Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 22 de xuño de 2015 Páx. 24915

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (473/2014).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fai saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 473/2014 deste xulgado do social, seguido por instancia de Jesús Otero Ares contra a empresa Automóviles Carlos Piñeiro, S.L., Fogasa, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza: 305/2015.

Nº autos: 473/2014.

A Coruña, 29 de maio de 2015.

Jorge Hay Alba, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña, tras ver os presentes autos sobre despedimento entre partes, dunha e como demandante, Jesús Otero Ares, que comparece representado pola letrada María Román Capelán, e doutra, como demandado, Automóviles Carlos Piñeiro, S.L., Fogasa, que non comparecen malia estaren citadas en legal forma, en nome do rei, ditou a seguinte

Sentenza.

Antecedentes de feito.

Primeiro. A parte demandante presentou demanda que por quenda correspondeu ao Xulgado do Social número 2 da Coruña, en que, tras expor os feitos e alegar os fundamentos de dereito que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza conforme o pedido.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, sinalouse a celebración do acto de xuízo, que tivo lugar na data sinalada en todas as súas fases, co resultado que consta na acta redactada para o efecto e que quedou debidamente gravado no correspondente soporte CD. Unha vez concluído o acto do xuízo, quedaron os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse as normas legais de procedemento.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante, Jesús Otero Ares, vén prestando os seus servizos para a empresa Automóviles Carlos Piñeiro, S.L. desde o día 10.5.90, coa categoría profesional de oficial de 2ª e cun salario mensual de 1.716 € con inclusión de rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. A empresa deixou de aboar os salarios dos meses de abril a decembro de 2013, xunto coas pagas extras de xullo e decembro. Deixou de aboar os salarios dos meses de xaneiro a marzo de 2014, o que suma un total de 20.592,04 €. Ademais, deixou de aboar os salarios posteriores desde abril de 2014, o que suma un total ata maio de 2015, incluídas pagas extras, de 25.266,82 €, e todo iso nas cantidades expostas no escrito de aclaración á demanda que se dá aquí por integramente reproducido en procura da brevidade.

Terceiro. O demandante presentou demanda sobre despedimento o día 5.5.14, con base na falta de ocupación efectiva (feitos 3º e 4º demanda).

Cuarto. Non consta que o demandante teña ou tivese no ano anterior a condición de representante legal ou sindical dos traballadores.

Quinto. Realizouse o acto de conciliación sobre extinción contractual ante o SMAC o día 24.4.14 sen efecto. Tivo lugar o acto de conciliación sobre despedimento o día 5.5.14 sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación de feitos foi probada en virtude da proba documental achegada polas partes, valorada no seu conxunto.

Segundo. Sentado o anterior, o demandante solicita a extinción contractual con base na falta de pagamento de salario.

No caso da extinción contractual con base na falta de pagamento de salario ou atraso continuado, a S.T.S. do 25.1.99 considera que: «Conforme a xurisprudencia desta Sala, cabe entender que unha interpretación conxunta das alíneas b) e c) do artigo 50.1 do ET exixe, para que prospere a causa resolutoria, a instancia do traballador baseada “na falta de pagamento ou atrasos continuados no aboamento do salario pactado”, que é necesaria a concorrencia do requisito de “gravidade” no incumprimento empresarial e que, para os efectos de determinar tal “gravidade”, debe valorarse exclusivamente se o atraso ou falta de pagamento é ou non grave ou transcendente en relación coa obriga de pagamento puntual do salario ex artigo 4.2.f) e 29.1 do ET, partindo dun criterio obxectivo (independente da culpabilidade da empresa), temporal (continuado e persistente no tempo) e cuantitativo (montante do debido)». Do que se deduce da proba practicada, xorde a falta de aboamento que se expón no feito probado 2º, o que é motivo suficiente para estimar a resolución contractual. Ademais, a xurisprudencia tivo en conta os feitos relativos ás demoras ou faltas de pagamentos e/ou aos aboamentos salariais acaecidos tras a data de presentación da demanda (por todas S.T.S. 25.2.13, rec. 380/2012), o que se produce tamén no caso presente.

Por tanto, aboarase a cantidade de indemnización correspondente en virtude do artigo 50.2 e 56 do ET coa aplicación da DT 5ª da Lei 3/2012 e, en virtude da acumulación da reclamación salarial ex artigo 26.3 da LRXS, a empresa deberá ser condenada a lle aboar ao demandante a cantidade de 45.858,86 €, cantidade que xerará o xuro do 10 % por mora, e sen que proceda maior cantidade ata a extinción, posto que a parte demandante non a fixou (artigo 86.4 da LRXS).

Terceiro. Respecto do despedimento acumulado, na relación de traballo os traballadores teñen dereito á ocupación efectiva (artigo 4.2.a) do ET), sendo correlativo o deber empresarial de proporcionar esa ocupación. A ocupación efectiva é un dereito do traballador enmarcado no seo da relación de traballo que o vincula co seu empresario e cuxa vulneración por si soa, ao máis que pode dar lugar é a manter o dereito a percibir o salario, se a inactividade se debe a causas non imputables a aquel (artigo 30 do ET), ou a instar a resolución do seu contrato, ao abeiro do artigo 50.1 do ET, de concorreren os requisitos necesarios para iso. Por tanto, a falta de ocupación en por si non é despedimento, se se produce en breve lapso de tempo. Só cando se pode deducir unha falta de retribución prolongada se entende que pode existir un despedimento tácito. A STSX de Galicia do 30 de setembro de 2004, en relación coa falta de ocupación efectiva por incumprimento imputable ao empresario que vulneraría o contido e infrinxiría o contido do artigo 4.2.a) do ET, –dando lugar a unha posible causa de resolución–, exixe que esa falta de ocupación efectiva sexa grave, non sendo suficiente para xustificar a extinción do contrato a existencia de breves espazos de tempo sen ocupación do traballador, ou cando tales faltas de ocupación carezan de culpabilidade no empregador por non responder a unha intención de prexudicar o traballador, e isto é o que sucede no caso presente en atención á redacción do feito 3º da demanda, posto que non se identifica con plenitude a data do suposto despedimento tácito, e non pode ter a súa virtualidade a data do requirimento o día 7.4.14 posto que, nesa data, non se acreditan circunstancias transcendentes distintas aos meses anteriores, polo que se desestima a demanda sobre despedimento resolvo:

Que, estimando a demanda sobre extinción contractual e cantidade interposta por Jesús Otero Ares contra a empresa Automóviles Carlos Piñeiro, S.L., con citación do Fogasa, debo declarar e declaro extinguida a relación laboral na data da presente resolución, condenando á demandada a que lle aboe unha indemnización de 61.427,27 €, máis 45.858,86 € por falta de aboamento salarial máis, respecto desta cantidade, o xuro do 10 % por mora.

Desestímase a demanda sobre despedimento.

Notifíquese esta resolución ás partes ás cales se lles fará saber que contra ela só cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contado a partir da notificación desta sentenza e, no propio termo, se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao anunciar o recurso, entregar xustificante acreditativo de ter consignado a cantidade obxecto de condena na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta no Banco de Santander desta cidade.

E igualmente deberá, no momento de interpor o recurso, consignar a suma de 300 euros en concepto de depósito especial para recorrer.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. Expídoa eu, secretaria xudicial, para facer constar que no día de hoxe o maxistrado xuíz deposita na secretaría deste xulgado a anterior sentenza para a súa notificación e publicidade na forma permitida e ordenada pola Constitución e polas leis. Mesma data que a sentenza. Dou fe.

E para que sirva de notificación en legal forma a Automóviles Carlos Piñeiro, S.L., en ignorado paradoiro, expido o presente edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 29 de maio de 2015

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial