Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Xoves, 21 de maio de 2015 Páx. 20006

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 74/2015, do 13 de maio, polo que se regula a organización da presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio de nivel superior .gal.

Grazas ao esforzo colectivo da sociedade galega, que promoveu todas as actuacións necesarias para acadalo, Galicia logrou en 2014 facerse cun dominio propio na internet.

Para tal fin, en 2006, constitúese a Asociación PuntoGal, unha entidade sen ánimo de lucro integrada por persoas e entidades de todos os ámbitos da sociedade galega, plural e diversa que centrou a súa estratexia na solicitude internacional do dominio de nivel superior .gal. Responsable tamén da xestión do dominio, PuntoGal foi a promotora da candidatura que se presentou en maio de 2012 á ICANN, organismo internacional encargado da distribución dos dominios.

Deste xeito, en xuño de 2013, PuntoGal acadou a aprobación definitiva do dominio, un éxito compartido con toda a cidadanía, entidades de diversas disciplinas do ámbito público e privado e centros das comunidades galegas no mundo que tamén se involucraron no proceso.

A consecución deste dominio propio supón unha oportunidade única para agrupar todos os contidos da rede vinculados á nosa cultura e á nosa lingua e para impulsar o galego como medio co que fomentar a identidade cultural de Galicia. Empregalo suporá agora realizar un exercicio de normalidade, en tanto que permitirá visualizar na rede a existencia da comunidade galega e nos dotará dunha ferramenta coa que contribuír á normalización da nosa lingua e á potenciación do noso patrimonio cultural no exterior.

Co .gal, Galicia dispón dunha marca propia coa que identificar todos os contidos que xera na rede, gañando así visibilidade e proxección dentro do espazo de comunicación global que é a internet. Faino, ademais, logrando que ese sufixo diferenciador sexa pola súa vez un elemento de cohesión que represente non só a Galicia territorial, senón o conxunto da comunidade galega dispersa no mundo.

Os obxectivos do dominio .gal son dotar a comunidade galega dunha mellor presenza na rede e permitir ás persoas visitantes de páxinas baixo .gal obter información sobre a comunidade galega de forma sinxela e aberta para todo o mundo.

En consecuencia ao que supón para Galicia ter acadado un dominio propio, a Administración xeral e do sector público autonómico participou activamente na fase pioneira de rexistro dos .gal, priorizando como áreas clave, xunto coas direccións institucionais do goberno galego, a cultura, a lingua, o turismo e a tecnoloxía. Os primeiros portais en empregar o novo dominio, co sitio web institucional da Xunta de Galicia como referente principal, presentáronse publicamente na data simbólica do 25 de xullo de 2014.

A definición da presenza na internet da Xunta de Galicia baixo o dominio de nivel superior .gal prevista neste decreto complementa a regulación establecida no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

Con respecto á estrutura, o decreto consta de cinco artigos, agrupados en tres capítulos, con dúas disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O capítulo I regula o obxecto do decreto, o seu ámbito de aplicación e a finalidade da súa incorporación ao ordenamento xurídico galego.

No capítulo II do decreto determínase o novo modelo de presenza na rede da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se estrutura xerarquicamente baixo o dominio xunta.gal.

O capítulo III trata sobre a política de dominios de correo como complemento necesario do modelo de presenza na rede.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de maio de dous mil quince,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Constitúe o obxecto do presente decreto a regulación da organización da presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio de nivel superior .gal.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente decreto será de aplicación a todos os órganos e entidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Para estes efectos, as referencias á Xunta de Galicia que se conteñen hanse de entender feitas ás persoas xurídicas anteriormente indicadas.

Artigo 3. Finalidade

As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade a proxección dunha imaxe homoxénea da presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia por medio do impulso e a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia baixo o dominio .gal.

CAPÍTULO II
Organización da presenza da Administración na rede

Artigo 4. .gal como dominio de referencia

1. A Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ofrecerá información ou servizos ao público a través da internet mediante portais web baixo o dominio de nivel superior .gal, de conformidade co establecido no presente decreto, no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet, e nas políticas e recomendacións vixentes, recollidas na Guía de políticas web da Xunta de Galicia.

2. Os portais web da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que empreguen dominios de nivel superior distintos do .gal (por exemplo, xunta.es, xunta.eu, etc.) serán redirixidos ao dominio .gal correspondente, mantendo a navegación por este dominio. As referencias internas a outros dominios substituiranse por referencias ao .gal, para non duplicar a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia en indexadores ou buscadores.

3. A presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na rede estrutúrase arredor do portal institucional www.xunta.gal, a través do cal se poderá acceder á totalidade dos portais e servizos web sociais e participativos dos organismos e entidades que integran o sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constitúe un punto de acceso permanente á información e aos servizos da Administración autonómica e das súas entidades instrumentais.

4. Desde a entrada en vigor do presente decreto, as novas iniciativas web da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia deberán utilizar o dominio de nivel superior .gal.

5. A entidade con competencias en materia de Administración electrónica prestará o apoio técnico necesario para que a substitución do dominio de nivel superior teña o menor impacto posible.

6. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico será a responsable de autorizar calquera excepción destes criterios e do seu ámbito de aplicación.

CAPÍTULO III
Dominio de correo

Artigo 5. Dominio de correo .gal

1. Os órganos e unidades da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia deberán empregar, con carácter xeral, o dominio de correo de nivel superior .gal en todas as contas de correo electrónico persoais, departamentais ou corporativas.

2. As direccións de correo corporativo da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia adaptaranse ao dominio de correo de nivel superior .gal, que se configura como de uso xeral e único, nos prazos estipulados na disposición transitoria única do presente decreto.

3. Para evitar a perda de correos electrónicos, habilítase a redirección dos dominios de correo que empreguen dominios de nivel superior distintos do .gal, de forma que calquera correo dirixido á Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia chegue ao seu destino, independentemente do dominio de correo ao que foi enviado.

4. A Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia promoverá a notificación do cambio de dominio a provedores, á cidadanía, e en xeral, a todos os axentes que se relacionan por correo electrónico coa Xunta de Galicia.

5. A Comisión de Seguridade e Goberno Electrónico será a responsable de autorizar calquera excepción destes criterios e do seu ámbito de aplicación.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A adecuación do previsto no presente decreto non suporá en ningún caso un incremento do gasto público. A actualización das referencias aos novos dominios no material de apoio (papelaría, tarxetas de visita, anuncios, etc.) farase unicamente cando sexa necesaria a súa reposición.

Disposición adicional segunda

Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

O previsto no presente decreto complementa a regulación prevista no Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet.

Disposición transitoria única. Cambio do dominio de referencia

As previsións recollidas no presente decreto deberán realizarse no prazo de vinte e catro (24) meses a partir da entrada en vigor, sen prexuízo da súa implantación paulatina e parcial.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento e execución

Facúltase á persoa titular da consellería con competencias en materia de administracións públicas para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de maio de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza