Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 21 de xullo de 2015 Páx. 30225

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de xullo de 2015 pola que se modifica un dos ficheiros creados na Orde do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soportes físicos, que os faga susceptibles de tratamento, así como toda modalidade de uso posterior destes datos polos sectores público e privado. A finalidade desta regulación é garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas e, especialmente, a súa honra e intimidade persoal e familiar.

No artigo 20 da dita lei disponse que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só se poderá facer por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente, establécese no seu punto segundo as indicacións concretas que deben constar nas disposicións de creación e modificación daqueles.

Para dar cumprimento a este precepto, publicouse a Orde do 2 de marzo de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia. A evolución da actividade administrativa supuxo a modificación do ficheiro detallado no anexo I, o que obriga tamén, conforme a citada Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, á modificación da Orde do 2 de marzo de 2011.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Mediante esta orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza modifícase o contido do ficheiro de datos de carácter persoal denominado Violencia de xénero, segundo se especifica no anexo I.

Artigo 2. Contido

A información exixida no artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e no artigo 54 do seu regulamento asociado, o Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta orde.

Artigo 3. Finalidade e uso do ficheiro

Os datos de carácter persoal, incluídos no ficheiro da Secretaría Xeral da Igualdade modificado por esta resolución, só serán utilizados para os fins expresamente previstos e declarados no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4. Cesión de datos

Os datos só serán cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei e nos declarados no anexo. No suposto de cesión de datos ás administracións públicas, haberá que aterse ao disposto na normativa vixente respecto a esta materia.

Artigo 5. Órgano responsable dos ficheiros

A responsabilidade sobre os ficheiros creados por esta orde correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade.

No anexo detállase a unidade ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos datos que constan nos ficheiros.

Artigo 6. Nivel de protección e medidas de seguridade

O ficheiro modificado por esta orde está clasificado atendendo ao disposto no artigo 80 e seguintes do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro. No anexo aparece a clasificación (nivel básico, medio ou alto) do ficheiro modificado baixo esta orde.

O/A titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas técnicas, de xestión e organización que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 15/1999 e nas súas normas de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Modificación de ficheiros responsabilidade da Secretaría Xeral da Igualdade

Modifícase o seguinte ficheiro:

Denominación do ficheiro

Violencia de xénero.

Descrición da súa finalidade e usos previstos

Recepción de datos relativos ás ordes de protección ditadas en Galicia co obxecto de contactar coas vítimas, informalas dos recursos sociais e económicos á súa disposición e realizar un seguimento da súa situación.

Recollida de datos para a xestión de axudas económicas para as vítimas de violencia de xénero.

Recollida de datos para a xestión de recursos e servizos de carácter social, asistencial, laboral e xudicial para as vítimas de violencia de xénero.

Colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resulten obrigados a subministralos

Mulleres vítimas da violencia de xénero.

Homes procesados ou condenados por violencia de xénero.

Familiares ou persoas dependentes da muller vítima de violencia de xénero.

Menores que se encontren ou vivisen nun contorno de violencia de xénero.

Procedemento de recollida de datos

Formularios en papel e electrónicos.

Procedencia dos datos

A propia persoa interesada ou o seu representante legal.

Outras administracións públicas.

Estrutura básica do ficheiro

Tipos de datos de carácter persoal (categorías de datos)

Datos especialmente protexidos: saúde, violencia de xénero, orixe racial ou étnica.

Datos relativos a infraccións penais e/ou administrativas.

Datos de carácter identificativo: DNI/NIF/NIE, nome e apelidos, enderezo postal e electrónico, teléfono, sinatura, pegada, nº SS/Mutualidade.

Datos de características persoais: estado civil, sexo, idade, nacionalidade, data e lugar de nacemento, etnia, persoas dependentes da muller.

Datos de circunstancias sociais: pertenza a asociacións, propiedades e posesións, características de aloxamento, vivenda.

Datos académicos e profesionais: nivel de formación, titulacións, experiencia profesional, situación laboral.

Datos económicos, financeiros e de seguros: ingresos, rendas, investimentos, bens patrimoniais, datos bancarios, datos económicos de nómina, subsidios, beneficios.

Sistema de tratamento

Mixto.

Comunicacións ou cesións de datos

Outros órganos da Comunidade Autónoma con competencia na protección e/ou atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Outros órganos da Administración do Estado con competencia na protección e/ou atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Outros órganos das administracións locais con competencia na protección e/ou atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Outros órganos da Unión Europea con competencia na protección e/ou atención ás mulleres en situación de violencia de xénero.

Órganos xudiciais.

Forzas e corpos de seguridade.

Transferencias internacionais de datos a terceiros países

Non se prevén.

Órgano responsable do ficheiro

Secretaría Xeral da Igualdade.

Servizos ou unidades ante os que poden exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición

Secretaría Xeral da Igualdade.

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Nivel do ficheiro

Alto.