Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 16 de abril de 2015 Páx. 14623

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 6 de abril de 2015 pola que se fai pública a convocatoria de selección de candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro para a elaboración de estratexias de desenvolvemento local participativo no período de programación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020 en Galicia.

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, establece no título III, capítulo II o desenvolvemento local participativo (DLP).

As estratexias de desenvolvemento local poden contribuír a varios dos obxectivos dos fondos estructurais de investimento europeos (fondos EIE); non obstante o DLP debe efectuarse no contexto dun único obxectivo temático. No ámbito do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) programarase dentro do obxectivo temático 8 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 «promovendo a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecendo a mobilidade laboral».

O Regulamento (UE) 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, regula nos artigos 58 a 64 o desenvolvemento sustentable das zonas pesqueiras e acuícolas, o cal contribuirá á prioridade número 4 da Unión de «aumento do emprego e da cohesión territorial».

O DLP estará gobernado polos grupos de acción local e levarse a cabo a través de estratexias de desenvolvemento local integradas, multisectoriais e baseadas en zonas, e os criterios de selección das estratexias serán definidos polos estados membros. A selección e aprobación das estratexias será realizada polas autoridades de xestión correspondentes.

O Acordo de asociación foi presentado por España á Comisión Europea con data do 22 de abril e asinado o 30 de outubro de 2014 en relación co DLP e no caso do FEMP inclúe os retos que se van afrontar, os obxectivos e prioridades, as zonas de actuación e tipos de territorio, o enfoque integrado e o marco do procedemento e calendario para a selección de grupos de acción local pesqueira.

O Acordo de asociación establece que os organismos de xestión do FEMP poderán establecer convocatorias de preselección de grupos candidatos e que esta preselección permitirá que os grupos preseleccionados presenten unha estratexia de desenvolvemento local acorde cos criterios de selección aprobados e, se for o caso, poderán solicitar a axuda preparatoria para elaborar a citada estratexia.

O programa operativo para o FEMP foi presentado á Comisión Europea o 22 de xaneiro de 2015 e inclúe a información sobre a aplicación das estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante EDLP), incluíndo a descrición da estratexia de DLP, os criterios para seleccionar as zonas de pesca, os criterios de selección das EDLP, o procedemento de selección desta e a axuda preparatoria aos candidatos seleccionados; así como a descrición das funcións dos GALP, autoridade de xestión e organismos intermedios.

Neste programa operativo contémplase a posibilidade de realizar o proceso de selección das EDLP en dúas etapas. Neste caso, realizarase unha convocatoria pública para seleccionar candidatos a preparar as EDLP 2014-2020, os territorios cubertos e o financiamento indicativo da axuda preparatoria e, unha vez aprobado o programa operativo, as organizacións candidatas seleccionadas presentarán as EDLP, segundo establece o artigo 33 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Esta orde establece os requisitos, procedemento e convocatoria para a selección dos candidatos a GALP e territorios, que presentarán unha EDLP. Unha vez aprobado o programa operativo, seleccionaranse as EDLP e aprobaranse os GALP.

Nas zonas pesqueira e acuícola onde se vaia desenvolver unha EDLP a unidade mínima de selección serán os municipios e poderá levarse a cabo naqueles do litoral incluídos nalgún grupo de acción costeira que xestionase o eixe 4 do FEP 2007-2013, así como os municipios de Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo, polo seu nivel significativo de emprego no sector pesqueiro.

No Decreto 132/2014, do 2 de outubro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar, corresponde á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro, incluíndo a supervisión, xestión e control dos grupos de acción costeira para o desenvolvemento sustentable do litoral.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, do normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de selección de candidatos a grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante GALP) para elaborar as estratexias de desenvolvemento participativo (en diante EDLP) e facer pública a súa convocatoria.

Artigo 2. Ámbito territorial de actuación

1. Os candidatos a grupos poderán incluír os municipios definidos no anexo I á hora de definir a zona de actuación para aplicar unha EDLP. Sen prexuízo da facultade dos grupos de determinar o territorio da estratexia, establécese que o territorio comprenda, polo menos, 6 municipios.

2. A zona definida na estratexia terá coherencia funcional en sentido xeográfico, económico, social e cultural.

Artigo 3. Poboación obxecto da actuación

1. Con carácter xeral, a poboación do territorio de actuación do grupo de acción local non terá menos de 10.000 nin máis de 150.000 habitantes, segundo establece o artigo 33.6 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Poderase superar o límite de 150.000 habitantes sempre que se xustifique a proposta territorial de maneira razoada e co obxectivo de manter a homoxeneidade, a continuidade e a cohesión territorial.

Poderanse non acadar os 10.000 habitantes en zonas escasamente poboadas onde existan vínculos sociais, culturais e económicos que permitan unha aplicación axeitada da estratexia.

2. A poboación computable na estratexia será a residente nos municipios do anexo I, agás no caso de Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo con zonas urbanas densamente poboadas e nos cales contabilizará como poboación tan só a integrante do sector pesqueiro e as súas familias.

Artigo 4. Organizacións candidatas a grupos de acción local do sector pesqueiro

1. As organizacións candidatas a grupos de acción local para preparar unha estratexia de desenvolvemento local 2014-2020 deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter personalidade xurídica e estar constituídas e en funcionamento antes de finalizar o prazo de presentación da solicitude. As persoas xurídico-privadas deben estar constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e normativa de aplicación do Estado e Comunidade Autónoma, e carecer estatutariamente de ánimo de lucro.

b) Estar composto por entidades que representen os intereses socioeconómicos locais públicos e privados dentro da zona, e nos que nin as autoridades públicas, nin ningún tipo de interese concreto representen máis do 49 % dos dereitos de voto na toma de decisións, ou compromiso de adaptación dos seus estatutos á dita composición. Unha entidade só poderá ser socia dunha organización candidata.

c) Delimitar o territorio ou zona de actuación por termos municipais e cumprir as condicións de poboación que aseguren unha masa crítica suficiente para apoiar unha estratexia viable de desenvolvemento. A delimitación xustificarase debidamente.

d) Ser unha asociación que se comprometa a crear un GALP ou un grupo de acción local existente para o desenvolvemento das zonas de pesca que se comprometa a crear un GALP. No primeiro caso, teranse en conta as expresións de apoio (cartas de compromiso) de representantes da comunidade local, e deben incluír o apoio da maioría das entidades asociativas do sector pesqueiro do territorio afectado.

e) Comprometerse, se é seleccionado, a elaborar unha EDL baseada nos recursos do territorio e cuantificada con obxectivos e prioridades, contando coa participación de todas as organizacións públicas e privadas interesadas implantadas no territorio. A estratexia comprenderá as actuacións e investimentos previstos no período de programación 2014-2020, que poderán prorrogarse ata finais de 2023.

Artigo 5. Tipo de entidades

1. O grupo poderá estará constituído por entidades representativas dos seguintes sectores:

a) Sector pesqueiro: integrado polas asociacións e entidades de interese colectivo pesqueiro, marisqueiro e acuícola con personalidade xurídica propia.

b) Sector social: integrado polas asociacións socioculturais, deportivas, ecoloxistas, recreativas e educativas, as asociacións de mulleres, as relacionadas coa inclusión social e outras similares.

c) Sector económico: integrado polas asociacións de empresarios e empresarias, de axentes económicos e organizacións sindicais.

d) Sector público: integrado polas administracións públicas de ámbito local e entidades do sector público vinculadas ou dependentes destas.

2. As asociacións deberán permitir a integración nela de todas as entidades asociativas e de representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como administracións locais e entidades públicas dependentes destas, dentro do ámbito territorial correspondente, non permitindo en ningún caso a participación de persoas físicas ou xurídicas con ánimo de lucro.

Poderán participar entidades de ámbito suprazonal sempre que non existan entidades da mesma natureza a nivel zonal.

Artigo 6. Solicitude e documentación

1. As entidades interesadas dirixirán as solicitudes á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nas xefaturas territoriais ou comarcais da Consellería do Medio Rural e do Mar ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. As solicitudes deberán presentarse a través do formulario normalizado que figura como anexo II.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As solicitudes deberán ir acompañadas do orixinal ou copia compulsada ou cotexada da documentación que se relaciona:

a) NIF da entidade solicitante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Medio Rural e do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 9.

b) DNI/NIE da persoa representante, en caso de non ter autorizado a Consellería do Medio Rural e do Mar para obter esta información de acordo co establecido no artigo 9.

Certificado do órgano competente no cal se especifique o acordo polo que se autorizou o representante para formular a solicitude. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Acta de constitución e copia dos estatutos e, se for o caso, normas de funcionamento interno.

d) Para os grupos existentes, certificado de inscrición da asociación no rexistro administrativo correspondente, e para o resto dos candidatos, compromiso de presentalos unha vez emitidos polo rexistro.

e) Memoria explicativa da delimitación do territorio que inclúa:

1º. Lista de municipios que compoñen a proposta de zona de actuación con información relativa na poboación que abranguería a EDLP (censo 2013). Criterios e xustificación da delimitación da zona realizada polo candidato. Mapa do ámbito xeográfico da zona de actuación.

2º. Xustificación da cohesión funcional, para o cal se caracterizarán e identificarán os factores xeográficos, económicos, sociais e culturais que contribúen á cohesión e grao de homoxeneidade. De ser o caso, xustificación de non cumprir os límites xerais de poboación.

f) Documentación relativa á organización candidata e asociados:

1º. Certificación de socios públicos e privados en activo (indicando denominación, sector de actividade, NIF, domicilio social e ámbito territorial, número de asociados, tipo de entidade, adhesión de cada socio, nome do representante, data de constitución).

2º. Certificado das persoas que integran os órganos de goberno, entidade a que representan e cargos que exercen.

3º. Certificado da porcentaxe de mulleres nos órganos directivos e descrición das accións para a promoción da participación destas nos órganos de goberno, de ser o caso.

4º. Proposta das accións que se realizarán para garantir a participación activa dos socios, especificando as comisións sectoriais, de ser o caso, así como medidas de responsabilidade social corporativa.

5º. Memoria da experiencia do candidato en materias de xestión de políticas de desenvolvemento local, ou dos socios, se for relevante.

6º. Equipo técnico, se for o caso: descrición e xustificación, currriculum vitae de cada un dos membros do equipo técnico xustificando documentalmente a experiencia en xestión e elaboración de estratexias de desenvolvemento local participativas, distribución de tarefas e proposta de financiamento.

g) Proxecto para a implantación da EDLP, que incluirá os seguintes elementos:

1º. Diagnóstico actual da situación do territorio que fundamente a orientación estratéxica.

2º. Proposta de estratexia integrada e multisectorial en grandes liñas e resultados esperados: desafíos aos cales se propón dar resposta coa estratexia, obxectivos e principais áreas de intervención, a contribución da implementación da estratexia aos resultados esperados e un financiamento indicativo.

3º. O proceso de participación das comunidades locais no establecemento da asociación, na delimitación do territorio, no diagnóstico e na definición da estratexia para implantar no territorio.

2. Ás solicitudes xuntaránselles a documentación complementaria que se estableza nesta orde, que se poderá presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 8. Emenda da solicitude

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, comprobará que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos. De non ser así, requirirase a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles a emende, con indicación de que, se así non o fixer se terá por desistida da súa petición, logo de resolución expresa.

2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, a presentación da seguinte documentación considerarase mínimo imprescindible para a tramitación das solicitudes:

– Anexo II de solicitude.

– Documentación relativa ás alíneas c), e), f) e g) do artigo 7.1.

Non serán admitidas aquelas solicitudes en que se aprecie a ausencia desta documentación; nestes casos emitirase resolución de inadmisión da solicitude.

3. A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano; San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través do correo electrónico: secretariaxeraltecnica.cmrm@xunta.es

Artigo 11. Ordenación e instrución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento de selección de candidatos a grupos de acción local será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba formularse a proposta de resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación de candidatos na páxina web http://medioruralemar.xunta.es e abrirase un período público de consultas para que calquera persoa alegue o que considere conveniente.

Artigo 12. Comité de selección de candidatos e EDLP

1. Para a análise e valoración dos candidatos e estratexias, a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar designará un comité de selección que estará integrado por:

1º. Catro representantes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

2º. Unha persoa representante da Secretaría Xeral do Mar.

3º. Unha persoa representante da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

4º. Unha persoa representante da Agader.

De entre os membros designaranse un presidente/a e un secretario/a. Ademais, a comisión poderá actuar asistida polos asesores que se xulgue conveniente.

2. A través do órgano instrutor, o Comité de Selección poderá requirir aos solicitantes toda a información que considere necesaria para verificar o cumprimento das condicións e requisitos exixidos, que deberá ser remitida a estes no prazo máximo de dez días naturais desde a recepción do requirimento pola organización candidata.

3. En caso necesario, abrirase un diálogo cos solicitantes co fin de introducir as modificacións, melloras ou correccións das solicitudes iniciais necesarias co obxectivo de dar maior cohesión, alcance e representatividade ás asociacións concorrentes e aos territorios implicados, ou para dar coherencia ao conxunto das futuras estratexias proxectadas na comunidade autónoma. Incluirase a posibilidade de fusión ou integración de asociacións e/ou redefinicións territoriais.

Como consecuencia deste diálogo, a organización poderá presentar modificacións ou melloras da solicitude facendo expresa referencia a todas as cuestións que resultaron incorporados ou modificadas en referencia ao grupo ou territorio.

4. O funcionamento deste comité está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. O comité de selección adoptará as decisións no prazo máximo de dous meses, contados a partir da finalización do prazo de vencemento da presentación de solicitudes e elevará proposta de resolución á persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar a través do órgano instrutor.

Artigo 13. Criterios de selección

1. As solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos valoraranse de acordo con criterios de selección baseados en indicadores e criterios socioeconómicos, demográficos e xeográficos vinculados ao territorio, nas características da organización, así como do proxecto para a implantación da EDLP.

2. Para superar o proceso de selección os candidatos deberán obter un mínimo de 150 puntos, sobre un total de 250 puntos, tendo en conta os seguintes aspectos que se describen a seguir:

a) Territorio (características e indicadores socioeconómicos, demográficos e xeográficos, vinculados ao territorio). Valoración máxima de 100 puntos.

1º. Xustificación da delimitación e cohesión territorial. Máximo de 10 puntos.

2º. Superficie. Máximo de 10 puntos.

3º. Poboación. Máximo de 5 puntos.

4º. Renda per cápita. Máximo de 15 puntos.

5º. Densidades de poboación/municipio. Máximo de 10 puntos.

6º. Número de municipios. Máximo de 5 puntos.

7º. Índice de envellecemento. Máximo de 10 puntos.

8º. Peso do sector pesqueiro. Máximo de 25 puntos.

9º. Variación da poboación. Máximo de 10 puntos.

b) Características da organización. Valoración máxima de 100 puntos.

1º. Composición, participación e representación dos sectores económicos e sociais. Apoio vinculado ao sector pesqueiro. Incidencia do sector pesqueiro e das mulleres nos órganos de decisión do grupo. Máximo de 40 puntos.

2º. Funcionamento. Procedementos en vigor ou que se implementarán. Máximo de 15 puntos.

3º. Responsabilidade social corporativa. Procedementos en vigor ou que se implementarán. Máximo de 10 puntos.

4º. Estrutura, organización e experiencia do candidato e o seu equipo técnico en DLP. Máximo de 25 puntos.

5º. Grao de execución do período 2007-2013 para grupos de acción local existentes para o desenvolvemento das zonas de pesca. Máximo de 10 puntos.

Este último criterio só se aplicará aos grupos de acción local para o desenvolvemento das zonas de pesca que implantasen plans estratéxicos zonais durante o período 2007-2013.

Para os novos grupos candidatos, a puntuación do criterio 5º repartirase proporcionalmente entre os catro primeiros, para obter unha puntuación final de 100 puntos.

c) Proxecto para a implantación da EDLP. Valoración máxima de 50 puntos.

1º. Diagnóstico actual da situación do territorio que fundamente a orientación estratéxica. Máximo de 17 puntos.

2º. Proposta das grandes liñas da estratexia e resultados esperados. Máximo de 17 puntos.

3º. O proceso de participación das comunidades locais. Máximo de 16 puntos.

A obtención en calquera das alíneas a), b) ou c) dunha puntuación inferior a un 35 % da máxima determinará a exclusión do candidato.

Artigo 14. Resolución

1. A persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, por resolución, determinará as asociacións candidatas seleccionadas, con indicación dos territorios cubertos, o financiamento indicativo previsto para preparar a estratexia de desenvolvemento local no territorio delimitado e as cláusulas de salvagarda precisas ante a aprobación do programa operativo que poidan facer preciso modificar a resolución.

2. O prazo para resolver e notificar será de quince días contados desde o día seguinte ao de elevación da proposta de resolución por parte do comité de selección, a través do órgano instrutor.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será dun máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido o dito prazo sen notificarse a resolución, a solicitude poderá entenderse desestimada por silencio administrativo.

4. Contra a resolución expresa, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, nos prazos e termos recollidos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses, contados, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, sen prexuízo dos recursos que o interesado xulgue procedentes.

5. No suposto de que na convocatoria queden zonas do territorio sen cubrir cun GALP, ben porque non se presenta ningunha candidatura axustada á delimitación territorial proposta ou porque a candidatura presentada non cumpre os requisitos da convocatoria ou a súa calidade non lle permita superar a puntuación mínima, realizaríase unha segunda convocatoria de selección de EDLP o máis tardar o 31 de decembro de 2017, facendo uso da posibilidade recollida no artigo 33.4 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Na segunda convocatoria só poderían concorrer grupos en territorios que non quedasen cubertos na primeira.

Artigo 15. Financiamento previsto para a preparación das EDLP

1. As asociacións candidatas seleccionadas poderán ter dereito á axuda preparatoria da estratexia, prevista no artigo 35.1.a) do Regulamento (UE) nº 1303/2013 para a elaboración de EDLP polos candidatos seleccionados, sen prexuízo de que a estratexia sexa finalmente seleccionada. A axuda preparatoria é para os gastos xerados a partir do momento en que están seleccionadas para elaborar a estratexia e para aqueles gastos directamente relacionados coa súa preparación.

2. Este financiamento previsto para a elaboración da estratexia non terá a consideración de subvención pública á organización candidata.

3. Establecerase unha cantidade fixa mínima por candidato seleccionado e o resto outorgarase en función da porcentaxe da puntuación obtida na fase de selección de candidatos, ata acadar un máximo, en función da dispoñibilidade orzamentaria.

4. Os candidatos seleccionados, de ser o caso, asinarán un convenio de colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, para a elaboración da EDLP.

Artigo 16. Estratexias de desenvolvemento local participativo

1. As estratexias de desenvolvemento local participativo presentadas polos candidatos a GALP seleccionaranse unha vez aprobado o programa operativo de España para o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. O número de estratexias aprobadas e GALP seleccionados non será superior a nove.

3. A selección das estratexias de desenvolvemento local participativo e aprobación dos GALP realizarase por resolución da persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar.

4. Os GALP funcionarán baixo a figura de entidade colaboradora, para o cal se formalizarán os correspondentes convenios de colaboración.

Disposición adicional primeira. Condición suspensiva

1. A eficacia e validez das resolucións relativas á selección dos candidatos a grupos de acción local pesqueiros para elaborar estratexias de desenvolvemento local, e de cantos actos se diten en execución desta orde quedan condicionados á aprobación do programa operativo de España para o FEMP 2014-2020.

2. As resolucións indicadas no número anterior non xerarán dereitos definitivos, e poderá producirse a perda da súa eficacia ou validez ou procederse á súa modificación.

Disposición adicional segunda. Comité de selección

A creación do comité de selección de candidatos e EDLP non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de pesca.

Disposición transitoria primeira. Adaptación dos requisitos exixidos no artigo 4

No caso de que os candidatos non cumpran con todos os requisitos exixidos no momento de presentar a solicitude por ser preciso efectuar trámites relacionados coa constitución, co ámbito territorial, coas entidades que a compoñen, órganos de goberno e actuacións similares, deberán advertilo na solicitude e concretar os trámites que se deben seguir comprometéndose, no caso de ser seleccionados, á súa acreditación con anterioridade á selección das EDLP.

Disposición transitoria segunda. Actuación correspondentes ao período de programación 2007-2013

Os candidatos seleccionados conforme esta orde poderán seguir realizando as actuacións que lles correspondan como grupos de acción costeira no período de programación 2007-2013, sempre que sigan cumprindo os requisitos precisos para iso e garantan unha debida separación na xestión dos dous programas.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Autorízase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar cantos actos sexan necesarios para o desenvolvemento e execución do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO I

Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Muxía, A Laracha, Vimianzo, Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda.

missing image file
missing image file