Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Martes, 28 de abril de 2015 Páx. 16297

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 13 de abril de 2015, do Xurado Provincial de Montes Comunais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 9 de abril de 2015, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes comunais en man común de San Paio e de Gondulfes e Marbán, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de conciliación formulada pola CMVMC de San Paio e a CMVMC de Gondulfes e Marbán, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 28 de marzo de 2014 a comunidade de San Paio, propietaria do monte veciñal en man común Comunal de San Paio e a comunidade de Gondulfes e Marbán, propietaria do monte veciñal en man común Comunal de Gondulfes, ambas no concello de Castrelo do Val, solicitaron a aprobación dun deslindamento realizado entre ambas comunidades. Os interesados achegaron coa solicitude a acta de conciliación realizada ante o xulgado de paz certificacións de aprobacións de deslindamento das respectivas asembleas, así como planos.

Segundo. Con data do 6 de xuño de 2014 o Servizo de Monte informou de que a documentación achegada cumpre as exixencias previstas no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e que o deslindamento realizado establece o límite entre ambos os dous montes dun xeito claro e inequívoco.

Terceiro. Na acta de conciliación descríbense os lindes entre os montes da maneira seguinte:

A discusión empeza no Penedo das Tres Raias (punto nº 1), penedo de granito de grandes dimensións que se atopa no medio do piñeiral e que se representa claramente identificado no plano adxunto cas súas coordenadas igual que o resto dos puntos polos que pasa a marxe entre os dous montes. O segundo punto sitúase na estrada que une Servoi con Moteveloso, ata este punto vén en liña recta desde o Penedo das Tres Raias. Desde aquí ao punto nº 3 transcorre á marxe pola estrada en dirección a Servoi nun tramo de 430 m para desde ese lugar abandonar a estrada e continuar pola devasa en dirección ao penedo do alto de Mourixoso, lugar onde se sitúa o punto nº 4. A partir deste alto continúa ao linde lombeiro abaixo, coincidindo coa devasa ata o punto nº 5 onde empezan as propiedades particulares e se pon fin á discusión.

As coordenadas UTM dos puntos descritos son:

1    636285.9    4651551.8

2    635941.5    4651465.0

3    635627.2    4651235.8

4    635431.0    4651100.8

5    634591.9    4650942.1

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento para o deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial en Man Común, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do 6 de xuño de 2014, acordou por unanimidade o día 18 de marzo de 2015:

Aprobar o acto de conciliación acadado pola CMVMC de San Paio e a CMVMC de Gondulfes e Marbán, de acordo co exposto no feito terceiro.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989 (citada), nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de abril de 2015

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense