Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Xoves, 30 de abril de 2015 Páx. 16763

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2015 pola que se declara de interese galego a Fundación Eira e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese galego da Fundación Eira, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

1. Fins Iago Eirexas Santamaría, secretario do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 11 de xullo de 2014, ante a notaria Inmaculada Espiñeira Soto, co número de protocolo 1.204, pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), representada pola súa presidenta Virginia Rodríguez Álvarez.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a defensa do patrimonio natural e cultural de Galicia, para o cal promoverá e fomentará o estudo e protección do equilibrio ecolóxico do noso país, tanto na fauna e na flora como no ambiente que a sustenta. Asemade, e como exixencia inmediata da ecoloxía humana e, por tanto, da saúde e benestar do home e da muller galegos, velará por que en Galicia se aseguren as condicións idóneas, obxectivas e ambientais para o desenvolvemento integral da poboación.

4. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade da fundadora, á súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Adela Clorinda Figueroa Panisse, como presidenta; Marcial Barral Vasques, como vicepresidente; Ángel Méndez Méndez, como tesoureiro; e Virginia Rodríguez Álvarez, Xoán Antón Louzao Rodríguez, Xurxo Mouriño Lourido, J. Elvira Cienfuegos López, Tamara Salvadores Villanueva, María Montserrat Lombardía Fernández, Esther Gómez Forneas, Froilán Pallín Seco, Xosé Luís Salvadores Cobas, Alexandre García Regueira e Manuel Soto Castiñeira como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural da Fundación Eira, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, de 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

8. De conformidade coa dita proposta, por orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 24 de marzo de 2015, clasificouse como de interese para a defensa do medio natural a Fundación Eira, e adscribiuse ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e co Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, corresponde a esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Eira, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, da Fundación Eira, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Eira, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo de un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2015

José Antonio Fernández Vázquez
Secretario xeral técnico da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Infraestruturas