Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 16 de abril de 2015 Páx. 14601

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos dependentes desta consellería no curso 2015/16 (código do procedemento ED535A).

A mellora da calidade da educación constitúe unha meta irrenunciable dos sistemas educativos e un dos seus piares básicos, entroncado coa salvagarda dun ensino que garanta a igualdade de oportunidades e a capacitación do alumnado coas competencias e o coñecemento necesarios para o seu pleno desenvolvemento na sociedade actual.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (en diante, LOE), modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, destaca entre os factores que favorecen a calidade do ensino, e aos cales se lles prestará unha atención prioritaria, a cualificación e formación do profesorado, a investigación, a experimentación e a renovación educativa. No artigo 102 recoñece a formación do profesorado como un dereito e unha obriga de todo o profesorado e unha responsabilidade das administracións educativas e dos propios centros.

A LOE, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, considera que a autonomía dos centros é un piar básico para a mellora dos seus resultados, e establece que cada centro debe ter a capacidade de identificar as súas fortalezas e necesidades para enriquecer a súa oferta educativa e metodolóxica. Neste sentido, recóllese nesta lei que un dos principios sobre os que pivota a reforma é a autonomía dos centros.

Como consecuencia disto, resulta de interese prioritario que os centros, no uso da súa autonomía, deseñen plans de formación propios, en función das necesidades que detecten e que para o seu desenvolvemento reciban o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (en diante, a consellería) a través das estruturas de formación permanente do profesorado.

Neste sentido, a consellería emprendeu, mediante o Decreto 74/2011, do 14 de abril, polo que se regula a formación do profesorado que imparte as ensinanzas obrigatorias establecidas na LOE, en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, un profundo cambio nas estruturas da formación permanente do profesorado que permiten unha maior eficiencia e efectividade no desenvolvemento do talento e as competencias do profesorado, peza clave do sistema. Neste contexto, cómpre salientar que o centro educativo constitúe a unidade básica e célula do sistema para o impulso dunha formación permanente que recolle tanto as demandas individuais do profesorado como as necesidades formativas dos centros e do propio sistema. A finalidade última é mellorar as competencias profesionais do profesorado, necesarias para responder aos retos educativos actuais, impulsando a súa aplicación e desenvolvemento na aula, buscando a excelencia educativa e a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado.

Os centros educativos son os escenarios idóneos para a formación, posibilitando que esta se adapte mellor ás necesidades do contorno, e favorecen unha maior implicación e participación do profesorado, o fortalecemento do traballo en equipo e unha maior integración nos seus proxectos educativos e curriculares. Ademais, a formación considérase como un proceso que precisa itinerarios formativos planificados e secuenciados que estruturen e articulen no tempo, cunha visión máis ampla, varias accións formativas das diversas modalidades.

Para acompañar aos centros neste proceso de cambio, estes contan cunha rede de formación permanente do profesorado especializada que axuda e apoia, baixo o principio de colaboración e traballo en equipo, o profesorado na consecución destes fins, achegando a formación ao lugar de traballo.

En definitiva, con esta convocatoria a consellería pretende fomentar que os centros educativos desenvolvan plans específicos de formación permanente, que deben responder ás necesidades do centro, tomando como punto de partida unha avaliación da súa situación co obxectivo final de aplicar na aula a formación recibida. As actuacións propostas deberán ser relevantes para diminuír o abandono e mellorar o éxito escolar, así como propiciar unha organización escolar que favoreza a transformación dos centros en organizacións capaces de aprender e xerar coñecementos. As accións formativas deseñadas desenvolverán, dunha forma secuenciada, aqueles aspectos que permitan a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares.

Polo anteriormente exposto, e de conformidade coas competencias atribuídas polo Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar e establecer as bases para a selección de plans de formación permanente do profesorado en centros educativos para o curso 2015/16, e establecer as condicións para o seu desenvolvemento.

Segundo. Destinatarios

Poderán participar nesta convocatoria os centros educativos públicos dependentes da consellería que impartan as ensinanzas reguladas na LOE.

Terceiro. Finalidade e liñas de traballo dos plans de formación

1. Os plans de formación terán como finalidade a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais do profesorado, para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado, en liña coas iniciativas impulsadas para o sistema educativo en Galicia.

2. En consonancia coas directrices desta dirección xeral, os plans de formación propostos tratarán, de xeito prioritario, a seguinte liña de actuación:

a) Programación, avaliación e metodoloxías que favorecen a adquisición das competencias clave segundo os novos currículos.

Ademais, os plans de formación poderán tratar unha das seguintes liñas:

b) Planificación estratéxica das linguas no centro.

c) Integración didáctica das TIC. Traballo colaborativo en rede a través de espazos virtuais. Educación dixital.

d) Atención á diversidade e cambios metodolóxicos asociados.

e) Convivencia escolar e clima da aula. Relacións coas familias.

f) Mellora das competencias profesionais docentes e actualización científica e didáctica do profesorado.

g) Mellora da xestión dos centros (con especial atención á xestión directiva) e dos procesos de calidade.

h) Programas europeos e internacionais: accións e plans de promoción e desenvolvemento.

i) Biblioteca escolar, alfabetizacións múltiples e aprendizaxe por proxectos.

Cuarto. Características dos plans

1. Os plans estarán integrados por unha ou dúas liñas de actuación. Cada liña, pola súa vez, desenvolverase a través dun itinerario formativo.

2. Cada itinerario formativo constará, como norma xeral, de dúas ou tres actividades formativas (curso, grupo de traballo, seminario). No caso excepcional de contar cunha soa actividade, esta ten que ser grupo de traballo ou seminario.

As actividades deberán estar integradas e secuenciadas nun proceso que inclúa a análise e elaboración de propostas didácticas, así como a súa aplicación á aula ou ao centro, e a reflexión e avaliación dos resultados. Potenciarase o uso das TIC no desenvolvemento do dito proceso.

3. Os plans presentados terán unha planificación mínima de dous cursos escolares e máxima de catro.

Quinto. Requisitos dos plans

1. Os plans deberán ser presentados ao claustro e ao consello escolar e incluiranse na programación xeral anual do centro.

2. Contarán coa participación mínima do 40 % do claustro, salvo casos excepcionais que, a xuízo da comisión de selección, resulten debidamente xustificados.

3. Cada centro só poderá participar nun único plan.

4. Varios centros con necesidades comúns e proximidade xeográfica poderán participar presentando un mesmo plan conxunto. Neste caso, un dos centros actuará como representante e centro de referencia para os efectos administrativos, rexerán os mesmos requisitos que para os plans únicos de centro en canto á aprobación, e o plan executarase como unidade de acción.

5. Todo o profesorado que preste servizos nun centro seleccionado nesta convocatoria poderá participar no seu plan de formación. Cada participante integrarase, como mínimo, nun dos itinerarios e, polo menos, nunha das súas actividades formativas. No caso de integrarse nunha única actividade, esta será un grupo de traballo ou un seminario.

6. De serlle concedido o plan a un centro, este non poderá, con carácter xeral, ser centro sede doutras actividades de formación en centros, recollidas na convocatoria xeral, durante o período que dure este, ou daquelas cuxa compatibilidade determine a consellería. Isto non exclúe a participación do profesorado como membros doutras actividades cando a sede sexa outro centro.

Sexto. Proceso de elaboración e contido dos plans

1. Os centros interesados en participar nesta convocatoria, para a elaboración do plan, deberán solicitar o asesoramento dos centros de formación e recursos (en diante, CFR) e do Centro Autonómico de Formación e Innovación (en diante, CAFI) ao cal están adscritos, para a elaboración e deseño do plan e a elaboración do informe de detección de necesidades formativas.

2. O proceso de elaboración do plan constará dos seguintes pasos:

– Detección da área de mellora en relación coas liñas de actuación da cláusula terceira.

– Concreción das necesidades formativas en relación coa liña ou liñas seleccionadas e priorizadas.

– Elaboración do/s itinerario/s formativo/s para atendelas, que incluirá as actividades formativas necesarias xunto coas accións de transferencia á aula ou ao centro, a reflexión e a avaliación.

3. Os centros deberán cubrir na aplicación Fprofe o plan de formación, que incluirá os seguintes aspectos:

a) Membros do equipo de formación do centro.

b) Xustificación das necesidades formativas detectadas.

c) Liñas de actuación propostas.

d) Obxectivos xerais que se pretenden acadar co plan.

e) Relación detallada de materiais que se pretenden elaborar e documentos que se van entregar.

f) Relación de profesorado participante

g) Itinerarios formativos do plan especificando para o primeiro ano:

– Obxectivos específicos.

– Actividades formativas: obxectivos, contidos e temporalización.

– Aplicación na aula ou no centro.

– Criterios e indicadores de avaliación da aplicación na aula e o impacto.

h) Medidas organizativas internas do centro previstas para o desenvolvemento do plan.

i) Seguimento e avaliación do plan.

Sétimo. Equipo de formación: composición e funcións

1. Nos centros seleccionados establecerase un equipo de formación que será responsable da execución do plan de formación. Este equipo estará integrado por:

a) A persoa directora do centro ou persoa do equipo directivo que designe.

b) A persoa responsable da formación (coordinador/a de formación, se houber, ou xefe/a de estudos).

c) Os profesores coordinadores de cada un dos itinerarios definidos que integren o plan.

2. A persoa responsable de formación do centro será o/a coordinador/a do plan e o/a responsable do seu correcto desenvolvemento.

3. A persoa coordinadora do itinerario coordinará todas as súas actividades e participará, polo menos, nalgunha delas.

4. As funcións do equipo de formación serán as seguintes:

a) Preparar e elaborar a documentación exixida nesta convocatoria.

b) Colaborar na coordinación e no desenvolvemento do plan.

c) Colaborar co CAFI ou CFR do ámbito correspondente na planificación, realización e seguimento do plan.

d) Responsabilizarse da elaboración das memorias e avaliacións internas do plan de formación con especial atención á valoración da posta en práctica das propostas didácticas e o seu resultado.

e) Presentar a relación definitiva de participantes no plan e nas actividades, antes do 15 de outubro de 2015. A esta relación poderá incorporarse profesorado que, por causas alleas a el, sexa destinado ao centro despois desta data.

f) Os membros do equipo de formación deberán participar, polo menos, nun dos itinerarios do plan.

Oitavo. Actuacións da Administración educativa

1. Os centros seleccionados para desenvolver un plan de formación contarán co apoio e coa colaboración externa da persoa inspectora de Educación asignada ao centro de referencia e dunha persoa asesora do CAFI ou o CFR correspondente, que se encargarán, segundo as súas respectivas competencias, de:

a) Asesorar acerca das posibles melloras que afecten o deseño e elaboración do plan de formación.

b) Planificar, xunto coa persoa responsable de formación do centro, as accións formativas precisas para o desenvolvemento dos distintos itinerarios.

c) Levar a cabo o seguimento da execución do plan e realizar os informes do seu progreso.

d) Realizar a avaliación anual e final do plan de formación.

e) Avaliar o impacto na aula das accións desenvolvidas.

2. Os plans seleccionados integraranse, para todos os efectos, no plan de actuación do CAFI ou o CFR correspondente; os gastos necesarios para a súa realización terán o mesmo tratamento que o resto de gastos dos plans de formación dos ditos centros.

3. As actividades formativas que conformen os itinerarios do plan de formación dos centros seleccionados terán a consideración de actuacións prioritarias do CAFI ou do CFR de referencia.

4. Será competencia do CAFI ou do CFR do ámbito correspondente a xestión administrativa e económica dos programas.

Noveno. Memoria da actividade

Antes do 6 de xuño de 2016, o equipo de formación elaborará unha memoria detallada, a través da aplicación Fprofe, que analice e valore o desenvolvemento do plan, segundo os distintos puntos que o integran. Esta memoria recollerá o material que se xerou no desenvolvemento, así como as evidencias e a valoración da aplicación e, de ser o caso, o impacto na aula e/ou no centro das actuacións desenvolvidas. No caso de continuidade do plan, e na data proposta, achegarase a planificación do seguinte ano a través da aplicación Fprofe.

Décimo. Proceso de solicitude, documentación e prazo de presentación

1. Preinscrición:

a) Os directores/as dos centros interesados en participar nesta convocatoria, para a elaboración do plan, deberán facer a súa preinscrición a través da aplicación informática Fprofe (https://www.edu.xunta.es/fprofe <GT,SP,PFAC, PFPP>) desde a publicación desta resolución ata o 8 de maio de 2015, inclusive.

b) A realización da preinscrición é un requisito necesario para a formalización da solicitude; resultarán excluídas aquelas que non a realicen segundo os termos establecidos na letra a).

c) Os centros preinscritos recibirán o asesoramento do CAFI ou CFR correspondente, para a elaboración do plan.

2. Solicitudes:

a) As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, Lei 30/1992, do 26 de novembro), utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os centros que o desexen poderán completar ‘en liña` o formulario de solicitude, na páxina web www.edu.xunta.es/fprofe . As solicitudes, unha vez validadas e impresas, deberán estar asinadas polas persoas solicitantes. Posteriormente, estas solicitudes deberán dirixirse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, xunto coa documentación expresada na letra seguinte deste artigo, e presentaranse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Á solicitude deberáselle xuntar a seguinte documentación, que se pode obter a través da aplicación Fprofe:

– Informe de detección de necesidades formativas.

– Plan de formación permanente do profesorado en centros.

– Certificación expedida polo director/a da presentación do plan ao claustro e ao consello escolar.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de código único de rexistro.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

c) O prazo de presentación das solicitude comeza ao día seguinte do remate da data final de preinscrición e remata o 22 de xuño de 2015.

Décimo primeiro. Selección dos plans de formación permanente do profesorado en centros

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

a) Viabilidade pedagóxica do plan: adaptación ás necesidades contextuais do centro, aplicabilidade e posible repercusión nas aulas. Ata 30 puntos.

b) Calidade do plan: coherencia entre obxectivos e itinerarios, adecuación das actividades formativas propostas e a súa temporalización, indicadores de seguimento do proceso e avaliación de resultados. Ata 30 puntos.

c) Nivel de implicación e participación do claustro no plan. Máis do 40 %, ata 10 puntos. Máis do 65 %, ata 15 puntos.

d) Participación do centro noutros plans impulsados pola consellería (contrato-programa, Abalar, Proxecta, ...). Ata 10 puntos.

e) Participación de varios centros nun mesmo plan de formación do mesmo nivel educativo. Ata 10 puntos. De distinto nivel educativo. Ata 15 puntos.

2. Só poderán ser seleccionados aqueles proxectos que acaden un mínimo de 50 puntos.

Décimo segundo. Comisión de Selección e Avaliación

A consellería seleccionará e avaliará os centros participantes na convocatoria de plans de formación permanente do profesorado no curso 2015/16 mediante unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Formación do Profesorado, ou persoa en quen delegue.

– Un membro da Inspección educativa.

– A persoa directora do CAFI.

– Unha persoa directora dun CFR.

– Unha persoa asesora das estruturas de formación.

Secretaría: unha persoa funcionaria da consellería, que actuará con voz e sen voto.

A Comisión poderá dispor a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos aspectos técnicos que se lle encomenden.

Esta comisión rexerase polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

A Comisión de Selección e Avaliación, para os efectos dun mellor coñecemento e valoración das solicitudes, requirirá o informe realizado polo CFR/CAFI ao cal o centro solicitante está adscrito, e poderá realizar peticións de informes, por medio da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, á Inspección educativa ou aos técnicos da consellería.

Décimo terceiro. Resolución

1. Unha vez rematado o proceso de selección, a Comisión fará pública a resolución provisoria, que se difundirá no portal educativo www.edu.xunta.es/web .

2. A partir da publicación da resolución abrirase un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, de ser o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, quen resolverá a relación final dos plans seleccionados.

3. A resolución definitiva dos centros seleccionados publicarase no portal educativo www.edu.xunta.es/web e no Diario Oficial de Galicia. Contra a dita resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación.

4. No suposto de que non se resolva expresamente esta convocatoria no prazo de catro meses, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse rexeitadas.

Décimo cuarto. Seguimento, certificación e avaliación anual do plan

1. O apoio externo a que fai referencia a cláusula oitava levará a cabo o seguimento do plan e elaborará os correspondentes informes de seguimento e final nos cales fará constar:

a) O grao de consecución dos obxectivos establecidos e o cumprimento da aplicación e da calidade das actuacións desenvolvidas correspondentes ás distintas secuencias do plan.

b) As modificacións e as posibles propostas de mellora que se consideren necesarias para optimizar o desenvolvemento do plan.

c) A proposta de continuidade ou supresión do plan.

2. No caso de que o informe teña unha valoración positiva, o CFR/CAFI procederán a certificar os participantes no plan o número de horas de formación que lles corresponda segundo a súa participación efectiva nas distintas actividades formativas. Non se certificarán máis de 100 horas de formación por curso escolar e profesor participante.

As persoas integrantes dos equipos de formación recibirán, adicionalmente, unha certificación como actividade de innovación educativa de 20 horas por curso escolar.

3. A Comisión de Selección e Avaliación examinará o informe externo xunto coa memoria anual de cada plan e realizará a avaliación final para os efectos de validar a súa continuidade.

Décimo quinto. Difusión dos traballos

Os materiais elaborados mediante esta convocatoria serán propiedade da consellería, que poderá difundir os traballos e experiencias realizadas a través do portal educativo, os seus sitios temáticos ou o repositorio de contidos do «espazoAbalar».

Os centros seleccionados comprométense a participar nas accións de difusión de boas prácticas que organice a consellería.

Os materiais e as experiencias publicadas estarán suxeitos á licenza Creative Commoms by-sa.

Recoñecemento-Compartir igual (by-sa):

Permítese o uso comercial da obra e das posibles obras derivadas, a distribución das cales debe facerse cunha licenza igual á que regula a obra orixinal.

O centro pode publicar os traballos realizados que a consellería non difundiu, sempre que llo comunique á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través da dirección do CAFI ou do CFR da súa zona, e fará constar na publicación que o traballo se desenvolveu con subvención da consellería e incluíndo o logotipo. A dita publicación debe realizarse mediante unha licenza Creative Commons by-sa.

O logotipo da consellería pode obterse no enderezo electronico:

http://www.xunta.es/identidade-corporativa/composicion-con-presidencia-e-consellerias

Décimo sexto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Profesorado» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación co seguinte enderezo: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico sxeifp@xunta.es.

Décimo sétimo. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Décimo oitavo. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código ED535A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

a) As seguintes páxinas web:

– Consellería: www.edu.xunta.es

– CAFI: www.edu.xunta.es/web/cafi

– CFR: A Coruña www.edu.xunta.es/web/cfrcoruna

Ferrol: www.edu.xunta.es/web/cfrferrol

Lugo: www.edu.xunta.es/web/cfrlugo

Ourense: www.edu.xunta.es/web/cfrourense

Pontevedra: www.edu.xunta.es/web/cfrpontevedra

Vigo: www.edu.xunta.es/web/cfrvigo

b) Os seguintes teléfonos:

CAFI: 981 52 24 11.

CFR: A Coruña: 981 27 42 21. Ferrol: 981 37 05 41. Lugo: 982 25 10 68. Ourense: 988 24 15 33. Pontevedra: 986 87 28 88. Vigo: 986 20 23 70.

Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa: 881 99 76 35.

c) Os seguintes enderezos electrónicos:

CAFI: cafi@edu.xunta.es

CFR. A Coruña: cfr.coruna@edu.xunta.es

Ferrol: cfr.ferrol@edu.xunta.es

Lugo: cfr.lugo@edu.xunta.es

Ourense: cfr.ourense@edu.xunta.es

Pontevedra: cfr.pontevedra@edu.xunta.es

Vigo: cfr.vigo@edu.xunta.es

Décimo noveno. Entrada en vigor

Esta convocatoria entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file