Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Martes, 6 de outubro de 2015 Páx. 38972

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2015 pola que se convoca o curso sobre a capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e de acordo co convenio de colaboración asinado o 2 de xaneiro de 2015 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación, convócase un curso sobre a capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que se vai desenvolver de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

O curso pretende capacitar o persoal que opte a postos de inspección de servizos sociais ou que lle preste apoio á inspección de servizos sociais nos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación e nas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións.

Segunda. Persoal a quen vai dirixido

Persoal funcionario dos grupos A1, A2 e C1 e persoal laboral dos grupos I e II, preferentemente con titulación universitaria (licenciatura ou grao correspondente) en Dereito, Psicoloxía, Pedagoxía, Psicopedagoxía, Educación Social, Relacións Laborais, Traballo Social, Ciencias Políticas ou Socioloxía, que estea ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, se encontre en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento, excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria. Está exceptuado o persoal docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o persoal do Servizo Galego de Saúde, e non se entende por tal os empregados públicos da escala de saúde pública e Administración sanitaria, creada pola Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda persoa solicitante que ao iniciar o curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Terceira. Criterios de selección

Para a selección aplicaranse os seguintes criterios:

1º Persoal que desempeñe ou desempeñase funcións na Subdirección Xeral de Inspección e Autorización de Servizos Sociais da Consellería de Traballo e Benestar.

2º Persoal funcionario coas titulacións universitarias establecidas como preferentes.

3º Resto do persoal funcionario.

4º Persoal laboral coas titulacións universitarias establecidas como preferentes, na base segunda.

5º Resto do persoal laboral.

Estes criterios aplicaranse de acordo coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG do 18 de decembro) e co Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012).

Cuarta. Desenvolvemento

1. Duración: 120 horas (45 horas lectivas presenciais e 75 horas en liña).

2. Datas: do 29 de outubro ao 3 de decembro de 2015.

3. Horario: as clases presenciais terán lugar entre o 29 de outubro e o 27 de novembro, en horario de mañá e tarde, segundo figura no programa publicado na aula virtual do curso.

Realizarase unha proba final presencial o día 3 de decembro.

4. Prazas: 40.

Quinta. Contido

– Os servizos sociais. Antecedentes e evolución. Regulación. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Sistemas de garantías do Sistema galego de servizos sociais.

– Rexistro e autorizacións. Especial incidencia da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado. Normativa técnica relacionada.

– A inspección. Funcións e procedementos de actuación. Ámbitos de actuación.

– As actas de inspección. Protección dos dereitos. Procedemento sancionador.

– Servizos comunitarios.

– Inclusión e igualdade.

– Menores.

– Infancia e familia.

– Maiores e discapacidade.

– O Sistema de atención á dependencia e promoción da autonomía.

– Calidade. A acreditación. Xestión de centros e programas de servizos sociais.

Sexta. Solicitudes e prazos

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP: http://egap.xunta.es/matricula, e non serán admisibles outras formas de solicitude. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet: http://egap.xunta.es/matricula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Recoméndase facilitar unha conta de correo electrónico e un número de teléfono móbil para enviar mensaxes aos seleccionados.

b) A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes darán lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, remitiranlle á EGAP unha copia do formulario de matrícula e a dita documentación por fax ao número: 981 54 63 39 ou por correo electrónico ao enderezo: xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A dita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a letra e) desta base.

e) O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

f) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización.

g) As dúbidas, dificultades técnicas e solicitudes de información serán atendidas pola EGAP a través do número de teléfono: 981 54 62 57/981 54 62 46, o número de fax: 981 54 63 39 ou o enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Sétima. Publicación das relacións do persoal seleccionado

a) A EGAP publicará na súa páxina web: http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a publicación.

Ademais, quen facilite os seus datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación de persoas seleccionadas ou na lista de espera foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ben ocupan un posto máis afastado na lista de espera, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará na súa páxina web:

http://egap.xunta.es a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Oitava. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e puntualidade

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe serlle comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días hábiles anteriores ao inicio da actividade formativa, mediante o modelo de renuncia publicado na súa páxina web. Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), calquera das seguintes vías:

– O enderezo de correo electrónico: xestion.egap@xunta.es.

– O número de fax: 981 54 63 39.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade e seguimento das actividades:

a) É obrigatoria a asistencia ás sesións da actividade formativa e mais a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade, incluídos controis extraordinarios.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

As persoas que non completen o 75 % das actividades e tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Novena. Realización de probas

a) Para poder superar as actividades de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final delas, tanto na modalidade de teleformación como nos cursos que se impartan de xeito presencial. As probas poderanse desenvolver de xeito descentralizado nas sedes que se determinen no comezo de cada actividade.

b) Para poder superar as actividades de teleformación é necesario cumprir unha serie de requisitos obrigatorios na súa totalidade:

– A asistencia ás sesións presenciais, se as houbese.

– A adecuada realización de todas as actividades que o titor propoña. Estas deben constar debidamente presentadas nos prazos estipulados na programación didáctica do curso. A non superación das actividades obrigatorias suporá a perda automática do dereito a participar no exame final presencial.

Décima. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe, en que declarará apto ou non apto cada alumno/a en función do resultado da proba.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da Escola.

5. A EGAP garantirá nas actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2015

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública