Para os efectos previstos nos artigos 73 e 104 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, nos artigos 78 e 96 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e nos artigos 18 da Lei de expropiación forzosa e 17 do seu regulamento, sométese ao trámite de información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista denominada «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 para subministración de gas natural a Viveiro (Lugo)», que promove a empresa Gas Galicia SDG, S.A. e que está declarada de utilidade pública polo artigo 103 da citada Lei 34/1998.
• Peticionaria.
Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).
• Antecedentes.
O 21.9.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Viveiro (Lugo), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (31.10.2011) e no Boletín Oficial da provincia (9.11.2011). Segundo consta neste proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) situada no parque empresarial de Landrove, e desde a cal parte a rede de distribución cara aos núcleos urbanos de Covas, Viveiro e porto de Celeiro.
O 18.11.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Viveiro, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. Segundo consta neste proxecto de execución, a rede acada unha lonxitude de 23.633 m.
O 14.3.2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución da planta satélite de GNL para subministración ao termo municipal de Viveiro. Segundo consta neste proxecto de execución, a dita planta, cunha capacidade xeométrica de 59,97 m3, sitúase na parcela V-40 do parque empresarial de Landrove.
• Obxecto da petición.
O 10.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista, cuxo proxecto leva por título «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)».
O 26.6.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa (DOG nº 133, do 16.7.2015), para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP). Durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron solicitudes en concorrencia coa dita solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., por tanto, o trámite de competencia quedou resolto a favor desta empresa.
Con esta infraestrutura gasista, a subministración de gas natural á rede de distribución do termo municipal de Viveiro, inicialmente proxectada desde unha planta satélite de GNL, pasará a realizarse desde o gasoduto de transporte básico da Mariña lucense.
A autorización de instalacións que se solicita comportará, de acordo co que establecen os artigos 103 e 105 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, os beneficios da declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación urxente para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos afectados, necesarios para o establecemento destas instalacións e da imposición e o exercicio da servidume de paso e doutras limitacións de dominio.
• Descrición das instalacións.
O proxecto titulado «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)» recolle a instalación dunha antena de aproximación e dunha estación de regulación e medida (ERM) para a subministración de gas natural á rede de distribución de Viveiro.
As instalacións de gas obxecto deste proxecto resúmense nun total de 1.425 m de tubaxe de polietileno e aceiro de diferentes diámetros e o seu alcance resúmese nos seguintes puntos:
– Execución dunha antena de aproximación en 10 bar, desde a posición de conexión á rede de transporte (ERP 09 - Viveiro do gasoduto de transporte básico da Mariña lucense), ata a ERM que se vai instalar.
– Instalación dunha ERM MOP 10/4 bar Q 2500 D, que se instalará no Camiño do Cemiterio-Casanova, e que conectará coa rede de distribución de Viveiro.
– Instalación de válvulas de corte para a regulación e control do fluxo de gas no interior da antena e a rede de distribución.
• Termo municipal afectado.
A solicitude afecta o termo municipal de Viveiro, na provincia de Lugo.
• Orzamento.
O orzamento das instalacións ascende á cantidade de noventa e un mil cincocentos sesenta e sete euros con doce céntimos (91.567,12 €).
• Afección a predios particulares.
A afección a predios particulares derivada da execución do proxecto titulado «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)» concrétase na seguinte forma:
1. Expropiación forzosa en pleno dominio dos terreos sobre os cales se construirán as instalacións fixas en superficie.
2. Para as canalizacións:
a) Imposición de servidume permanente de paso de gas ao longo do trazado da condución, cunha largura de tres (3) metros, un e medio (1,5) a cada lado do eixe, por onde discorrerá soterrada a tubaxe e cable de comunicación e telemando que se requiran para a condución do gas. Esta servidume que se establece estará suxeita ás seguintes limitacións de dominio:
– Prohibición de efectuar traballos de arada, cava ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos de tronco alto.
– Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construción, edificación, movemento de terras ou efectuar algún acto que rebaixe a cota do terreo ou poida danar ou perturbar o bo funcionamento das instalacións.
– Libre acceso do persoal e equipamentos necesarios para a vixilancia e para manter, reparar ou renovar as instalacións, co pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.
– Posibilidade de instalar os fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como de realizar as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para isto.
b) Contigua á zona de servidume permanente antes detallada existe unha zona de seguranza, definida na norma UNE 60.305.83 (que se adopta para as canalizacións de polietileno, de desenvolvemento posterior, por requiriren a mesma protección que as tubaxes de aceiro), que se estende ata cinco (5) metros a cada lado do eixe da canalización, na cal a execución de escavacións ou obras pode representar un cambio nas condicións de seguranza da canalización e na cal non se dan as limitacións anteriores nin se prohiben as obras incluídas como prohibidas na zona de servidume de paso, sempre que se informe previamente o titular da instalación para a adopción das accións oportunas que eviten os riscos potenciais para a canalización.
c) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, na franxa que se reflicte para cada parcela nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer temporalmente todo obstáculo e realizaranse os traballos ou operacións necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos.
O que se fai público para coñecemento xeral e especialmente dos propietarios de terreos e demais titulares afectados polo proxecto titulado «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)», na relación que se insire como anexo a esta resolución, para que poidan examinalo na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, ou na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria, rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo, e presentar nos ditos centros as alegacións que consideren oportunas no prazo de 20 días a partir do seguinte á publicación deste anuncio. Os planos parcelarios poderán ser igualmente consultados no Concello de Viveiro.
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2015
Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas
ANEXO
Relación de predios afectados polo proxecto de «antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)»
Abreviaturas utilizadas: SE-expropiación en pleno dominio; SP-servidume permanente de paso; OT-ocupación temporal; POL-polígono; PAR-parcela; LU-Lugo; VI-Viveiro.
Termo municipal: Viveiro (Lugo).
Nº de predio |
Titular e enderezo |
Afección |
Catastro |
Lugar |
Natureza |
|||
SE (m2) |
SP (m2) |
OT (m2) |
POL |
PAR |
||||
LU-VI-45 |
Herdeiros de Antonio González Posada Lg. Celeiro, Cangas, 3 27863 Viveiro (Lugo) |
0,00 |
0,00 |
148,00 |
5 |
432 |
Pedragosa |
Prado |
LU-VI-46 |
Herdeiros de Samuel Labayén Canoura Castro Camiños, 5 27863 Viveiro (Lugo) |
8,00 |
0,00 |
17,00 |
4173824 |
PJ1347S |
CR Ribadeo - Torre 160 |
Prado |