Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 6 de outubro de 2015 Páx. 38979

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2015 pola que se convoca un curso sobre a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para o persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais de Galicia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2015 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, convócase un curso sobre a Lei do emprego público de Galicia dirixido ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma e das entidades locais de Galicia, que se detalla no anexo desta resolución

RESOLVO:

Publicar a convocatoria da actividade formativa que figura no anexo II, que deberá desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I
Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderán participar na acción formativa convocada nesta resolución:

1. Os empregados públicos e as empregadas públicas destinados na Administración da Comunidade Autónoma e nas entidades locais de Galicia que se encontran en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúnan os requisitos establecidos na presente convocatoria e para cada un dos casos no anexo II. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal do Servizo Galego de Saúde, sen entender por tal, os empregados públicos da escala de saúde pública e Administración sanitaria creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, os/as empregados/as públicos/as das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na liña a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas que non poidan acceder ás convocatorias de formación continua poderán acceder á actividade formativa desta convocatoria se quedan prazas vacantes.

Toda persoa solicitante que ao iniciar a actividade formativa estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

A actividade realizarase cos requirimentos, a duración e as condicións que se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web http://egap.xunta.es

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación na actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo
http://egap.xunta.es/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. As persoas interesadas en recibir mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

6. As persoas solicitantes da actividade impartida na modalidade de teleformación deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar na solicitude e dun equipo informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión á internet.

– Un navegador web co plugin de flash.

7. As persoas que necesiten acreditar circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección deberán remitirlle á EGAP a correspondente documentación complementaria, xunto cunha copia do formulario da matrícula, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico
xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). A dita documentación deberá enviarse por unha única das vías indicadas; no caso contrario só serán considerados os datos achegados por correo electrónico. A documentación deberá presentarse dentro do prazo sinalado no punto 1 desta base.

8. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 62 53, do número de fax 981 54 63 39 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

Cuarta. Presentación de documentación

Dentro do prazo de presentación de solicitudes establecido no punto 1 da base terceira, os/as empregados/as públicos/as pertencentes ás entidades locais e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na liña a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas que non poidan acceder as convocatorias de formación continua, e cuxos datos non figuren na base de datos da Dirección Xeral de Función Pública, deberán presentar na EGAP, xunto cunha copia do formulario de solicitude, ao número de fax 981 54 63 39 ou ao enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), a seguinte documentación:

– Certificado expedido polo órgano responsable de persoal de que dependa a persoa solicitante que indique a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración. A falta de presentación destes documentos acreditativos dará lugar á exclusión da persoa solicitante.

Quinta. Criterios de selección

1. Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG do 25 de marzo). Para o ano 2015, segundo a Resolución do 29 de xaneiro (DOG do 11 de febreiro), comezarase pola letra S.

2. No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso, poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Sexta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar no curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

O enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es

O número de fax 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas letras a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

b) As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

c) Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o contrasinal que lle permite entrar na aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de matrícula.

d) Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

4. Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Oitava. Realización de probas

a) Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación, que se realizará ao final delas. As probas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen no comezo de cada actividade.

b) Para poder superar a actividade de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións presenciais, se as houbese.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

Ao iniciar a actividade formativa publicarase o correspondente programa na plataforma de teleformación e indicaranse as probas de avaliación previstas, así como as datas en que estas terán lugar. Salvo que se determine outra cousa, nestas actividades as probas de avaliación finais serán presenciais nos lugares e nas datas que se establezan. A EGAP informará a través da súa páxina web e tamén a través da plataforma de teleformación das datas concretas e das horas da proba final.

Para poder aprobar a actividade formativa, o alumnado deberá superar unha proba final de avaliación.

Novena. Certificados

Para obter o certificado de aproveitamento o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, quen emitirá un informe en que declare apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba de avaliación.

En caso de non superar a proba, tampouco se facilitará certificado de asistencia.

Décima. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión da actividade formativa e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que lle afecten á súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.

5. A EGAP garantirá nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Curso. A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Código: FC15272.

Tipo: xeral.

Área formativa: coñecementos transversais.

1. Obxectivos.

Explicar ao alumnado os elementos estruturais da nova Lei do emprego público de Galicia. Valorar os cambios e a súa repercusión en relación coa normativa anterior. Estudar o impacto desta lei sobre a modernización da Administración pública e o recoñecemento dos empregados públicos.

2. Destinatarios.

O persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional e persoal ao servizo das administracións locais de Galicia.

3. Desenvolvemento.

Edicións: 1.

Duración: 20 horas.

Modalidade: teleformación.

Datas: do 28 de outubro ao 16 de novembro de 2015.

Proba de avaliación presencial: o 20 de novembro ás 13.00 horas.

Prazas: 50.

4. Contido.

(I) O obxectivo da Lei 2/2015. Os principios reitores, ámbito de aplicación e órganos administrativos competentes en materia de persoal.

(II) O servizo do emprego público.

(III) Os dereitos, as situacións administrativas e o réxime disciplinario dos empregados públicos.

(IV) Comparativa coa normativa anterior. Modificacións relevantes. O impacto sobre a modernización da Administración e os seus empregados.

5. Valoración.

Para os efectos do establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG nº 52, do 16 de marzo de 2010), e corrección no DOG nº 77, do 22 de abril, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ao presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,30 puntos.