normas específicas de aplicación e nas disposicións reguladoras da publicidade e marcación de prezos.

Artigo 2. Liberdade para o exercicio da actividade

A actividade de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos polo miúdo poderá ser exercida libremente por calquera persoa física ou xurídica, de conformidade coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Artigo 3. Cumprimento da normativa sectorial

As instalacións utilizadas para o exercicio desta actividade deberán cumprir coa normativa técnica e de seguranza preceptiva para cada tipo de instalación, así como cumprir co resto da normativa vixente.

CAPÍTULO II
Procedemento integrado para a implantación de instalacións
de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos

Artigo 4. Características do procedemento

1. O procedemento para a implantación das instalacións a que se refire o presente decreto baséase nos principios de voluntariedade para o interesado, portelo único, respecto das competencias das administracións intervenientes, cooperación interadministrativa, proporcionalidade das actuacións e simplicidade de cargas administrativas.

2. Os interesados poderán, a través do órgano competente para a instrución e resolución do procedemento único integrado, acceder á información sobre todos os trámites necesarios para a implantación das instalacións e o exercicio da actividade, así como á realización destes, incluíndo as declaracións e solicitudes necesarias para obter as autorizacións e licenzas precisas.

3. O órgano competente da Administración da Comunidade Autónoma funcionará como portelo único, para os efectos de garantir que os interesados poidan:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para a implantación das instalacións e exercicio da actividade.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teñan a condición de interesados e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo órgano administrativo competente.

4. O órgano administrativo establecido no artigo seguinte non representará, en ningún caso, o/a solicitante ou promotor/a da instalación, sendo este o único responsable ante as administracións afectadas pola tramitación e implantación das instalacións, singularmente nos trámites relativos á intervención municipal pola obra ou instalación e polo exercicio da actividade.

5. A liquidación dos tributos correspondentes que resulten da implantación das instalacións obxecto deste decreto será responsabilidade do/da solicitante ou promotor/a e non será obxecto do procedemento de tramitación coordinada establecido no capítulo II.

6. Para determinar a conformidade dos contratos de subministración en exclusiva que se subscriban entre os operadores grosistas de produtos petrolíferos e os distribuidores polo miúdo que se dediquen á explotación da instalación para a subministración de combustibles e carburantes a vehículos, tomarase como referencia a listaxe de operadores por xunto con cota de mercado superior á porcentaxe establecida na disposición transitoria quinta da Lei 11/2013, do 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego, publicada na última resolución a que se refire a citada disposición transitoria.

Artigo 5. Órgano competente

O órgano competente para a instrución e resolución do procedemento único integrado para a implantación das instalacións do ámbito deste decreto é a dirección xeral competente en materia de industria, que poderá delegar o exercicio da competencia segundo o previsto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A consellería competente en materia de industria constitúese como o portelo de tramitación único perante as administracións que, por razón de materia, participen na tramitación dos expedientes administrativos de implantación destas instalacións.

Artigo 6. Consulta previa

1. Para os únicos efectos de que a administración titular da vía pública informe sobre a viabilidade das instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos, o/a promotor/a, como medida previa á formalización da correspondente solicitude de implantación, poderá formular consulta previa presentando a documentación prevista na normativa de estradas aplicable, ante o órgano competente para a tramitación e resolución do procedemento integrado previsto no artigo 5, que trasladará a consulta recibida á citada administración titular.

2. Cando a Administración titular da vía pública sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou algunha das entidades locais galegas, o prazo máximo para responder á consulta será dun (1) mes, entendendo como viables o predio e os accesos propostos se non se producir contestación expresa no prazo indicado.

3. Acreditada a viabilidade da proposta, ben coa resposta favorable á consulta ou ben pola vía do silencio, o órgano competente para a tramitación e resolución do procedemento integrado comunicará tal circunstancia ao/á promotor/a do proxecto. De non ser viable, comunicaráselle ao/á promotor/a.

Artigo 7. Solicitude de iniciación do procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos

1. As solicitudes de iniciación do procedemento integrado para a implantación de instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos obxecto deste decreto presentaranse ante o órgano indicado no artigo 5 e deben reunir os requisitos sinalados no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes presentaranse xunto co proxecto único industrial e de construción da instalación asinado por técnico titulado competente que, como mínimo, deberá conter:

a) Memoria en que se recollan as seguintes cuestións:

1ª. Situación da instalación.

2ª. Características principais.

3ª. Relación das afeccións da instalación, de ser o caso, a bens ou servizos dependentes das administracións públicas, organismos e empresas de servizo público, de acordo coa letra seguinte.

b) A teor da relación da letra anterior, as separatas técnicas relativas ás afeccións da instalación, de ser o caso, a bens ou servizos dependentes das administración públicas, organismos e empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral.

c) Orzamento do conxunto da instalación.

d) Memoria ambiental necesaria para cumprir o trámite da avaliación de incidencia ambiental, segundo o artigo 34 da Lei 9/2013, do 19 de decembro.

e) Xustificación do cumprimento da lexislación de estradas, segundo o establecido na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, e a normativa que a desenvolve ou, no caso de estradas estatais, na Lei 25/1988, do 29 de xullo, de estradas, e na normativa que a desenvolve.

f) De acordo coa normativa urbanística, deberá presentarse a documentación precisa para a obtención da licenza de obra ou, de tratarse dunha obra que precisa a presentación dunha comunicación previa, presentarase esta efectuada polo/a solicitante.

3. O proxecto único deberá cumprir os requisitos e conter as previsións indicadas na lexislación de estradas e do solo, así como ser conforme coas normas técnicas e de seguranza aplicables.

4. Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados neste artigo, requirirase o interesado para que, no prazo de 10 días, proceda a emenda ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, todo sen prexuízo da comprobación ulterior polos órgano sectoriais competentes do cumprimento das previsións exixidas na lexislación sectorial aplicable e do eventual requirimento de emenda ou de documentación para acreditar o cumprimento das súas previsións.

Artigo 8. Integración e coordinación dos trámites administrativos necesarios para a implantación das instalacións

1. O procedemento regulado no capítulo II deste decreto integrará e coordinará todos os trámites administrativos e actos de control necesarios para a implantación das instalacións de subministracións de carburantes polo miúdo ás cales se refire o artigo 1.3, con base no proxecto único presentado polo solicitante.

2. Para cumprir a finalidade establecida no número anterior, o órgano autonómico competente para a instrución do procedemento integrado remitirá a solicitude, o proxecto único e a documentación que a acompaña aos seguintes órganos e entidades administrativas para que procedan a emitir os informes, autorizacións ou licenzas que en cada caso correspondan:

a) Á Administración titular da vía pública afectada polo acceso á instalación de distribución polo miúdo.

b) Ao órgano ambiental competente para os efectos da avaliación da incidencia ambiental regulada na Lei 9/2013, do 19 de decembro.

c) Ao resto das administracións públicas, organismos e empresas de servizo público que poidan estar afectadas, segundo a documentación achegada na solicitude.

3. Para os efectos do cumprimento do réxime de intervención municipal correspondente relativo ao inicio das obras e ao abeiro do disposto no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, o órgano competente para tramitar o procedemento integrado procederá do seguinte xeito:

a) De tratarse dunha instalación que precisa licenza de obra, remitirase ao concello correspondente a solicitude e o proxecto único.

b) De tratarse dunha obra que precisa a presentación dunha comunicación previa, dará traslado ao concello correspondente.

4. Nas comunicacións referidas nos números anteriores o órgano solicitará dos órganos ou entidades administrativas a que se dirixe que lle indique o prazo máximo para resolver a emisión de cadanseu informe, autorización ou licenza e o sentido do silencio. Destes aspectos informarase o solicitante.

5. Así mesmo, o órgano competente para a instrución do procedemento único integrado solicitará aos órganos competentes para emitir os informes, autorizacións ou licenzas que procedan, de acordo coa lexislación sectorial, que lle dean traslado dos requirimentos de emenda ou da solicitude de documentación complementaria para a súa notificación ao interesado.

6. O órgano competente para a instrución do procedemento integrado manterá informados os distintos órganos intervenientes no procedemento da emisión dos informes, autorizacións e licenzas que se producisen.

7. O procedemento, os prazos de emisión dos informes, autorizacións e licenzas preceptivos e o sentido do silencio administrativo serán os establecidos na correspondente lexislación sectorial.

8. O órgano competente para a instrución e resolución do procedemento único integrado, notificará aos interesados as resolucións e actos administrativos ditados polas distintas administracións públicas competentes sectorialmente que afecten aos seus dereitos e intereses, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 9. Prazos de tramitación do procedemento único integrado

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento único integrado será de seis (6) meses. Transcorrido o dito prazo sen terse notificado resolución expresa, terá efectos estimatorios, nos termos sinalados no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e no artigo 43 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Non obstante, no caso de que se tivese notificado previamente ao interesado a emisión dos actos correspondentes ás distintas administracións públicas sectorialmente competentes e estes actos fosen desfavorables á implantación ou establecesen condicións para ela, deberá observarse o contido dos actos ditados. Así mesmo, respectarase o efecto desestimatorio do silencio establecido na normativa sectorial para o suposto do transcurso dos prazos previstos para a emisión dos correspondentes actos polos órganos competentes.

O prazo máximo establecido para resolver o procedemento e notificar a resolución poderá suspenderse nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 10. Finalización do procedemento

1. Unha vez emitidos os actos de autorización, informes ou licenzas preceptivas de acordo coa normativa aplicable ou transcorrido o prazo establecido na normativa sectorial para emitilos, o órgano competente ditará a resolución que poña fin ao procedemento integrado único.

2. A resolución do procedemento estimará ou non a viabilidade da implantación das instalacións e fixará as condicións aplicables para esta. A resolución do procedemento non suporá a asunción pola Administración autonómica das competencias das restantes administracións públicas involucradas na tramitación do procedemento, polo que valorará o contido dos informes emitidos e, se for o caso, respectará as autorizacións e licenzas outorgadas por elas.

3. A resolución do procedemento non pon fin á vía administrativa.

4. O órgano competente para resolver o procedemento integrado comunicará a resolución que dite ás demais administracións involucradas no procedemento.

CAPÍTULO III
Posta en funcionamento das instalacións de distribución polo miúdo

Artigo 11. Acreditación do cumprimento dos requisitos legais e regulamentarios

1. As instalacións de distribución polo miúdo referidas no artigo 1.3 deberán estar inscritas no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, logo de acreditación do cumprimento dos requisitos legais e regulamentarios que resulten exixibles.

A inscrición neste rexistro será condición necesaria para a posta en funcionamento das instalacións, sen prexuízo doutras inscricións e/ou autorizacións que sexan necesarias de acordo coa lexislación vixente.

2. A solicitude de inscrición efectuarase antes do inicio da actividade. Para tal efecto, unha vez finalizada a execución da instalación, o/a solicitante ou promotor/a procederá a cursar a solicitude de inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, xuntando a documentación prevista na normativa reguladora do rexistro.

No caso de que o/a solicitante tivese seguido o procedemento establecido no capítulo anterior, poderá presentar a resolución do procedemento único integrado pola que se estima a viabilidade da implantación, que servirá como achega documental ao expediente da xustificación do cumprimento dos trámites que comprende.

3. En particular, nos casos de instalacións de subministración de combustibles e carburantes a vehículos será requisito necesario para o rexistro da instalación o cumprimento do establecido na disposición transitoria quinta da Lei 11/2013, do 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego. Para estes efectos, presentaranse, se for o caso, os títulos que confiran a xestión directa ou indirecta da instalación a operadores por xunto de produtos petrolíferos ou os contratos de subministración en exclusiva. Así mesmo, estes vínculos contractuais deberán respectar o establecido no artigo 43.bis da Lei 34/1998, do 7 de outubro.

4. Vista a documentación achegada na solicitude de inscrición e acreditado o cumprimento dos requisitos legais e regulamentarios, o órgano competente para resolver a solicitude de inscrición inscribirá a instalación no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, logo, se o estima conveniente, da correspondente inspección.

5. O órgano competente para resolver a solicitude de inscrición informará do inicio da actividade a todas as administracións competentes para efectuar os trámites administrativos necesarios para a implantación das instalacións.

Artigo 12. Exercicio da actividade

1. O exercicio da actividade e explotación da instalación quedan condicionados, ao cumprimento das condicións establecidas na resolución do procedemento único integrado, se for o caso, e na resolución de inscrición no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos, así como ao disposto na lexislación vixente.

2. O incumprimento do establecido no número anterior dará lugar á revogación da inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos. A inscrición tamén será revogada cando foren revogadas as autorizacións administrativas precisas ou deixar de funcionar a instalación durante un prazo continuado dun (1) ano.

3. Toda instalación de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos a vehículos, en instalacións habilitadas para o efecto, que subscriba un contrato de subministración en exclusiva cun operador por xunto de produtos petrolíferos ou outorgue calquera título que lles confira a xestión directa ou indirecta da instalación deberá comunicalo ao Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos no prazo de cinco (5) días hábiles computados desde a data de subscrición do contrato de subministración en exclusiva ou de outorgamento do título que confira a xestión directa ou indirecta da instalación.

4. De non cumprir os acordos citados no punto anterior, o establecido na disposición transitoria quinta da Lei 11/2013, do 26 de xullo, e no número 1 do artigo 43.bis da Lei 34/1998, do 7 de outubro, requirirase a súa adaptación á normativa indicada no prazo de 10 días, e procederase, no caso de incumprimento, á revogación da inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

CAPÍTULO IV
Potestade sancionadora en materia de hidrocarburos

Artigo 13. Competencia sancionadora

A potestade sancionadora que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas infraccións tipificadas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, rexerase polo disposto no presente capítulo.

Artigo 14. Competencia para iniciar os procedementos sancionadores

1. A competencia para iniciar os procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, corresponde á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de industria correspondente á provincia onde se tivese cometido a infracción.

2. Non obstante, esta competencia corresponderá á persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria, en caso de infraccións administrativas que afecten o ámbito territorial de dúas ou máis provincias da Comunidade Autónoma. Para tal efecto, deberá tramitarse un único expediente como consecuencia de infraccións cometidas por unha persoa física ou xurídica en dúas ou máis provincias.

Artigo 15. Competencia para resolver os procedementos sancionadores

A competencia para resolver os expedientes sancionadores por infraccións previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, corresponderá:

a) Nas infraccións moi graves: ao Consello da Xunta de Galicia.

b) Nas infraccións graves: á persoa titular da consellería competente en materia de industria

c) Nas infraccións leves: ás persoas titulares das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de industria, cando afecten unicamente o seu respectivo ámbito territorial, e á persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria, cando fose competente para inicialos.

Disposición adicional primeira. Uso dos formularios normalizados

Os/as solicitantes e titulares das instalacións do ámbito deste decreto usarán os formularios normalizados dos procedementos administrativos que se habiliten para cumprir coas obrigas establecidas no presente decreto e na Orde do 24 de maio de 2006 pola que se crea e se regula o Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento dos procedementos administrativos

De conformidade co artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, as solicitudes dos procedementos administrativos que se habiliten poderán ser presentadas utilizando exclusivamente medios electrónicos.

A dirección xeral competente en materia de industria desenvolverá os procedementos a que se refire a disposición adicional cuarta, incluídos o contido e formato dos formularios normalizados e o medio de presentación.

Disposición adicional terceira. Modificación e actualización dos formularios normalizados

Para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados aos procedementos previstos neste decreto, poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación mediante resolución da persoa titular da consellería con competencias en materia de industria, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial e non implique, en ningún caso, unha modificación do contido da solicitude prevista no artigo 7.2 do decreto ou das solicitudes previstas na normativa reguladora do Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos.

Disposición adicional cuarta. Adaptación de procedementos administrativos

Os órganos administrativos autonómicos que tivesen habilitados procedementos administrativos que queden integrados no procedemento establecido neste decreto procederán de oficio á súa adaptación.

Disposición transitoria primeira. Instalacións de subministración de carburantes e combustibles en tramitación

Os procedementos de apertura de instalacións de subministración de carburantes e combustibles petrolíferos polo miúdo ás cales se refire o artigo 1.3 do presente decreto que se atopen en tramitación á entrada en vigor do presente decreto, poderán adaptar a súa tramitación a el, logo de solicitude do/a promotor/a, manténdose a vixencia dos actos administrativos ditados ata o momento da solicitude.

Disposición transitoria segunda. Remisión de contratos en exclusiva en instalacións existentes

1. Para a acreditación do cumprimento das obrigas sinaladas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, e na Lei 11/2013, do 26 de xullo, de medidas do apoio ao emprendedor, de estímulo do crecemento e da creación de emprego, sobre limitacións aos contratos en exclusiva, os operadores por xunto de produtos petrolíferos deberán comunicar á xefatura territorial correspondente por razón da provincia da consellería competente en materia de industria todos os contratos de subministración de combustible en exclusiva vixentes en cada provincia ou, se for o caso, o título que lles confira a xestión directa ou indirecta da instalación, no prazo máximo dun (1) mes desde a entrada en vigor do presente decreto. Os ditos contratos ou títulos deberán ser facilitados, en todo caso, polos titulares das instalacións de distribución polo miúdo cando así llo requiran os órganos da Xunta de Galicia competentes en materia de industria, consumo ou competencia.

2. Cando da documentación recibida resulte o incumprimento do disposto na disposición transitoria quinta da Lei 11/2013, do 26 de xullo, revogarase a inscrición da instalación obxecto do contrato no Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos se, requirido para o efecto, o seu titular non regularizar ou adaptar a subministración en exclusiva ou a xestión directa ou indirecta da instalación ao disposto na lei no prazo dun (1) mes.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia

Engádese un segundo parágrafo ao artigo 1 do Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia, coa seguinte redacción:

«Exclúese do obxecto do presente decreto a determinación dos órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora na materia de hidrocarburos».

Disposición derradeira segunda. Facultade de desenvolvemento

Facúltase o titular da consellería competente en materia de industria, para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento e, de xeito específico, para a adaptación da regulación do Rexistro de Instalacións de Distribución polo Miúdo de Produtos Petrolíferos Líquidos ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria