Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 4 de xuño de 2015 Páx. 21766

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

INSTRUCIÓN 1/2015, do 13 de maio, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, que establece as condicións particulares para o cambio de gas combustible en edificios.

O cambio de familia de combustible gasoso en edificios (xa sexa total ou parcial), trae consigo situacións de difícil resolución que poderían dar lugar a situacións de inseguridade nas instalacións de gas. A presente instrución ten como finalidade unificar o xeito de proceder por parte dos axentes que interveñen para facilitar o cambio e que posibilite a convivencia das instalacións de combustibles de diferentes familias.

A presente instrución dítase sen prexuízo do cumprimento do resto da normativa aplicable ao caso, en especial, o disposto no Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE) polas consecuencias que poida ter o cambio de tipo de enerxía así como calquera outra reforma que comporte un cambio na documentación coa que se rexistrou a instalación na consellería competente en materia de industria.

Segundo a casuística no cambio de combustible, procederase do seguinte xeito:

1. No caso de cambio de combustible en todas as instalacións receptoras do edificio sen que en ningún momento convivan no tempo as dúas familias de gas, procederase do seguinte xeito:

a) A empresa instaladora correspondente ao combustible saínte retirará a parte da instalación común que lle corresponda e toda a tubaxe sen servizo será anulada mediante soldadura ou tapón rosca en orixe, ademais, quedará documentado que a instalación queda en situación de seguridade.

Este certificado entregarase ao titular e á distribuidora/comercializadora saínte.

Así mesmo, se é o caso, a compañía correspondente ao gas saínte, nas instalacións da súa propiedade e como responsable delas, deberá retirar as partes da instalación que queden fóra de servizo (depósitos, tubos de boca de carga a distancia, tubos de instalación común de fase gasosa...). Efectuados os traballos, emitirá os correspondentes certificados e notificará ao servizo territorial que corresponda a baixa dos centros de almacenamento para os efectos do control dos depósitos.

b) A empresa instaladora correspondente ao combustible entrante emitirá:

Certificado de acometida interior (e, se é o caso, proxecto e certificado de dirección de obra), certificado de instalación común e de instalacións individuais (cando estas sexan obxecto de modificación) e certificarase o cambio de combustible para os aparellos receptores.

A documentación xerada entregarase ao titular e á distribuidora/comercializadora que realizará as probas previas e posta en servizo.

Para a instalación obxecto de cambio, no caso de que a compañía correspondente ao combustible saínte chegue a un acordo de compra de activos coa entrante, deberá quedar constancia das condicións pactadas e de quen é o responsable da retirada das partes da instalación que quedasen definitivamente fóra de servizo.

2. No caso dunha transformación parcial de combustible no edificio (convivencia de dúas familias de gas) deberase, en todo caso, respectar as seguintes indicacións:

– Respectarase o indicado no punto 1 para o momento en que se produza o cambio total ao novo combustible.

– Cando se instale unha única acometida prevista para unha potencia útil de máis de 2.000 kW elaborarase o correspondente proxecto xunto coa dirección de obra correspondente á parte transformada.

– As novas instalacións da empresa entrante non poderán, en ningún caso, comprometer a manobrabilidade e/ou as operacións nas instalacións que queden en servizo da empresa subministradora existente.

– Non se poderán manipular, salvo que se conte coa correspondente autorización, as instalacións da empresa subministradora existente por parte da entrante, xa sexa directamente ou a través das empresas instaladoras.

– Non se poderá realizar a montaxe dun colector para os contadores da nova instalación por diante da instalación xa existente.

– Respectaranse as distancias de seguridade entre elementos da instalación.

– Para o novo combustible deberase dispor de contadores en distinto recinto, local ou armario. No caso de que isto non sexa posible, deberase respectar o disposto no punto 3.

Presentarase a documentación seguinte:

a) A empresa instaladora, en relación coa instalación do combustible saínte, emitirá:

– Certificado de acometida interior, certificado de instalación común e de instalacións individuais que fosen obxecto de modificación. Das partes da instalación que fosen suprimidas quedará documentado que quedan en situación de seguridade.

A documentación xerada entregarase ao titular e á distribuidora/comercializadora saínte.

b) A empresa instaladora correspondente ao combustible entrante emitirá:

– Certificado de acometida interior, certificado de instalación común e de instalacións individuais, así como os correspondentes á posta en marcha dos aparellos.

A documentación xerada entregarase ao titular e á distribuidora/comercializadora que realizará as probas previas e posta en servizo.

3. No caso dunha transformación parcial, na cal non sexa posible dispor de recintos de contadores diferentes, procederase como no caso anterior e, ademais, teranse en conta os seguintes condicionamentos:

– A empresa instaladora entrante instalará, na súa primeira intervención, a ventilación necesaria así como toda a infraestrutura básica (en calquera caso a receptora común) que permita a colocación dos contadores necesarios para dar servizo a todos os clientes potenciais do edificio.

– As novas instalacións deberán de deixar espazo suficiente para que unha persoa poida desenvolverse no interior do recinto e permitirán a adecuada operatividade e manobrabilidade dos distintos elementos do recinto posibilitando a manipulación das chaves, a montaxe e desmontaxe dos contadores, o seu precintado e desprecintado, a instalación dun contador patrón en paralelo, así como as demais operacións relativas a un correcto funcionamento da instalación.

– As empresas compartirán a chave normalizada de acceso ao recinto de contadores tendo preferencia, nos casos que sexa posible, a xa existente.

– As tubaxes da distribuidora/comercializadora entrante, dentro do recinto de contadores, serán dunha cor diferente ás xa existentes e etiquetaranse para a súa correcta identificación.

4. As distribuidoras/comercializadoras correspondentes ao combustible entrante remitirán, nos 15 días seguintes á finalización de cada trimestre do ano, á correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía e Industria, a relación de instalacións en edificios con convivencia de combustible.

Esta instrución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o seu coñecemento e efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas