Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Luns, 20 de abril de 2015 Páx. 14952

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 55/2015, do 26 de marzo, polo que se regula o exercicio do dereito á libre elección de persoal médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría en atención primaria, e de centro ou complexo hospitalario por un problema de saúde novo, no Sistema público de saúde de Galicia.

A Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias establece o dereito das persoas usuarias á libre elección de persoal médico de familia, pediatra e profesional de enfermaría para a prestación da asistencia sanitaria en atención primaria no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia como unha opción individual que se sustenta nos principios de liberdade do/da paciente, equidade no acceso ás prestacións sanitarias e participación dos cidadáns, así como na eficacia e transparencia do sistema sanitario. Tamén establece o dereito á libre elección de centro ou complexo hospitalario para a abordaxe dun problema de saúde novo.

O desenvolvemento dos servizos de atención primaria na nosa comunidade permite facer efectivo este dereito, que ademais vai contribuír á mellora do Sistema público de saúde de Galicia ao fomentar unha relación máis personalizada entre usuarios/as e profesionais sanitarios/as.

O exercicio da libre elección de persoal médico de familia ou pediatra comporta a asignación de hospital de referencia habitual co obxectivo de garantir unha atención integrada e asegurar a continuidade asistencial no marco das estruturas organizativas de xestión integrada. Esta asignación non impide a elección de centro hospitalario para a atención dun problema de saúde novo.

A libre elección debe coexistir co mantemento de parámetros de planificación e ordenación de recursos, de maneira que non se menoscabe o seu funcionamento eficiente nin sexa un obstáculo para a calidade asistencial. É por isto que no decreto se establece un procedemento garantista que proporciona información sobre os principais aspectos que poden incidir na forma en que ten lugar a atención sanitaria. Ademais, polo ámbito da elección, establécense os límites da atención domiciliaria, así como os condicionantes que poden limitar o exercicio do dereito en determinadas circunstancias para non menoscabar a calidade asistencial.

Nun sistema público de saúde, como o galego, onde a planificación e a ordenación dos recursos é inherente a el, introducir dereitos de elección como os previstos no decreto supón ademais un reto organizativo importante, posible, en gran medida, polo desenvolvemento de instrumentos como a historia clínica electrónica única, que integra toda a información clínica dos/das pacientes, e a accesibilidade dos profesionais sanitarios/as, o que permite que un/unha paciente poida ser atendido en distintos centros e ámbitos asistenciais públicos, así como facer un seguimento lonxitudinal dos seus problemas de saúde.

Para unha correcta implantación e desenvolvemento do contido do decreto cómpre modificar a estrutura do sistema de información vinculado á tarxeta sanitaria, e doutros aplicativos informáticos, así como levar a cabo modificacións organizativas que posibiliten a xestión da libre elección nos centros sanitarios. Por estas razóns, establécense diferentes períodos de entrada en vigor dos contidos da norma.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de marzo de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto do presente decreto é a regulación do procedemento para o exercicio do dereito á libre elección de persoal médico de familia, pediatra e persoal de enfermaría en atención primaria e de centro ou complexo hospitalario para un problema de saúde novo, no Sistema público de saúde de Galicia.

Artigo 2. Ámbito da libre elección

1. Para os efectos deste decreto, o ámbito de elección esténdese a:

a) Profesionais de medicina de familia, pediatría, enfermaría e matróns/matronas de todos os centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde.

b) Centros hospitalarios da rede pública do Servizo Galego de Saúde para un problema de saúde novo.

2. A elección de facultativo/a de atención primaria dun centro comporta a asignación do hospital de referencia, e non impide a elección dun hospital distinto para un problema de saúde novo.

3. Non están incluídos na libre elección a atención de urxencia, a atención domiciliaria, o transporte sanitario programado e os servizos de apoio de atención primaria agás a elección de matrón/matrona.

Artigo 3. Requirimentos

1. Para o exercicio do dereito de libre elección previsto neste decreto, a persoa debe ser asegurada ou beneficiaria incluída no ámbito do establecido no artigo 3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, e dispoñer de tarxeta sanitaria en vigor do Servizo Galego de Saúde.

2. No caso de menores de idade non emancipados ou persoas con declaración de incapacidade, o dereito á libre elección corresponderalles aos pais, titores ou representantes legais, de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4. Información para as persoas usuarias

1. Ademais da información clínica proporcionada polos profesionais sanitarios aos/ás pacientes, o Servizo Galego de Saúde habilitará un espazo no portal web con información sobre o procedemento de elección e aqueloutra necesaria para o exercicio dunha elección informada.

2. Ao inicio do procedemento de elección de profesionais sanitarios/as de atención primaria, as persoas usuarias recibirán información sobre o número de pacientes asignados/as ao/á profesional elixido/a, sobre os horarios de atención, as unidades de apoio dispoñibles e as implicacións que pode haber sobre a atención domiciliaria, atención continuada, transporte sanitario programado e outras prestacións complementarias cando non haxa concordancia entre o domicilio e o ámbito territorial do centro de saúde elixido ou do hospital que lle corresponde a este.

Artigo 5. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes ou comunicacións, serán incluídos nun ficheiro denominado «historias clínicas» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Servizo Galego de Saúde. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

CAPÍTULO II
Elección de profesionais de atención primaria

Artigo 6. Procedemento de elección en atención primaria

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible no portal web do Servizo Galego de Saúde (https://www.sergas.es) e accesible tamén desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://www.sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A dita solicitude telemática poderá ademais ser efectuada no propio centro de saúde en que preste servizo o/a profesional ou profesionais elixidos/as cando as persoas usuarias non dispoñan dos medios técnicos para realizar a presentación electrónica.

2. Xunto coa solicitude presentarase:

a) Copia do documento nacional de identidade ou número de identidade de estranxeiro, en caso de non autorizar a súa consulta.

b) Se é o caso, a documentación que acredite a lexitimación da persoa que represente o/a solicitante.

c) Calquera outra documentación que a xuízo da persoa solicitante se considere adecuada.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

3. A tramitación da solicitude corresponderalle á estrutura organizativa de xestión integrada (EOXI) a que pertence o centro de saúde, e deberá ter en conta os requirimentos e condicionantes establecidos nos artigos 3 e 8.

4. A solicitude poderá ser aceptada ou denegada mediante resolución motivada da xerencia da EOXI a que estea adscrito o centro de saúde de elección, tendo en conta os criterios establecidos no artigo 8, e notificarase nun prazo máximo de trinta (30) días naturais contados desde a data de presentación telemática desta. No caso de non recaer resolución expresa no prazo establecido, a solicitude entenderase estimada.

5. Contra a resolución denegatoria poderase interpoñer recurso de alzada ante a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes desde a súa notificación.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Condicionantes do exercicio do dereito de elección en atención primaria

1. Para non menoscabar a calidade asistencial poderase denegar unha nova asignación a un/unha profesional cando a cota de persoas que teña asignada supere o número establecido. Esta cifra terá en conta o criterio de poboación asignada, se é o caso modulado por outros como a frecuentación, dispersión poboacional, estrutura de grupos etarios ou o volume de pacientes con patoloxías que requiran atencións especiais.

2. De forma excepcional, poderase superar a cota cando non implique risco de deterioración da calidade asistencial e conste a aceptación expresa do persoal sanitario elixido.

3. Unha vez elixido e asignado o/a profesional sanitario/a, para realizar unha nova elección deberán transcorrer un mínimo de seis (6) meses. Esta circunstancia poderá variarse cando, á vista da solicitude do/da paciente, a xerencia de xestión integrada considere que concorren circunstancias extraordinarias que o aconsellen.

Poderanse considerar como circunstancias extraordinarias, a salvagarda da relación paciente-profesional, ou calquera outra que a xuízo dos/das profesionais sanitarios/as, e debidamente xustificada, poida afectar unha correcta práctica asistencial.

4. Non será posible a elección simultánea de varios médicos/as de familia, pediatras ou persoal de enfermaría de atención primaria.

5. A libre elección de profesional de enfermaría de atención primaria só se poderá realizar na mesma unidade de atención primaria na cal o/a paciente escollese o/a seu/súa médico/a, co fin de facilitar o seguimento conxunto do/da paciente por ambos/as profesionais así como a planificación e programación das actividades que realizará a enfermaría.

6. O/a profesional médico de familia ou pediatra poderá rexeitar novas asignacións, ou renunciar a prestar atención sanitaria a unha persoa usuaria concreta, sempre que a xerencia correspondente ou a Inspección de Servizos Sanitarios xulgue os motivos ou razóns alegados como convenientemente xustificados.

Tal decisión non poderá implicar a desatención da persoa usuaria.

O rexeitamento ás asignacións de novos/as usuarios/as, ou a renuncia á prestación sanitaria a unha persoa usuaria concreta, exercidos polos/as profesionais, desenvolveranse de acordo con procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde.

Artigo 9. Asignacións iniciais

1. Cando unha persoa usuaria non realice unha elección expresa de profesionais sanitarios/as en atención primaria, as EOXI procederán á asignación destes tomando en conta criterios establecidos no artigo 13.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias.

2. Os reaxustes por finalización da idade pediátrica, ou como consecuencia de extincións de cota, teñen a consideración de asignacións iniciais.

Artigo 10. Reordenacións asistenciais

Coa finalidade de manter os criterios de calidade asistencial adecuados ou pola creación de novas cotas, as EOXI poderán levar a cabo reordenacións asistenciais tomando en conta os criterios previstos no artigo 13.2 da Lei 12/2013, do 9 de decembro, e deberán ser notificadas ás persoas usuarias cun mes de antelación, como mínimo. De non existir desconformidade por parte dos/as usuarios/as, as EOXI procederán á asignación do novo persoal.

CAPÍTULO III
Elección de hospital para un proceso novo

Artigo 11. Procedemento de elección de hospital

1. Iníciao o persoal facultativo médico de atención primaria por pedimento petición do/da paciente, cando se trate dun problema de saúde novo a través dos aplicativos informáticos corporativos.

Deixarase constancia na historia clínica da anterior petición do paciente.

2. Para os efectos deste decreto enténdese que o problema de saúde é novo cando se trate da primeira presentación deste, ou cando a sintomatoloxía actual non estea xustificada por ningún dos diagnósticos previos, ou cando o persoal facultativo de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, no estudo dun proceso anterior, realice unha sospeita diagnóstica ou un diagnóstico confirmado, inexistente anteriormente, que precise dunha abordaxe diagnóstica ou terapéutica concreta.

En calquera caso, as indicacións de intervencións cirúrxicas terán a consideración de problema de saúde novo.

A libre elección de centro/complexo hospitalario no caso de intervención cirúrxica, levarase a cabo no propio hospital en que se realiza a indicación da cirurxía, a través dos correspondentes servizos de admisión.

Non se considerarán problemas de saúde novos aqueles xa atendidos por outros profesionais, nin as agudizacións de procesos crónicos ou as complicacións de procedementos realizados previamente.

3. As EOXI tramitarán as derivacións tendo en conta os requirimentos e condicionantes previstos neste decreto.

4. A elección de hospital/derivación da persoa usuaria poderá ser aceptada ou denegada mediante resolución motivada da xerencia da estrutura organizativa de xestión integrada á cal estea adscrito o centro ou complexo hospitalario de elección nun prazo máximo de trinta (30) días naturais desde a inclusión do paciente no sistema, e notificaráselle tendo en conta os criterios establecidos no artigo 12. No caso de non recaer resolución expresa no prazo establecido a solicitude entenderase estimada.

5. Contra a resolución denegatoria poderase interpoñer recurso de alzada ante a Xerencia do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes desde a súa notificación.

Artigo 12. Condicionantes do exercicio do dereito de elección de centro hospitalario

1. Para non comprometer a equidade e a calidade asistencial poderase denegar a asignación de novos/as pacientes para atender un proceso novo por criterios de planificación sanitaria ou por causas organizativas que dificultan o acceso adecuado ao devandito servizo para estes/as pacientes ou os/as usuarios/as que xa teñen asignado o centro elixido.

2. Cando haxa discordancia entre o domicilio do/da paciente e o ámbito territorial do centro elixido non procederá a solicitude de transporte sanitario programado.

3. Non será posible a elección simultánea de máis dun centro para o mesmo proceso e problema de saúde.

4. A libre elección de centro ou complexo hospitalario para a realización dunha intervención cirúrxica debe realizarse previamente á inclusión no Rexistro de Pacientes en Espera de Galicia.

5. Tendo en conta a finalidade de garantía dos tempos máximos de espera e as circunstancias clínicas a que se refire, nas situacións e procesos garantidos o exercicio do dereito de garantía de tempos máximos prevalece sobre o dereito de libre elección, de maneira que esta non poderá interferir no pleno exercicio do primeiro.

Disposición adicional primeira. Indemnizacións

O exercicio do dereito á libre elección polas persoas usuarias, tanto en atención primaria como de centro ou complexo hospitalario, non xerará ningún tipo de indemnización a cargo do Servizo Galego de Saúde, conforme o disposto no artigo 14.3 da Lei 12/2013, do 9 de decembro.

Disposición adicional segunda. Actualización de formularios

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición adicional terceira. Adecuación de procedementos telemáticos

O Servizo Galego de Saúde disporá os procedementos telemáticos que permitan o exercicio de libre elección, a través da súa páxina web, nos termos previstos neste decreto.

Disposición adicional cuarta. Modelos normalizados da sede electrónica da Xunta de Galicia

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor, con respecto do exercicio de libre elección de persoal médico de familia e pediatra de atención primaria, o día seguinte ao da publicación desde decreto no Diario Oficial de Galicia, e para a libre elección de profesional de enfermaría de atención primaria e de centro ou complexo hospitalario para un proceso novo, terá lugar aos catro e seis meses, respectivamente, da súa publicación.

Santiago de Compostela, vinte e seis de marzo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file