Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Venres, 12 de xuño de 2015 Páx. 23107

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 80/2015, do 11 de xuño, polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais.

O artigo 149.1.23 da Constitución española atribúe competencia exclusiva ao Estado para aprobar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecen normas adicionais de protección. Así mesmo, o seu artigo 148.9º dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección do ambiente.

De conformidade co disposto na Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, no seu artigo 27.30º, a competencia para aprobar normas adicionais sobre a protección do ambiente e da paisaxe.

A actual lexislación estatal en materia de protección do ambiente, que establece o réxime xurídico básico da súa conservación, uso sustentable, mellora e restauración, é a Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e biodiversidade. O seu artigo 33 define os monumentos naturais como espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial.

Na Comunidade Autónoma de Galicia aprobouse a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que ten entre os seus obxectivos a protección, restauración e mellora dos recursos naturais e a adecuada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre. Nesta lei tamén aparece a figura de monumento natural entre as categorías de espazos naturais protexidos.

Mediante o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, a Praia das Catedrais declarouse monumento natural.

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais lles corresponde ao menos a aprobación dun plan de conservación. A sección terceira do capítulo IV establece o contido, os efectos e a tramitación dos plans de conservación.

O monumento natural da Praia das Catedrais, ao estar incluído nun espazo protexido da Rede Natura 2000, xa conta cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Non obstante, o espazo, pola súa singularidade, está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustifican a elaboración dun plan específico en aplicación da disposición derradeira terceira do dito decreto.

O Plan de conservación foi sometido ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica conforme o establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e o informe ambiental estratéxico formulouse mediante Resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 7 de abril de 2015, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 78, do 27 de abril de 2015.

En canto ao procedemento de elaboración do decreto, o documento de inicio do Plan de conservación, por medio do Anuncio do 22 de setembro de 2014, foi sometido á participación do público conforme ao establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso ao medio ambiente.

Conforme o establecido no artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, mediante o cal se regula o trámite de audiencia e información pública, e no artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, previo á aprobación do Plan de conservación, o día 13 de xaneiro de 2015 publícase no Diario Oficial de Galicia núm. 7 o Anuncio do 8 de xaneiro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter ao procedemento de información pública e audiencia ás persoas interesadas o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais.

Unha vez estudadas as alegacións presentadas, modificouse o plan de conservación naqueles puntos que se consideraron relevantes e viables coa planificación proxectada e someteuse posteriormente, o dito plan ao Pleno do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o día 28 de abril de 2015.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do once de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación

1. Apróbase o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais.

2. No anexo I deste decreto recóllese o dito plan de conservación, no cal se establece a delimitación do seu ámbito de protección, a identificación dos valores que se van protexer e posibles riscos, as normas de usos e aproveitamento do solo e dos recursos naturais e as normas relativas ao uso público.

3. A consellería con competencias en materia de conservación da natureza deberá garantir o acceso permanente na súa web á información contida no plan de conservación, incluída a cartografía, e manter actualizada a dita información cando se produzan modificacións ou revisións.

Artigo 2. Réxime de infraccións e sancións

O réxime sancionador aplicable será o establecido no título III das infraccións e sancións da Lei 9/2001, do 21 de agosto, e con carácter complementario no título VI das infraccións e sancións, da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade..

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para aprobar mediante orde, no ámbito das súas competencias, as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

As ditas ordes respectarán o establecido no título III da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

As presentes medidas de conservación e xestión terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño do dous mil quince

Alberto Núñez Feijoo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais

I. Introdución

A praia de Augasantas, coñecida popularmente como As Catedrais sitúase no extremo oriental da provincia de Lugo, no concello de Ribadeo (parroquia da Devesa). Este tramo de rasa cantábrica caracterízase polo perfil dos seus cantís que, durante a baixamar, deixan ao descuberto as espectaculares formacións de arcos e furnas que deron nome á praia das Catedrais e converteron este tramo costeiro nun reclamo turístico a nivel internacional.

A enorme singularidade xeomorfolóxica e paisaxística deste espazo, unido á presenza de hábitats de interese comunitario de carácter prioritario, motivaron a declaración do monumento natural da Praia das Catedrais, mediante o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro. Toda a superficie do monumento natural intégrase, ademais, dentro da zona de especial conservación (en diante ZEC) das Catedrais, que abrangue 304,36 ha na rasa cantábrica situada entre os concellos de Barreiros e Ribadeo.

Este documento constitúe o Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais, que é o instrumento de planificación básico, onde se establece o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións necesarias para a conservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración.

A elaboración deste plan de conservación parte dunha descrición do monumento natural, así como dun diagnóstico da súa situación actual, tanto a nivel ambiental como de xestión e regulación do uso público. Con base neste diagnóstico identifícanse os principais problemas, riscos e ameazas que afectan o ámbito do plan e establécense as directrices e normas destinadas á preservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do monumento natural da Praia das Catedrais, así como as actuacións previstas.

Marco legal

O artigo 13 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece a figura dos monumentos naturais para designar aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merezan ser obxecto dunha especial protección. Inclúense tamén, entre outros, as formacións xeolóxicas e demais elementos da xea que reúnen un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

Ao abeiro da Lei 9/2001, do 21 de agosto, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, polo que se declara a Praia das Catedrais como monumento natural.

A nivel estatal, a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, recolle tamén a figura dos monumentos naturais cunha definición moi similar á da lexislación autonómica. O artigo 33.3 da dita lei establece, con carácter xeral, a prohibición da explotación de recursos no ámbito dos monumentos naturais, salvo naqueles casos en que se permita por razóns de investigación ou conservación, logo da pertinente autorización administrativa.

O artigo 31 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, enumera os distintos instrumentos de planificación dos espazos naturais protexidos e establece que ás categorías de protección distintas dos parques naturais ou das reservas naturais lles corresponde, polo menos a aprobación dun plan de conservación.

O monumento natural da Praia das Catedrais, ao estar incluído nun espazo protexido da Rede Natura 2000, conta xa cun plan de ordenación dos recursos naturais aprobado mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia. Non obstante, o espazo está sometido a presións, principalmente de uso público, que xustifican a elaboración dun plan específico en aplicación na disposición derradeira terceira do dito decreto. Convén indicar, ademais, a converxencia de diferentes administracións con competencias no ámbito territorial do plan, cuxa participación e colaboración resulta fundamental para acadar os obxectivos propostos.

O artigo 38 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, indica o contido mínimo que deben recoller os plans de conservación:

1. A delimitación do seu ámbito de protección.

2. A identificación dos elementos clave para a conservación dos seus valores naturais.

3. As normas de aproveitamento do solo e dos recursos naturais destinadas a protexer, conservar ou mellorar os valores ambientais.

4. As normas relativas ao uso público, así como as actividades científicas ou educativas.

Ámbito territorial de aplicación

O ámbito territorial do Plan de conservación cínguese á superficie do monumento natural das Catedrais (28,94 ha, das cales aproximadamente 20 ha corresponden ao ambiente mariño), que figura no anexo II deste decreto, cuxos límites se reflicten no artigo 2 do Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, identificando as coordenadas UTM nos seguintes termos:

«Polo sur e no seu extremo occidental, comeza no punto en que a estrada costeira cruza o regato de Vigo, seguindo por esta vía cara ao leste ata o punto con coordenadas x: 649.001,24 e y: 4.824.050,23, onde vira cara ao norte até o punto con coordenadas x: 648.995,64 e y:4.824.163,30, que coincide coa mouteira número 748 do deslindamento do dominio público marítimo-terrestre. Desde aquí continúa polo deslindamento do dominio público marítimo-terrestre, pasando do marco número 746 ao 736 e do 734 ao 732, até o punto con coordenadas x: 650.029,13 e y:4.824.415,94, coincidente co marco número 659 do deslindamento. Desde aquí prolóngase mar dentro, en dirección noroeste, ata o punto con coordenadas x: 649.952,00 e y: 4.824.516,00, seguindo cara ao oeste ata o punto con coordenadas x: 649.096,00 e y: 4.824.340,00 e prolongándose ata o punto con coordenadas x: 648.430,00 e y:4.824.400,00. Desde aquí, cara ao sur, ata a desembocadura do regato de Vigo, seguindo pola marxe dereita do seu leito ata a estrada costeira».

A superficie terrestre do monumento natural forma parte da ZEC das Catedrais (ES1120005), que abrangue uns 15 km na franxa litoral que vai desde a praia de Lóngara, no concello de Barreiros, ata o penedo do Corvo, no concello de Ribadeo. Ademais, este ámbito posúe outras figuras de protección que recoñecen a relevancia ambiental deste sector. Así, a praia das Catedrais intégrase na zona núcleo da Reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, compartida entre as comunidades autónomas de Galicia e Asturias, e mesmo está catalogada como punto de interese xeolóxico (PIX) polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (LU/O-25 rasa costeira de Ribadeo).

Desde o punto de vista da xestión, o Plan director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014, do 27 de marzo) recoñece as relacións existentes entre o interior do monumento natural e a súa contorna externa, polo que se formulan propostas máis ala dos seus límites. En calquera caso, este ámbito só será de aplicación para o desenvolvemento de programas, equipamentos, ofertas de servizos ou actividades de xestión, pero nunca para a aplicación da normativa que aplique fóra do espazo protexido restricións ou obrigacións propias da figura do monumento natural.

Efectos, vixencia e revisión do plan

Consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, o Plan de conservación do monumento natural das Catedrais será vinculante, tanto para as administracións públicas como para os particulares, e prevalecerá sobre o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación territorial ou física.

As medidas de actuación e xestión recollidas neste documento terán unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización conforme o estado da ciencia e da técnica, e sen prexuízo da aplicación das medidas de seguimento que correspondan.

II. Diagnóstico

Medio físico e abiótico
Climatoloxía

Desde o punto de vista climático, a Mariña luguesa inclúese no dominio oceánico húmido, que conta con temperaturas suaves ao longo de todo o ano (a media está entre os 13-14 ºC e a oscilación térmica anual rolda os 11 ºC) e precipitacións moderadas (arredor dos 1.000 milímetros anuais). Os invernos adoitan ser temperados e os veráns frescos, aumentando as precipitacións canto maior é a proximidade ás zonas de montaña. Nestas rexístrase habitualmente unha notable influencia dos ventos cantábricos.

O ámbito de estudo encóntrase baixo a influencia da circulación xeral das latitudes medias de carácter zonal, caracterizadas pola presenza constante nos niveis altos da troposfera de grandes correntes do oeste -ventos de Ferrel- entre os paralelos 30º e 60º, o que define unha circulación pechada próxima ao Polo Norte que se coñece como vórtice circumpolar. No inverno, co vórtice expandido, a corrente en chorro polar descende ata os 40-35º N, e é responsable das borrascas que dan lugar a situacións advectivas do oeste na costa galega. A contracción do vórtice durante o verán provoca un desprazamento do chorro polar ata os 50º N, o que permite que o anticiclón dos Azores se sitúe en latitudes próximas á Península Ibérica e actúe bloqueando as borrascas derivadas da ondulación do chorro polar. A especial localización de Galicia entre as altitudes altas (deficitarias de enerxía) e as altitudes baixas (excedentarias) resulta nunha variada sucesión de situacións sinópticas relacionadas co xogo zonal e estacional das masas de aire frías procedentes do norte e o anticiclón dos Azores.

Os datos de temperatura e precipitación da estación meteorolóxica de Meteogalicia Pedro Murias (Ribadeo) permiten caracterizar o clima do sector de estudo como oceánico húmido; as temperaturas son suaves ao longo de todo o ano, cunha media anual de 14,9 ºC e a oscilación térmica anual de 11 ºC. As precipitacións son moderadas, cunha precipitación anual acumulada de 1.008 mm. Os invernos son suaves e os veráns frescos. En canto ao gradiente altitudinal, a zona de estudo figura no Atlas climático de Galicia (2006) dentro da zona I, caracterizada por un gradiente de precipitación de 100 l cada 100 metros de altitude e un gradiente de temperatura de -0,67 ºC cada 100 metros de altitude desde a costa cara ao sur, onde se erixen os sistemas montañosos.

O réxime de ventos é estacional; durante o outono e o inverno os ventos dominantes e máis fortes son de compoñente suroeste, ao situarse sobre a Península as borrascas atlánticas; durante o verán, dominan os ventos de compoñente noroeste, nordeste e norte; son ventos frescos e secos característicos de situacións atmosféricas anticiclónicas. Os ventos de compoñente sur e sueste son relativamente frecuentes durante o outono e preceden o paso das borrascas atlánticas. As calmas (velocidade do vento inferior a 6 km/h) supoñen un 23 % de rexistro e teñen a súa maior incidencia nos meses do outono. As situacións de temporal de vento (velocidade do vento maior de 17,2 km/h) supoñen un 13,6 % dos rexistros anuais, concentradas nos meses de inverno, ligados ás compoñentes direccionais sueste, suroeste, oeste e noroeste preferentemente.

Xeoloxía e xeomorfoloxía

A fronte costeira do monumento natural da Praia das Catedrais oriéntase en dirección leste-oeste, ao longo da rasa cantábrica. Caracterízase pola presenza de pequenos cantís mariños e praias de area, intercaladas entre pequenos promontorios e illotes de grande interese xeomorfolóxico e paisaxístico. A liña de costa característica da rasa cantábrica é rectilínea e alongada, cunha forte pendente ao mar, formando cantís e pequenas rías que agochan depósitos de pedra e cascallos, ou praias de area, xeralmente nas desembocaduras fluviais ou nas enseadas. A ondada neste tramo costeiro determina o sentido neto do transporte litoral en dirección leste.

A rasa cantábrica constitúe unha plataforma de abrasión mariña emerxida durante o Terciario, que se estende na súa maior parte por Asturias e que atopa neste punto o seu límite occidental, formando un chanzo claramente perceptible ao longo da fachada acantilada deste monumento natural, de 2,2 km de fronte e entre 10 e 20 m de altura. A intensa erosión exercida polo mar sobre estes pequenos pero verticais cantís, formados principalmente por xistos e lousas, en conxunción co alto grao de facturación dos materiais, favorece a formación dun extenso sistema de furnas (covas mariñas), fumarolas, arcos e illotes. Estas formacións son produto do derrubamento das bóvedas de antigas grutas mariñas en puntos de fractura dos acantilados. Durante as baixamares, a maior parte das calas entre cantís descobre e mostra fondos intermareais areosos finos, que conforman as praias de Augasantas, Carricelas, Esteiro, O Cadramón e Seborello.

As superficies planas que caracterizan o relevo litoral e prelitoral deste sector da costa cantábrica adoitan identificarse como antigas plataformas litorais. Algúns autores suxiren unha orixe continental desta superficie –cunha posible invasión polo mar na súa parte máis baixa– mentres que outros identifican depósitos de características mariñas, chegando a distinguir dous niveis mariños, situados a 100 e 60 m de altura entre Burela e Ribadeo. Estas interpretacións baséanse no estudo morfolóxico dos niveis de cantos, pero sen ningún tipo de datación ou análise paleontolóxica que poidan axudar a soster a súa orixe mariña. Pódese afirmar que actualmente non existe unha teoría concluínte sobre a orixe e os procesos que conduciron ao desenvolvemento desta superficie, nin tampouco da existencia e magnitude real dos posibles procesos de levantamento tectónico na costa nordeste de Galicia.

Trenhaile (2002) modelizou o desenvolvemento de terrazas mariñas en costas rochosas tectonicamente activas, remarcando que durante os interglaciares cuaternarios a duración dos altos niveis do mar non sería suficiente para producir plataformas largas de escasa pendente, partindo de perfís iniciais con pendentes abruptas. Chégase á conclusión, por tanto, de que a xénese deste tipo de formas soamente se pode explicar con base en aspectos estruturais e litolóxicos, así como na combinación de diferentes procesos morfoxenéticos. Se certo nivei da rasa cantábrica poden ser asimilables a antigas plataformas litorais, entón, para a súa correcta interpretación e co obxectivo de estimar o papel relativo que ao longo da súa historia xeolóxica tiveron os procesos continentais e mariños, deberían terse en conta aspectos fundamentais da dinámica das costas rochosas, como os controis xeolóxicos e estruturais, a posición da rompente, a xeometría das plataformas e os paleoacantilados ou as diferenzas no réxime erosivo nos contextos de ascenso ou descenso do nivel do mar. A iso debe engadirse a relación entre a velocidade no ascenso do nivel do mar e as taxas de elevación das superficies, que determina o tempo durante o cal se pode producirse unha erosión efectiva en cada sección da paleoplataforma, partindo de que a maior parte da erosión ten lugar na zona de rompente das ondas.

De tal xeito, desde o punto de vista xeomorfolóxico, os procesos erosivos na praia das Catedrais vense favorecidos pola propia constitución das rochas, a estrutura xeral dos materiais (que presentan unha suave inclinación) e a rede de fracturas conxugadas noroeste-sueste e nordeste-suoeste.

Nunha costa en recesión, como a representada neste tramo da Mariña luguesa, os arcos e túneles son as formas máis numerosas, pero tamén se conservan covas (ou «furnas») e illotes («stacks») que constitúen vestixios de antigos arcos afundidos pola acción erosiva das ondas. As covas e furnas características da praia de Augasantas (que lle deron o seu nome popular das Catedrais) desenvólvense sobre rochas silíceas pertencentes ás denominadas camadas de Bres, constituídas por arenitas cuarzosas e cuarcitas de cores claras (gris ou verdosa), gran fino e lixeiramente tabuladas (10 a 40 cm), entre as cales se intercalan lousas escuras, tamén de natureza silícea.

Desde o punto de vista dinámico, a evolución do conxunto erosivo da praia das Catedrais debeuse a diferentes causas ou controis pasivos, como son a propia constitución das rochas laminadas dos cantís, a súa disposición estrutural e a rede de fracturas conxugadas noroeste-sueste e nordeste-suroeste. A existencia dunha praia areosa na base dos cantís facilita a erosión mecánica da onda, de forma que o sedimento executa con maior agresividade o proceso de desgaste das rochas. A fracturación xeolóxica marca o deseño da liña de costa neste tramo e a estratificación horizontal do rochedo favorece o retroceso dos cantís, así como a xénese de plataformas de abrasión mariña. En definitiva, o contorno da praia das Catedrais constitúe un medio inestable, no cal a acción conxunta da ondada, as mareas e correntes mariñas e do vento conformaron unha paisaxe dominada por formas rochosas espectaculares.

Hidroloxía e hidroxeoloxía

Dentro dos límites do monumento natural da Praia das Catedrais discorren dous pequenos cursos fluviais: o regato do Perdón, polo oeste, e o rego de Esteiro, no extremo leste, que presentan as características básicas das bacías da vertente cantábrica. Trátase de ríos de curto percorrido, que nacen nas serras setentrionais e escorren pola Mariña luguesa cunha dirección xeral sur-norte, formando bacías pequenas e de forma alongada. Os seus caudais son bastante estables e de aporte xeralmente abondosos, debido ao carácter oceánico do clima nesta zona. Segundo establece o Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, os caudais relativos medios dos cursos da vertente cantábrica son de 26 l/sg/km2 e o coeficiente de caudal para os meses de estiaxe de 0,28.

Desde o punto de vista hidroxeolóxico, o ámbito forma parte da masa de auga subterránea Ribadeo-O Valadouro (código 014.016), que se sitúa na zona máis nororiental da demarcación hidrógrafica de Galicia-Costa, limitando ao norte co mar Cantábrico, desde a punta de Laxes ata o núcleo urbano de Ribadeo, no límite con Asturias. O ámbito xeolóxico desta masa de auga subterránea caracterízase pola presenza de lousas, cuarcitas e arenitas, ademais de granitos e recheos cuaternarios. Identifícanse dentro desta masa os acuíferos de Ribadeo-O Valadouro e de San Sadurniño. O mecanismo principal de recarga destes acuíferos é a infiltración da precipitación sobre os terreos de maior permeabilidade relativa, mentres que a descarga natural se leva a cabo a través dos principais ríos da vertente cantábrica (Grande, Masma, Centiño, Ouro e Río de Moucide, entre outros).

Segundo establece o Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, este espazo forma parte do sistema de explotación número 19 Ría de Ribadeo, que comprende 137 km2 na franxa costeira que vai desde a ría de Foz á ría de Ribadeo, onde discorren infinidade de pequenos regos –como os do Perdón e de Esteiro- que desaugan directamente ao mar. O núcleo máis destacado deste sistema de explotación é o de Ribadeo, seguido das poboacións costeiras de Rinlo e San Cosme. Non obstante, no nivel de xestión da auga, os concellos que forman parte deste sistema de explotación, de xeito total ou parcial, son Barreiros, Ribadeo e Trabada. Non se identifican puntos de captación para abastecemento de augas no ámbito obxecto do plan e no seu contorno próximo.

Caracterización do medio mariño
Circulación e ondada

A demarcación noratlántica atópase en latitudes medias, entre os límites do xiro da corrente dos Azores do xiro subtropical e da corrente do Atlántico Norte do xiro subpolar.

Neste ámbito, a forza do vento, o quecemento, as precipitacións e o fluxo de augas continentais modifican as características da auga e impoñen unha alta variabilidade (espacial, estacional e interanual) na circulación das correntes mariñas. A topografía, a orientación da costa e os ventos condicionan o patrón de circulación sobre a plataforma ata os 600 m, de xeito que no inverno, coa influencia de ventos do suroeste, se orixinase un patrón de circulación que flúe cara ao norte.

Os ventos predominantes do noroeste na costa Cantábrica, unidos á gran distancia existente entre a costa galega e a costa de Terranova, provocan a formación de grandes ondas, xeralmente de grande amplitude e longa periodicidade, cunha altura media superior aos dous metros, e que pode superar os sete metros e chegar ata os 15 m nos temporais invernais.

Termografía

O mar Cantábrico é máis quente do que lle correspondería dada a súa situación xeográfica, debido á existencia da corrente atlántica superficial que trae augas cálidas desde o golfo de México. Dado que o sol quece principalmente as camadas superficiais do mar, a temperatura será maior en superficie, e vai baixando conforme aumenta a profundidade. No inverno, a axitación das ondas fai que ese gradiente sexa practicamente nulo e hai que descender ata os 1000 m para rebaixar a temperatura a 5º. No entanto, durante o verán, a relativa tranquilidade do mar fomenta a formación de termoclinas: masas de auga de moi distinta temperatura. A camada superficial quece moito pero a calor non chega ás camadas inferiores e dá lugar a cambios bruscos de temperatura. Existe, por tanto, unha termoclina permanente a uns 200 m de profundidade, case coincidindo coa plataforma continental, onde a temperatura baixa uns 8ºC respecto á superior.

Destaca tamén unha forte estacionalidade, de xeito que o ciclo anual de temperatura superficial se pode dividir en dous períodos principais: de decembro a abril, onde as isotermas seguen o patrón xeral do Atlántico nororiental, caracterizado por un gradiente de temperatura meridional; e de xuño a outubro, o golfo de Biscaia íllase e amosa un patrón independente na distribución de isotermas. A transición entre os dous períodos ocorre en maio e en novembro.

O rango medio de temperatura superficial entre o verán e o inverno é duns 4 °C, incrementándose na parte oriental onde hai máis influencia do continente e onde as temperaturas son máis altas no verán e máis baixas no inverno que na zona circundante (efecto baía). Preto da superficie (10 m), as temperaturas medias mensuais na barreira continental indican a existencia dun máximo típico de verán (agosto) e dun mínimo no inverno tardío (febreiro-marzo). A amplitude do ciclo é de aproximadamente 8,5 °C (entre 12,8 e 21,3 °C).

Mareas

As mareas son movementos alternados de ascenso e descenso do nivel do mar que se producen cunha periodicidade variable de 12 horas e 25 minutos. Cada día hai, por tanto, dous períodos de algo máis de 6 horas durante os cales a marea sobe de nivel ata alcanzar o seu máximo (preamar), e outros dous períodos similares de baixamar. Dada a súa duración, estas mareas denomínanse semidiúrnas, e son as que afectan a costa galega. A orixe destas oscilacións diarias no nivel do mar é a atracción gravitatoria que exerce a lúa sobre o mar e, en menor medida, o sol, xunto con fenómenos de inercia asociados á rotación da terra.

No ámbito da costa cantábrica, o tempo aproximado entre unha preamar e a baixamar é de 6 horas 12 minutos, completando un ciclo de 24 horas 50 minutos.

Aínda que menos coñecidos, os efectos das mareas poden condicionar notablemente a morfoloxía litoral, como sucede na contorna da costa ribadense. A continuidade da plataforma continental que se estende ao longo deste tramo costeiro rómpese no leste pola presenza da ría de Ribadeo. Esta última, que ten a súa orixe nun val fluvial que se encaixou na devandita plataforma, ten unha lonxitude de 10 quilómetros e unha profundidade escasa. Isto é así pola presenza de grandes bancos de area que afloran na baixamar, feito que ocasiona cambios espectaculares do seu aspecto en función das variacións da marea.

Características biolóxicas
Ecosistema peláxico

Como en todo o Atlántico nororiental, esta rexión experimenta un ciclo climático estacional que afecta significativamente o sistema peláxico, a través de tres factores fundamentais: a dispoñibilidade de luz solar, o intercambio de calor coa atmosfera e o forzamento mecánico na superficie debido ao vento. Isto orixina un patrón regular nas condicións hidrográficas, caracterizado pola mestura de augas en épocas invernais, seguido por estratificación estival. As proliferacións de fitoplancto ocorren durante a transición entre períodos, cando se produce unha coincidencia de elevada dispoñibilidade de luz e nutrientes na camada superficial. Este patrón característico vese modificado no suroeste do golfo de Biscaia (Galicia e Cantábrico occidental) polo afloramento costeiro, que introduce augas subsuperficiales frías e ricas en nutrientes na camada superficial, estimulando a produción do fitoplanto.

A abundancia de picoplancto autótrofo (cun tamaño de 0,2-2 μm), debido principalmente a bacterias dos xéneros Prochlorococcus e Synechococcus, amosa unha estacionalidade marcada, con valores máximos de aproximadamente 108 células/l no verán, e mínimos de aproximadamente 106 células/l durante a transición de inverno-primavera. A abundancia de nanoflaxelados autótrofos oscila entre 106 e 107 células/l, sendo significativamente menores na costa de Galicia que no Cantábrico, o que pode estar relacionado coa elevada abundancia de fitoplancto total e a maior contribución das clases de tamaño máis altas (nano e microfitoplancto) na costa galega.

A abundancia de bacterias heterótrofas tamén amosa unha estacionalidade moi marcada, con valores máximos de aproximadamente 109 células/l no verán e valores mínimos de 108 células/l no inverno. Por regra xeral, a abundancia de bacterias heterótrofas é maior na costa galega que na cantábrica.

Como amosan as imaxes en media mensual da clorofila superficial observada mediante satélites, os maiores valores de clorofila (que indican as proliferacións de fitoplancto) prodúcense sobre a plataforma continental, especialmente ao final do inverno e principios de primavera.

Na costa cantábrica a biomasa de fitoplancto (estimada a partir da concentración de clorofila integrada na zona fótica) varía entre 15 mg/m2 (inverno) e 70 mg/m2 (primavera), mentres que no verán se móve entre os 35 mg/m2 (fases de estratificación) e os 60 mg/m2 (afloramento).

Os fenómenos de afloramento, que introducen nutrientes na camada fótica, son altamente variables en termos de intensidade e frecuencia interanual, pero –en xeral– son máis frecuentes e intensos no Cantábrico occidental e en Galicia, entre abril e setembro.

O ciclo anual de abundancia e biomasa de zooplancto da rexión presenta unha marcada estacionalidade, cun máximo principal en primavera, correspondente á proliferación de fitoplancto, aínda que, ás veces, máis tardío e con máximos secundarios no verán e outono.

Hábitats rochosos intermareais

Caracterízanse pola abundancia e diversidade de algas (coralináceas, incrustantes, pardas e vermellas) fronte ás comunidades típicas da zona circalitoral, que adoitan presentar dominancia de comunidades animais.

A zona superior do intermareal rochoso, sobre a liña marcada por mareas vivas equinocciais, e afectada principalmente por spray mariño e salseiros, está dominada por liques (Verrucaria, Lychina) que desaparecen ao aumentar a profundidade a medida que aumenta o período de inmersión mareal.

No intermareal superior a presenza de liques é ocasional, estando esta franxa dominada por animais adheridos á rocha como landras de mar (Chtamalus spp.), lapas (Patella spp.) e mexillóns (Mytilus spp.), con presenza de algas pardas do xénero Fucus en zonas de baixa pendente e hidrodinamismo.

O intermareal medio e inferior está dominado por algas cespitosas e calcificantes. Entre as máis representativas do segundo grupo atópase o xénero Corallina.

O intermareal inferior está principalmente caracterizado pola asociación de algas vermellas Gelidium-Chondrus.

Dentro dos hábitats do intermareal rochoso é remarcable a presenza de microhábitats nas cubetas intermareais, caracterizadas por condicións ambientais extremas e a súa gran variabilidade asociadas aos ciclos mareais. Ao atoparse as cubetas intermareais mergulladas permanentemente constitúen un refuxio para as especies do intermareal que son capaces de soportar grandes variacións nas variables fisicoquímicas (temperatura, salinidade, pH, oxíxeno), como o ourizo de mar (Paracentrotus lividus) ou especies de góbidos e blénidos.

Hábitats rochosos infralitorais

Dentro dos fondos rochosos infralitorais destacan pola súa importancia ambiental e extensión as comunidades dominadas por macroalgas, dentro das cales destacan, pola súa vez, os bosques de laminarias. As laminarias son algas pardas (Cl. Phaeophyceae) pertencentes á orde Laminariales. Este hábitat tamén é unha importante zona de alimentación para especies de aves mariñas coma o corvo mariño (Phalacrocorax aristotelis). As costas galegas son as que presentan unha maior abundancia e diversidade deste hábitat, ao presentaren unhas condicións hidrográficas (principalmente de temperatura) máis apropiadas para as laminarias. Non obstante, nos fondos mariños que se integran no monumento natural das Catedrais non se identificou a presenza do hábitat citado nin doutras comunidades infralitorais con carácter protexido.

Medio biótico
Unidades ambientais

Para a caracterización e cartografía de hábitats do ámbito do monumento natural da Praia das Catedrais, tomouse como referencia o sistema de unidades ambientais do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, no cal se emprega un sistema xerarquizado de unidades ambientais que se establecen tendo en conta as características dos compoñentes do sistema natural, socio-económico e territorial de Galicia. Tomando como base o concepto bioxeográfico de «hábitat» e as principais clasificacións empregadas en Europa (Corine Biotopes, Corine Land cover, Eunis Habitat), estruturouse unha clasificación de unidades ambientais homoxéneas, aplicable ao conxunto do territorio galego e orientada á valoración dos compoñentes clave para a biodiversidade, así como aos usos e aproveitamentos derivados das distintas actividades humanas.

Como unidade ambiental (UA) defínese a porción do territorio que –posuíndo características xeográficas e ecolóxicas homoxéneas– mostra unha resposta tamén homoxénea fronte ás accións derivadas dos procesos antrópicos e constitutúe o elemento básico para sustentar a planificación e xestión dun espazo natural. O sistema de unidades ambientais do Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia inclúe máis de 70 tipos distribuídos en 9 grupos, que representan medios de carácter natural (hábitats mariños e costeiros, zonas húmidas continentais, matogueiras e medios rochosos, bosques naturais e seminaturais) e asociadas a medios antrópicos (paisaxe rural tradicional, paisaxe rural transformada) ou vinculados directamente con sistemas artificiais (zonas húmidas artificiais, áreas urbanas e industriais, vías e liñas de abastecemento). O sistema de unidades ambientais establece unha correspondencia cos tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres.

Cada unidade ambiental atópase definida por un conxunto determinado de «hábitats característicos», que de forma conxunta representan a maior cobertura da unidade cartográfica e representan xeralmente, máis do 70 % da súa superficie. Os hábitats característicos de cada unidade ambiental mostran un importante grao de similitude derivado das súas características ecolóxicas ou do uso e aproveitamento que o ser humano realiza. En consecuencia posúen unha representación fisionómico-ecolóxica homoxénea que pode ser identificada e representada especialmente a través dunha cartografía temática. O resto da cobertura da tesela (<30 %) pode asignarse a hábitats secundarios.

O conxunto de hábitats característicos dunha unidade ambiental distribúese en tres niveis ou subgrupos (hábitats principais, adxuntos e vinculados). O subgrupo principal engloba os tipos de hábitats con maior representatividade superficial na tesela e que, por tanto son os que en maior porcentaxe contribúen a definir as súas características ecolóxicas ou ,se é o caso, os tipos de usos e aproveitamentos. Os hábitats adxuntos confiren atributos ao hábitat principal da unidade ambiental, e a súa cobertura é por definición, a mesma que a cobertura do hábitat principal a que se subordina. O terceiro subgrupo de hábitat que forma parte do grupo de hábitats característicos da unidade ambiental corresponde ao subgrupo de hábitats vinculados. A existencia de hábitats vinculados deriva da necesidade de representar todos os tipos de hábitats a unha escala determinada. Deste modo, existen hábitats con dimensións que impiden a súa delimitación individualizada e deben integrarse dentro do tipo ou tipos de hábitats principais da unidade ambiental. Aos hábitats vinculados asígnaselles, non obstante, un valor de cobertura concreto, cuxa suma será igual á cobertura dada ao hábitat principal.

Identificación de Unidades Ambientais

Atendendo á cartografía do Plan director, dentro dos límites do monumento natural das Catedrais identifícanse 11 tipos de unidades ambientais, correspondentes a 5 grupos, cun claro predominio das correspondentes ao grupo UA100 (hábitats mariños e costeiros), que abranguen máis do 90% do ámbito do espazo protexido.

Código

Denominación da UA

Superficie (ha)

UA100

Hábitats mariños e costeiros

UA111

Augas mariñas próximas á costa

18,80

UA150

Praias

0,09

UA160

Morfoloxías rochosas eulitorais

0,11

UA161

Acantilados costeiros

6,80

UA162

Pendentes e depósitos costeiros alzados

3,92

UA200

Zonas húmidas continentais

UA220

Augas correntes

0,13

UA600

Paisaxe rural transformada

UA620

Grandes superficies agrícolas intensivas sen regadío

0,26

UA800

Áreas urbanas e industriais

UA810

Núcleos de poboación

0,47

UA850

Áreas de uso deportivo, recreativo ou dotacional

0,42

UA890

Áreas perturbadas temporalmente

0,54

UA900

Vías e liñas de abastecemento

UA910

Vías terrestres de comunicación

0,04

Convén indicar que varias das unidades descritas no ámbito do monumento natural da Praia das Catedrais resultan moi pouco significativas no contexto global do espazo (por exemplo as unidades UA220 ou UA620). Tal circunstancia responde ao feito de que a identificación de unidades ambientais do Plan director adopta unha escala de traballo máis ampla, aglutinando espazos homoxéneos desde o punto de vista da xestión, dentro dos cales se engloban diferentes tipos de hábitat.

Tipos de hábitat de interese comunitario

Desde unha perspectiva ecolóxica, entre o ecosistema mariño e o terrestre establécese unha sucesión de medios e tipos de hábitats de gran diversidade e complexidade ambiental que constitúen, ademais, unha fonte importante de recursos para o ser humano.

A información relativa aos hábitats de interese comunitario presentes no ámbito do monumento natural da Praia das Catedrais que figura na táboa seguinte obtívose a partir da cartografía do sistema de unidades ambientais do Plan director da Rede Natura 2000. En total, identificáronse un total de 16 hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE, dos cales 4 considéranse prioritarios. Malia que boa parte do espazo do monumento natural ocupa a franxa intermareal e o sector mariño, destaca a presenza tamén de terreos ocupados pola uceira-toxeira aerohalina, especialmente no seu extremo occidental, lindante co concello de Barreiros. Dentro desta asociación destaca a presenza de queirogas (Erica vagans) e do toxo (Ulex europaeus subsp. eauropaeus f. maritimus), que caracterizan as matogueiras costeiras da rasa cantábrica, consideradas hábitat prioritario no anexo I da Directiva 92/43/CEE.

Cód. UA

Correspondencia hábitats da Directiva. 92/43/CEE)

UA100

HÁBITATS MARIÑOS E COSTEIROS

UA111

1140

Chairas lamacentas ou areosas non cubertas pola auga na baixamar

1170

Arrecifes

UA150

1140

Chairas lamacentas ou areosas non cubertas pola auga na baixamar

1210

Vexetación anual sobre argazos

1220

Vexetación perenne de coídos

UA160

1170

Arrecifes

UA161

1210

Vexetación anual sobre argazos

1220

Vexetación perenne de coídos

1230

Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas

7220*

Mananciais petrificantes con formación de tuf (Cratoneurion)

8230

Rochedos silíceos con vexetación pioneira

8330

Furnas mariñas

UA162

1230

Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas

4030

Queirogais secos europeos

4040*

Queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans

6220*

Zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea

8220

Encostas rochosas silíceas con vexetación casmofítica

8230

Rochedos silíceos con vexetación pioneira

UA200

ZONAS HÚMIDAS CONTINENTAIS

UA220

3260

Ríos dos pisos basal a montano

6430

Megaforbios éutrofos higrófilos das beiras de chairas

91E0*

Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior

UA600

PAISAXE RURAL TRANSFORMADA

UA620

6510

Prados probes de sega de baixa altitude

No Plano 2 do anexo II reflíctese a localización dos hábitats presentes no ámbito do Plan. Convén indicar que algúns dos hábitats indicados na táboa non poden ser representados cartograficamente debido á súa escasa superficie e grao de cobertura. Non obstante, no citado plano represéntanse os principais hábitats no ámbito, así como aqueles de carácter prioritario vinculados a estes.

Na representación gráfica dos hábitats da zona costeira, dentro da unidade ambiental de augas mariñas pouco profundas, os diversos tipos de substratos que configuran o fondo mariño considéranse como hábitats adxuntos. Tal e como se indica no anexo VII do Plan director da Rede Natura 2000, esta consideración vén derivada das características das ortoimaxes empregadas, nas cales as augas profundas adquiren unha fisionomía uniforme que enmascara a distribución dos diversos tipos. En consecuencia, non se puido estimar a superficie que ocupan nas augas mariñas permanentes os tipos de hábitats do anexo I, 1110, 1140 e 1170.

Flora

Tal e como se comentou, dentro dos límites do monumento natural, a formación vexetal máis destacada é a uceira-toxeira aerohalina, presente na parte superior dos cantís, e na cal destaca a presenza de Erica vagans, que caracteriza as matogueiras costeiras da rasa cantábrica, consideradas hábitat prioritario no Anexo I da Directiva 92/43/CEE.

Respecto ás especies de flora protexidas, segundo a información do Plan Director, na relación de especies do Catálogo galego de especies ameazadas presentes no ZEC das Catedrais inclúese a especie en perigo Limonium dodartii. Así mesmo, na base de datos do Atlas de flora vascular ameazada do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente existe unha referencia á presenza, no ano 2004, de 50 exemplares de Limonium dodartii, que se superpón parcialmente co estremo oeste do monumento natural.

A detección de Limonium dodartii na praia de Seborello, nun illote de solo areoso o 23.10.1995. correspondería coa poboación mencionada na base de datos do Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular Amenazada de España. A devandita publicación indica tamén a presenza da especie na praia de Reinante (Barreiros). Na descrición da cita, a observación da especie para este sería nun cantil da praia de Reinante. Porén, a praia de Reinante non se inclúe nos límites do monumento natural e constitúe un ámbito sometido a importantes actuacións de creación de infraestruturas nos últimos anos que poderían ter comprometido a conservación da especie.

a fin de comprobar in situ a presenza de Limonium dodartii no ámbito do monumento natural, realizouse unha inspección de máis do 85 % da superficie do espazo, durante a cal non se rexistrou a presenza de exemplares da especie dentro ou fóra do monumento natural. Non obstante, a procura bibliográfica parece sinalar a súa presenza fóra dos límites do monumento natural.

Fauna

Os hábitat presentes no monumento natural acubillan varias especies de fauna, entre as cales destacan as incluídas na Directiva 92/43/CEE e na Directiva 2009/47/CEE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación das aves silvestres. Conforme á información do Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia a relación de especies de fauna das Directivas presentes na ZEC As Catedrais é a seguinte:

Especies da DC 92/43/CEE e DC 2009/147/CE

DC 92/43/CEE

DC 2009/147/CEE

P

II

IV

V

I

II

III

Anfibios

Chioglossa lusitanica

Discoglossus galganoi

Hyla arborea

Rana iberica

Rana perezi

Rana temporaria

Triturus marmoratus

Réptiles

Iberolacerta monticola

Lacerta schreiben

Aves

Alauda arvensis

Alcedo atthis

Anas platyrhynchos

Caprimulgus europaeus

Columba livia

Columba palumbus

Corvus corone

Coturnix coturnix

Falco peregrinus

Fulica atra

Gallinula chloropus

Garrulus glandarius

Haematopus ostralegus

Larus cachinnans

Limosa lapponica

Pica pica

Sterna hirundo

Sterna sandvicensis

Streptopelia decaocto

Streptopelia turtur

Sylvia undata

Tringa totanus

Turdus merula

Turdus philomelos

Mamíferos

Genetta genetta

Lutra lutra

Myotis myotis

Rhinolophus ferrumequinum

Rhinolophus hipposideros

Pola súa parte, o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas, e a súa modificación (Decreto 167/2011), recollen as seguintes especies no ámbito da ZEC das Catedrais:

Catálogo Galego de Especies Ameazadas

E

V

III

Invertebrados

Bolma rugosa

Echinus esculentus

Anfibios

Chioglossa lusitanica

Hyla arborea

Rana iberica

Rana temporaria subsp. parvipalmata

Aves

Phalacrocorax aristotelis

Mamíferos

Myotis myotis

Rhinolophus ferrumequinum

Rhinolophus hipposideros

Categorías do Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA): en perigo de extinción (E). Vulnerable (V). Taxóns e poboacións catalogadas susceptibles de aproveitamento discreto, anexo III (III).

Respecto á avifauna, convén indicar que as matogueiras costeiras acollen gran variedade de pequenas aves terrestres, como a laverca (Alauda arvensis) e o pardal común (Passer domesticus), moi abundante nas croas de matogueiras próximas ás áreas de uso público, onde atopan acubillo e sustento.

Destaca tamén a presenza de aves peláxicas na contorna do monumento natural, especialmente do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), clasificado como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas. Nas paredes verticais dos cantís das Catedrais obsérvase a presenza de varios niños de corvo mariño cristado que, nalgúns casos, se atopan ocupados temporalmente por outros córvidos (Corvus corax). Así mesmo, os illotes diseminados na fronte deste tramo de rasa cantábrica constitúen unha importante área de descanso e nidificación da especie.

Paisaxe

O Mapa das grandes áreas paisaxísticas de Galicia, que constitúe o documento de traballo marco para a elaboración dos diferentes catálogos e directrices da paisaxe, define unidades paisaxísticas homoxéneas delimitadas en función da topografía, o clima e o uso do solo. De acordo con este traballo, o monumento natural da Praia das Catedrais encádrase dentro da unidade paisaxística denominada «A Mariña Baixo Eo-Litoral».

Pola súa banda, o Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL) encadra o ámbito do Plan na unidade denominada «As Catedrais», na comarca Mariña Lucense, sector Mariña Oriental. Esta unidade abrangue os municipios de Ribadeo e Barreiros e ocupa unha superficie de 27,83 km2.

A paisaxe desta unidade atópase moi marcada polas condicións xeomorfolóxicas do terreo, así como pola súa situación nunha franxa costeira característica da rasa cantábrica. Os cantís, verticais e de teito plano, dan lugar a un ampla chaira litoral que se atopa escasamente degradada por pequenos cursos fluviais. As xeoformas da praia das Catedrais (arcos, túneles, bufadeiros e furnas) constitúen un enclave moi relevante no patrimonio paisaxístico galego.

Na contorna do monumento natural pódense diferenciar varias unidades paisaxísticas que denotan a diversidade de ambientes deste tramo costeiro. Convén indicar, ademais, a variabilidade que introduce o ciclo das mareas na percepción da paisaxe das Catedrais, unha das singularidades máis notables deste espazo.

A rasa cantábrica presenta patróns de paisaxe reiterados que lle outorgan unha forte personalidade. Na fronte costeira altérnanse potentes e continuos cantís de varias decenas de metros con excelentes miradoiros e fendeduras polas que desaugan regatos de curto percorrido. Nesta última parte da rasa teñen unha destacable presenza os pasteiros, entre os cales se suceden numerosos asentamentos de tramas abertas e con tendencia a enlazarse a través de forma de poboamento disperso, que medran arredor das principais vías de comunicación.

Caracterización paisaxística do ámbito do plan

A paisaxe do monumento natural da Praia das Catedrais atópase singularmente caracterizada polos elementos xeolóxicos e xeomorfoloxía, sendo estes o seu principal atractivo. En conxunto, destaca a combinación dunha superficie chaira –cara ao interior– cunha costa abrupta, con elevados cantís aos pés dos cales se sitúan praias areosas de dimensións variables.

Os cantís caracterízanse pola súa verticalidade, de teito plano e con numerosas xeoformas de gran espectacularidade (arcos, túneles e furnas). Cara ao interior, atopamos unha ampla chaira litoral, con pequenos cursos fluviais que dan paso a un repentino aumento de cota ata acadar os 569 m de altitude.

Área de intervisibilidade das infraestruturas existentes

A crecente afluencia de persoas visitantes e a necesidade de dar servizo ás súas demandas supuxo a introdución de elementos e infraestruturas de uso público de diversa índole, promovidas por diferentes administracións con competencias no ámbito do monumento natural e a súa contorna. Tal circunstancia motivou a presenza de elementos antrópicos o que fai necesario verificar se poden resultar discordantes nunha paisaxe costeira típica da rasa cantábrica.

Co obxectivo de obter unha aproximación ao efecto visual das infraestruturas de uso público existentes no ámbito do monumento natural, optouse por calcular a área de intervisibilidade de cada unha delas, é dicir, a superficie desde a cal os elementos analizados resultan visibles para quen observa. A estimación fíxose graficamente, amosándose aquelas zonas desde as cales quen está a observar pode ver todo ou parte das infraestruturas. Estes datos foron empregados para calcular os impactos dos distintos elementos considerados. Analizouse o impacto das seguintes infraestruturas:

1. Edificación do restaurante.

2. Aparcadoiro.

3. Contorna do merendeiro.

4. Construcións destinadas a aseos e outros servizos.

5. Antigos aseos (actual caseta de socorrismo).

6. Novos aseos na praia das Catedrais.

7. Aseos e posto de socorro na praia de Esteiro.

Pódese considerar que o restaurante é o elemento máis representativo no ámbito, dada a súa localización e dimensións, introducindo un obstáculo visual nunha paisaxe que se caracteriza pola amplitude do horizonte visual.

Bacía visual desde os miradoiros do monumento natural

A bacía visual defínese como a superficie que resulta visible desde un punto de observación concreto, é dicir, a súa contorna visual. Dentro da análise da paisaxe do monumento natural das Catedrais, calculouse a bacía visual dos tres miradoiros acondicionados dentro do ámbito do Plan, a fin de valorar a idoneidade da súa localización e funcionalidade. Resulta que os miradoiros existentes cumpren perfectamente a súa función, xa que a súa contorna visible abrangue precisamente os elementos da paisaxe máis demandados polo visitante e deixan total ou parcialmente ocultos aqueles elementos ou infraestruturas de uso público que poden resultar máis discordante a nivel perceptual.

Bacía visual desde a praia das Catedrais

Tendo en conta que, desde o punto de vista perceptual, o conxunto xeomorfolóxico da praia e os cantís das Catedrais son o elemento que define e dá sentido á declaración do monumento natural, é preciso calcular a superficie visible desde o areal, a fin de determinar a existencia de elementos visuais discordantes e establecer as medidas oportunas para corrixir os seus efectos.

O cálculo da bacía visual da praia determinouse a partir de dous puntos de observación: un situado xunto ás escaleiras de acceso e outro no sector central do areal, xeralmente moi concorrido, ao acoller as formacións xeolóxicas máis espectaculares. Como cabía esperar, a morfoloxía da praia, ao pé de altos cantís de teito plano, enmascara os elementos antrópicos existentes na contorna do areal, de feito que a súa bacía visual é moi reducida cara ao interior e, pola contra, presenta amplas panorámicas do ámbito mariño.

Sinalética e cartelería

Tanto dentro dos seus límites como na contorna do monumento natural obsérvase unha gran diversidade de sinais informativos que difiren notablemente en formato e contidos, o que revela a necesidade dun criterio único e uniforme no seu deseño.

Cuantificación do impacto paisaxístico

Para a cuantificación do efecto visual dos elementos antrópicos existentes no monumento natural considerouse o grao de afección en superficie das distintas áreas de intervisilidade calculadas sobre o total do ámbito. Con base nestes parámetros, podemos asignarlle un peso a cada un dos elementos considerados, que será a porcentaxe sobre a superficie total, do cal resulta o seguinte:

Elemento

Superficie (ha)

Peso

Restaurante

4.267

85

Parking

4.642

92

Merendeiro das Catedrais

3.665

73

Merendeiro de Esteiro

636

13

Antigos aseos das Catedrais

3.411

68

Novos aseos das Catedrais

3.721

74

Aseos de Esteiro

330

7

Peso sobre bacía visual: 5.013 ha

A partir destes datos conclúese que os elementos que ocasionan un efecto visual máis negativo sobre a paisaxe son o restaurante e o aparcadoiro habilitado dentro do espazo, aínda que a localización destas infraestruturas en relación cos puntos de observación máis concorridos (miradoiros e areal) minimiza notablemente o seu impacto paisaxístico a nivel global.

Medio socioeconómico
Poboación

Para poder realizar unha caracterización socioeconómica da zona, deberemos establecer a área de influencia do monumento natural da Praia das Catedrais tendo en conta a influencia socioeconómica do espazo con respecto á súa contorna. Deste xeito, establécense como área de influencia socioeconómica os termos municipais de Ribadeo e Barreiros.

O concello de Ribadeo conta con cunha poboación de 9.994 habitantes (Instituto Galego de Estatística (IGE), 2013) distribuídos en 135 entidades singulares de poboación, pertencentes a 12 parroquias. Destaca o carácter estacional da poboación ribadense, xa que –aínda que o censo rolda os 10.000 habitantes– se estima que durante a época estival o concello chega a dobrar esta cifra e que pode acoller 25.000 persoas. A distribución territorial da poboación é bastante desigual, cunha clara concentración demográfica no núcleo urbano, que actualmente conta con 6.669 habitantes (IGE, 2013). O resto das parroquias municipais presenta un grao de dispersión alto, salvo nos casos de Vilaselán, Ove e Rinlo, que teñen unha parte das súas entidades concentradas arredor do núcleo urbano de Ribadeo, co cal se fusionan, e presentánse como parte da súa zona de expansión.

Na actualidade, a vila de Ribadeo constitúe un dos núcleos urbanos cun maior dinamismo demográfico na provincia de Lugo, en contraste coa evolución demográfica do resto do concello, sendo o terceiro que máis medrou despois de Burela e a capital provincial (cun incremento do 9,3% entre 2000 e 2010). A súa posición xeográfica e a recente mellora das comunicacións, converteron ao núcleo de Ribadeo nun punto de atracción demográfico de boa parte da Mariña luguesa e, especialmente, do occidente asturiano.

Pola súa parte, o concello de Barreiros presenta unha distribución demográfica caracterizada pola dispersión da poboación, xa que soamente o 16% dela reside nos núcleos mentres que o 84 % permanece diseminada. A evolución demográfica do concello nas últimas décadas denota unha enorme influencia dos movementos migratorios, con descensos moi acusados da súa poboación na primeira parte do século XX. Actualmente, o concello de Barreiros segue a manter un crecemento vexetativo negativo e un notable envellecemento da poboación (idade medida de 51,9 anos), aínda que nas últimas décadas se percibiu unha lixeira recuperación demográfica relacionada co auxe das actividades relacionadas co sector servizos e do turismo.

Estrutura económica

O sector económico de maior ocupación nestes concellos da Mariña luguesa é o terciario, cuxa importancia se incrementou notablemente nas últimas décadas debido ao auxe do sector turístico, principalmente no concello de Ribadeo. Nun segundo plano, sitúanse a agricultura, a construción e a actividade industrial.

Na actualidade, existen un total de 93 equipamentos hostaleiros no Concello de Ribadeo e 37 no de Barreiros.

Segundo os datos achegados por Turgalicia, no Concello de Ribadeo existen un total de 7 empresas destinadas ao transporte e a xestión da actividade turística.

O segundo sector en peso ocupacional é o secundario, que dá traballo a case o 25 % das ocupadas. Cunha distribución practicamente equitativa, o 12,4 % das súas persoas empregadas dedícase a actividades industriais, mentres que o 12,3 % traballa no subsector da construción. O sector industrial está centrado na transformación agropecuaria, onde destaca a sociedade cooperativa Os Irmandiños, que se constituíu no ano 1976, e iniciou desde o seu comezo un incesante crecemento que a levou a acadar a finais do 2013 os 1.094 socios e socias, e que na actualidade conta con numerosos e distintos servizos tanto para persoas asociadas como para a veciñanza. Tamén destaca pola súa importancia o sector da madeira e a elaboración de prefabricados de formigón, mentres que, polo que respecta á construción se pode destacar que esta actividade se sustenta, principalmente, na demanda de segundas residencias por motivo do auxe turístico da Mariña luguesa.

O peirao de Mirasol, en Ribadeo, constitúe o gran motor comercial do Concello e, desde 2004, grazas a que lle foi concedido un punto de inspección fronteiriza, é o único da costa de Lugo autorizado para o comercio con países externos á Unión Europea. Alí descárganse principalmente millo, sal e polpa de remolacha mentres, que as mercadorías que saen fóra son, sobre todo, area de mina, magnesita, aglomerado e celulosa.

O sector primario, co 16 % das persoas ocupadas, ten pouco peso no conxunto da economía local en Ribadeo. Na actualidade a actividade agrogandeira permanece nas parroquias de Arante, Couxela, Vilausende, Cedofeita e Covelas. A gandaría, sobre todo a de vacún de aproveitamento lácteo, así como a produción forestal son o principal sustento deste sector, xa que a pesca (co 2,2 % das persoas ocupadas) ten pouca relevancia. Con respecto a esta última actividade, centralizada nos peiraos de Porcillán e Rinlo, as especies de maior captura son o polbo, a sardiña, a robaliza, o peixe sapo, a pescada, o percebe o ourizo de mar, aínda que nos últimos anos tamén gañou protagonismo a explotación de algas. Pola súa parte, no concello de Barreiros as actividades agrogandeiras teñen un maior peso. A maioría das explotacións gandeiras están orientadas á produción láctea. Destaca tamén o sector forestal, cun 55 % da superficie municipal dedicada á explotación forestal, o que contribúe notablemente á economía local.

Infraestruturas de comunicación

As principais vías de comunicación cara aos concellos de Ribadeo e Barreiros son a estrada N-634 (San Sebastián-Santiago de Compostela), que discorre paralela á costa e permite a comunicación coa cornixa cantábrica, e a N-642 no seu tramo Ribadeo-A Veiga, que conecta coa capital da provincia a través da N-640. Outro tramo da N-642 discorre entre Barreiros e San Cibrao, que favorece a comunicación co resto dos concellos da Mariña. As estradas de ámbito provincial (LUP06_10, LUP52_09, LUP06_04) completan as comunicacións entre os diferentes núcleos da comarca. Ademais das citadas, destaca a autovía do Cantábrico (A-8), que constitúe unha vía de alta capacidade en dobre sentido que percorre a costa cantábrica comunicando Galicia co País Vasco.

As comunicacións cara á Mariña luguesa complétase coa liña de ferrocarril de vía estreita (FEVE) que percorre a costa cantábrica e que conta cun apeadeiro situado a 1,5 km do monumento natural. Na actualidade estase a potenciar o FEVE como unha liña de uso eminentemente turístico, aínda que tamén é empregado pola poboación local nos seus desprazamentos (fundamentalmente de lecer) entre os diferentes núcleos da comarca.

III. Análise de usos e aproveitamentos

Usos e aproveitamentos tradicionais

Dentro dos límites do monumento natural das Catedrais non se está a desenvolver actualmente ningún tipo de actividade agrogandeira ou forestal. Non obstante, nos terreos lindeiros co ámbito (especialmente nas proximidades da praia de Esteiro), existen zonas dedicadas a pasteiro e sega, así como pequenas plantación de millo para forraxe.

A parroquia da Devesa, onde se sitúa a praia das Catedrais, foi obxecto dun proceso de concentración parcelaria que rematou no ano 1995, a pós a entrega dos títulos de propiedade, o que indica a relevancia do sector agropecuario nesta zona. Neste sentido, convén indicar que os terreos do actual aparcadoiro –situado parcialmente dentro dos límites do monumento natural– se integraron no parcelario da citada concentración (parcela 96, dentro do polígono 3).

Nos últimos anos, o auxe do sector turístico e a afluencia masiva de persoas visitantes á praia das Catedrais motivou un cambio de uso nalgunhas parcelas da contorna que tradicionalmente se dedicaban á actividade agrícola e, na actualidade, se atopan abandonadas ou se usan como aparcadoiros non regulados.

Actividades vinculadas ao sector terciario

A grande afluencia de persoas visitantes ás Catedrais nos últimos anos determinou o desenvolvemento de actividades económicas no ámbito do monumento natural e a súa contorna, entre as cales se identifican as seguintes:

1. Actividades de venda ambulante, parte das cales contan con autorización da demarcación provincial da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar, aínda que se atopan tamén actividades comerciais non reguladas.

2. Establecementos de hostalería, tanto dentro dos límites do monumento natural (restaurante) como na súa contorna próxima.

3. Aparcadoiros situados na contorna do monumento natural, en parcelas antigamente destinadas ao aproveitamento agrícola ou gandeiro.

Actividades de lecer e turismo activo

No tocante ás infraestruturas relacionadas coa práctica de turismo activo, existen na actualidade varias rutas de sendeirismo que discorren nas inmediacións do monumento natural. Así mesmo, nos últimos anos, os deportes náuticos están a ter tamén un notable auxe. De feito, a praia das Catedrais acolle unha concentración anual de kaiaks de mar (que este ano cumpriu a súa novena edición) que percorre parte da costa asturiana, así como o litoral de Ribadeo, Barreiros e Foz.

Respecto ás actividades de educación e divulgación ambiental, existen algunhas iniciativas moi interesantes para dar a coñecer o patrimonio xeolóxico das Catedrais (como Xeolodía, promovida polo Concello de Ribadeo e a Sociedade Xeolóxica de España), pero, en xeral, a oferta de accións destinadas á divulgación e concienciación das persoas visitantes sobre os valores ambientais do monumento natural non está suficientemente cuberta. A nivel particular, varias empresas levan a cabo visitas organizadas ao monumento natural, pero limítanse a achegar ao público ata a praia, para que logo leven a cabo a visita pola súa conta, sen ningún tipo (ou pouca) información previa.

Deseguido establécese unha descrición das diferentes rutas de sendeirismo na contorna do monumento natural, promovidas por diferentes organismos públicos para fomentar o coñecemento e respecto aos valores naturais e paisaxísticos da contorna.

Rutas de sendeirismo e cicloturismo
Ruta das praias

Como o seu nome indica, esta ruta, promovida polo Concello de Ribadeo, segue a liña do litoral ribadense e permite coñecer de preto a sucesión de entrantes, saíntes, praias recollidas e enseadas rochosas que o identifica e que o converteu nun espazo natural protexido e catalogado como Rede Natura. A ruta parte de Rinlo, núcleo que ten a súa orixe nun porto baleeiro con máis de 500 anos de historia. A riqueza destas capturas vén favorecida pola forza coa que peta o mar contra as súas penas, onde se forman numerosas covas. Desde Rinlo, o camiño continúa cara a praia dos Xuncos, un pequeno areal de aspecto rochoso e con cantís abruptos desde onde se segue cara á praia dos Castros, que, xunto coa das Catedrais, é unha das máis emblemáticas de Ribadeo, e cara á das Illas, que coa marea baixa se une á dos Castros deixando ao descuberto un paseo pola area entre pozas, rochas e cantís.

Seguindo a sinalización que hai no lugar, atópase a seguir a praia de Esteiro, unha das máis singulares do concello pola forma da súa enseada, que se alarga cara ao mar. Por último, chégase á praia das Catedrais.

Camiño Natural Ruta do Cantábrico

O camiño natural Ruta do Cantábrico, entre Ribadeo e O Cabo Ortegal, é unha infraestrutura actualmente en construción no marco do Programa de camiños naturais do Ministerio de Medio Ambiente Medio Rural e Mariño en colaboración coa Xunta de Galicia.

Grazas a estas infraestruturas trátase de incentivar o turismo rural -favorecendo o desenvolvemento socioeconómico das zonas rurais- ademais de recuperar o uso do dominio público. Doutra banda, estes itinerarios poñen en común natureza, patrimonio histórico e cultural e gastronomía, ademais de mellorar a calidade de vida e a saúde da poboación que os utiliza. Convén indicar que un tramo do camiño natural do Cantábrico discorre polo límite do monumento natural e entronca coas pasarelas de madeira situadas a carón da área recreativa, favorecendo o acceso ao ámbito por parte das persoas usuarias do camiño natural.

Ruta da costa

Ruta que vai desde a vila de Ribadeo ata a praia das Catedrais –Augas santas, sempre pola a costa. Comeza no Cargadoiro, ás aforas de Ribadeo, e pasa polo faro da illa Pancha, Rinlo e a praia dos Castros-Illas. No traxecto atópanse tres castros, aínda sen escavar, e varias cetarias tradicionais de marisco, na contorna de Rinlo, ademais de numerosas calas e pequenas praias e cantís con morfoloxías espectaculares.

Camiño do mar

Este roteiro, actualmente en trámite de oficialización, é unha continuación do Camiño xacobeo do Norte, que vén desde Asturias. Ao chegar a Ribadeo, bifúrcase en dous ramais: un que discorre polo interior –seguindo o trazado oficial do Camiño do Norte– e outro que continúa pola costa, e recibe o nome de Camiño do Mar.

O trazado comeza en Ribadeo, continuando polos concellos de Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ortigueira, Cedeira e chega ata Neda, onde enlaza coa traza oficial do Camiño inglés a Santiago de Compostela. A Asociación de Turismo Rural da Mariña (Aturmar), co apoio da Federación Galega de Turismo (Fegatur), están a impulsar esta ruta como un medio de promoción e desestacionalización da oferta turística na Comarca da Mariña.

Outros servizos turísticos

A oferta turística cara á Mariña luguesa e, en concreto, á praia das Catedrais complétase cos seguintes servizos:

Ferrocarril de vía estreita (FEVE)

Segundo información facilitada por ADIF, existen 3 liñas de ferrocarrís de vía estreita que se achegan á praia das Catedrais desde diferentes puntos de partida, algunhas das cales ofertan tamén rutas en autocar desde os apeadeiros do FEVE ata o monumento natural da Praia das Catedrais e outros puntos de interese na comarca da Mariña:

Liña ferroviaria Xixón-Oviedo-Ferrol

Inaugurada integramente o 6 de setembro de 1972 e integrada na rede de ADIF o 1 de xaneiro de 2013, esta liña de vía única, que discorre pola costa cantábrica entre Xixón e Ferrol, conta con 4 trens diarios que realizan varias paradas próximas ao ámbito do Plan. O apeadeiro de Esteiro sitúase a tan só a 1,5 km da praia das Catedrais e, á parte do seu uso turístico, é empregado frecuentemente pola poboación local nos seus desprazamentos.

Transcantábrico Gran Luxo

Parte desde San Sebastián e termina o traxecto en Santiago de Compostela. O seu percorrido discorre a carón de impresionantes cantís, verdes pradarías xunto a praias e pequenas aldeas da cornixa cantábrica, realizando paradas en diversos lugares. Este paquete turístico inclúe a realización dunha visita guiada en autocar desde Ribadeo ata a praia das Catedrais. A tempada anual do Transcantábrico Gran Luxo é entre marzo e outubro.

Transcantábrico Clásico

O Transcantábrico Clásico é un tren que parte desde León, circula pola costa cantábrica desde Bilbao e termina o traxecto en Santiago de Compostela.

Esta liña inclúe tamén a realización dunha visita guiada en autocar desde Ribadeo ata a praia das Catedrais. A tempada anual do Transcantábrico Clásico é entre marzo (ou abril) e outubro.

Bus praia

Esta iniciativa, promovida polo Concello de Ribadeo, supón o reforzo durante a época estival das liñas de autobús que parten desde a capital municipal cara aos areais, con parada nas praias dos Castros-Illas, Esteiro e As Catedrais. Segundo información recollida na páxina web do concello, no ano 2014 este servizo contaba con catro saídas diarias.

IV Análise de equipamentos

Equipamentos de uso público

A seguir relaciónanse os servizos e equipamentos (tanto de carácter público como privado) que existen dentro dos límites do monumento natural, con mención da súa titularidade:

1. Punto de información.

O punto de información de titularidade municipal sitúase ao final da pasarela de acceso desde o concello de Barreiros. Consiste nunha caseta de madeira prefabricada, en bo estado de conservación, que dispón de material interpretativo para facilitar a información ás persoas visitantes, e fácil acceso para persoas con discapacidade física ou sensorial. Atópase a carón do acceso principal á praia das Catedrais. O horario de apertura é de luns a domingo de 11 a 14 e de 16 a 19 horas (en época estival); sábados e domingos de 12-14 e de 16-18 o resto do ano. No lateral posúe un cartel informativo sobre información turística no termo municipal de Ribadeo.

2. Duchas e aseos públicos.

As duchas e os aseos, infraestruturas de titularidade e xestión municipal, sitúanse na contorna do aparcadoiro, foron recentemente habilitados polo Concello de Ribadeo. Actualmente o seu uso está condicionado ao pagamento dunha ecotaxa. As duchas sitúanse xunto ao acceso á praia, na parte alta das escaleiras.

O ámbito dispón de 3 aseos públicos abertos nas épocas de alta demanda, un deles adaptado para persoas con discapacidade. Ademais, existen 4 duchas, tamén adaptadas.

Na praia de Esteiro, tamén existen duchas e aseos públicos adaptados.

3. Posto de primeiros auxilios.

No ámbito do Plan existen instalacións municipais cunha dotación de equipamentos para salvamento e primeiros auxilios composto por socorristas e voluntarios de Protección Civil na época estival. Na contorna das praias das Catedrais e de Esteiro atópanse nos antigos aseos da praia, situados xunto ao acceso á praia, e actualmente habilitados como posto de socorro. Na praia de Esteiro sitúase xunto aos aseos públicos

4. Áreas de aparcadoiro.

A grande afluencia de persoas visitantes en xornadas festivas e na época estival xera problemas de circulación nas estradas de acceso ao monumento natural, agravados pola escaseza de aparcadoiros. A escaseza de vixilancia e información respecto á localización de aparcadoiros na contorna provoca o estacionamento de vehículos nas cunetas, a pesar da existencia de sinais de prohibición e retirada polo servizo de municipal de guindastre, tanto no concello de Ribadeo como no de Barreiros. Ademais, a existencia dun aparcadoiro de terra situado fronte ao restaurante (na beira oposta da LU-P-0610) con capacidade aproximada para 200 coches orixina conflitos de tráfico e seguridade viaria, xa que o seu acceso non está acondicionado para o cruzamento de dous vehículos (de entrada e saída), e mesmo coincide co paso peonil cara ao monumento natural. O problema agudízase ao estar as cunetas ocupadas, xa que os vehículos que saen deste aparcadoiro non teñen espazo para virar na calzada, sexa cara a Ribadeo ou cara a Barreiros.

Neste contexto, analízase a seguir a situación actual dos aparcadoiros situados no ámbito do Plan e na súa contorna próxima, con referencia ao seu estado e ao número de prazas dispoñibles.

O actual aparcadoiro público do monumento natural foi construído pola Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e do Mar previamente á declaración do monumento natural. Sitúase á beira da entrada leste, pola estrada sentido Ribadeo-Barreiros, parcialmente dentro dos límites do monumento natural, e está acondicionado para 120 turismos e 4 autobuses, así como unha zona para bicicletas, que consta de 2 soportes para 7-8 bicicletas cada un. Existen dúas prazas habilitadas para persoas discapacitadas, correctamente sinalizadas e con ramplas de acceso á beirarrúa.

Á entrada do aparcadoiro atópase un sinal de prohibición de aparcadoiro de caravanas, aínda que se observa repetidamente a existencia de numerosos vehículos destas características estacionados. Na situación actual, as prazas dispoñibles neste aparcadoiro resultan insuficientes durante as épocas de maior afluencia de persoas visitantes.

No veciño Concello de Barreiros, a menos de 1,5 km das escaleiras de baixada ao areal, existe unha zona de estacionamento que completa a oferta de prazas dispoñibles no ámbito do monumento natural. Esta zona de aparcadoiro habilitada polo concello está constituída por unha explanada asfaltada, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses (aproximadamente), e unha superficie anexa paralela á LU-5206 para 140 turismos (90 en batería e 50 paralelos á estrada). Unha beirarrúa enlaza directamente o aparcadoiro coa pasarela de madeira de acceso ao monumento natural.

En conxunto, entre o aparcadoiro das Catedrais e o situado no concello de Barreiros contabilízase un total de 330 prazas para o estacionamento de turismos e 14 para autobuses, así como un espazo habilitado para bicicletas.

Tamén existe un aparcadoiro sen acondicionar situado fronte ao restaurante, que polo seu carácter privado non se considera unha infraestrutura para o uso público do espazo e non se inclúe nesta análise. Non obstante, como se comentou, obsérvase que o tránsito de entrada e saída a este aparcadoiro xera problemas de circulación na estrada LU-P-0610 nos momentos de máxima afluencia.

Respecto á regulación dos aparcadoiros na contorna do monumento natural, convén indicar que existe un proxecto promovido pola Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Adquisición de terreos e senda peonil entre as praias das Catedrais e As Illas; termo municipal de Ribadeo (Lugo) para a creación dun aparcadoiro disuasorio (situado fóra dos límites do ámbito do Plan) comunicado coa praia a través dun acceso peonil.

5. Área recreativa e merendeiro.

O merendeiro da praia das Catedrais sitúase a carón do aparcadoiro construído pola Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e do Mar. Conta con 15 mesas en pedra, bancos e papeleiras de recolla selectiva, espalladas por una superficie duns 1.700 m2. O seu estado de conservación é bo e perfectamente accesible para persoas discapacitadas, xa que está ben comunicado polas sendas interiores do espazo.

Na praia de Esteiro localízase tamén unha área de merendeiro composta por 4 combinacións de mesas e bancos de pedra.

6. Restaurante.

Establecemento de hostalaría de xestión privada cuxa parcela ocupa unha superficie de aproximadamente 2.200 m2. A súa instalación é previa á declaración do monumento natural. Conta cun aparcadoiro, situado na beira oposta da LU-5206 (fóra dos límites do monumento natural e da ZEC das Catedrais), con capacidade aproximada para 200 coches. Na actualidade, a parcela do restaurante está sementada por unha pradaría de céspede, rodeada por unha sebe de metrosideros (Metrosideros excelsa).

7. Cartelería e sinalización.

Existen diversos paneis informativos sobre o monumento natural, normativa e condicións de uso público nos principais accesos ao espazo protexido, de titularidade municipal, da Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e do Mar e da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, así como sinalización de advertencia de perigo de caída e desprendemento en puntos de risco identificados.

8. Accesos peonís.

A conservación e mantenemento destas infraestruturas (pasarela de madeira, sendas peonís e accesos á praia) é realizada polo concello e/ou pola Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar.

a) Pasarela de madeira.

O acceso ao monumento natural polo oeste realízase a través dun tramo de beirarrúa que conecta a área de aparcadoiro situada en Barreiros cunha pasarela de madeira que bordea o límite do espazo e desde a cal se divisan os sectores de matogueira costeira mellor conservados. O estado de conservación da pasarela é moi bo. Está habilitada para o acceso a persoas con discapacidade física, con existencia de ramplas de acceso en diferentes lugares do seu percorrido.

Desde esta pasarela pódese obter unha visión global do monumento natural, xa que dispón de tres miradoiros que ofrecen amplas panorámicas dos cantís da praia das Catedrais.

Nas zonas onde o acceso está limitado pola pasarela de madeira, pódese observar que o estado da vexetación é óptimo.

b) Sendas peonís.

Desde o leste existe unha senda peonil paralela á estrada provincial (no límite do espazo), que forma parte do camiño natural do Cantábrico, e enlaza cos carreiros interiores do monumento natural. Desde a beiramar costeiro pódese acceder pola rota das praias, que discorre a carón de parcelas particulares.

c) Accesos ás praias.

A baixada á praia das Catedrais realízase mediante escaleiras. Debido á orografía do monumento, as persoas con problemas de mobilidade só poden acceder desde a praia de Esteiro durante a baixamar. Esta conta con dúas entradas: un acceso directo desde a estrada e unha rampla empedrada pola cal acceden as persoas procedentes das Catedrais.

Servizos municipais

O Concello de Ribadeo obtivo en xuño de 2010 a certificación ISO 14001:2004 de xestión das praias das Catedrais e dos Castros-Illas sobre os servizos de abastecemento de auga e enerxía, xestión de entullos e depuración de augas residuais. Anualmente realízase unha declaración ambiental que ten por obxecto facilitar ao público información sobre o impacto e o comportamento ambiental nas praias.

V. Análise da demanda de uso público

Para avaliar obxectivamente a demanda de uso público e obter unha caracterización das persoas visitantes que acolle o monumento natural, tomáronse como punto de partida os datos de afluencia recollidos na páxina web do Concello de Ribadeo, así como achegados pola Axencia de Turismo de Galicia. Ademais, leváronse a cabo campañas de recoñecemento, no verán de 2014 e en marzo e abril de 2015, incluíndo xornadas festivas nas cales se prevía unha alta afluencia de persoas visitantes á praia para valorar a capacidade dos servizos e equipamentos de uso público existentes, así como identificar aspectos de mellora. Así mesmo, unha vez contrastados os datos estatísticos, procedeuse á elaboración dunha enquisa destinada oas visitantes do monumento natural, co obxectivo de obter un perfil tipo das persoas usuarias da praia das Catedrais e aproximarse ás condicións da visita.

A continuación descríbense as principais conclusións e resultados obtidos.

1. Datos de afluencia.

A relevancia turística do monumento natural das Catedrais revélase no feito de que, segundo datos do Concello de Ribadeo, acadase a cifra de máis de 150.000 persoas tan só na primeira quincena do mes de xullo, dándose o máximo o día 13, con arredor de 14.000 persoas visitando o areal das Catedrais. A nivel municipal, no mes de xullo de 2014, apuntáronse cifras dun 80 % de ocupación hostaleira no concello de Ribadeo, e 32.000 persoas como demandantes de información nas oficinas de turismo, o que indica que a visita ao monumento natural é xeralmente planificada. Respecto aos datos de ocupación no ano 2013, experiméntase un claro aumento da afluencia turística.

No mes de agosto de 2014, o Concello de Ribadeo cifra o número de visitas ao monumento natural nun total 270.000: o 90 % de procedencia nacional e o 10 % restante internacional, dato relevante tendo en conta que, no ano 2013, as visitas internacionais eran meramente simbólicas. Ademais, segundo datos facilitados na web do Concello de Ribadeo, durante o mes de agosto 28.000 persoas demandaron información na caseta de información da praia das Catedrais. En termos de ocupación hostaleira, a ocupación media situouse arredor do 90 %, chegando ao 100% en días puntuais do mes. Tamén é salientable que vai en aumento a duración da estadía, pasando dunha ou dúas noites en anos anteriores ás catro noites actuais como media.

Respecto á distribución das persoas visitantes ao longo do tempo, nos últimos tempos obsérvase unha tendencia a evitar os fins de semana, precisamente para fuxir da masificación, o que levou a que os maiores rexistros de afluencia se estean producindo entre semana. Hai que salientar, ademais, que os días festivos (como a semana santa) e as pontes non estivais tamén rexistran máximos de afluencia. Así, tan só no venres santo do ano 2014 accederon ao areal en marea baixa máis de 20.000 persoas e houbo un 30% máis de consultas no posto de información das Catedrais (1.460 consultas).

O ámbito atrae persoas visitantes de procedencia moi diversa, tanto do ámbito nacional como internacional, especialmente de Francia, Alemaña e do Reino Unido. O turismo nacional experimentou un auxe nos últimos anos, quizais propiciado pola apertura da autovía A-8.

Os datos facilitados pola Axencia de Turismo de Galicia confirman o incremento de visitantes apuntado polo Concello. Así, segundo esta fonte, desde o ano 2006 produciuse un aumento gradual do número de prazas para o aloxamento turístico na contorna das Catedrais, pasando de 2.434 entre os concellos de Barreiros e Ribadeo no 2.006, ata as 2.933 no ano 2013. Isto significa un aumento dun 17 %.

Respecto da orixe das persoas visitantes, os datos da Axencia indican o maior peso do turismo nacional (86,5 % das persoas visitantes totais) fronte ao 13,5 % de estranxeiros. Dentro do grupo de persoas visitantes nacionais, temos que a maior parte (un 87,2 %) procede de fóra de Galicia.

No tocante á ocupación hostaleira, nótase un incremento das pernoitas entre as persoas visitantes estranxeiras, que acadan un 11,7 % de xaneiro a setembro de 2.014 fronte a un descenso dos nacionais (-8,3 %). Este último dato ben pode obedecer á mellora das comunicacións desde a apertura dos últimos tramos da autovía A-8, o que permite achegarse á zona e marchar no mesmo día ao acurtar os tempos de desprazamento desde a orixe. Se temos en conta a totalidade da Mariña luguesa, un 68,9 % das pernoitas tiveron lugar entre os concellos Ribadeo e Barreiros, e un 15,3 % fíxoo noutros concellos da comarca. O restante pódese traducir como persoas visitantes «de paso», que fan a visita no día e proseguen a súa viaxe. Os datos da ocupación hostaleira tamén reflicten a estacionalidade da afluencia das persoas visitantes e concéntránse nos meses de xullo e agosto.

2. Caracterización da visita.

Elaborouse un modelo de enquisa co obxecto de coñecer as características das persoas visitantes que se achegan ás Catedrais, así como aspectos relativos á planificación e condicións da visita.

Realizáronse dúas campañas de enquisas, a primeira entre os días 1 de xullo e 13 de agosto de 2014, e a segunda nos meses de marzo e abril de 2015, incluíndo en ambas os días de máxima afluencia. Delas resulta o perfil de visitante seguinte:

En canto á procedencia, a porcentaxe de persoas chegadas de forá da Comunidade Autónoma residentes en territorio nacional mantense arredor do 60 %, producíndose durante o verán un aumento significativo de persoas estranxeiras (dun 1 % ata o 20 % do total). En canto ás persoas procedentes de Galicia, unicamente supoñían o 20 % durante o verán, aumentando esta porcentaxe durante a semana santa ata o 40 %.

O motivo da visita ao monumento natural para a maioría das persoas enquisadas, preto dun 90 %, é por razóns de turismo ou vacacións. No que respecta á planificación da visita esta é maioritariamente planificada, aumentando no verán a porcentaxe de persoas que planifican a visita ata o 80 % fronte ao 70 % da semana santa

Respecto ao medio de transporte empregado, a gran maioría das persoas visitantes (arredor do 90 %) chegaron ata o monumento nun medio de transporte privado.

Para máis do 80 % das persoas a duración da visita ao espazo é inferior a dúas horas.

A percepción global da visita polas persoas visitantes é en xeral gratificante cun 4,4 sobre 5.

Na parte de «observacións», como principais comentarios, pódense destacar as seguintes:

a) Necesidade dun regulamento ou control do número de persoas visitantes.

b) Aparcadoiro para coches mal acondicionado e escaso en canto ao número de prazas.

c) Desacordo no pagamento do servizo de aseos, e dos planos da caseta de información.

3. Resultado das campañas de observación

Leváronse a cabo campañas de recoñecemento no verán de 2014 e en marzo e abril de 2015, incluíndo xornadas festivas en que se prevía unha alta afluencia de persoas visitantes á praia. A nivel global, unha vez valorados os informes de cada campaña, obtivéronse as seguintes conclusións:

a) Globalmente, a ocupación do espazo varía de baixa-moderada a alta ao longo do día, ocupando o areal cando a marea o permite (o que indica que a maior parte das visitas en xeral, non se informan previamente do horario das mareas). Coa baixamar, ningún dos días se percibiu masificación na praia, sendo en todo momento a ocupación axeitada ás dimensións do areal e a circulación fluída, incluso no acceso ao areal. Ocasionalmente, xeráronse pequenas aglomeracións na parte superior das escaleiras, pero non se produciu en ningún momento o seu colapso.

b) A media mañá, o tráfico na estrada LU-P-0610 intensificouse e os aparcadoiros habilitados complétanse, empezando a empregarse as cunetas como zona de aparcadoiro. Observouse tamén esta situación, aínda que en menor medida, nas estradas secundarias que derivan da LU-P-0610. No aparcadoiro situado fronte ao restaurante (fóra do monumento natural, á beira oposta da estrada) xéranse problemas de circulación, xa que está preparado para un único vehículo (de entrada e saída), que coincide co paso peonil cara ao acceso principal á praia. O problema agudízase ao non ter espazo na calzada para virar, sexa cara a Ribadeo ou a Barreiros e ao estar as cunetas invadidas por vehículos estacionados. Constatouse que, aínda existindo prazas de aparcadoiro dispoñibles, algunhas persoas optan por estacionar os seus automóbiles nas cunetas da estrada de acceso.

c) A circulación peonil é especialmente intensa na senda que vai do merendoiro cara á praia de Esteiro.

d) A partir do mediodía intensifícase a súa afluencia e obsérvase como varias persoas acceden a zonas de paso restrinxido, obviando as indicacións e normas de uso público, así como a sinalización de perigo e as indicacións que lles dá verbalmente o persoal de vixilancia.

e) Pódese constatar que a maioría das prazas de aparcadoiro para bicicletas están sen ocupar, e que moitas persoas deixan as súas bicicletas fóra dos lugares habilitados para elas, polo que se deberán regular estes aparcadoiros e mellorar a sinalización deste servizo.

VI. Identificación de presións e ameazas

Para determinar as principais presións e ameazas na conservación do monumento natural da Praia das Catedrais, empregouse a clasificación establecida conforme a Decisión 2011/484/UE de execución da Comisión, do 11 de xullo de 2011, relativa ao formulario de información sobre un espazo Natura 2000. A lista agrupa as posibles presións e ameazas que poden afectar a conservación dos hábitat en catorce categorías principais, cada unha das cales se subdivide en diferentes niveis, para unha maior precisión.

Unha vez analizadas a incidencia dos posibles factores de ameaza no ámbito do plan, conclúese que con base na codificación da lista mencionada, as principais presións a que se ve sometida a conservación dos valores ambientais do monumento natural son as seguintes:

D Transportes e redes de comunicación

D01 Estradas, camiños e vías de tren

D01.01. Sendas, pistas, carrís para bicicletas

D01.03. Parques e áreas de estacionamento de coches

E. Urbanización, desenvolvemento residencial e comercial

E04 Construción de edificios na paisaxe

E04.01. Construcións agrícolas e edificios na paisaxe

G Intrusión humana e perturbacións

G05 Outros trastornos e intrusións humanas

G05.01 Tripamento, uso excesivo

H Contaminación

H01 Contaminación de augas superficiais

H01.09 Contaminación difusa de augas superficiais causada por outras fontes non mencionadas anteriormente.

H07 Outras formas de contaminación

I Especies invasoras, especies problemáticas e modificacións xenéticas

I01 Especies invasoras e especies alóctonas, especies de plantas e animais.

J Alteracións do sistema natural

J03 Outras alteracións dos ecosistemas

J03.02 Diminución da conectividade dos hábitats debida a causas antropoxénicas. Fragmentación

M Cambio climático

M01 Cambios nas condicións abióticas

1. Presión turística e degradación da paisaxe.

O monumento natural da Praia das Catedrais constituíuse nos últimos anos como un dos máis importantes focos de atracción turística na Comunidade Autónoma de Galicia. A afluencia masiva de persoas visitantes a este espazo, especialmente concentrada en momentos puntuais do ano, como no período estival e a Semana Santa, constitúe na actualidade a maior ameaza para a conservación dos valores ambientais e paisaxísticos das Catedrais.

Nos últimos anos, a necesidade de dar servizo á esta crecente afluencia motivou a ampliación ou instalación de novas infraestruturas de uso público por parte das administracións con competencias no ámbito. Ademais, a nivel global, os problemas de saturación do espazo xa mencionados (retencións nas vías de acceso, estacionamento incontrolado de vehículos nas cunetas, aglomeracións nas áreas de uso público e accesos á praia,...) supoñen unha degradación na percepción do monumento natural por parte das súas persoas visitantes.

A nivel global, as infraestruturas existentes producen un efecto visual asumible, debido á súa localización e deseño. Non obstante, a pequena escala, identifícanse algúns elementos que introducen un efecto visual negativo de carácter puntual, pero que debería requirir a adopción de medidas para a súa corrección:

– A existencia de cartelaría informativa de diversos organismos que, nalgúns casos, difire notablemente en formato e contidos.

– A presenza de gabias e acúmulos artificiais de terra, que modifican a rasante natural do terreo na contorna do aparcadoiro e do merendeiro. Especialmente neste último punto, os amoreamentos obstaculizan a contemplación das panorámicas cara ao mar e introducen un elemento impactante a nivel visual que, ademais, é utilizado polas persoas como «rampla» para acceder ao bordo dos cantís.

Finalmente, convén indicar que a masiva afluencia de persoas visitantes, concentradas en momentos puntuais do ano fai que resulte complicada a organización do uso público, así como a vixilancia do respecto ao medio. Este feito determina que, a pesar de que a maior parte das persoas respectan as indicacións existentes, resulta frecuente a observación de prácticas pouco respectuosas co medio, como a realización de pintadas ou gravados nos cantís, o tránsito de persoas nas áreas de acceso restrinxido, ou o aparcamento de vehículos e bicicletas fóra dos lugares habilitados.

2. Alteración e destrución de hábitats.

O tripamento indiscriminado das persoas fóra das sendas habilitadas, facendo caso omiso das indicacións existentes, provoca a progresiva alteración da cubertoira vexetal e a fragmentación de hábitats especialmente sensibles, como as matogueiras costeiras (4040*) presentes en boa parte do ámbito. Así mesmo, outras actuacións, como a presenza de aparcadoiros irregulares ou infraestruturas non autorizadas poden orixinar afeccións negativas no tocante á conservación e continuidade das comunidades vexetais e dos hábitats.

No ámbito do Plan identifícanse varias zonas en que se evidencian alteracións da cobertoira vexetal e a fragmentación do hábitat prioritario 4040*, como na contorna do merendeiro, onde existe unha elevada presión de persoas visitantes que se achegan practicamente ao bordo dos cantís, obviando os sinais que limitan o paso.

3. Presenza de especies exóticas e invasoras.

Unha das maiores ameazas para o mantemento do equilibrio ecolóxico deste tramo costeiro é a presenza de especies exóticas invasoras. Consonte o indicado no Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia, estas defínense como as especies que se introducen ou establecen nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que son un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética.

Como parte do proceso de caracterización do medio biótico, identificáronse aquelas especies vexetais exóticas e con comportamento invasor no monumento natural, así como naquelas áreas adxacentes en que a presenza de especies invasoras pode supoñer unha ameaza significativa para a conservación da biodiversidade no ámbito do Plan. A metodoloxía de traballo consistiu na realización dun itinerario a pé de 7.182 m de lonxitude, con orixe e destino no punto de coordenadas UTM X: 648.695 e Y: 4.823.899 (sistema de referencia ETRS89), de xeito que permitise explorar na inspección máis do 85 % da superficie terrestre do monumento natural.

Como resultado da inspección in situ, realizada, detectáronse 13 especies vexetais exóticas no monumento natural e áreas adxacentes, cuxa localizacións representa graficamente no plano 5 do anexo II presente decreto: Agave americana, Arctotheca calendula, Bidens aurea, Carpobrotus sp., Cortaderia selloana, Hydrangea sp., Metrosideros excelsa, Phormium tenax, Pittosporum tobira, Senecio mikanioides, Stenotaphrum secundatum, Tamarix gallica e Vinca sp.

Ademais, polas dúbidas existentes sobre a súa condición de exótica, non se considerou como tal á especie Matthiola incana, con numerosos exemplares nas inmediacións da praia de Reinante, pero cunha presenza moi reducida no interior do monumento natural (12 exemplares baixo a pasarela de madeira, no punto de coordenadas UTM X: 648.381 e Y: 4.823.960, sistema de referencia ETRS89).

Da anterior relación de especies, dúas están incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, regulado polo Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras: a herba de coitelo (Carpobrotus sp.) e a herba da Pampa (Cortaderia selloana).

A continuación descríbense os resultados obtidos en distintas zonas de inspección:

a) No recinto axardinado do restaurante instalado no espazo protexido aparecen dúas especies como ornamentais: os metrosideros (Metrosideros excelsa) que forman unha sebe dese recinto e as hortensias (Hydrangea sp.) que se sitúan a intervalos irregulares na beira interna desa sebe.

b) No noiro S dese recinto, na beira da estrada LU-P-0610, aparece tamén unha pequena croa de herba de coitelo (Carpobrotus sp.) duns 69 m2 de superficie.

c) No recinto axardinado na beira litoral adxacente ao do restaurante aparece un único exemplar de Metrosideros excelsa, acompañado por tres tamargueiras (Tamarix gallica), un liño de Nova Zelanda (Phormium tenax) e 6 pitósporos (Pittosporum tobira). Ademais, existe nese recinto axardinado unha croa de herba de coitelo (Carpobrotus sp.), duns 12 m2; e distintas extensións de grama (Stenotaphrum secundatum), duns 210 m2; e de margarida do Cabo (Arctotheca calendula), duns 78 m2.

d) Adxacente a ese recinto axardinado, pola súa beira leste, atópanse unha reducida superficie na contorna alterada dun pequeno regato na cal Bidens aurea, Senecio mikanioides e Vinca sp aparecen como especies ornamentais naturalizadas.

e) No medio natural do espazo protexido detectáronse dúas especies exóticas con comportamento invasor:

1º. Oito croas de grama (Stenotaphrum secundatum), cuns 307 m2 de superficie total.

2º. Seis croas de margarida do Cabo (Arctotheca calendula), cuns 209 m2 de superficie total.

A margarida do Cabo (Arctotheca calendula) aparece adxacente ao espazo protexido en numerosas croas na beira do sector leste do monumento natural, onde este só inclúe o dominio público marítimo-terrestre. Atopáronse nese sector 10 croas desta especie, cuns 1.100 m2 de superficie total.

Nas áreas adxacentes ao monumento natural atopáronse exemplares de especies exóticas invasoras que poderían supoñer unha ameaza significativa para o mantemento nun axeitado estado de conservación da biodiversidade do espazo protexido, especialmente un exemplar illado de herba da Pampa (Cortaderia selloana) nas coordenadas UTM X: 648.206 Y: 4824020, a menos de 75 m en liña recta do límite oeste do espazo. Próximo ao anterior, un pequeno exemplar de pitósporo (Pittosporum tobira) tamén medra no medio da vexetación autóctona.

O recinto axardinado do extremo leste da praia de Reinante é tamén unha zona con importante presenza de especies exóticas ornamentais: grama (Stenotaphrum secundatum), liño de Nova Zelanda (Phormium tenax) e pitósporos (Pittosporum tobira). O sistema dunar asociado a esa praia presenta numerosas croas de herba de coitelo (Carpobrotus sp.).

Nas inmediacións da desembocadura do rego de Santiago, tamén no extremo leste da praia de Reinante, aparecen como ornamentais distintos exemplares de pitósporo (Pittosporum tobira) e agave (Agave americana), así como pequenas extensións de margarida do Cabo (Arctotheca calendula) en terreos alterados.

Respecto á superficie mariña do monumento natural, constátase a presenza de Sargassum muticum, incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras. Esta alga parda, que pode acadar os 4 m de lonxitude, aparece frecuentemente nas franxas intermareal (fixada a rochas) e sublitoral, en zonas máis calmas. As principais vías de dispersión desta alga invasora orixinaria da costa chinesa e xaponesa son as augas de sentina dos barcos e fundamentalmente os anacos de talo flotantes, que poden chegar a zonas moi afastadas da súa orixe.

En definitiva, no ámbito do monumento natural e a súa contorna próxima identifícanse 3 especies exóticas incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, regulado polo Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras: herba de coitelo (Carpobrotus sp.); herba da Pampa (Cortaderia selloana), localizada a 75 m ao oeste do ámbito, fóra dos límites do monumento natural; e Sargassum muticum, no ámbito mariño do espazo.

Ademais, aínda que non se inclúen no Catálogo español de especies exóticas invasoras, outras especies atopadas presentan comportamento invasor en Galicia: a grama (Stenotaphrum secundatum) e a margarida do Cabo (Arctotheca calendula).

4. Risco de erosión e regresión costeira.

A acción simultánea da presión de usos no litoral durante as últimas décadas, unida ás consecuencias do proceso de quecemento global e o subsecuente ascenso do nivel do mar, fai que a análise do risco de erosión e regresión da liña de costa deba ser un aspecto prioritario na planificación e xestión dos espazos costeiros. Nese contexto xeral, as características xeolóxicas e xeomorfolóxicas da praia das Catedrais, coroada por cantís rochosos desenvolvidos sobre lousas e xistos que adquiren desniveis subverticais, favorecen en gran medida a recesión dos cantís grazas á acción erosiva das ondas.

Segundo Eurosion (2004), a rexión galega ten unha exposición media á erosión e un aumento de nivel de mar relativo (estimación para os próximos 100 anos) valorada nun promedio de 40 cm en 100 anos, o que indica unha aceleración do aumento de nivel do mar e, consecuentemente, a perda de ambientes de ecosistema litoral.

As costas galegas sufriron un aumento de nivel do mar de 2-3 mm/ano desde a segunda metade do século XX. Isto significa que durante o século pasado o nivel do mar aumentou entre 10-20 cm. Para achegar estas conclusións, establecéronse máis de 2500 transectos para calcular as ratios de ascenso do nivel do mar (m/ano) a curto e longo prazo. As costas rochosas da rasa cantábrica galega e o sector oriental do litoral coruñés presentan na actualidade varios tramos cualificados como inestables ou moi inestables (entre eles o ámbito do Plan de conservación). Non obstante, para os sectores entre cabo Fisterra e Ortegal rexístranse os valores máis altos de regresión mariña (-1,18 m/ano e -0,38 m/ano, respectivamente), que contrastan coas estimacións obtidas para as costas rochosas da Mariña luguesa, situados entre os -0,15 e os -0,21 m/ano (previsións a curto prazo). En definitiva, realizando unha comparación das estimacións de ascenso do nivel do mar a longo e curto prazo, revélase unha menor taxa de regresión no sector oriental da costa galega. De todos os xeitos, estes resultados poden estar relacionados coa existencia de estruturas marítimas ou, mesmo, dos cantís que poderían actuar como defensa da fronte costeira, xa que as dinámicas erosivas adoitan ser máis intensas nas costas areosas, dependendo da súa exposición e condicións hidrográficas.

Independentemente dos datos expostos, o certo é que a rasa cantábrica galega e, moi especialmente, o ámbito do Plan é unha costa en regresión, na cal as dinámicas de erosión mariña actúan de modo activo e configura xeoformas tan espectaculares como inestables a curto e medio prazo.

5. Verteduras residuais.

Respecto á vertedura de augas residuais na contorna do monumento natural, convén indicar que a problemática que causaban os antigos aseos (cunha fosa inadecuada para a demanda actual) se solucionou mediante a construción das novas instalacións, situadas na proximidade do aparcadoiro e xestionadas polo Concello de Ribadeo. O obxectivo deste traslado foi, por unha banda, o afastamento dos aseos do rego que desemboca na entrada da praia e a construción dunha fosa séptica ben dimensionada (de 25.000 litros de capacidade).

Na declaración ambiental para a implantación do sistema de xestión ambiental nas praias e os requisitos do Regulamento EMAS III no Concello de Ribadeo considérase a vertidedura de augas sanitarias e residuais a partir da auga consumida, por tanto, o consumo de auga e a xeración deste tipo de vertedura están relacionados.

Identifícanse tres tipos de verteduras no ámbito:

a) Vertedura de augas sanitarias e de limpeza: é a parte da vertedura que procede das instalacións dos aseos de praia e do restaurante, cuxo destino é a fosa séptica.

b) Verteduras de augas residuais: é a parte da vertedura procedente dos puntos de auga situados directamente sobre o areal (duchas e lavapés).

c) Verteduras non reguladas. Detéctase a existencia de verteduras de augas residuais na praia de Esteiro.

A contorna da praia de Esteiro identifícase como un punto de afección de verteduras residuais non reguladas. A presenza de varias granxas de gando vacún na contorna próxima do areal podería ser un foco de vertedura, aínda que este aspecto se debe confirmar.

A información do panel de información situado á entrada da praia de Esteiro confirma que este areal perdeu o distintivo de bandeira azul no ano 2014, ao ser cualificada a súa auga como boa (non excelente), segundo a Directiva 2006/7/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de febreiro de 2006, relativa á xestión da calidade das augas de baño.

TÍTULO I
Obxectivos do plan de conservación

Artigo 1. Obxectivo xeral

O obxectivo xeral do Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais é o mantemento, ou restablecemento, nun estado de conservación favorable dos valores ambientais que motivaron a súa declaración.

Artigo 2. Obxectivos específicos

Para a consecución do obxectivo xeral establecido no artigo 1, o Plan prevé os seguintes obxectivos específicos, que se concretan nunha serie de liñas de actuación:

1. Obxectivo específico: Avanzar no coñecemento dos valores que se queren protexer, así como dos riscos e ameazas para a conservación do ámbito.

a) Mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre.

b) Mellora da información relativa á presenza e abundancia da especies de flora protexida no ámbito do Plan.

c) Adaptación ao cambio climático e ao ascenso do nivel do mar na costa cantábrica galega.

2. Obxectivo específico: evitar a perda neta de biodiversidade e dos servizos ecosistémicos mediante a conservación dos hábitats naturais e das especies de fauna e flora silvestres.

a) Seguimento, control e erradicación das especies exóticas e invasoras presentes na contorna do monumento natural.

b) Mellorar o estado de conservación da matogueira costeira (4040*).

3. Obxectivo específico: acadar un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do monumento natural.

a) Reducir a presión do uso público favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña e a implementación dun sistema áxil de concesión de autorizacións para o acceso ao monumento natural nos períodos de maior afluencia de visitas.

b) Implementación de sistemas de difusión da normativa de uso público, así como para o control e vixilancia do seu cumprimento.

4. Obxectivo específico: Promover a colaboración entre administracións e cos particulares para a mellora das condicións paisaxísticas, ambientais e de uso público no monumento natural, así como para a promoción do turismo sustentable no seu ámbito de influencia comarcal.

a) Mellora paisaxística do monumento natural.

b) Desenvolvemento de actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e áreas de aparcamento, a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular.

c) Actuacións de xestión do uso público para a promoción dos valores naturais do monumento, a ZEC das Catedrais (ES1120005) e a súa contorna.

d) Fomento da colaboración entre administracións para a mellora da calidade das augas superficiais na contorna da praia de Esteiro.

5. Obxectivo específico: favorecer a sensibilización e o compromiso social na conservación dos valores ambientais do monumento natural da Praia das Catedrais, consonte as liñas estratéxicas definidas na Estratexia europea para a biodiversidade 2020.

a) Fomentar o coñecemento e implicación social na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas de participación activa da sociedade civil en todos os niveles de aplicación do Plan.

b) Fomentar o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

TÍTULO II
Zonificación

Artigo 3. Consideracións xerais

Dada a reducida extensión do monumento natural son sería necesaria a súa zonificación. Non obstante, dado que a totalidade do ámbito coincide coa ZEC ES1120005 das Catedrais, este Plan adopta a zonificación do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia para a dita ZEC. O Plan director da Rede Natura 2000 de Galicia establece un sistema xerarquizado de zonas como ferramenta básica para a planificación e xestión dos compoñentes da biodiversidade, co fin de asegurar os obxectivos de conservación e uso sustentable dos recursos naturais no conxunto da Rede Natura 2000. Por tanto, o ámbito do monumento natural da Praia das Catedrais queda clasificado nas seguintes zonas: zona 1 ou área de protección, zona 2 ou área de conservación e zona 3 ou área de uso xeral.

Artigo 4. Zona 1: Área de protección

Estrutúrase sobre territorios cun valor de conservación moi alto, constituídos por unha porción significativa de hábitats prioritarios ou hábitats de interese comunitario (especies dos anexos II e IV da Directiva 92/43/CEE, especies de aves migratorias e aves do anexo I da Directiva 2009/147/CE, especies incluídas no Catálogo español de especies ameazadas e no Catálogo galego de especies ameazadas).

No ámbito do monumento natural, a «área de protección» é máis extensa no extremo occidental, onde acada un maior desenvolvemento a matogueira costeira representativa do hábitat 4040*. Non obstante, cara ao leste, a zona 1 cínguese á franxa litoral que abrangue a fronte dos cantís das Catedrais.

Esta zona ocupa unha superficie de 9,56 ha.

Artigo 5. Zona 2: Área de conservación

Inclúe territorios cun valor de conservación alto e medio, que albergan unha porción variable de hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE, que mostran, xeralmente, unha maior representación territorial dos hábitats de interese comunitario fronte aos de carácter prioritario, ou ben unha porción significativa das áreas prioritarias das especies silvestres de flora e fauna de interese para a conservación. Diferéncianse, non obstante, porque estas unidades se integran nun territorio cun nivel importante de humanización, no cal existe unha porción tamén significativa de hábitats de interese comunitario, cuxa composición, estrutura e dinámica pode estar ligada ao mantemento dos sistemas de aproveitamento tradicional.

Nestas áreas regúlanse as actividades non tradicionais que poidan levar consigo unha mingua ou diminución do estado de conservación dos hábitats e das poboacións de especies de flora e fauna de interese para a conservación, co obxectivo fundamental de conseguir o aproveitamento ordenado dos recursos naturais.

Dentro da zona 2 inclúese a superficie intermareal das praias de Augasantas, das Catedrais e da praia de Esteiro, así como toda a superficie mariña do monumento natural no coincidente coa ZEC en coherencia coa zonificación do medio mariño empregada noutras ZEC do Decreto 37/2014, do 27 de marzo. Así mesmo, inclúese tamén a maior parte dos espazos ocupados polas infraestruturas de uso público (aparcadoiro, restaurante e parte do merendeiro).

Esta zona ocupa unha superficie de 18,54 ha.

Artigo 6. Zona 3: Area de uso xeral

Con base no disposto no artigo 18 do anexo II do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, inclúese como Área de uso xeral a franxa de dominio público das infraestruturas de comunicación existentes no ámbito. Neste caso, inclúese unha banda de 12 m lineais ao longo da estrada provincial LU-P-0610, que delimita a superficie do monumento natural polo sur.

A zona 3 inclúe os terreos intimamente relacionados coa existencia de infraestruturas de comunicación, así como os asentamentos e núcleos rurais que teñan esta condición conforme a normativa estatal e autonómica en materia de ordenación do territorio e urbanismo. Dentro do ámbito do monumento natural non existe ningún asentamento ou núcleo de poboación, polo que a delimitación da zona 3 se cingue á franxa de terreo ocupada pola servidume da estrada LU-P-0610. A xestión destas zonas débese orientar preferentemente a evitar a fragmentación e o illamento das áreas de maior valor ecolóxico. Por tal motivo, a presenza dunha porcentaxe de terreo ocupada polo hábitat prioritario 4040* dentro da Zona 3 do monumento natural das Catedrais non supón unha limitación na planificación e consecución dos obxectivos de protección e conservación do ámbito que prevé o presente plan.

En definitiva, tal e como se mostra no plano 7 do anexo II deste decreto, practicamente a totalidade da superficie do monumento natural queda incluído nas zonas 1 e 2, mentres que, só existen dúas pequenas áreas delimitadas na zona 3 que se corresponden coas zonas de dominio público e de servidume da estrada LU-P-0610.

Esta zona ocupa unha superficie de 0,81 ha.

TÍTULO III
Directrices e Normas

CAPÍTULO I
Medidas e normativa xeral

Artigo 7. Disposicións xerais

A normativa xeral do presente plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais elabórase a partir dos obxectivos e criterios orientadores da normativa comunitaria, estatal e autonómica, xunto cos obxectivos propostos e os criterios propios relativos á exclusión ou, se é o caso, á regulación de determinadas actividades.

Para aqueles usos ou actividades que non estean expresamente regulados neste documento e no Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, aplicarase subsidiariamente o disposto no Decreto 37/2014, do 27 de marzo.

Artigo 8. Directrices

1. Os obxectivos de conservación primarán sobre calquera outra actividade que se planifique ou se desenvolva no monumento natural. En toda actuación primará o principio de cautela e de acción preventiva; cando haxa perigo de dano grave ou irreversible, a falta de certeza científica absoluta non deberá utilizarse como razón para postergar a adopción de medidas eficaces en función dos custos para impedir a degradación do medio.

2. Velarase polo mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais e dos ecosistemas.

3. Velarase pola preservación da variedade, singularidade e beleza dos ecosistemas naturais e da paisaxe, evitando ou, se for o caso, minimizando a degradación destes por elementos ou construcións que supoñan un elevado impacto visual, derivado da súa localización, materiais empregados ou das relacións de texturas e cores utilizadas.

4. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e restauración dos elementos da xea.

5. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e restauración dos hábitats naturais e seminaturais, facendo especial fincapé naqueles considerados como prioritarios ou de interese comunitario.

6. Darase preferencia ás medidas de conservación, preservación e recuperación das especies silvestres de flora e fauna, facendo especial fincapé naquelas consideradas como protexidas por normativas internacionais, comunitarias, nacionais ou galegas.

7. Concederase prioridade ás especies de interese para a conservación, ás especies endémicas ou que posúan unha área de distribución limitada, así como ás especies de fauna migratoria.

8. Darase preferencia á conservación da diversidade xenética das poboacións silvestres de flora e fauna.

9. Evitarase a introdución e proliferación de especies, subespecies, razas xeográficas, ou organismos xeneticamente modificados, distintos dos autóctonos, na medida en que poidan competir con estas, alterar a súa pureza xenética ou provocar desequilibrios ecolóxicos sobre os hábitats naturais e seminaturais.

10. As actividades e actuacións que se desenvolvan no monumento natural buscarán a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, así como unha maior eficiencia no gasto dos recursos renovables e no control integral dos residuos e produtos contaminantes.

11. Evitarase a realización de calquera tipo de actividade que poida supoñer un risco de contaminación das augas, tanto superficiais como subterráneas.

12. Farase promoción do coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

Artigo 9. Exclusión de actividades

Conforme o disposto no artigo 33.3 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, nos monumentos naturais estará prohibida, con carácter xeral, a explotación de recursos, salvo naqueles casos en que por razóns de investigación ou conservación se permita esta, previa a pertinente autorización administrativa.

O territorio delimitado polo ámbito de aplicación do plan de conservación considerarase como área de exclusión á hora de planificar e autorizar actividades industriais.

Artigo 10. Usos permitidos

Considérase uso permitido calquera actividade compatible cos obxectivos da declaración do monumento natural da Praia das Catedrais, por tanto, desenvolveranse sen limitacións especiais, ben na súa totalidade ou ben nas áreas onde a categoría de zonificación o permita.

Os usos permitidos non requiren autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo do resto das autorizacións sectoriais.

Artigo 11. Usos autorizables

Son usos e/ou actividades autorizables todas aquelas que requiran:

1. Autorización expresa do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza tanto na normativa sectorial como no presente decreto.

2. Informe preceptivo e vinculante do mencionado órgano en calquera procedemento de autorización sectorial que figuren como sometidas a informe preceptivo na súa propia normativa sectorial.

3. Calquera plan, programa ou proxecto que, sen ter unha relación directa coa xestión do lugar ou sen ser necesarios para esta, poidan afectar de forma apreciable o citado lugar, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans e proxectos.

Artigo 12. Usos prohibidos

1. Considérase uso prohibido aquel que sexa susceptible de causar prexuízo á integridade do lugar ou sobre o estado de conservación dos compoñentes clave para a biodiversidade (hábitats e especies protexidas) e, por conseguinte, é contrario aos obxectivos de conservación do monumento natural, con excepción dos supostos en que resultase de aplicación o preceptuado nos números 5, 6 e 7 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

2. Así mesmo, conforme ao decreto de declaración do espazo establecense as seguintes prohibicións:

a) Os campamentos e acampadas.

b) Os desmontes e terrapléns.

c) Os vertedoiros e verteduras de calquera tipo.

d) As queimas.

e) A colocación de anuncios publicitarios, agás os que teñan relación coa defensa e sinalización do propio monumento natural.

f) A extracción de area.

g) A instalación de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística da contorna.

h) Os aproveitamentos mineiros da xea presente na área.

i) A construción de edificacións permanentes de calquera tipo.

j) A recolección de especies de flora e fauna silvestre sen autorización do órgano competente en materia de conservación da natureza.

3. Con carácter xeral, quedan prohibidas todas aquelas accións que poidan supoñer a destrución ou alteración dos hábitats naturais da Directiva 92/43/CEE, así como do patrimonio xeolóxico e paisaxístico do monumento natural da Praia das Catedrais.

4. Terá consideración de uso prohibido calquera outra actividade que, non estando recollida nas categorías anteriores, poida prexudicar significativamente a conservación do monumento natural.

Artigo 13. Avaliación ambiental

A avaliación ambiental dos plans, programas ou proxectos que afecten ao ámbito do monumento natural da Praia das Catedrais estará regulada pola Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou norma que a substitúa.

Co obxecto de garantir o axeitado cumprimento do artigo 7.2.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, a promoción de calquera proxecto no ámbito deste Plan deberá incluír a consulta previa ao órgano competente en avaliación ambiental para determinar se existe afección apreciable directa ou indirectamente.

CAPÍTULO II
Medidas e normativa por compoñentes

Artigo 14. Hábitats de interese comunitario

Deberán contar con autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza as actuacións non vinculadas coas necesidades de conservación e xestión dos compoñentes da biodiversidade que poidan afectar de maneira apreciable o espazo natural ou o estado de conservación dos hábitat incluídos no anexo I da Directiva 92/43/CEE.

Artigo 15. Especies de interese para a conservación

1. Quedan totalmente prohibidas as actividades e usos que poidan dar morte, danar, molestar ou inquietar intencionadamente os animais silvestres, sexa cal for o método empregado ou a fase do ciclo biolóxico en que se atope.

2. Queda prohibida a destrución ou deterioración apreciable das formacións vexetais conformadas por especies silvestres que caracterizan os tipos de hábitats de interese comunitario.

3. Para as especies de flora e fauna silvestres incluídas na Lista de especies silvestres en réxime de protección especial aplicaranse as prohibicións recollidas no artigo 54 da Lei 42/2007, do 13 decembro. Estas prohibicións poderán quedar sen efecto logo da autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, se non houber outra solución satisfactoria e sen que iso supoña prexudicar o mantemento nun estado de conservación favorable das poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural, cando concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 58 da Lei 42/2007, do 13 de decembro.

4. Para as especies de flora e fauna silvestres incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas aplicaranse as prohibicións recollidas no artigo 51 da Lei 9/2001, do 21 de agosto. Ademais, para as especies de animais silvestres aplicarase o réxime xeral de protección establecido polo artigo 53 da mencionada lei. Estas prohibicións poderán quedar sen efecto, logo da autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, se non houber outra solución satisfactoria e sen que iso supoña prexudicar o mantemento nun estado de conservación favorable das poboacións de que se trate, na súa área de distribución natural, cando concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 53.3 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

5. Ao abeiro do artigo 61.3 da Lei 42/2007, do 13 decembro, prohíbese a posesión, transporte, tráfico e comercio de exemplares vivos ou mortos, dos seus restos ou propágulos, incluíndo o comercio exterior, daquelas especies alóctonas que sexan incluídas no Catálogo español de especies exóticas invasoras, ao abeiro do artigo 7 do Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, así como de todas aquelas das cales se verifique un comportamento invasor. Logo da autorización administrativa correspondente, esta prohibición poderá quedar sen efecto cando esta acción sexa necesaria por razóns de investigación, saúde ou seguridade das persoas.

6. Non poderá autorizarse a liberación no medio natural de organismos modificados xeneticamente baixo condicións que poidan alterar a pureza e diversidade xenética das poboacións naturais das especies autóctonas ou poñer en risco calquera outro valor do espazo natural.

O órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza poderá desenvolver ou autorizar actuacións de control sobre aquelas poboacións de especies que ameacen o equilibrio dos ecosistemas.

7. A reintrodución de especies actualmente non presentes no espazo natural deberá contar co correspondente plan técnico que constará como mínimo dunha exposición de obxectivos, unha avaliación ambiental da incidencia da reintrodución e un plan de seguimento e control desa especie e deberá ser aprobado polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza. Non se aprobará ningunha reintrodución cando se considere que poida afectar de forma apreciable o estado de conservación dos hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE e das especies de interese para a conservación.

Artigo 16. Actividades de uso público

1. No ámbito do monumento natural establécese unha cota máxima diaria de persoas que poderán acceder á zona de praia, que se fixa en 4.812 persoas ao día. Esta limitación, que será efectiva unicamente para o acceso á praia, aplicarase durante os meses de xullo, agosto e setembro e a Semana Santa. Após a análise do seguimento desta medida, as datas en que se regula o acceso e o límite máximo de visitas poderán ser modificadas mediante resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en conservación da natureza. Durante os períodos de limitación, para poder ter acceso á dita praia será necesario contar cunha autorización, que deberá ser solicitada a través da páxina web da consellería con competencias en materia de conservación da natureza.

A limitación non afectará as persoas que estean desenvolvendo actividades de vixilancia, emerxencia, limpeza e acondicionamento ou calquera outra actividade profesional vinculada coa praia.

2. Para o acceso á zona da praia, as persoas visitantes deberán ir provistas do documento de autorización e o DNI ou documento de identificación que fose utilizado para a solicitude.

3. Fóra da praia, as visitas no resto do monumento natural desenvolveranse polas áreas habilitadas para tal fin, sen abandonar os sendeiros habilitados, os miradoiros e as zonas de descanso.

4. Nos sendeiros habilitados para o uso público prohíbese o uso de vehículos incluídos quads, motocicletas e cabalarías. Quedan excluídos desta limitación os vehículos de vixilancia, emerxencia e todos aqueles que conten con autorización do órgano competente en materia de conservación da natureza.

5. A circulación e aparcamento de vehículos, incluídas as bicicletas, no desenvolvemento de actividades de uso público (turístico, recreativo, deportivo e lecer) realizarase exclusivamente nas vías e áreas de aparcadoiro habilitadas para o efecto.

6. Usos e actividades permitidos:

a) Consideraranse actividades de uso público permitidas, sempre que se realicen ao abeiro dos obxectivos e regulacións establecidos no presente plan e coa normativa sectorial de aplicación:

1º. O baño.

2º. O emprego de embarcacións tradicionais, deportivas ou recreativas.

3º. O fondeo e varado de embarcacións deportivas.

b) As actividades deportivas en augas mariñas realizadas con embarcacións de remos, vela ou motor, sempre que se realicen de acordo coa normativa sectorial vixente. Co fin de compatibilizar o uso público coas necesidades de conservación, o órgano competente en materia de conservación da natureza poderá establecer medidas de xestión e regulacións específicas para o seu desenvolvemento.

c) A práctica do aeromodelismo, o uso de papaventos e dispositivos semellantes cando non afecten a tranquilidade das aves e non se realicen no ámbito das zonas de descanso ou nidificación de aves, agás nos períodos en que se establece a limitación de acceso ao areal. A dirección xeral con competencias en conservación da natureza, co fin de evitar alteracións sobre os hábitats e as especies de interese clave para a conservación no espazo, poderá establecer limitacións a estas prácticas en determinados sectores da praia ou en determinadas épocas do ano.

d) A realización de actividades de carácter deportivo, sociocultural e recreativo que se desenvolvan ao aire libre, dentro das áreas, infraestruturas ou equipamentos establecidas para o uso público, cando se realicen conforme os obxectivos e directrices establecidos no presente plan.

e) Nas actividades de uso público realizadas dentro do ámbito territorial do plan de conservación e con independencia da lexislación establecida polo concello nesta materia, os propietarios de animais domésticos de compañía deberán adoptar as medidas necesarias, acordes coa normativa de aplicación, para que o animal non provoque alteracións sobre as especies de interese para a conservación, así como sobre o resto de actividades de uso público no espazo natural. Os animais de compañía deberán, en todo o ámbito do plan, dispor de axeitados sistemas de suxeición, en particular, só poderán transitar polas vías de tránsito peonil cun sistema de suxeición que lles impida saír dos camiños.

7. Usos e actividades autorizables:

a) A venda ambulante acorde coas normativas sectoriais e municipais.

b) O uso de embarcacións colectivas para fins turísticos ou recreativos en augas mariñas.

c) O desenvolvemento de actividades profesionais de filmación ou gravación de especies de interese para a conservación ou das súas áreas prioritarias de conservación.

d) O uso con fins comerciais da imaxe, marca ou sinais de identidade gráfica do espazo natural.

e) A realización de actividades de carácter deportivo, sociocultural e recreativo que se desenvolvan ao aire libre fóra das áreas, infraestruturas ou equipamentos establecidos para o uso público, sempre que non leven consigo afeccións apreciables sobre o estado de conservación dos hábitats ou das especies da flora e fauna silvestre.

8. Usos e actividades prohibidos:

1. Son actividades prohibidas todas aquelas que se realicen vulnerando as disposicións contidas no presente plan de conservación e as regulacións e indicacións contidas no artigo 3.2. do Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro.

2. Son ademais actividades prohibidas as que se relacionan a seguir:

a) A destrución e deterioración das formacións xeolóxicas presentes no espazo, incluíndo a realización de pintadas ou gravados sobre as paredes dos cantís e a subtración de materiais.

b) A práctica da escalada e similares, excepto das relacionadas con episodios de emerxencias.

c) O emprego de megáfonos, así como doutros aparellos de son que perturben a tranquilidade e a quietude da fauna de interese para a conservación e do propio espazo natural. Quedan exceptuados desta prohibición os que sexan autorizados polo órgano competente en materia de conservación despois da axeita avaliación das súas repercusións.

d) As prácticas de supervivencia, paintball e actividades semellantes.

e) A práctica do aeromodelismo, o uso de papaventos e dispositivos semellantes nos períodos en que se establece a limitación de acceso á praia.

f) A realización de calquera actividade ou proba de carácter deportivo ou recreativo, contraria ao especificado no presente plan, sen autorización expresa do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza.

g) A circulación e aparcamento de vehículos, incluídas as bicicletas, na zona da praia e fóra das vías e áreas habilitadas para tal fin. Quedan excluídos desta limitación os vehículos de vixilancia, emerxencia e todos aqueles que conten con autorización do órgano competente en materia de conservación da natureza.

Artigo 17. Infraestruturas e obras

1. Con carácter xeral, e en materia de planificación e xestión de infraestruturas e obras, aplicarase o disposto no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE e no artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, e na normativa de aplicación.

2. Usos e actividades permitidos:

a) As tarefas de mantemento e conservación das infraestruturas lineais existentes no monumento natural, así como a reposición de sinais, que non supoñan modificacións no seu trazado e largo.

3. Usos e actividades autorizables:

a) As tarefas de mantemento e conservación ou mellora das infraestruturas lineais existentes no monumento natural non consideradas como permitidas.

b) As demolicións de obras e instalacións que non se axusten ás condicións establecidas na súa autorización ou que, atopándose total ou parcialmente en estado ruinoso, poidan causar danos ou perigos ás persoas, a outros compoñentes e a elementos clave para a conservación do espazo ou ás funcións que estes desempeñen.

c) As obras consistentes na mellora das infraestruturas existentes e as de mantemento das infraestruturas destinadas ao uso público (incluído o edificio do restaurante). En calquera caso deberán empregarse materiais tradicionais do medio en que están emprazadas.

d) A construción de novas infraestruturas relacionadas co uso público ou a ampliación das existentes.

e) A apertura de novas infraestruturas temporais por razóns estritas de saúde pública, seguridade, auxilio ou por accións directamente relacionadas coa xestión e conservación do lugar, causando a mínima afección sobre os recursos naturais e, de forma especial, sobre as augas, os solos, os tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE, ou sobre os núcleos poboacionais de especies de interese para a conservación.

f) As obras de reparación, conservación e rehabilitación que se consideren precisas para o mantemento en bo estado das sendas, sempre que sexan realizadas sen causar afeccións apreciables sobre os hábitats do anexo I da Directiva 92/43/CEE ou as especies de interese de conservación, e se adecuen aos instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe.

g) Os traballos de marcaxe do deslindamento dos terreos, parcelas e terreos situados no dominio público marítimo-terrestre e no domino público hidráulico.

4. Usos e actividades prohibidos:

a) A realización de novas infraestruturas non asociadas ao uso público, en particular as viarias, portuarias, enerxéticas e de telefonía.

b) O depósito temporal fóra das infraestruturas lineais viarias (estradas), de obxectos que obstrúan a circulación destas.

Artigo 18. Actividades científicas

1. As actividades científicas serán efectuadas por persoal cualificado logo da avaliación dunha proposta técnica que conterá a información necesaria para avaliar a incidencia da actividade sobre o medio (paisaxe, medios ecolóxicos, hábitats protexidos e especies de interese para a conservación). O órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza poderá propoñer que a realización das actividades científicas se fagan nunha zona ou nunha área concreta do monumento natural ou, se é o caso, denegar a autorización para a súa execución.

2. Toda actividade científica, de investigación ou de seguimento e monitoraxe, con incidencia nos compoñentes naturais e ambientais do espazo natural, deberá ser autorizada previamente polo órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza e adaptarase ás normas e condicionantes recollidos na devandita autorización.

3. As actividades de investigación non poderán, en ningún caso, introducir especies ou subespecies, así como xenotipos diferentes aos existentes no espazo natural.

TÍTULO IV

Programa de actuacións

Artigo 19. Introdución

As medidas que integran o presente programa de actuacións derivan da análise da situación actual no ámbito do Plan e supoñen un conxunto de liñas de actuación destinadas á consecución dos obxectivos específicos expostos no artigo 2 do presente decreto.

Relaciónanse deseguido as principais liñas de actuación que desenvolverá o organismo autonómico competente en materia de conservación da natureza dentro do Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais, en coordinación e cooperación con outras administracións públicas competentes. As principais actuacións móstranse no plano 9 do anexo II deste decreto.

Artigo 20. Actuacións para o cumprimento do obxectivo específico 1

1. Mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre

a) Como medida a curto prazo, proponse a realización dun estudo detallado de caracterización e representación cartográfica dos tipos de hábitats naturais e das especies de flora e fauna recollidas na Directiva 92/43/CEE e na Directiva 2009/47/CEE no ámbito do Plan, así como a determinación do seu estado de conservación. En concreto, preténdese mellorar a información relativa á distribución e estado de conservación do tipo de hábitat prioritario 4040* (queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans).

b) Promoverase o avance no coñecemento do ecosistema costeiro mediante o desenvolvemento de liñas de investigación orientadas á mellora no coñecemento do ecosistema costeiro no ámbito do plan. Esta acción desenvolverase mediante a sinatura de acordos de colaboración con outras administracións e centros de investigación vinculados ao estudo do medio mariño.

2. Mellora da información relativa á presenza e abundancia de especies de flora protexida no ámbito do Plan.

a) En relación coa presenza da especie Limonium dodartii (en perigo de extinción no Catálogo galego de especies ameazadas) deberase confirmar a información relativa á súa presenza na contorna do monumento natural. Se for o caso, identificarase a súa área de distribución, abundancia poboacional e estado de conservación.

3. Adaptación ao cambio climático e ao ascenso do nivel do mar na Costa Cantábrica galega.

a) É papel das administracións e os planificadores do territorio considerar o ascenso do nivel do mar e as consecuencias do cambio climático sobre as costas. Para tal fin, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, como organismo promotor do Plan de conservación, establecerá canles de comunicación e coordinación con outras administracións e coa comunidade científica para promover a mellora do coñecemento das posibles consecuencias do ascenso do nivel do mar sobre os hábitats e as poboacións de flora e fauna ameazadas, nomeadamente na costa cantábrica, e sobre a formación xeolóxica que motivou a declaración do monumento natural.

b) Consonte o establecido no Plan nacional de adaptación ao cambio climático (PNACC), o estudo proposto terá unha orientación práctica, destinada á mellorar a planificación de instalacións e equipamentos de uso público no ámbito.

Artigo 21. Actuacións para o cumprimento do obxectivo específico 2

1. Seguimento, control e erradicación das especies exóticas e invasoras presentes na contorna do monumento natural.

a) Control e erradicación de especies exóticas invasoras: establecerase unha estratexia para o control e erradicación de todas as especies exóticas invasoras identificadas no ámbito do monumento natural e a súa contorna próxima, así como de dúas especies atopadas no ámbito que presentan comportamento invasor en Galicia, aínda que non se inclúen no Catálogo español de especies exóticas invasoras: a grama (Stenotaphrum secundatum) e a margarida do Cabo (Arctotheca calendula). De tal xeito, establécense os seguintes procedementos de control e eliminación das especies exóticas invasoras identificadas no ámbito do plan:

1º. Carpobrotus sp:

i. Retirada manual, repetindo a operación unha segunda vez polo menos. As poboacións densas poden ser retiradas mediante enrolamento. Na operación deberase retirar o rizoma para evitar a renacenza.

ii. Mantemento da vixilancia e control de novas renzacenzas e focos de invasión e instauración dun sistema de alerta temperá e resposta rápida.

2º. Cortaderia selloana (localizada na praia de Reinante, Barreiros):

i. Información ao concello sobre a presenza da especie e a necesidade de evitar o seu emprego en xardinaría.

ii. Empregarase a retirada manual ou mecánica, retirando o rizoma para evitar a renacenza.

iii. Mantemento da vixilancia e control de novas renacenzas e focos de invasión, en coordinación co Concello de Barreiros.

3º. Stenotaphrum secundatum e Arcotheca calendula:

i. Retirada manual por medios mecánicos asegurando non dispersar os restos ou fragmentos da planta, por pequenos que sexan. Seguimento e repetición do procedemento durante varios anos ata constatar a súa total erradicación.

ii. Mantemento da vixilancia e control de novas renacenzas e focos de invasión en aplicación do sistema de alerta temperá e resposta rápida.

b) En relación á retirada das especies exóticas invasoras situadas en terreos de titularidade privada, aplicarase o disposto na disposición transitoria quinta do Real decreto 630/2013, do 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras.

c) Promoverase o avance no coñecemento das especies exóticas ou invasoras no medio mariño mediante o desenvolvemento de liñas de detección e control. Esta acción desenvolverase mediante a sinatura de acordos de colaboración con outras administracións e centros de investigación vinculados ao estudo do medio mariño. Respecto á alga invasora Sargassum muticum, unha vez identificados e caracterizados os focos de presenza da especie no ámbito do monumento natural, estableceranse mecanismos de acción coordinada para o control e erradicación da especie. No deseño da estratexia que se vaia adoptar, valoraranse as distintas medidas de control indicadas na ficha do taxon do Catálogo español de especies exóticas e invasoras.

2. Eliminación e substitución de especies exóticas no ámbito do Plan: A substitución de especies exóticas nas áreas de uso público do monumento natural realizarase de xeito coordinado coas administracións competentes no ámbito, especialmente o Concello de Ribadeo e a Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar, responsables do mantemento e xestión da maior parte das áreas axardinadas onde se localizan estes exemplares. En relación á retirada das especies exóticas que se localizan en terreos de titularidade privada, aplicarase o disposto na disposición transitoria quinta do Real decreto 630/2013, do 2 de agosto.

a) Procederase á eliminación das seguintes especies identificadas no ámbito do plan: Agave americana, Bidens aurea, Hydrangea sp., Metrosideros excelsa, Phormium tenax, Pittosporum tobira, Senecio mikanioides, Tamarix gallica e Vinca sp.

b) Aínda das dúbidas existentes sobre a condición de exótica da especie Matthiola incana, eliminaranse os numerosos exemplares nas inmediacións da praia de Reinante e os exemplares presentes no interior do monumento natural (12 exemplares baixo a pasarela de madeira, no punto de coordenadas UTM X: 648.381 e Y: 4.823.960, sistema de referencia ETRS89).

3. Mellorar o estado de conservación das matogueiras costeira (4040*): a vexetación que tapiza os cantís das Catedrais, especialmente aquela que comprende o tipo de hábitat prioritario 4040*, presenta áreas moi degradadas polas pisadas de persoas fóra das sendas habilitadas. En consecuencia, o Plan integra accións de restauración ambiental destes sectores, que se completarán co desenvolvemento das medidas destinadas á regulación dos accesos a través dos dispositivos de control e de sinalización propostos.

Após a análise previa da situación ambiental do monumento natural, identificáronse varias áreas en que é precisa unha actuación de restauración e recuperación da matogueira costeira, a fin de garantir a conservación e continuidade do hábitat. Dentro destas áreas, identificouse unha área de restauración prioritaria a carón do merendeiro (ver plano 9 do anexo II) na cal se procederá á eliminación dos «sendeiros» da ruta das praias e da ruta da costa existentes no interior do monumento natural e á restauración da cobertoira vexetal, prestando especial atención ao material xenético que se empregue. Esta medida completarase coa instalación dunha barreira na senda de acceso á praia desde o merendeiro (seguindo a tipoloxía da pasarela existente no extremo leste do ámbito).

Artigo 22. Actuacións para o cumprimento do obxectivo específico 3

1. Reducir a presión do uso público no espazo favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña e a implementación dun sistema áxil de concesión de autorizacións para o acceso ao monumento natural nos períodos de maior afluencia.

a) O apartado de normativa establece como medida de xestión unha cota máxima diaria que se fixa en 4.812 persoas ao día. Esta limitación é efectiva unicamente para o acceso a praia durante os meses de xullo, agosto e setembro e a Semana Santa. Fóra da praia, as persoas poderán acceder ás áreas de libre tránsito, miradoiros e zonas de descanso unicamente a través dos sendeiros habilitados. É preciso implementar un sistema áxil que facilite á cidadanía a obtención da autorización.

O acceso á praia requirirá de autorización da Dirección Xeral de Conservación da Natureza nos períodos de maior afluencia, quen habilitará o procedemento de tramitación por vía telemática. Con esta medida preténdese non só garantir a conservación do monumento natural, senón tamén, favorecer a chegada de persoas visitantes ao longo de todo o ano (evitando a estacionalidade) e, fundamentalmente, mellorar as condicións de uso público e o coñecemento dos valores da praia das Catedrais por parte da poboación en xeral.

Para favorecer a visita ás persoas que non planificaron a súa viaxe con anticipación, poderase destinar unha porcentaxe da cota diaria para xestionar in situ.

b) Como medida para diminuír a presión humana sobre o monumento natural, difundirase información doutros ámbitos alternativos situados na contorna que presenten unha maior capacidade de acollida. Deste xeito, a plataforma web empregada para a solicitude de autorizacións incluirá información detallada sobre outros puntos de interese turístico na Mariña luguesa, en particular sobre a rede de rutas e itinerarios verdes que constitúe a oferta turística da Reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Isto permitirá favorecer unha repartición de persoas visitantes, aliviando a presión sobre o monumento natural.

c) Igualmente, como medida para a desestacionalización e diminución da presión sobre o monumento, potenciarase o turismo ornitolóxico na ZEPA, para o que se creará unha ruta ornitolóxica coa instalación de observatorios de aves.

2. Implementación de sistemas de difusión da normativa de uso público así como o control e a vixilancia do seu cumprimento

a) Difusión das medidas de regulación de acceso e normativa de uso público: o éxito das medidas de uso público radica, en boa medida, na súa difusión e comprensión por parte da poboación, polo que inmediatamente despois da aprobación do Plan de conservación se establecerán medidas de difusión das condicións de uso público no monumento natural. En concreto, as medidas previstas inclúen as seguintes accións:

1º. Novas no portal web da Consellería de medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, informando das condicións de uso público impostas no Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, cunha ligazón á páxina para a solicitude de autorizacións.

2º. Edición de material divulgativo sobre as condicións de uso público no monumento natural das Catedrais, así como os pasos necesarios para a obtención de autorizacións nas épocas de acceso limitado. Os folletos editados incluirán información relativa a outros espazos de interese turístico na Mariña luguesa, en especial sobre a Reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, e serán difundidos a través das oficinas de turismo das principais cidades galegas e dos concellos da comarca.

3º. Anuncios nos principais medios de comunicación a nivel autonómico e nacional, tanto de prensa escrita como de radio. Esta medida adoptarase nos días previos aos períodos de acceso limitado, indicando as condicións para a solicitude de autorizacións.

b) Seguimento e control do cumprimento das medidas de regulación de uso público: realizarase un seguimento e vixilancia do grao de cumprimento das medidas de uso público indicadas na normativa do plan de conservación, para o cal, especialmente ao inicio da implantación de regulación do acceso á praia, poderán reforzarse os servizos de vixilancia. Así mesmo, realizarase un seguimento da medida para analizar a súa eficacia e, se procede, establecer as modificacións oportunas.

c) Valoración por parte das persoas visitantes ao monumento natural das medidas adoptadas: o obxectivo xeral do estudo é coñecer as características da visita ao monumento natural a partir da análise do perfil e comportamento das súas persoas visitantes, así como:

1º. Estimar o volume de persoas que acceden ao areal, distinguindo, na medida do posible, por períodos concretos (tempadas, entre semana, fin de semana, ou franxas horarias do día).

2º. Coñecer a súa procedencia e perfil sociodemográfico.

3º. Analizar as características da visita á praia das Catedrais, centrándose en dous aspectos fundamentais: motivación e pautas de comportamento. Coñecer, en síntese, o uso turístico do espazo.

4º. Analizar as expectativas e coñecemento previo do ámbito que ten o visitante.

5º. Analizar a dimensión turística da praia das Catedrais, tendo en conta o papel que xoga dentro da escolla da viaxe ao destino concreto da Mariña Luguesa e a Galicia en xeral, coa finalidade de coñecer a súa relevancia como factor de atracción turística na nosa comunidade.

6º. Coñecer a opinión e valoración que o visitante ten sobre a praia das Catedrais, en xeral, e sobre determinados aspectos da visita, en particular.

Artigo 23. Actuacións para o cumprimento do obxectivo específico 4

1. Mellora paisaxística do monumento natural:

a) Ordenación e homoxeneización da cartelaría de diferentes organismos: a converxencia de diferentes organismos públicos con competencias no ámbito do Plan, e a necesidade de informar e organizar a visita do crecente número de persoas que se achegan ao monumento natural, motivou a instalación de numerosa sinalética de carácter informativo e interpretativo que, nalgúns casos, difire notablemente en formato e contidos.

O efecto paisaxístico da proliferación de sinalética é difícil de cuantificar a nivel global, ben que é certo que, a pequena escala, introduce un elemento discordante na paisaxe do monumento natural. Por tanto, dentro das accións do Plan de conservación, concentraranse os esforzos na ordenación e mellora da sinalización de uso público do espazo, para o cal resulta imprescindible a colaboración entre administracións.

Como punto de partida para a homoxeneización dos paneis existentes no ámbito, procederase ao inventario de todos as sinais existentes, do seu estado de conservación e da función que cumpren, e realizarase unha proposta de racionalización da sinalética do espazo, con propostas concretas dos sinais que deben permanecer e daqueles que se deben suprimir ou modificar. Ao mesmo tempo, realizaranse reunións de coordinación coas administracións competentes (Concello, Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar e Deputación de Lugo) para a ordenación e homoxeneización dos sinais no ámbito das Catedrais.

b) Actuacións de eliminación de noiros artificiais. Recuperación da topografía orixinal do terreo: actuación coordinada coa Dirección Xeral da Sostibilidade da Costa e do Mar para a eliminación dos amoreamentos de terra presentes en varios sectores do monumento natural, especialmente na contorna do merendeiro. A actuación prevista incluirá as seguintes accións:

1º. Retirada de amoreamentos de terra vexetal e recuperación do perfil natural do terreo.

2º. Restauración da cobertoira vexetal.

3º. Instalación de dispositivos disuasorios (barreiras de madeira).

4º. Restauración dos valos de pedra da contorna.

c) Medidas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos: en cumprimento do punto 5.c do informe ambiental estratéxico formulado pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental mediante a Resolución do 7 de abril de 2015, establécense as seguintes medidas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes e previstos.

Para as actuacións relacionadas co uso público (permitidas ou autorizables), deberán considerarse, como marco global, os criterios xerais de integración paisaxística que se especifican no Plan de ordenación do litoral (POL). En particular establécese o seguinte, conxunto de medidas específicas de integración paisaxística que deberán adoptar todas as administracións e particulares implicados na xestión do uso público e o mantemento do monumento natural:

1º. Medidas para a integración paisaxística da contorna do restaurante:

i. «Naturalización» da parcela: procederase á eliminación das sebes que pechan perimetralmente a parcela, formadas por especies exóticas e con presenza de invasoras nalgúns sectores, así como á substitución do céspede e revexetación dos noiros. Nos traballos de naturalización seguiranse as medidas indicadas no artigo 21.

ii. O mobiliario da terraza deberá axustarse ás condicións estéticas da contorna en canto á cor dos parasoles e do mobiliario exterior, evitaranse as cores vivas ou intensas buscando a maior integración posible coa contorna e os materiais das mesas e cadeiras será preferentemente madeira.

O anteparo que delimita o espazo ocupado pola terraza será preferentemente temporal e nela empregaranse materiais naturais acordes coa contorna.

Estas medidas adoptaranse progresivamente nun prazo máximo de 6 anos e poderán habilitarse axudas para facilitar o seu cumprimento.

2º. Recomendacións para a integración paisaxística dos novos postos de venda ambulante e outras instalacións de uso público: na localización e deseño dos postos de venda (e outras instalacións) deberán considerarse criterios de integración paisaxística, prestando especial atención á altura, morfoloxía e dimensión das casetas, así como aos materiais e cores empregadas, a fin de acadar, na medida do posible, unha percepción de mimetización ou fusión coa contorna.

3º. Recomendacións para a integración paisaxística doutras infraestruturas:

i. Sempre que sexa posible respectaranse as características topográficas do terreo e as ambientais da praia e a súa contorna.

ii. Potenciarase o uso dos camiños existentes fronte á creación de novos accesos.

iii. Procurarase que as áreas de aparcadoiro non sexan visibles desde a praia, e utilizaranse utilizar materiais e tratamentos adecuados para mellorar a súa integración.

iv. O tratamento das sendas realizarase evitando a fragmentación dos hábitats, evitarase a apertura de novos camiños, as intervencións realizaranse sempre en favor dos valores ecolóxicos e ambientais e actuando cara á mellora destes, procurando o máximo respecto das comunidades vexetais e animais que os ocupan.

2. Desenvolvemento de actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e áreas de aparcamento, a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular.

a) Ordenación de sendeiros e accesos interiores no monumento natural: esta actuación ten como obxectivo delimitar claramente os sectores de acceso restrinxido e as áreas de uso xeral no ámbito do Plan para garantir a conservación dos valores ambientais do monumento natural e a seguridade das persoas usuarias. Considéranse as seguintes medidas:

1º. Eliminación de sendas orixinadas polo tripamento, para evitar o acceso á beira dos cantís e mellorar a continuidade da cobertoira vexetal.

2º. Mellora de sendeiros existentes, mediante a colocación de dispositivos de protección e fitos de sinalización e limitación de paso.

3º. Avaliar coa Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar as alternativas para a mellora do acceso á praia.

b) Acción coordinada para a ordenación de áreas de aparcamento:

1º. Traballarase en coordinación co Servizo Provincial da Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar para a reformulación do proxecto de aparcadoiro existente dimensionándoo ás necesidades derivadas deste plan. Buscarase a implicación do concello de Ribadeo e da Deputación de Lugo.

2º. Respecto ao aparcadoiro de bicicletas:

i. Mellorarase a sinalización e información sobre a área existente.

ii. Realizarase un seguimento da adecuación entre o número de prazas dispoñibles e a demanda de aparcamento, sobre todo na época de maior afluencia.

iii. Caso de resultar insuficiente, estudaranse novas localizacións de prazas para bicicletas, preferiblemente integradas no proxecto de novo aparcadoiro.

3º. Con respecto aos aparcadoiros existentes na contorna do monumento natural, deberase regular a súa situación. Instarase os concellos de Barreiros e Ribadeo a velar polo cumprimento da regulación do aparcadoiro que aparece nos sinais e a mellorar as condicións de accesibilidade, seguridade e integración paisaxística, especialmente no aparcadoiro situado fronte á parcela do restaurante (27051A00100129), que na actualidade orixina problemas de colapso de tráfico na estrada de acceso ao monumento natural.

c) Traslado e ordenación da actividade de venda ambulante

1º. Na procura dunha mellora das condicións ambientais e paisaxísticas, procederase ao estudo nunha nova situación dos actuais postos de venda ambulante, preferiblemente fóra do dominio público marítimo terrestre. Para iso, estableceranse mecanismos de coordinación co concello de Ribadeo e habilitaranse novos espazos para o desenvolvemento desta actividade.

2º. Para as novas instalacións teranse en conta os seguintes condicionantes ambientais:

i. Deberán situarse fóra da zona de protección (zona 1) do monumento natural e da ZEC das Catedrais, onde é unha actividade prohibida polo Decreto 37/2014, do 27 de marzo.

ii. Non poderán situarse sobre zonas en que existan hábitats naturais ou hábitats das especies relacionadas nos anexos I e II, respectivamente das directivas 92/43/CEE, e 2009/147/CE.

iii. No caso de situarse dentro dos limites do monumento natural ou da ZEC, terase en conta que na zona 2 (área de conservación) deberá contar con autorización de conservación da natureza.

iv. A nova situación deberá permitir unha adecuada xestión dos residuos xerados.

v. En todo caso, o emprazamento e deseño dos novos postos de venda de artesanía na contorna do monumento natural deberán buscar a máxima integración paisaxística.

d) Promoción do uso das liñas do FEVE: coa finalidade de promover o uso de medios de transporte alternativos para acceder ao monumento natural da praia das Catedrais, prevese a promoción do uso da liña de ferrocarril de vía estreita (FEVE) que discorre pola costa da Mariña, realizando varias paradas na contorna do monumento natural. Para tal efecto, promoverase un programa integral de fomento do ferrocarril, establecendo medidas de colaboración coas diferentes administracións implicadas (ADIF, concellos da Mariña luguesa e Axencia de Turismo de Galicia).

Existen na actualidade dous apeadeiros que poderían servir para desenvolver unha liña específica do FEVE para o acceso ás Catedrais: o apeadeiro de Reinante, situado no concello de Barreiros a unha distancia de 2.048 m do aparcadoiro das Catedrais, e o apeadeiro de Esteiro (Ribadeo), a tan só 1.150 m do ámbito do Plan.

En coherencia co plan de acción da Reserva da biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, sobre creación e posta en marcha dunha rede de itinerarios verdes, evitarase a construción de novas vías que poidan causar efectos negativos sobre o patrimonio natural e a biodiversidade. A conexión peonil dos apeadeiros deberá aproveitar no posible os trazados dos camiños e sendas tradicionais, camiños de ferradura e corredoiras, recuperando aqueles que polas súas condicións permitan a actividade do sendeirismo, mediante métodos respectuosos co ámbito da ZEC sobre a cal se actuará e que non supoñan unha diminución na súa calidade paisaxística nin dos seus valores.

Non se considera, por tanto, a construción dun novo apeadeiro máis próximo ao monumento natural, que podería implicar efectos ambientais e paisaxísticos, así como un desembolso económico innecesario. Dentro desta medida, desenvolveranse as seguintes accións:

1º. Acceso peonil desde o apeadeiro do FEVE en Esteiro: tomaranse, como punto de partida, un sendeiro peonil desde o apeadeiro de Esteiro, para o cal resulta necesaria a colaboración entre administracións competentes. No marco do Programa de camiños naturais do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, en colaboración coa Xunta de Galicia estase a promover a creación do camiño natural Ruta do Cantábrico, que considera o acceso á ruta desde o apeadeiro de Esteiro. As actuacións previstas dentro deste proxecto inclúen unicamente a instalación de paneis de sinalización e informativa.

O actual apeadeiro sitúase na parcela catastral 27051H00200027, e ten acceso á estrada municipal mediante un acceso peonil situado entre as parcelas 27051H00200028/31/32/33/34. Cunha superficie aproximada de 25 m2, atópase nunha contorna eminentemente rural, con varias explotacións agropecuarias en funcionamento nas súas inmediacións.

A medida prevista inclúe as seguintes actuacións:

i. Sinalización: colocación de sinalización direccional para facilitar ás persoas usuarias o acceso ao monumento natural. Coordinación co Ministerio de Medio Ambiente para a integración das medidas de sinalización previstas no Programa de camiños naturais (Camiño Natural do Cantábrico).

ii. No entroncamento coa estrada provincial, instalarase un paso peonil con dispositivos de diminución da velocidade, para o cal se precisa a colaboración administrativa coa Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo.

iii. Creación de senda peonil: desde o entroncamento coa estrada provincial, crearase unha senda peonil de 1,5 m de largo, en xabre natural pola zona dereita da pista de titularidade provincial ata o camiño de terra que conecta co camiño natural do Cantábrico, cunha lonxitude aproximada de 40 m.

2º. Acceso peonil desde o apeadeiro do FEVE en Reinante: realizarase, como punto de partida, un sendeiro peonil desde o apeadeiro de Reinante, para o que se sinalizará o acceso desde o apeadeiro á beirarrúa que comunica Barreiros coa pasarela de madeira de acceso ao monumento natural.

O actual apeadeiro emprázase na parcela catastral 27005A018001790000UG e ten acceso á estrada municipal mediante unha pista. Cunha superficie aproximada de 25 m2, atópase nunha contorna eminentemente rural, con varias explotacións agropecuarias en funcionamento nas súas inmediacións.

A medida prevista inclúe as seguintes actuacións:

i. Sinalización: colocación de sinalización direccional para facilitar ás persoas usuarias o acceso ao monumento natural.

ii. No entroncamento coa estrada provincial, instalación dun paso peonil con dispositivos de diminución da velocidade que conecte a estrada municipal coa beirarrúa que comunica Barreiros coa pasarela de madeira de acceso ao monumento natural, para o cal se precisará a colaboración administrativa coa Deputación de Lugo e co Concello de Ribadeo.

3. Actuacións de xestión do uso público para a promoción dos valores naturais do monumento, a ZEC das Catedrais (ES1120005) e a súa contorna.

a) Difusión dun itinerario costeiro de Ribadeo a Santo André de Teixido: esta acción diríxese a difundir e promocionar globalmente os recursos turísticos que existen na costa da Mariña Luguesa. Trátase de poñer en valor integral un itinerario costeiro desde Ribadeo a Cedeira que permita ofrecer un elenco de recursos variados que melloren a experiencia turística das persoas visitantes e que ao mesmo tempo diminúa de algunha maneira o excesivo protagonismo que mantén hoxe a praia das Catedrais.

b) Redacción, maquetación e edición de novo material de promoción turístico específico: outra acción para desenvolver a curto prazo sería a elaboración dunha nova guía promocional, específica para divulgar a posta en marcha do plan de conservación e as novas medidas introducidas como a limitación no acceso ao areal e forma de obter a autorización para a visita, ou a obriga de permanecer nas sendas habilitadas para tal fin. Esta nova guía tamén debe servir para enriquecer a propia visita á praia das Catedrais, complementándoa e proporcionando unha ampla escolma de alternativas turísticas que redunden no beneficio de toda a área socioeconómica próxima. Neste traballo recollerase un catálogo de recursos de moi variada temática, que tentará satisfacer as distintas motivacións e expectativas dun público diverso.

c) Creación dun novo itinerario de interese xeomorfolóxico: o monumento natural da Praia das Catedrais intégrase dentro dun sector xeomorfolóxico en Galicia que presenta outros moitos puntos de interese. Nesta acción poñerase en valor toda a costa da Mariña luguesa promovendo unha serie de puntos de interese que expliquen e contextualicen toda esa xeomorfoloxía litoral.

Para iso crearase unha guía de carácter divulgativo e turístico que describa con parámetros didácticos e accesibles ao gran público unha das costas máis espectaculares da Península Ibérica.

d) Posta en marcha doutros medios de transporte turísticos: a posta en marcha de programas de visitas en vehículos colectivos pode servir de fórmula para temperar a densidade de tráfico e o número de automóbiles nas estradas e aparcadoiros limítrofes co monumento natural, principalmente nas tempadas altas. Este transporte ou paquete guiado debería poñerse en marcha contando coa colaboración privada (axencias de viaxes, guías turísticos e transportistas). O fomento do emprendemento derivado deste obxectivo pode promover novas oportunidades económicas para a zona.

4. Fomento da colaboración entre administracións para a mellora da calidade das augas superficiais na contorna da praia de Esteiro: instararanse os organismos competentes, Augas de Galicia e Concello de Ribadeo, a análise e regulación das verteduras existentes na contorna da praia de Esteiro e evitar a afección dos elementos naturais existentes. Tamén se solicitará a información relativa á xestión das augas residuais procedentes do restaurante, para analizar a idoneidade do sistema de depuración e xestión.

Deberanse identificar os focos de vertedura e propor mecanismos de erradicación e depuración de augas residuais, para garantir a calidade das augas na praia de Esteiro.

Artigo 24. Actuacións para o cumprimento do obxectivo específico 5

1. Fomentar o coñecemento e implicación social na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas de participación activa da sociedade civil en todos os niveles de aplicación do Plan.

a) Estableceranse mecanismos de difusión e información á poboación en xeral sobre os valores ambientais do monumento natural, os seus riscos e ameazas para a conservación, así como as normas de uso público establecidas no presente Plan.

Entre os mecanismos considerados cabe salientar:

1º. Creación dun programa de voluntariado ambiental para a participación activa das persoas interesadas na conservación e xestión dos valores do monumento natural e a súa conservación.

2º. Elaboración de dípticos informativos sobre os obxectivos e o programa de actuacións do Plan para a súa distribución entre a poboación local e as persoas visitantes do monumento natural.

2. Fomentar o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local:

a) Promoverase a colaboración entre administracións públicas, comunidade científica e poboación local para a realización de actividades de promoción dos valores naturais e culturais do monumento natural mediante:

1º. Actividades divulgativas con centros educativos do ámbito de influencia do plan.

2º. Reunións coas entidades públicas con competencias no ámbito do plan para fomentar a coordinación interadministrativa.

3º. Promoción de actividades de divulgación ambiental na contorna do monumento natural.

TITULO V

Seguimento e avaliación

Artigo 25. Seguimento

O seguimento do Plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais levarase a cabo mediante indicadores establecidos para cada un dos obxectivos específicos e as súas accións:

1. Obxectivo específico: avanzar no coñecemento dos valores que se queren protexer, así como dos riscos e ameazas para a conservación do ámbito.

a) Indicador: elaboración de estudos específicos para avanzar no coñecemento dos valores que se queren protexer, así como dos riscos e ameazas para a conservación do ámbito.

Cálculo do número de estudos sobre:

1º. Superficie do monumento natural en que se atopa presente o hábitat prioritario 4040* (queirogais secos atlánticos costeiros de Erica vagans).

2º. Superficie do monumento natural en que se atopa presente a especie Limonium dodartii ou outras especies de interese para a conservación

3º. Mellora do coñecemento dos efectos do ascenso do nivel do mar sobre o monumento natural, analizando os efectos do cambio climático sobre o monumento natural segundo o establecido no PNACC

2. Obxectivo específico: evitar a perda neta de biodiversidade e dos servizos ecosistémicos mediante a conservación dos hábitats e das especies de fauna e flora:

a) Indicador: seguimento, control e erradicación das especies exóticas e invasoras.

Verificación da diminución da superficie ocupada polas especies exóticas (m2).

b) Indicador: mellora do estado de conservación das matogueiras costeiras (4040*).

Verificación do número de actuacións realizadas e/ou superficie recuperada mediante labores de restauración do hábitat 4040*.

3. Obxectivo específico: acadar un uso público ordenado e compatible coa conservación dos valores que motivaron a declaración do monumento natural.

a) Indicador: reducir a presión do uso público no espazo favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña e implementando un sistema áxil de concesión de autorizacións de acceso ao monumento natural nos períodos de maior afluencia de visitas

Calcularase o número de autorizacións xestionadas diariamente e verificarase a adecuación do número máximo de visitas establecido no artigo 16 relativo ao uso público.

b) Indicador: implementación de sistemas de difusión da normativa de uso público, así como para o control e vixilancia do seu cumprimento.

Contabilizarase o número de publicacións e elementos informativos elaborados para poñer en coñecemento a normativa referente ao uso público do espazo.

4. Obxectivo específico: promover a colaboración interadministrativa na xestión para a mellora das condicións paisaxísticas, ambientais e de uso público no monumento natural, así como para a promoción do turismo sustentable no ámbito comarcal.

a) Indicador: mellora paisaxística do monumento natural.

Contabilizarase o número de elementos interpretativos substituídos ou redistribuídos para a homoxeneización e regulación da cartelaría existente no espazo natural

b) Indicador: desenvolvemento de actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e áreas de aparcamento, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular para acceder ao monumento natural.

Contabilizarase o número de accións de colaboración entre administracións para mellorar as condicións de acceso e uso público, así como de adecuación de infraestruturas, necesarias para garantir a seguridade pública e evitar o colapso dos accesos.

c) Indicador: actuacións de xestión do uso público para a promoción dos valores naturais do monumento, da ZEC das Catedrais (ES1120005) e da súa contorna.

Contabilizarase o número de actividades de promoción.

d) Indicador: fomento da colaboración entre administracións para a mellora da calidade das augas superficiais na contorna da praia de Esteiro.

Contabilizarase o número de reunións e/ou escritos na procura da colaboración interadministrativa-

5. Obxectivo específico: favorecer a sensibilización e o compromiso social na conservación dos valores ambientais do monumento natural, consonte as liñas estratéxicas definidas na Estratexia europea para a biodiversidade 2020.

a) Indicador. Fomentar o coñecemento dos valores naturais e culturais e a implicación social na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas de participación activa da sociedade civil en todos os niveles de aplicación do Plan a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

Número de actuacións de difusión e información á poboación en xeral realizadas e número de accións de colaboración coa Administración estatal, autonómica e provincial, así como coa comunidade científica e a poboación local, para favorecer o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural.

Artigo 26. Avaliación

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza avaliará, cunha periodicidade bianual, a efectividade das medidas propostas, analizando os seguintes aspectos:

a) A eficacia e eficiencia na execución das diversas accións e programas.

b) O progreso na consecución dos obxectivos ambientais propostos.

2. Cada dous anos a Dirección Xeral de Conservación da Natureza elaborará un informe de seguimento. Unha copia do informe será remitido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO II
Planos

Plano 1. Situación xeral

missing image file

Plano 2. Figuras de protección

missing image file

Plano 3. Hábitats

missing image file

Plano 4. Rotas de sendeirismo

missing image file

Plano 5. Accesos e aparcadoiros

missing image file

Plano 6. Infraestruturas

missing image file

Plano 7. Especies exóticas e invasoras

missing image file

Plano 8. Zonificación

missing image file

Plano 9. Actuacións

missing image file

ANEXO III

Capacidade de acollida do espazo

O exceso de persoas visitantes identifícase como un dos factores de maior incidencia na conservación dos espazos naturais protexidos, pois causa problemas de erosión, perturbación da fauna e destrución da vexetación, entre outros. Do mesmo xeito, pódense dar efectos drásticos a longo prazo, polo que é preciso establecer niveis de visitas e previr, mediante seguimento de indicadores, impactos non desexados.

O crecente auxe do «ecoturismo» derivou na necesidade de ordenar e manexar a afluencia aos espazos naturais protexidos, mediante procedementos de determinación da capacidade de carga turística. O establecemento da capacidade de acollida dun espazo permite valorar o número de persoas por día que pode chegar a soportar, tendo en conta as características físicas e biolóxicas do ámbito e permitindo, ao mesmo tempo, estimar a percepción das persoas visitantes en relación á obtención dun grao de satisfacción axeitado. Tórnase, por tanto, nunha potente ferramenta de xestión indispensable na toma de decisións eficaces.

Algúns autores e autoras cuestionaron a utilidade da determinación da capacidade de carga, especialmente pola dificultade que entraña a aplicación de indicadores na súa metodoloxía. Non obstante, desde a última década do pasado século ata a actualidade, retomáronse os estudos e aplicacións que incluían o concepto de capacidade de carga, ou de acollida, unido ao concepto de «desenvolvemento sustentable». Neste sentido, o traballo metodolóxico levado a cabo por Cifuentes (1992) sentou as bases para a aplicación dun procedemento fiable e práctico á realidade de países do centro e sur de América, pero tamén aplicable e extrapolable a outras áreas xeográficas.

O traballo de Gómez-Limón García, J. e García Ventura, D. (2014), cuxas liñas básicas serán as que se apliquen no presente plan, adopta a citada metodoloxía, adaptándoa ás singularidades dos diferentes parques nacionais do territorio español. Actualmente, a capacidade de acollida considérase unha ferramenta práctica para os xestores de espazos naturais protexidos que se enfrontan á necesidade de toma de decisións para planificar e compatibilizar o uso público coa protección dos recursos naturais en áreas de alto valor ecolóxico e cultural.

Metodoloxía de cálculo

Debido á singularidade da zona de estudo, realizouse unha adaptación da metodoloxía citada, tendo en conta a singularidade do monumento natural da Praia das Catedrais. Este método calcula o número de visitas por día, e neste caso son factores determinantes para establecer a capacidade de acollida a superficie da zona de praia e o condicionante das mareas.

Desde o punto de vista metodolóxico, o concepto teórico de capacidade de acollida é difícil de aplicar. Por tal motivo, subdivídese en dous compoñentes que desenvolven esta definición e facilitan a súa aplicación:

1. Capacidade de acollida física (CAF).

2. Capacidade de acollida ecolóxica (CAE) .

1. Capacidade de acollida física (CAF).

A CAF é o número de persoas que unha área determinada pode acoller segundo as súas propias características físicas (dimensións e dificultade de tránsito) e dos equipamentos de acollida vinculados a el. Para este cálculo, úsanse factores de visita (horario e tempo de visita), a superficie dispoñible e os factores sociais [necesidade de espazo por grupo de persoas].

Conforme a esta información calcúlase a CAF de acordo coa seguinte fórmula:

CAF= [S/ AG]*NV/día

Onde:

S= superficie dispoñible.

AG = área ocupada por un grupo/ visitante.

NV/día = número de veces ao día que o espazo pode ser visitado por un grupo de idénticas características.

A limitación de acceso regulado pola zonificación establecida neste documento, restrinxe o acceso público a determinadas zonas do monumento natural. Por tanto, o cálculo da superficie dispoñible resulta da suma da superficie da praia (estimouse unha media en marea baixa de 50.000 m2), dos sendeiros internos do monumento natural (2.000 m2), o restaurante (2.200 m2), o aparcadoiro (1.750 m2) e do merendeiro (1.700 m2), entendendo que o resto da superficie corresponde a zonas de tránsito restrinxido para o visitante. Por tanto;

• Superficie de praia: 50.000 m2.

• Outras superficies: 7.650 m2.

A superficie do monumento natural situada fóra do ámbito do areal considérase zona de tránsito (excepto as superficies restrinxidas polo seu interese para a conservación), polo que debe ser considerada para o cálculo da capacidade de carga do espazo, xa que as persoas visitantes poden estar indistintamente na zona superior ou inferior do espazo, dentro dos lugares habilitados.

a) Factor social

Espazo por persoa. En áreas abertas, para o criterio de ocupación pódense establecer diferentes valores segundo o nivel de ocupación do espazo:

• Intensivo: 5 m2/visitante.

• Medio: 10 m2/visitante.

• Baixo: 25 m2/visitante.

Tendo en conta este dato, realizarase unha análise da capacidade de acollida con base nestes tres niveis de ocupación, a fin de acadar un rango de valores de ocupación do espazo (intensivo, medio e baixo).

b) Factor visita

Para calcular o número de visitas por día divídese o horario de visita (que, neste caso, para a zona de praia está condicionado polo tempo en que a marea está baixa e se pode acceder á praia: ± 4 horas [Hv]) polo tempo necesario para visitar o sitio (estímase un tempo medio [Tv] de 1,5 horas para visitar a praia). No caso da zona superior, o número de horas de luz (criterio que condiciona a visita [Hv]) establécese nunha media de 12 horas, e o tempo medio de visita [Tv] estímase como 1,5 horas o tempo destinado á visita desta zona. Por tanto o tempo total medio de visita establécese en 3 horas.

Establécese como NV=Hv/Tv.

Por tanto,

• Para a praia. NV = 4 / 1,5 = 2,66

• Para a zona superior: NV = 12 / 1,5 = 8

Resultados da CAF

Conforme a información anterior, calcúlase a CAF tendo en conta os diferentes niveis de ocupación. Por tanto:

1. Criterio de ocupación intensivo:

CAFI = [(50.000/5)*2.66]+ [(7.650/5)*8] = 38.840 persoas/día

2. Criterio de ocupación medio:

CAFM = [(50.000/10)*2.66]+ [(7.650/10)*8] = 19.420 persoas/día

3. Criterio de ocupación baixo:

CAFB = [(50.000/25)*2.66]+ [(7.650/25)*8] = 7.768 persoas/día

2. Capacidade de acollida ecolóxica (CAE).

A CAE determina o número máximo de persoas por riba do cal comezan a aparecer impactos críticos e/ou irreversibles que a propia dinámica natural dos ecosistemas de acollida non é capaz de restaurar, tendo en conta aspectos como a resiliencia dos sistemas ecolóxicos afectados ou o límite de cambio aceptable (LCA).

Non obstante, os estudos e experiencias desenvolvidas en espazos naturais protexidos sobre os impactos do uso público recomendan realizar aproximacións a este concepto desde o enfoque da xestión adaptativa. As metodoloxías de avaliación de impactos e seguimento destes dependerán das características físicas e biolóxicas do territorio, polo que deberemos ter en conta a fraxilidade da zona ante os diferentes usos das persoas visitantes.

Neste caso, ao ser un monumento natural, non debemos esquecer os obxectivos de conservación marcados polo propio espazo. Polo que, neste caso, se seleccionaron as compoñentes do medio natural e indicadores máis apropiados para a tipoloxía de espazo.

Os factores de corrección obtéñense considerando variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo. Están estreitamente asociados ás condicións e características específicas de cada sitio. Isto fai que a capacidade de acollida dunha zona protexida teña que calcularse para cada área concreta. Aplicando estes factores de corrección ao cálculo da CAF, obtense a CAE por sitio e día.

Mediante este factor calcúlase o número de persoas que un lugar é capaz de soportar sen a xeración de impactos ambientais significativos.

Exprésanse en termos de porcentaxe e para calculalos utilízase unha fórmula xeral:

FC = 1-[Ml / Mt]

Onde:

FC = factor de corrección (sistema unitario)

Ml = magnitude limitante da variable

Mt = magnitude total da variable

Factores de corrección

Para o cálculo da CAE realízase unha análise de distintas variables físicas, ambientais, biolóxicas e de manexo. O obxectivo é identificar aqueles impactos críticos que poidan supor restricións totais ou parciais ao uso público, así como propor medidas correctoras naqueles casos en que os impactos sexan moderados e/ou reversibles.

Entre os factores de corrección considerados destacan os que se nomean a seguir, que poden ser cuantificados e aplicados á metodoloxía:

a) Factor de erodibilidade (FCero)

b) Factor de marea (FCmar)

c) Factor de precipitación (FCpre)

d) Factor de superficie dispoñible (FCsup)

e) Factor de vexetación (FCvex)

f) Factor de fauna (FCfau)

g) Factor de impactos derivados do comportamento das persoas visitantes (FCvis)

A avaliación dos impactos ecolóxicos reais e potenciais producidos polo actual sistema de uso público fai necesaria a toma de decisións e a regulación que se establecen neste plan de conservación. Para analizar a capacidade de acollida ecolóxica do espazo, determínanse os factores de corrección anteriores, que se analizan en detalle a seguir:

a) Factor de erodibilidade (FCero)

Trata de expresar a susceptibilidade ou o risco de erosión que pode ter un sitio. Para isto tomáronse tres variables: uso, pendente e textura do solo. Establecéronse tres graos de pendente:

– Menor ao 10 %

– Entre 10-20 %

– Maior do 20 %

Do mesmo xeito, identificáronse tres tipos de solo:

– Grava ou area

– Limo

– Arxila

Da análise in situ establecéronse as zonas con risco de erosión producido polo acceso das persoas usuarias do monumento natural.

As combinacións dos graos de pendente cos tipos de solo e a afección polo uso determinan tres niveis de risco de erosión, cualificados como: baixo, medio ou alto.

Afecciones uso actual

Pendente

Valores de ponderación

Ningún

< 10 %

Non significativo

Medio

10-20 %

1

Alto

> 20 %

1,5

Considerando o uso por parte das persoas visitantes, os sitios con pendente menor do 10 %, calquera que for o tipo de solo, non presenta risco de erosión (ou baixo) e, por tanto, son condicións pouco significativas no momento de establecer restricións de uso.

Realízase unha análise mediante sistemas de información xeográfica das zonas que presentan risco de erosión e detéctanse 1,02 ha en que o risco de erosión é medio e 0,6 ha de risco alto, o resto da superficie do monumento natural presenta un risco de erosión non significativo.

FCero = 1- (Sero/ST) = 1- (((1,02*1)/5,76)+((0,6*1,5)/5,76)))= 0,66

Onde: Sero = superficie que presenta risco medio de erosión

S= superficie dispoñible

b) Factor de marea (FCmar)

A influencia das mareas é o factor máis limitante para o acceso ao espazo e é determinante para establecer o número de horas máximo que pode durar a visita. Non obstante, como é lóxico, non se considera este factor na parte superior dos cantís, unicamente na praia.

Medida: estimación do número de horas por día en que a marea pode ser un limitante (ciclos de marea alta). Considéranse no cálculo unicamente as épocas de alta demanda de visitantes (Semana Santa e verán).

FCmar= 1- ml/mt

Onde:

ml = horas de marea limitante/día (segundo datos de Meteogalicia, a duración media entre mareas é de 6 h. Considérase unha marea e media aproveitable ao día (4 +2 h) na praia das Catedrais, por tanto, serían 8 horas non aproveitables ao día).

mt = horas dispoñibles/día (media de horas de luz durante as épocas de alta demanda. Fonte: Meteogalicia 2004-2014).

FCmar= 1- 8/14,03= 0,43

c) Factor de precipitación (FCpre)

A precipitación pode ser un factor que afecte a visita ata o punto de cancelala. Aínda así, durante as épocas de alta demanda, este factor non se considera limitante no ámbito, xa que a maioría das visitas non se tipifican como turismo de sol e praia, senón que acceden ao monumento natural das Catedrais para a observación da paisaxe e o coñecemento da súa contorna. Calcúlanse do seguinte xeito:

FCprec= 1- [dc/dt)]

Onde:

dc: días de choiva nas tempadas de alta demanda considerando os días de ≥ 4l/m2 (Meteogalicia 2004-2014).

dt: días totais de acceso ao público nas tempadas de alta demanda.

Tendo en conta os datos obtidos na estación Pedro Murias (Ribadeo), datos de Meteogalicia, 2004-2014;

FCprec= 1- [12,27/101)]= 0,87

d) Factor de superficie dispoñible (FCsup)

A superficie dispoñible é fundamental para o cálculo da capacidade de acollida, así como o horario. As medidas serán por superficie (m2) de áreas habilitadas.

FCsup= 1- sd/st

Onde:

sd: superficie non dispoñible (áreas restrinxidas ao uso público).

st: superficie total accesible.

A limitación de acceso regulado pola zonificación establecida neste documento, restrinxe o acceso público a determinadas zonas do monumento natural. Por tanto, o cálculo da superficie dispoñible resulta da suma da superficie da praia (estimouse unha media en marea baixa de 50.000 m2), dos sendeiros internos do monumento natural (2.000 m2) ), o restaurante (2.200 m2), o aparcadoiro (1.750 m2) e do merendeiro (1.700 m2), entendendo que o resto da superficie corresponde a zonas de tránsito restrinxido para as persoas visitantes. A superficie non dispoñible serían todas as áreas terrestres existentes no espazo en que o uso público está restrinxido.

Por tanto;

FCsup= 1- sd/st = 1 – (1,83/8,94) = 0,79

e) Factor de vexetación (FCvex)

A afección do uso público sobre a vexetación do monumento natural na actualidade é importante (tal e como se identifica no número 7 deste documento, identificación de presións e ameazas), aínda que coa aplicación da normativa de uso público e zonificación establecida neste plan de conservación estas afeccións deberán desaparecer.

Deste xeito, a metodoloxía de cálculo da capacidade de acollida é de aplicación para as zonas delimitadas de acceso ao público e prohíbise o acceso ás zonas en que a vexetación na actualidade pode estar afectada. Por tanto, a afección á vexetación non será relevante. Os enclaves máis importantes para a conservación e/ou máis sensibles atópanse fóra das áreas de uso público ou están delimitadas polo acceso peonil por pasarela de madeira, que evita a deambulación das persoas polas áreas de matogueiras.

f) Factor de fauna (FCfau)

A delimitación das zonas de uso público e a restrición de acceso a determinadas zonas evitan a afección á fauna existente dentro do monumento natural, polo que se considera o impacto pouco significativo.

g) Factor de impactos derivados do comportamento das persoas visitantes (FCvis)

A regulación e deseño das infraestruturas e equipamentos de uso público do monumento natural permiten, en xeral, un bo control do comportamento das persoas visitantes durante a súa visita ao espazo. Aínda que a súa dispersión e a saída fóra dos límites establecidos de uso público pode xerar impactos significativos sobre o espazo, teranse en conta as épocas en que se vai regular o acceso público (semana santa e 15 xuño-15 setembro) e debe ser un factor de ponderación dos factores de corrección. Por tanto, calcúlase do seguinte xeito:

FCvis= 1- dad/dT

Onde:

dad: días alta demanda (semana santa e do 15 de xuño ao 15 de setembro).

dT: días totais.

Polo tanto,

FCvis= 1- dad/dT = 1- (101/365) = 0,72

Táboa resumo

Os citados factores de corrección pondéranse para poder utilizalos no dimensionamento da capacidade de acollida efectiva do espazo.

Factor (%)

Valor

Factor de erodibilidade (FCero)

0,66

Factor de marea (FCmar)

0,43

Factor de precipitación (FCpre)

0,87

Factor de superficie dispoñible (FCsup)

0,79

Vexetación (FCvex)

---

Fauna (FCfau)

---

Factor de impactos derivados do comportamento das persoas visitantes (FCvis)

0,72

Para a zona de praia aplícanse todos os factores de corrección, excepto o de erodibilidade, ao considerar desprezable a erosión ocasionada polo tránsito dos visitantes sobre a superficie do areal. Do mesmo xeito, na zona superior non se considera o factor marea, xa que é visitable durante toda a xornada.

Resultados da CAE

Unha vez calculados todos os factores de corrección, a CAE pode expresarse coa seguinte fórmula xeral:

CAE = CAF * [(Fc1)* (Fc2)* (Fc3)*.... (FcN)]

CAE= [ (Spraia/ AG)*NV/día* (∑Fcx)]praia + [ (Ssuperior/ AG)*NV/día* (∑Fcx)]superior

• Criterio de ocupación intensivo:

CAEI = [26.600 *0,21] + [12.240 *0,33] = 9.625 persoas/día

• Criterio de ocupación medio:

CAEM = [13.300 *0,21] + [6.120 *0,33] = 4.812 persoas/día

• Criterio de ocupación baixo:

CAEB = [5.320 *0,21] + [2.448 *0,33] = 1.925 persoas/día

3. Valoración global da capacidade de acollida

Debido á importancia e interrelación entre as dúas compoñentes citadas anteriormente (física e ecolóxica), o valor global da capacidade de acollida vén determinado polo menor valor destas compoñentes. Non entanto, os ditos valores deberán interpretarse como valores de referencia e nunca como numerus clausus, xa que os impactos xerados polas persoas visitantes son moi variables.

Este valor global debe ser revisado en función de variables sociais, como a percepción da masificación, a calidade da visita ou a preferencia por determinados lugares. Trátase, por tanto, de avanzar na integración da sociedade na natureza, estudando e reforzando as súas relacións afectivas coa contorna.

Unha vez analizadas as dúas compoñentes da capacidade de acollida do monumento natural, e partindo de que non se esperan impactos ecolóxicos críticos que condicionen a modificación da zonificación proposta neste documento, establécese a capacidade de acollida global como a correspondente á capacidade de acollida ecolóxica (CAE), que está determinada polos condicionantes do propio espazo. Respecto aos resultados obtidos para cada nivel de ocupación, convén indicar, que debido ás características ambientais do ámbito e a súa consideración como espazo natural protexido, non resultaría axeitado adoptar un criterio de ocupación intensivo, polo que, a priori, se rexeitan os valores acadados segundo este criterio (CAE = 9.625 persoas / día).

A definición da capacidade de acollida global do monumento natural da Praia das Catedrais determinará a toma de decisións sobre as actuacións destinadas á ordenación de accesos, fomento do transporte colectivo e infraestruturas de uso público, para o cal é requisito imprescindible a coordinación entre as administracións con competencias no ámbito.

Por tanto, segundo os cálculos preliminares realizados, e en función dos factores ponderados, estímase que a capacidade de acollida global no monumento natural da Praia das Catedrais deberá ser de 4.812 persoas/día. Este valor correspóndese coa capacidade de acollida ecolóxica para un criterio de ocupación medio, ao considerar que a adopción deste límite de persoas usuarias, xunto coas medidas de uso público propostas no plan de conservación, garanten a conservación dos valores xeolóxicos e da paisaxe que motivaron a súa declaración como monumento natural e manteñen o estado favorable dos hábitats presentes no espazo sen poñer en risco o benestar socioeconómico da contorna.

ANEXO IV

Ámbito competencial

Actuación

Competencia

Obxectivo específico 1

Mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre.

DXCN1

Mellora da información relativa á presenza e abundancia da especies de flora protexida no ámbito do Plan.

DXCN

Adaptación ao cambio climático e ao ascenso do nivel do mar na costa cantábrica

DXCN/DGSCM2

Obxectivo específico 2

Seguimento, control e erradicación das especies exóticas e invasoras.

DXCN/DGSCM

• Control e erradicación de especies exóticas invasoras:

DXCN/DGSCM

• Eliminación e substitución de especies exóticas no ámbito.

DXCN/DGSCM

Mellorar o estado de conservación das matogueiras costeiras (4040*).

DXCN

Obxectivo
específico 3

Reducir a presión do uso público no espazo favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña e implementando un sistema áxil de concesión de autorizacións de acceso ao monumento natural nos períodos de maior afluencia de visitas.

DXCN

Implementación de sistemas de difusión da normativa de uso público, así como o control e a vixilancia do seu cumprimento.

DXCN/ATG3

  • Difusión das medidas de regulación de acceso e normativa de uso público

DXCN

  • Seguimento e control do cumprimento das medidas de acceso e regulación do uso público.

DXCN

  • Valoración por parte das persoas visitantes das medidas adoptadas.

DXCN/ATG

Obxectivo
específico 4

mellora paisaxística do monumento natural:

DXCN

  • Ordenación e homoxeneización dos paneis informativos de diferentes organismos.

DXCN

  • Actuacións de eliminación de noiros artificiais. Recuperación da topografía orixinal do terreo.

DXCN/DGSCM

  • Medidas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos (en cumprimento do punto 5.c do informe ambiental estratéxico).

DXCN/DGSCM/CR

Desenvolvemento de actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e áreas de aparcadoiro, a venda ambulante así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular:

DXCN/DGSCM/ CB4/CR5/DPL6

  • Ordenación de sendeiros e accesos interiores no monumento natural

DXCN/DGSCM

  • Acción coordinada para a ordenación de áreas de aparcadoiro.

DXCN (COOR)/ DGSCM/CB/CR/DPL

  • Traslado e ordenación da actividade de venda ambulante.

DXCN/CR

  • Promoción do uso das liñas do FEVE.

DXCN/ATG

Actuacións de xestión do uso público para a promoción dos valores naturais do monumento, da ZEC das Catedrais (ES1120005) e da súa contorna

DXCN/ATG

  • Difusión dun itinerario costeiro de Ribadeo a Santo André de Teixido

DXCN/ATG

  • Redacción, maquetación e edición de material de promoción turística.

DXCN/ATG

  • Creación dun novo itinerario de interese xeomorfolóxico

DXCN/ATG

Fomento da colaboración entre administracións para a mellora da calidade das augas superficiais na contorna da praia de Esteiro

AG7/CR

Obxectivo específico 5

Fomentar o coñecemento e implicación social na conservación do monumento natural mediante a promoción de campañas de participación activa da sociedade civil en todos os niveles de aplicación do Plan.

DXCN

Fomentar o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

DXCN

1 DXCN.- Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas).

2 DGSCM.- Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente).

3 ATG.- Axencia de Turismo de Galicia.

4 CB.- Concello de Barreiros.

5 CR.- Concello de Ribadeo.

6 DPL- Deputación Provincial de Lugo.

7 AG.- Augas de Galicia (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas)

ANEXO V

Prioridades de actuación

Prioridade

Actuación

Alta

Media

Baixa

Obxectivo específico 1

Mellora do coñecemento e inventario de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre.

Mellora da información relativa á presenza e abundancia da especies de flora protexida no ámbito do Plan.

Obxectivo específico 2

Adaptación ao cambio climático e ao ascenso do nivel do mar na Costa Cantábrica

Seguimento, control e erradicación das especies exóticas e invasoras.

  • Control e erradicación de especies exóticas invasoras:
  • Eliminación e substitución de especies exóticas no ámbito.

Obxectivo
específico 3

Mellorar o estado de conservación da matogueira costeira (4040*).

Reducir a presión do uso público no espazo favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña e implementando un sistema áxil de concesión de autorizacións de acceso ao monumento natural nos períodos de maior afluencia de visitas.

Implementación de sistemas de difusión da normativa de uso público, así como o control e a vixilancia do seu cumprimento.

  • Difusión das medidas de regulación de acceso e normativa de uso público
  • Seguimento e control do cumprimento das medidas de acceso e regulación do uso público.

Obxectivo

específico 4

  • Valoración por parte das persoas visitantes das medidas adoptadas.

Mellora paisaxística do monumento natural:

  • Ordenación e homoxeneización dos paneis informativos de diferentes organismos.
  • Actuacións de eliminación de noiros artificiais. Recuperación da topografía orixinal do terreo.
  • Medidas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos (en cumprimento do punto 5.c do informe ambiental estratéxico).

Desenvolvemento de actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e áreas de aparcadoiro, a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular:

  • Ordenación de sendeiros e accesos interiores no monumento natural.
  • Acción coordinada para a ordenación de áreas de aparcadoiro.
  • Traslado e ordenación da actividade de venda ambulante.
  • Promoción do uso das liñas do FEVE.

Actuacións de xestión do uso público para a promoción dos valores naturais do monumento, da ZEC das Catedrais (ES1120005) e da súa contorna

  • Difusión dun itinerario costeiro de Ribadeo a Santo André de Teixido.
  • Redacción, maquetación e edición de material de promoción turística.
  • Creación dun novo itinerario de interese xeomorfolóxico.
  • Posta en marcha doutros medios de transporte turístico.

Fomento da colaboración entre administracións para a mellora da calidade das augas superficiais na contorna da praia de Esteiro

Obxectivo específico 5

Fomentar o coñecemento e implicación social na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas de participación activa da sociedade civil en todos os niveles de aplicación do Plan.

Fomentar o coñecemento dos valores naturais e culturais do monumento natural a través da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.