Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 21 de xullo de 2015 Páx. 30229

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2015, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 15 de xullo de 2015 polo que se autoriza a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, do persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico.

O 15 de xullo de 2015, o Consello da Xunta de Galicia aprobou, por razóns de especial interese para o servizo, o acordo polo que se autoriza a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, coa actividade de profesor universitario asociado nos termos e nas condicións que nel se establecen.

En consecuencia, de acordo co disposto no ordinal segundo do acordo, resolvo proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2015

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Acordo polo que se autoriza, por razón de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de Incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, para os casos de desempeño dun segundo posto de traballo como profesor universitario asociado nalgunha das universidades públicas galegas

A Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas establece, con carácter xeral, no seu artigo 1, que o persoal comprendido no seu ámbito de aplicación non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público, salvo nos supostos previstos no articulado desta.

Un destes supostos taxados susceptibles de autorización de compatibilidade con outra actividade pública é o establecido no artigo 4.1, que se refire á actividade de profesor universitario asociado en réxime de dedicación non superior á de tempo parcial e con duración determinada.

O artigo 7.1 da Lei 53/1984 condiciona a autorización de compatibilidade de actividades públicas á comprobación de que a cantidade total percibida por ambos os dous postos ou actividades non supere a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, aínda que o mesmo precepto abre a posibilidade de autorizar, mediante acordo expreso do órgano competente das comunidades autónomas, a superación deste límite sobre a base de razóns de especial interese para o servizo.

As universidades empregan a figura de profesor asociado como un apoio necesario en diversos ámbitos profesionais para dar ao alumnado unha visión práctica dos seus estudos, grazas á elevada experiencia de empregados públicos de alto nivel, sendo de especial interese para o servizo docente universitario cubrir esas necesidades con profesores asociados, isto é, con profesionais de recoñecida competencia e gran experiencia, alleos á respectiva universidade, de conformidade coa natureza e finalidade da figura de profesor asociado.

A aplicación do límite retributivo expresado no referido artigo 7.1 da Lei 53/1984, restrinxe nalgúns casos a autorización de compatibilidade a empregados públicos desta Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, limitando a incorporación destes profesionais á docencia na universidade. Por tal motivo, mediante Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 20 de abril de 2012 autorizouse a superación dun dos límites previstos no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico. A vixencia deste acordo rematou no curso 2014/15.

Esta autorización excepcional tamén foi acordada polo Consello de Ministros do 16 de decembro de 2011 para o persoal ao servizo da Administración xeral do Estado.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, presentou, por instancia conxunta das tres universidades públicas galegas, por razóns de especial interese para o servizo público, solicitude para que se autorice novamente a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, relativo a que a cantidade total percibida por ambas as dúas actividades poida superar a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, para que, cumprindo os restantes requisitos legalmente exixidos, se poida autorizar a compatibilidade co desempeño de prazas de profesor asociado a tempo parcial e con duración determinada.

Xustifican a continuidade da concorrencia de razóns de especial interese «para a formación de calidade no Sistema universitario galego que os empregados da función pública que, nestes momentos, desenvolven e compatibilizan a súa actividade profesional coa docente universitaria a tempo parcial, poidan seguir desenvolvendo este labor que mellora claramente a formación recibida polo alumnado universitario. Tendo en conta, ademais, que este tipo de profesional é practicamente imposible de substituír por outro persoal sen que se produza unha perda de calidade na formación teórica e práctica do alumnado de moitas carreiras universitarias nos eidos de ciencias da saúde e de ciencias sociais».

De acordo co anterior, considérase acreditada a existencia de razóns de especial interese para o servizo docente universitario que xustifican a superación do límite establecido no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, en canto á superación da remuneración do director xeral prevista nos orzamentos xerais do Estado, para os efectos da Lei 53/1984.

Ao tratarse dunha autorización excepcional o acordo deber ter unha vixencia temporal que se estima desde o inicio do curso académico 2015/16 ata o remate do curso académico 2018/19.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Facenda e acollendo a solicitude da Secretaría Xeral de Universidades conxunta coas tres universidades públicas galegas, o Consello da Xunta de Galicia

ACORDA:

Primeiro

Autorizar, por razón de especial interese para o servizo, a superación do límite previsto no artigo 7.1 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, no que se refire a que a cantidade total percibida por ambos os dous postos non pode superar a remuneración prevista nos orzamentos xerais do Estado para o cargo de director xeral, para poder autorizar a compatibilidade ao persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades do sector público autonómico, coa actividade de profesor universitario asociado no réxime determinado pola Lei orgánica 6/2001, do 21 do decembro, de universidades, de dedicación non superior á de tempo parcial e con duración determinada, nalgunha das universidades públicas galegas. En todo caso, deberán cumprirse e aplicarse o resto dos requisitos e límites establecidos na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

A presente autorización terá efectos desde o inicio do curso académico 2015/16 e quedará automaticamente sen efecto na data de remate do curso académico 2018/19.

Segundo

O presente acordo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.