Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 16 de abril de 2015 Páx. 14594

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se fai pública a convocatoria para a incorporación de novos centros educativos á Rede de centros plurilingües de Galicia para o curso 2015/16.

A Orde do 12 de maio de 2011, DOG do 20, pola que se regulan os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia e se establece o procedemento de incorporación de novos centros á Rede de centros plurilingües de Galicia, na sección quinta establece o procedemento de incorporación á rede: solicitude e documentación, lugar e prazo de presentación e selección dos novos centros. Na disposición derradeira primeira autoriza a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para realizar as sucesivas convocatorias anuais de incorporación dos centros educativos á Rede de centros plurilingües de Galicia, así como de ampliación do programa nos centros xa autorizados.

De acordo co anteriormente exposto, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente resolución ten por obxecto realizar a convocatoria para o curso 2015/16 de incorporación dos centros educativos de educación primaria e de educación secundaria sostidos con fondos públicos á Rede de centros plurilingües de Galicia.

Artigo 2. Solicitude e documentación

1. Os centros que decidan formar parte da Rede de centros plurilingües deberán presentar a súa solicitude e presentar a seguinte documentación:

a) Proxecto de desenvolvemento do programa plurilingüe en cada un dos cursos da etapa para a que se propoña, con indicación do curso ou cursos de aplicación no ano académico 2015/16 e planificación da extensión na etapa nos seguintes anos académicos.

b) Relación de áreas ou materias que se impartirán en lingua estranxeira, con indicación desta.

c) Información relativa á experiencia en plans e/ou programas relacionados coas linguas estranxeiras nos cales participou o centro.

d) Certificación da aprobación do proxecto polo consello escolar, oído o claustro de profesores e profesoras.

e) Relación do profesorado con destino definitivo no centro, ou profesorado contratado no caso dos centros concertados, que impartirá docencia, xunto coa titulación que acredite a súa competencia lingüística.

2. A inspección educativa emitirá informe sobre a solicitude a través da xefatura territorial correspondente.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Forma de presentación, lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Estas solicitudes deberán dirixirse á xefatura territorial correspondente, xunto coa documentación expresada no artigo 2, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 30 de abril de 2015.

Artigo 4. Consentimentos e autorizacións

As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxefpie@edu.xunta.es

Artigo 6. Selección dos centros

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria realizará a selección dos proxectos, mediante unha comisión que estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, e que tamén estará integrada polas persoas titulares da Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, do Servizo de Ordenación, Innovación e Orientación Educativa, así como dúas persoas asesoras técnicas da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha das cales realizará as funcións de secretaría.

2. A valoración das solicitudes presentadas realizarase considerando a viabilidade do proxecto. Para iso terase en conta a experiencia previa do centro, o cadro de persoal de profesorado dispoñible coa cualificación requirida para desenvolver o programa en toda a etapa (con especial mención ao profesorado especialista en idioma estranxeiro) e os recursos existentes no centro, así como o número de unidades e de alumnado.

3. A comisión de selección elevaralle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a proposta de resolución da convocatoria. As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. A resolución definitiva será publicada no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán formular directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Seguimento e avaliación

1. Os centros plurilingües establecerán na súa programación xeral anual os procesos de seguimento e avaliación do programa plurilingüe que permitan valorar os resultados obtidos e establecer, cando cumpra, propostas de mellora, que deberán reflectirse na memoria final de cada curso.

2. Correspóndelle á inspección educativa supervisar o proceso de implantación e desenvolvemento do programa nos centros plurilingües, prestándolle especial atención á práctica docente, así como propor medidas de mellora.

3. A persoa coordinadora do programa, coa participación do profesorado implicado no programa, deberá elaborar unha memoria ao remate do curso escolar para a súa integración na memoria anual do centro. A inspección educativa achegará, antes do 5 de xullo de cada curso escolar, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a memoria do programa co seu informe.

4. Ao remate de cada etapa educativa, co fin de verificar o grao de dominio da lingua estranxeira, levarase a cabo a avaliación do alumnado participante no programa plurilingüe, seguindo o procedemento que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 8. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file